TRASAR DE CARBALLO, lugar do concello de Carballedo, no sur da provincia de Lugo
A bica o que a fai pícaa (o que fai a bica na cociña será quen lle faga os buratos)
A cabra co vicio dá co corno no cu (coidado que se pode estragar algo)
A cara é o reflexo do corazón (na cara reflíctense os sentimentos)
A carne carne cría, e o pescado auga fría (a carne alimenta, o peixe non)
A carne en calceta que a coma o que a meta (o que fai os embutidos é o que mellor sabe como están para os comer)
A carne no sal un mes e no fume tres (para curar ben)
A cartos vai a vaca, o que non a ten non a papa (inda que haxa pouco, algo é algo)
A casa nunca andivo a pidir (sempre houbo que comer)
A confianza mata o galego (non se pode un confiar na xente)
A corda sempre creba polo máis delgado
(o máis débil leva as de perder)
A falta de pan cómese bica (se non hai centeo, comerase o pan de millo feito na lareira)
Á galiña e á vaca polo bico se cata (se se lle dá ben de comer produce)
A gata co apuro trouxo os fillos cegos (co moito apuro pódense estragar as cousas)
A letra con sangue entra (para aprender hai que esforzarse e mesmo levalas)
A lingua ten o seu curral (hai que falar con xeito)
A mera de San Xoán leva o viño e non deixa o pan (a choiva miúda, néboa mesta de xuño prexudicial para os campos)
Á muller e á mula, cada día súa tunda (única forma de educalas)
A muller e a sardiña pola máis pequeniña, mentres a grande se baixa a pequena varre a cociña (eloxio das mulleres miúdas)
A muller que non come canda o home, ou xa o comeu ou aínda o come (ela non ha quedar sen comer)
A muller viúva, ata as silvas se prenden nela (todo é contra ela)
A pataca e a muller, ao primeiro mercader (ao primeiro que a pague, que dea algo por ela)
A perdiz, que entre o cheiro pola nariz (hai que deixala uns días ata dar cheiro, está máis rica)
A porca de maio ou no principio ou no cabo, e han parar os bois quince días antes ou despois (en maio ten que haber 15 días de mal tempo)
A porca de maio vale máis no principio ca no cabo (a chuvia fai máis nos primeiros de maio)
Á porta do rezador non poñas o trigo ó sol e do que non reza nada, nin trigo nin cebada
(non te fíes do que reza moito e menos do que non reza nada)
A raíz do toxo verde é moi mala de arrincar e os amores primeiros son malos de olvidar (cantiga sobre a lembranza dos primeiros amores)
A roupa lavada polo sol agarda (non ten présa)
A sombra a da peña, e o abrigo o da leña (son os mellores)
A xente quere pingar antes de asar (obter beneficios antes de tempo ou sen traballos)
Acongrear a alguén (facer para que non poida vender legalmente o seu)
Adiós dise aos mortos e aos que teñen os pés tortos (frase feita, para dicir cando conveña)
Agosto nublado, nabo furado (peste nos nabos)
Aínda a sogra levanta ben a tapa da artesa (van casar dous e aínda a sogra é nova)
Aínda andaba de refaixo (no tempo en que os nenos andaban aínda de refaixo)
Alarga os pés máis cá manta (fai máis do que pode pagar)
Anda algo trousado (estalle saíndo dunha enfermidade)
Anda ás dúas mans coma a vaca do pobre (as vacas estaban acostumadas a andaren xunguidas pola deireito ou pola esquerda... as dos pobres... polas dúas)
Anda ca cabeza polo aire (pensando noutra cousa)
Anda coma un farrapeiro (mal vestido, remendado coma os que mercaban farrapos)
Anda con pés de plomo (amodiño)
Anda da outra maneira (a muller que está embarazada)
Anda darredor coma can do señor (dando voltas)
Anda na punta do pé (moi presumido/a)
Anda tino con tino (con coidado)
Anda todo encarrafuzado (moi porco, cheo de merda)
Andan os ladrós atrás dos que rouban (todos son da mesma condición)
Aníñase en calquera lado (a muller que ten amores con calquera home)
Ano de herba, ano de merda (ano de moita herba, ano de ruíns colleitas porque choveu moito e houbo pouco sol)
Anque botes e rebotes garavanzos nunha criba, anque botes e rebotes, a miña ha de quedar por riba (anaco dun desafío)
Antes de beber faille a cama primeiro (comer algo para que non sente mal a bebida)
Ao caer as follas é cando se ven os niños (ao pasar o tempo é cando se vai vendo a verdade)
Ao home desafortunado párelle a muller e a burra no mes de maio (mal mes, logo vén o verán e a escaseza da natureza)
Ao lado da roca nada lle toca, ao lado do fuso es escuso (a roca non dá, mais se te pos ao lado do fuso molestas porque hai que estirar o brazo para traballar)
Ao que lle doe o dente, que o leve a dentuza (o que necesita algo é quen se ten que mover)
