O ademán políglota das bandeiras
X.L. Méndez Ferrín

Recibín unha carta na que alguén me recrimina por cousas que dixen eiquí na semana pasada. "Ningún verdadeiro vigués lle chama ás Avenidas co nome de Montero Ríos" -dime o meu crítico, quen, por parte, tamén é amigo. E engade: "O que tanto citas de Manuel Antonio ("o ademán políglota das bandeiras") non é digno da ideoloxía anarquista do autor, que debería estar en contra de toda clase de bandeiras descontando a negra".
Teño que lle decer ao contradictor, persoa ben amábel, que por unha parte ten razón e que pola outra está desinformado. É certo que en Vigo á Avenida de Montero Ríos nunca lle chamamos así, senón As Avenidas. Pro espero que se me disimule a miña falla de enxebrismo dado que eu non son un "verdadeiro" vigués senón un vigués natural da cidade de Ourense (non coñezo moitas persoas, aínda que pareza mentira, que se encontren no meu caso).
Polo restante, direi que atribuirlle a Manuel Antonio a condición de anarquista é cousa corrente pero sen fundamento. O grande poeta da vangarda galega manifestouse sempre a favor da existencia do Poder e á creación dun novo Estado co nome de República Galega.
Penso que cando escribía no poema "Navy Bar" o famoso verso que di "tatexan as paipas co ademán políglota das bandeiras" Manuel Antonio estaba a pensar no código de sinais marítimas con brazos e bandeiras que poden compoñer, letra a letra, mensaxes en todas as linguas alfabetizadas do mundo. Tamén pensaría en bandeiras e bandeirolas que no universo marítimo son signos compostos dun só significante e un só significado. A mi sempre me produciu alegría (supoño que manueltantoniana) ver os barcos adornados con todos so seus gallardetes, bandeirolas, grímpolas e cousas así en ocasións de festa en que, por acumulación e neutralización do contexto, eses signos perden o seus significado propio para nos transmitir un outro, coral , que é o de "ledicia a bordo".
Identificado o Navy Bar como o antigo Commerce Bar/Bar Comercio de Castelar esquina coas Avenidas (agora póñoo ben), supoño que unha cristaleira que aínda existe no edificio de enfrente podería ter sido motivo incitador para Manuel Antonio crear a imaxe de que tratamos. Na casa consignataria Bonifacio Logares vese un grande vidro pintado cos nomes e as bandeiras de diversas compañías de navegación, supoño que hoxe todas ou case todas desaparecidas ou non presentes no porto de Vigo: Sicula Oceanica, Fratelli Grimaldi S.A., America President Lines, Keller Line, Home Lines, Compagnia Genovese di Armamento e a mítica United Fruit Co. que tanto famosa se fixo como axente imperialista nas Banana Republics de Centroamérica. Manuel Antonio, un fogonazo creacionista, relacionou este cosmopolitismo náutico co fumegar das paipas dos que no Bar Comercio de onda a de Logares rosmaban polo baixo "le chant de l´ équipage". Digamos, tristemente, que as bandeiras dos armadores que antano representaba a casa Logares están hoxe case borradas en canto que as palabras de Manuel Antonio vivirán sempre na memoria dos galegos ceibes.

Faro de Vigo, 14-03-08