Páxina principal
  Que é a AELG?
  Como asociarse?
  Actividades
  Informacións varias
  Ligazóns
  Contacto

 

 

 

 
 

A Asociación de Escritores en Língua Galega

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) é a entidade oficial que reúne a máis de 230 autores de literatura galega en todas as súas manifestacións (poesía, narrativa, teatro, ensaio).

Foi fundada no ano 1980 por algúns dos personaxes máis sobranceiros da nosa literatura, e dela foron renomeados membros Álvaro Cunqueiro, Rafael Dieste, Ánxel Fole, Ricardo Carballo Calero ou Antón Avilés de Taramancos, entre outros. É órgano instituido pola Academia Sueca con competencia oficial para presentar candidatura aos Premios Nobel, e forma parte do European Writers' Congress.

A AELG agrupa a autores residente tanto en Galiza como fóra dela. O único requisito de afiliación é a condición de contar cando menos cun libro individual publicado en lingua galega.

A súa financiación depende da aportación de cotas dos seus socios, ademais de contar co apoio fundamental da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e do Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO).

A Asociación traballa en prol da dignificación do oficio de escritor/a, da promoción dos autores e as súas obras, do fomento da interconexión e intercambio entre eles, da interrelación con outros profesionais, tanto doutras áreas canto doutras literaturas, proporcionando foros para o debate de ideas cunha perspectiva monográfica mais tamén transversal. Trátase de velar polas inquedanzas e intereses dos autores/as en lingua galega, poñéndoos en conexión coa sociedade e reclamando a atención das institucións e medios de comunicación sobre eles e as súas necesidades.


A AELG celebra unha serie de citas anuais que fan parte xa da súa tradición: a homenaxe múltiple "O escritor na súa terra". adicada á traxectoria dun autor ou autora das nosas letras, na que se pranta unha árbore, se erixe unha pedra escultórica e se lle adica unha rúa ou praza na súa terra natal; impulsa, asemade, o Premio AELG, á mellor obra literaria do ano, e organiza outros moitos congresos, xornadas e actos, ou colabora en iniciativas afíns. Fai parte, xunto coa Asociación de Escritores en Euskera e a Asociacións de Escritores en Lingua Catalá, da posta en marcha do GALEUSCA, un encontro bianual de escritores que é organizado de xeito rotativo polas tres asociacións promotoras.

Na actualidade, a AELG conta cun local propio na cidade da Coruña, e cunha páxina web. Está presidida polo dramaturgo compostelán Euloxio Ruibal, a Secretaría Xeral está ocupada por Carlos Negro e a Vicepresidencia por Carlos L. Bernárdez, actuando como vocais da directiva Marica Campo, Rafa Villar, Marta Dacosta, Rosa Aneiros, Enrique Rabuñal e Cesáreo Sánchez.

 
Páxina principal | Como asociarse? | Actividades | Informacións varias
Ligazóns | Contacto