Ao que porcos lle faltan, á porta lle roncan (sempre lle parece que andan cerca, por aí)
Ao que porcos lle faltan, róncanlle as silveiras (se os perde sempre lle parece que andan cerca, por aí)
Ao que serve a señores non lle faltan dolores (sempre terá problemas que traballo no servizo de outro)
Ao rico mórrenlle os fillos e ao pobre os porcos (o moito valor dos porcos na economía do pobre)
Aos cinco faime un circo que aos seis eu meterei (referido a meses, facíaselles ós meniños un circo de roupa para que se mantivesen sentados)
Arrímase moito ó trasfugueiro (é moi frío, ten moito frío)
As aves de bico non poñen ó home rico (producen pouco)
As cousa claras e o chocolate espeso (hai que ser claro)
As mozas de..-o nome do lugar- todas presas nun cordón, pasa o cura polo medio e estas burras donde son (xa nin o cura coñecen, así como van)
Ás nove déitate home, ás dez muller se a tes, e se te deitas canda o home para ben pouco muller es (ela ha de quedar traballando máis tempo antes de se deitar)
As perdas non son ganancias (dise cando hai unha perda, unha desgraza na casa)
As pernas do criado non cansan (o amo manda e manda e non cansa, quen traballa é o criado)
Ás veces teñen oídos as silveiras (andar con xeito que pode oír calquera)
Ás veces un porco ruín topa unha castaña boa (alguén que non o merece ten sorte)
Auga que non é de beber, déixaa correr (se unha moza/mozo non che fai caso, déixaa/o ir)
Benia a mai que te pariu e o pai que te fixo ( facerlle a benia a un pequeno era dicirlle esta frase cando se atopaba, era para dicirlle que era guapo e simpático)
Boa roca fía o que a seu fillo cría (ben fai se atende o fillo, aínda que desatenda a roca ou outros labores)
Boca pechada non colle mosquitos (mellor estar calados que meter a zoca)
Bos ollos te vexan (a 1ª vez que se ve un pequeno)
Bótalle un can ao rastro (algo que xa pasou e se perdeu)
Búscaa que traia o dote na mao
(busca a muller traballadora e non rica)
Buscarlle os pés ó gato (procurar saber algo, buscar as raíces)
Cabra coxa non quere sesta, se lla dan mal lle presta (se se quere facer algo, ha de ser axiña, logo de descansar xa custa máis)
Cada cousa é pró que é e o zapato pró pé (cada cousa para o que se fixo)
Cada santo chégalle o seu día (está para tempo longo)
Cambiarás de muiñeiro e non de ladrón (vas seguir no mesmo)
Cando a galiña canta coma o capón, matala que trae mala sorte
Cando a silva bota a flor, pon a canada ao sol (porque non hai leite nesa época, sobra a canada de munxir)
Cando as formigas pisen forte e os carballos dean uvas, han ser bos homes os das barbas rubias (dito humorístico sobre os homes loiros)
Cando canta a cobra en marzo, neve en maio
Cando canta o galo a medio día, néboa pró outro día (porque os galos cantan de mañanciña)
Cando falaba a auga: quérome ver cos que non saben nadar, que os outros xa son meus (todos han caer)
Cando o neto ao avó lle desquita a comida, non lle fai mal que lle alarga a vida (nos tempos de fame o meniño colle da comida do avó; como na velleza se debe estar delgado para ter boa saúde, non lle fai mal)
Cando o vello incha a sepultura rincha (vello de pronto gordo, sinal de morte próxima)
Canta como flauta (moi ben)
Canta coma un carro vello (canta mal)
Cántalle á túa tía para que che día
(faille festas e darache algo)
Cantan os capós en Ferreira: fame no millo; contéstanlles os de Pantón: sempre cha acordo (porque os dous sitios están cerca)
Canto máis amigos, as contas máis claras (non podemos fiar dos amigos nos negocios)
Casamento e mortaxa, do ceu baixa (é cousa de Deus)
Chámalle antes que che chame (adiántate en insultar)
Chamoulle as de San Quintín
(reñeron e díxolle de todo do peor)
Cheira coma un ovo podre (moi mal)
Cheiras coma unha bubela (esta ave fai o niño con merda de xente, de aí o cheiro)
Co roubado ninguén medra (o que se rouba pouco axuda)
Cocemos catro pas e sete debemos (dise de alguén que debe máis ca ten)
Colleu garampallos (trapalladas)
Come coma un sabañón (moito)
Comer calado como os curas (é de boa educación)
Compra barato e compra diario, e se compras caro levas comprado (é mellor comprar algo bo e facelo unha vez, que algo mao moitas)
Con pan e viño ándase camiño (xa chega para ir tirando)
Cóntaas tan grandes coma rodas de muíños (mentiras esaxeradas)
Contra blancura non hai fermosura (o branco é a cor máis bonita)
Corta o pan en tarougos (córtao moi gordo para botalo ao leite, caldo...)
