anterior

índice

seguinte

CALMA DE 6 A 8

...NA XERFA esvara o Sol
tras dos ausentes oleaxes
...As velas frouxas
...póstumo rompeolas dos chuvascos
...cosen os farrapos con fíos de sol morno

......Unha gavota ventrílocua
peteirando no urro inmorredoiro
que os afogados deixaron aboiando

...O solpor fecharase
dentro do máis intuato disco
......As nosas pipas atentas
......acobadadas ao lecer
......Un intre o vapor intruso
coseu de présa a relinga do horizonte

...Alén do mundo
está o castelo de proa
...Hai un mariñeiro vello
que vén de volta de tódolos naufraxos
...E trai o fío das aventuras
...........................-non se sabe o remate-
que as dársenas estantías
viron evadirse a bordo das bric-barcas
..................-O capitán Pardeiro
..................non afogou
.................."Perdeuse" canda o bergantín-

...Axustouse a xordina
...largacía coma unha nosa ollada
...a buguina do Mar
...Tremela na mareta levián
un remorso ou pesadelo
...O navío
.........as mans trincadas
...vai borrando cos pés o ronsel

...Xa non virá o vento
porque a noite fechou tódalas portas
........................-esa luz desvelada
........................na fenestra da Lúa-
...Ao bater a hora imprevista do relevo
coseu as adoas soltas
do toque das Trindades
...O ceu foise abuado e friorento

...Todo finou
..................Oh miragre!
......As mesmas estrelas
...aínda están
...aínda están alí.

 

CALMA DE 6 A 8

14º poema do libro. Despois das intencións, o barco, a travesía, a contemplación, a soidade, o afogado, a garda, o peirao, o bar, a balada, o cartafol do vento, a canción, a estrela, vén agora o momento de calma.

Longo poema, dos máis longos, como longa e aburrida é a calma no mar aberto. Comeza aínda con sol, vén o solpor e tamén a noite. O navío (trasunto do poeta) está atado, parado porque non hai vento e desfaise do seu pasado. Tamén aquí aparece a idea de morte, do suicidio, do naufraxio existencial.

...NA XERFA esvara o Sol xerfa: superficie escumosa do mar próxima á costa, orixinada polo bater das ondas
tras das ausentes ondas oleaxe é un castelanismo
...As velas frouxas non hai vento, que inche as velas, hai calma, quietude
...póstumo rompeondas dos chuvascos póstumo: publicado despois da morte; rompeolas (castelán): quebra-mar, o muro que protexe o porto das fortes ondas
...cosen os farrapos con fíos de sol morno na queitude cosen os trapos vellos cos raios de sol; outra imaxe para coser
Ambiente diúrno (sol), quietude, calma despois da tormenta. Imaxes atrevidas.

...Unha gaivota ventrílocua ventrilocuo: que sabe falar se mover a boca; gaivota
peteirando no urro inmorredoiro cravando o peteiro, o bico no berro inmortal
que os afogados deixaron aboiando que os afogados deixaron flotando
Identificando elementos sen relación lóxica chégase a unha imaxe visionaria, rompedora: a gaivota pon o peteiro no berro inmortal dos afogados

...O solpor fecharase chega a posta de sol
dentro do máis intacto disco recolle a luz
......As nosas pipas atentas de novo o fumar en pipa no tempo de descanso
......acobadadas ao lecer personificación: as pipas asomadas
......Un intre o vapor intruso vapor: barco a vapor; por iso é inesperado e se move de présa polo horixonte
coseu de présa a relinga do horizonte de novo a imaxe de coser, cando o barco se move; relinga: corda en que van colocadas as cortizas e chumbos na rede de pesca

Outro barco pasa rápido polo horizonte

...Alén do mundo alén: máis alá
está o castelo de proa castelo de proa: parte alta da cuberta superior do barco
...Hai un mariñeiro vello
que vén de volta de tódolos naufraxios
...E trae o fío das aventuras
...........................-non se sabe o remate-
que as dársenas estantías dársena (castelán): peirao; a terra; estantías: estáticas
viron evadirse a bordo das bric-barcas bric-barca: bergantín que ademais dos dous mastros leva un pequeno na popa
..................-O capitán Pardeiro nome propio descoñecido, dos escasos do poemario
..................non afogou
.................."Perdeuse" canda o bergantín- bergantín: veleiro de dous mastros con velas cuadrangulares
O naufraxio, a morte

...Axustouse a sordina sordina: dispositivo para diminuír a sonoridade dun insturmento musical
...largacía coma unha nosa ollada largacía: extensa
...a buguina do Mar buguina: aparello para sinais acústicos
...Tremela na mareta levián tremela: treme; mareta: movemento das ondas máis violento que a marusía; levián: leve
un remorso ou pesadelo
...O navío
.........as mans trincadas trincadas: amarradas con cabos como as velas coa trinca; personificación do barco
...vai borrando cos pés o ronsel ronsel: a pegada que vai deixando o barco no mar
Vaise desfacendo do seu pasado

...Xa non virá o vento calma, non hai vento
porque a noite fechou tódalas portas ambiente xa de todo nocturno
........................-esa luz desvelada desvelada: esperta, que non consegue durmir
........................na fiestra da Lúa-
...Ao bater a hora imprevista do relevo o toque inesperado da campá do cambio de garda
coseu as doas soltas de novo a imaxe de coser, agora as badaladas soltas da campá
do toque das Trindades toque das Trindades: tres veces ao día –seis dla mañá, mediodía, seis da tarde–, para rezar o Angelus e lembra o misterio da Encarnación
...O ceo foise abuado e friorento abuado: pálido, sen cores

...Todo finou
..................Oh miragre!
......As mesmas estrelas repetición en todo o libro da palabra mesmo: queitude
...aínda están
...aínda están alí.
Anáfora para reforzar a idea de estatismo
Todo segue exactamente igual que ao principio, é como se fose un soño.

Se queres ver o poema en éuskaro, abre aquí

Trazos da poética máis tradicional:
-Restos de rima: chuvascos-boiando.
-Suxeito poético nós: as nosas pipas.

Trazos máis vangardistas:
-As imaxes: gaivota ventrilocua.
-Ausencia de puntuación.
-Ausencia de ritmo.
-Léxico culto: ventrilocuo, sordina. Léxico mariñeiro: xerfa, relinga, castelo de proa, bric-barca.
-A disposición gráfica: non afogou.
-Introdución de incisos: entre guións.
-
Diálogo prosaico.

Contribúe co teu comentario ou suxestión