Cosía algo para fóra (a muller amiga dos homes)
Costureira sen dedal cose pouco e apreta mal (sen dedal non se pode coser ben)
Coruxa papou! (xa non ten remedio)
Da noita prá mañá o carneiro perde a la (hai que aproveitar o que se ten en cada momento ou se non se procura algo pódese perder axiña)
Da panza sale a danza (despois de comer ben si que se pode bailar e farrear)
Da que me caguen pouco importa que me limpen (o mal xa está feito, non hai remedio)
Dálle aire á saia! (apura, axiña!)
Dálle unhas fregas a repelo (fáiselle a un enfermo para melloralo, tamén se di de broma)
Danlle por onde lle doi (acertáronlle ben)
Dar punto (coller vacacións)
Das flores a máis fea é a do viño (ao se acabar o viño na pipa, saen as flores brancas)
De burro a baixo non hai máis pra onde ir (nada hai peor que a ignorancia)
De caste lle vén ao can pra non ser coelleiro (dise do home mullereiro)
De marco a marco non hai arco (a estrema vai recta)
De muiñeiro a ladrón solo vai un escalón (pola mala fama dos muiñeiros en roubar na maquía)
De paos fanse achas (dunha cousa sae outra)
De pequeno rei, de mozo galán, de casado burro, e de vello can (as etapas da vida das persoas)
De tres porcos seis touciños, doce patas, tres fuciños, seis orellas e tres rabos, trinta ancos ben contados (dito para aprender a sumar)
Debíalle unha deuda ó demo e veuna pagar eiquí (que mala sorte, a onde veu dar)
Defeuto é roer a roupa (cando algo non é ningún defecto)
Desconfiarás e acertarás (hai que ser desconfiado)
Deus dá o frío segundo é a manta (vai repartindo os males segundo as necesidades)
Di a coruxa: "anda de día que la noche es mía" (O día e a noite)
Din as campás de Xeral: quen ten, val (Xeral - Ourense: vales o que tes)
Din que somos tres, eu digo que somos cinco, eu hei de ser o mellorante no tercio e no quinto (é o que di o perito ao facer as partillas xa que el si vai cobrar ben)
Diñerio e santidde, metade por metade (sen pasarse con ningún)
Dios che día paciencia e no cu ocurrencia (saber botar un peido a tempo cando hai algo importante)
Dios lle día o que lle cómpre (o que lle gusta)
Dios nos día moito e nos conforme con pouco (díselle a alguén que come moito)
Dixo o demo que non estaba ben (cando se fai algo e algo lle falta)
Do San Antonio ao San Xoán once días van (celébranse o 13 e o 24 de xuño)
Do San Xoán aoó San Pedro bota conta polo dedo (5 días, do 24 ao 29 de xuño)
Dous é un e un é ningún (se se teñen 2 fillos e morre un, inda queda un; pero se só se ten un e morre non queda ningún)
Duras coma nabos (aplícase ás mazás moi duras)
É bo mozo, ten a cabeza por riba do pescozo (dito humorístico)
É bravo coma un teixo (é moi bravo)
É coma folla de olmo (a folla ten dúas caras: a persoa informal, con dúas caras)
É coma un bandallón (trapalleiro)
É coma un toxo bravo (persoa de carácter serio, moi bravo)
É como a rapina (todo o colle)
É delgado coma unha espadela (moi fraco como espadela do liño)
É filla de mai / de pai (herda as maneiras dela/del)
É fino coma a la de gato (moi fino)
É máis vello que andar a pé (algo moi antigo)
É malo coma a esternina (moi malo)
É moi farrista (amigo das festas, divertido)
É moi guicho (moi fino, agudo)
É moi mazada (moi descansada)
É moi taludo (mao de entrar, maniático e de ideas fixas)
É pequeno coma un cágado (moi pequeno)
É tan feo coma os meus pecados (moi feo)
É tan grande coma un día sen pan (inmenso)
É un baila na criba (non ten formalidade)
É un carrafuzas (mullereiro)
É un chapón (é un boca aberta escoitando o que se di)
É un falsario (non é de fiar)
É un gulumión (non sabe conterse na comida, come demasiado do que lle gusta)
É un noveleiro (mentireiro, xorde cousas)
É unha mestra de cu colorado (as mestras que facían substitucións sen teren carreira)
Ela come as castañas, a eles dálles os picos (ela come o bon, para os outros o ruín)
Empezar con zocos e acabar con zapatos
(ir mellorando de situación aos poucos e sobre seguro)
En boa hora vaia dito (nunca tal me pasou)
Entra pola porta grande (directo, sen rodeos)
Entra se podes á casa, míralle ben os cornellos, para ben pouco muller é se non varre máis cós medios (a muller da súa casa debe varrer tamén os recantos e sitios ocultos)
Entre marzo e abril ou o cuco ou a fin (ou vén o cuco ou se acaba o mundo)
Entre santo e santa, parede de calicanta (hai que separar mozos e mozas, que a ocasión...)
Enxamea moito (dá moitas voltas)
Es mala coma a peste (moi mala)
Es un rabo/cu aberto (díselle ao que non pecha as portas)
Está acedo coma o rabo dun can (unha comida moi aceda, sobre todo para o caldo de nabizas)
Está arrancado (non vai para arriba, arruínase)
Está ben aleitoado (ben coidado, lustroso)
Está como ha de ir (namorado, para casar)
Está no cerno (moi duro e forte ou moi maniático e de ideas fixas)
Está tras da retorta (ben pechado, alguén ten a chave e non a deixa)
Está un pouco tenente
(oe pouco)
Estar de torradas (as mulleres, ao pariren, merendaban torradas: estar a punto de parida)
Estás cego como unha tiopa (non ves nada)
Este mundo é unha trampa e eu de trampas vivo, se se acaban as trampas, queda o mundo perdido (dito humorístico)
Esto cheira a torrado (creo que non vai saír ben)
Estoupou coma unha castaña (rebentou)
Eu en carnes de can¡ (aplícase a alguén que obriga a traballar demasiado aos demais, que é malo para a familia, que non é aconsellable)
Facer as rollas (quitarlle as cueiras aos calzóns para facer rollas de se limpar)
Facía moitas sabas de tomento (de mala calidade, tomento: ´o mao que se lle saca ao liño´)
Fai ben e non mires a quen (hai que facer o ben)
Fai mal e vélate (se obras mal, ten coidado)
Fai o que o cura diga, non o que o cura faga (porque o cura predica ben, as obras son outra cousa)
Fai trampas, trampón, que para ti che son (apañarás as consecuencias)
Faille bon bico (ponlle as cosas fáciles)
Febreiriño curto cos seus 28, se duraras dous máis non deixarías cornas ó carneiro nin orellas ó pegureiro (en febreiro vai moito frío)
Febreiro quente leva o diaño no ventre (cómpre que faga frío)
Ferve como pote de papas (rapaz con moita alegría no corpo)
Fía delgado (é delgado, fraco)
Fíate en Dios e non corras (pouco importa correr se non te fías en Deus)
Fillos criados, pesares dobrados (os fillos xa criados dan dobre traballo)
Fillos, tantos coma ollos (aplicado ás persoas, dous)
Foi en pelo coma as bestas en Monterroso (non leva nada ao casamento)
Fúmalle as tripas a un can (fuma moito)
Fun á casa do veciño e avergonceime, volvín á miña e arregleime (o veciño non me emprestou algo e logo arranxeime eu na casa)
Goberna mentres tes que (logo non haberá)
Gústalle augallar (botarlle auga ó leite, viño, caldo...)
Ha de ir coma os meus zocos (parece que nunca vai suceder)
Ha de levar tanto como cabe na meniña dos ollos (coida levar moito na herdanza, pero pouco ha levar)
Hache chegar a terra por riba dos ollos (ao morrer hache chegar a terra)
Hai que lle poñer un corcho no cu
(bota moitos aires)
Hai que pedir a quen ten (quen non ten non dá)
Hai quen di o que sabe e non sabe o que di (fala moito pero sen tino)
Hai quen nace de pé coma o gato (con moita sorte)
Hai xente que perde ata a faca (perde as cousas facilmente)
Heite apuntar na libreta (díselle a alguén para pedir un favor, inda que logo se esqueza devolverllo)
Home casado muller é (o home casado xa non é home... fai de muller, manda ela)
Home pequeno en hasta pon (ten o sexo grande)
Home pequeno, fol de veneno (ten mal xenio)
Inda non perdeu os fumes (aínda pensa que é o que xa non é)
Ir e vir chámase carrear (as cousas vanse facendo aos poucos)
Iso son contos podres (unha cousa que xa se sabe de vello e cha venden como nova)
Labrador pescador e cazador, arañas no fumeiro e fame no comedor (oficios de xente que traballa pouco e non hai na casa deste labrador que comer)
Labradores novos, mal polas silveiras (non fan os arredores, deixan as silvas)
Lebres arriba, coellos abaixo, mulleres prás festas e prás romerías (dito popular)
Leite con viño fai do vello un mociño (transforma o vello en novo)
Leite mazado, peido no rabo (provoca "ventos")
Leva o inferno en vida (ten moitos traballiños)
Lonxe da vista, lonxe do corazón (o que marcha, pronto esquece o de antes)
Máis vale dar ca pedir (mellor non depender de ter que pedir emprestado)
Mal arransallado, morte no cabo (doenza da que non se dá saído acabará mal)
Mal de mulleres e coxea de cas, nunca caso lles farás (o vicio de se queixaren as mulleres)
Malia o ben que polo trono vén (porque acostuma facer outros males a treboada)
Mama polas tetas de diante (está ben alimentado, coma o porco que mama polas tetas dianteiras)
Mama por unha teta seca (non lle dan nada, nada consegue)
Manda chover na Habana! (vello dito de admiración)
Mar revolta, sorte prós pescadores (co mar bravo pescan máis)
Martes día dos amantes
(día propio para visitar os amores)
Marzo iguarzo (tan grande é o día coma a noite)
Marzo ventoso e abril chuvioso (mellor moito vento en marzo e choiva en abril)
Maos que non dades, que esperades (quen non traballa non recolle)
Medra coma sebo na vela (non medra nada)
Menos dá un toxo (hai que proveitar todo)
Mentres non hai morte non hai mala sorte (menos a morte, todo se arranxa)
Mentras un é zafra non é martelo (mentres un está debaixo doutro non manda el, logo cando el estea por enriba xa mandará)
Mercar sen ter, vender sen querer (o que fai unha compra sen ter con que, vende do del sen querer)
Miña nai, miña naiciña, coma ela non hai ningunha, arréglame a camisa coas mangas dentro da súa (o amor da nai)
Moitas veces vai a ola á fonte e dunha rompe (cando se repite moito algo perigoso, acaba por pasar o que non debía)
Moito te matas por ver Madrid (cando se esgotan todas as posibilidades para conseguir ver algo)
Morde e non ladra (non avisa e fai o dano)
Morreu por falta de sustento (morreu con falta de)
Muller con bigote escusa dote (non vai casar)
Muller morta sete á porta (o viúvo axiña atopa muller)
Muller sularmeira, puta ou meiga
Na cadea e na sepultura todos temos unha herdanza
(en calquera momento podemos ir)
Na casa do carpinteiro sentarse no chao e na do ferreiro coitelo de pao (facemos para fóra e non na propia casa, que a temos abandonada)
Nariz nacha, boa muchacha
Neno de teta é como pan de porreta (tenro, que aparenta, engana)
Nin de risas nin de veras, non xogues co pai ás peras (non se lle debe perder o respecto ao pai, non xogar con el)
Nin que fora fillo dun cura (non se lle sabe do pai)
No mes de abril cear sen candil (son os días longos)
No mes de abril vai a vella onde quere ir (o día é grande, sempre chegará aínda que vaia despacio)
No mes de xaneiro sube ao outeiro, se ves verdegar bota chorar, se ves negrear bota a cantar (en xaneiro debe xear e estar todo seco)
No tempo e na morte non hai fundanza (non hai firmeza)
Non asenta cabeza (non ten paradura)
Non dá sarna a gato (non podes esperar del nada)
Non deixes o seguro polo dubidoso (amarrarse ao seguro)
Non fai falta preguntar de quen é (seméllase á familia)
Non fai onza de ben (non fai favores, non axuda aos demais)
Non garda a mexa (non garda segredos)
Non hai casamento pobre nin enterro rico (ao casar ninguén é pobre, ao morrer é o contrario)
Non hai mel sen aguillóns (rosas sen espiñas)
Non hai pan sen afán (hai que traballalo)
Non hai sábado sen sol (cando un sábado chove moito, dise a frase)
Non lle aprenderon a cartilla da boa crianza (é un maleducado)
Non lle partas a mexa (non o cortes no traballo)
Non lle quedou a lingua presa ao cu da mai (ten moita lingua, fala demasiado)
Non sae da borralla (non mellora nada na vida)
Non se allanan (non se arreglan nun preito)
Non se fai cousa de noite que non se saiba de día (todo se acaba sabendo)
Non te alabes ata que acabes (ata rematar o traballo non se sabe como quedará)
Non te cases cun viúvo por moitos cartos que teña, porque sempre che dirá "mullerciña a primeira"
Non te cases por facenda que son bes sin fortuna, cásate con boa xente a mala sempre dura
Non todos van á misa por rezar (algúns van roubar, nos santuarios...)
Non van comer xuntos a arroba de sal (aplícase a unha parella que comezan a convivir e se prevé que durará pouco)
Non ves un burro a tres pasos (non ves nada)
Nunca pidas a quen pediu nin nunca sirvas a quen serviu (son os peores, xa non lembran cando estaban mal)
O boi na súa corte de seu se delambe (ben está, onde mellor se está é no dun)
O bon pagador é dono da bolsa alllea (préstanlle porque paga ben)
O borracho di o que ten no papo (non garda segredos)
O can ladrador nunca foi o máis mordedor (o que moito fala e ameaza pouco fai logo)
O casado casa quere (cada parella debe ter a súa vivenda, non vivir con outros)
O chocolate do amigo, mal cocido e ben batido (así é o bo chocolate)
O cortizo das malas abellas mide as súas polas alleas (cando un obra mal, considera que os demais tamén o fixeron)
O cura onde canta, alí xanta (como os curas, na casa onde se traballa deben dar a comida)
O de marras (cando dous están falando dun asunto coñecido por eles, danlle ese nome para que un terceiro -un rapaz- non saiba de que se trata)
O demo que as fai deixa o rabo fóra (sempre se acaba coñecendo algunha trampa ou falcatrúa)
O dito, dito (xa queda dito)
O froito raro no eido e basto na arca (sementalo raro para que dea boa colleita)
O galego se tivera o acordo como o trasacordo, non había quen o fastidiara (se tiveramos tan boa a memoria como o desconfiar, mellor nos iría)
O gardar sempre foi ben (o aforrar é bo)
O gato escaldado á auga fría ten medo (o que pasou por unha mala situación sempre ten medo a que se repita, desconfía sempre)
O hábito non fai o monxe (non chega coas maneiras, co exterior...)
O home e o oso, canto máis feo máis fermoso (o home non ten porque ser guapo)
O home onde nace, o boi onde pace (as persoas sempre tiramos para a terra natal)
O martes non te cases nin te embarques nin a túa ceba mates (o martes é mal día)
O mexarrán de Oleiros (o viño de Oleiros (Carballedo) é frouxo, con poucos graos)
O mundo durará mil, non miles (no mil acabarase)
O ollo do gato mira por catro (ve todo)
O pai de escaravello e o fillo de espello (dicíase para que non estudasen os fillos; que logo os pais ao se veren no espello filial, óllanse máis baixos a fozaren na terra)
O pao de pino, se rompe rompino (rompe fácil e pouco se perde)
O paxaro habilideiro fai o niño no xaneiro (o paxaro listo e previsor)
O pichón cando empeza a voar é cando lle hai que cortar as alas (non se pode deixar que alguén colla o mando pronto, logo é tarde xa para o evitar, sobre todo aplicado aos cativos)
O que becerros non vende e vacas non ten, a ver donde lle vén (ou rouba ou...)
O que becerros non vende e vacas non ten, dalgures lle vén (o mesmo)
O que cedo adenta, cedo aparenta (quen bota dentes cedo, cedo se fará mozo)
O que co vello queira acabar, que lle dea vacas a gardar (porque é un mal traballo, que acaba coa xente)
O que con auga se cura pouco dura (é mal remedio)
O que con rapaces se deita, mexado se levanta (as trasnadas son propias do rapaces, non pode un fiarse de...)
O que contas non bota, contas non lle salen (hai que ser precavido e mirar o que se ten)
O que di o que entende e non entende o que di (non sabe do que fala)
O que escoita, de si oe (de todos nós falan)
O que garda sempre ten (hai que aforrar)
O que ha de levar xa o ten alá (non vai levar máis da casa)
O que lonxe vai casar, ou chata leva ou vai buscar (mal visto o casar lonxe, ou se esconde algún defecto ou se pode levar un calote)
O que lle desea mal ó veciño, vénlle a súa polo camiño (pronto lle pasará a el)
O que lle teña medo ao trono, que se meta debaixo da cama da sogra, que esa non hai raio que a parta (humorístico)
O que mal empeza mal acaba
O que merca sen ter, vende sen querer
(ten que vender)
O que moito apreta pouco agarra
(non se pode abusar...)
O que non quere unha taza de caldo darlle tres (cando alguén non quere algo, darlle máis do mesmo)
Ó que non ten chámanlle ninguén (o valor das posesións)
O que non ten cruz ten cruceiro (ten traballos na vida)
O que o pille ten que madrugar, que cedo levántase el
(moi agudo, fino, esperto)
O que o seu cede en vida, que colla o fol e pida
(se se cede aos descendentes en vida, quedarase sen nada)
O que pon o lume ao pé das estopas, vén o demo e sópralles (non se poñer nos perigos, evitalos)
O que queira do porco o entrecostre que o faga no mes de agosto (hai que lle dar ben de comer ao porco no mes de agosto para que críe uns adentros farturentos logo à hora da matanza)
O que se ha cocer é mellor asalo (se se ha de facer, facelo axiña)
O que se usa non se escusa
(o que se necesita hai que telo na casa)
O que ten fillos na muller allea, perde fillo e feitura
(o fillo quedará coa nai)
O que ten fillos que non bote por ela (que non bote unha soberbia, sempre lle pode pasar a el o que a outro lle pasou cos seus)
O que ten padriño bautízase (o valor das recomendacións)
O que ten rabo non se senta (porque llo pisan)
O que teña apuro que vaia andando
O que un pendango queira ver, que lle dea unha luz a acender
(había moita xente que non tiña habilidade para acender a luz do gas)
O que vai á voda, que leve que coma (ha de levar un regalo)
O que vai adiante sempre leva vantaxe
O que xoga e perde, paga e cala
O qué, co ollo do cu que non ve
(resposta para alguén curioso, que pregunta moito)
O rei onde non está non parece
(por moitas voltas que se lle dea, se non hai non parece)
O río cando roxe, sinal que auga leva (cando se escoita falar de algo é porque algo hai)
O saber non ocupa lugar (o grande valor dos coñecementos)
O sol de marzo queima a dama no palacio
(non é san)
O temperao nunca lle pediu nada ao serodio
(mellor sementar antes ca despois de tempo)
O temperao ou en palla ou en grao (o sementado cedo cargará en algún dos dous)
O teu segredo non llo contes ao amigo hoxe, o amigo é mañá testigo (ese mesmo amigo pode no futuro testemuñar contra ti)
O tolo pola pena é cordo
(se se castiga, faise cordo)
O traballo dos rapaces é pouco, o que o perde é un louco (aínda que os rapaces non fan moito, non se deben desaproveitar)
O vello onde non sabe usma
(inventa, xorde)
Onde hai galo non canta galiña
(onde hai home non manda muller)
Onde non te chaman, que che quererán?
(mellor non ir onde non nos chaman)
Os bens do sacristán por onde veñen van (veñen do que xunta no seu traballo e desprézaos, non os valora )
Os cans grandes non se morden uns aos outros
(os ricos axúdanse entre si para fastidiar ao pequeno)
Os lobos tiran ao monte (a xente mala obra mal)
Os rapaces son fillos de Deus e testigos do demo (canto oen, canto din, non gardan segredos)
Ovella que berra, bocado que perde
(o que fala non traballa)
Págallas a pel
(o corpo)
Pais porcos, fillos marraos (todo se herda)
Pan con pan, comida de bobos
(ha de ter compango a comida)
Pan de millo, pan de Dios, dun pedazo fanse dous (esfaragulla moito, por iso hai que amasalo mesturado con centeo para que bregue. Bregar: poñerse duro sen esfaragullar)
Pan sen grasa, pan sen tasa
(porque non mantén)
Pano ruín non ten man dos mendos (non vale nada)
Papas e casamento en quente (canto antes mellor)
Para aprender a capar hai que cortar moitos collós (a importancia da experiencia)
Para baixo todos os santos axudan
(non é esforzo andar cara abaixo)
Para botar o millo ten que quecer o cu na pedra (debe quecer o tempo)
Para cobrar todo o mundo anda agudo
(cobrar non é esforzo)
Para na ponte dos burros (ten que parar no mesmo sitio ca todos, non pode el seguir adiante)
Para o aforrador nunca faltou un desprezador (sempre hai alguén que lle gaste todo ó aforrador)
Para o pan espendoar ten que o cabalo tremar
(ten que estar o tempo frío)
Para o pan graiar ten que o cabalo tremar
(ir frío)
Para o pillar hai que se delcalzar
(é moi fino, moi agudo)
Para onde vas muller ben casada? para onde non teñas sogra nin cuñada
(o mellor é vivir en casa propia sen as mulleres da familia do marido)
Paragüeiro e caldeireiro, canto máis burro máis parrandeiro
(homorístico sobre estes oficios)
Páranche ben as cabras (afaste ben nun sitio)
Parece que lle botaron ben sal cando o bautizaron
(é moi pándego, divertido)
Parece que mira/remira contra o goberno (mira atravesado)
Parece que morreu un escribano
(dise cando vai moito aire, máis vento do normal)
Parece que ten a tiriz
(alguén con mala cor, amarelo como se tivese esa enfermidade -ictericia-)
Parece que vai con misa (con moita présa, como se fose dicir a misa)
Parece un can galgo (persoa alta, que anda de aquí para alí)
Pareces un pito cairo
(moi mollado, pito cairo: o sen plumas)
Pásalle coma o rato condo lle vai a donicela enriba
(o que manda é xefe, vaille enriba)
Pecado encuberto é medio perdoado (así non é tan pecado)
Pedir é de homes, dar é de mulleres (aplicado ás relacións sexuais)
Pensa que o birimbao é gaita
(pensa que é así, mais é outra cousa)
Perde a caneca (cáelle algo que trae na man)
Perde máis ca gana (negocio ruín)
Pés na cama e brazos na estribeira
(onde se poñen cando se mancan os pés e brazos)
Pésalle a faltriqueira
(ten moitos cartos)
Pesca os gaios vivos (moi fino, agudo)
Peso levantado é medio levado
(se lle erguen a un o feixe xa é medio traballo feito)
Pica coma un toxo
(pica moito)
Pica fino
(anda a pasos moi pequenos)
Pinta o San Lourenzo (enfádase moito)
Pode andar coa cara destapada
(nunca fixo mal, pode ir a calquera sitio)
Polo San Brais tanto ten que chores coma que deixes de chorar, a metade do inverno está sen pasar (aínda falta moito mal tempo o 3 de febreiro)
Polos rapaces e polos cans sempre empezan os paos (son os que levan sempre as culpas)
Por a merda comemos o pan
(o esterco bótase á terra para dar pan)
Por tras chámanlle ao rei cournudo (poden dicir o que queiran por detrás)
Primeiro pídelle un bico e despois un abrazo e despois o que tes debaixo do refaixo
(referido ás relacións amorosas)
Prós curas e próscas nunca faltan boas mañás (para os curas sempre hai algún morto, para os cans algunha carniza)
Que me miren por tras, que por diante mírome eu
(dise cando murmuran de un)
Que non dure máis a mala veciña que dura a neve na febreiriña
(dura pouco neste tempo a neve)
Que non lle mexen torto (non o enganen)
Que non teñas que botar as mans á cabeza
(mira ben o que fas)
Quedou descalzo
(sen nada, pobre)
Queixo sen ollos e pan con ollos (son os mellores)
Quen ben empeza ben acaba (hai que facer as cousas ben desde o inicio)
Quen é o meu herdeiro? O que me limpa o traseiro (aquel que me coide herdará)
Quen fai rocas logo morre (xa non pode traballar forte noutras cousas)
Quen mallou, mallou (cando xorden dificultades nun traballo, o que xa o ten feito di esta frase)
Retrato fino e barato (dito popular: que se lle ve o cu)
Rézalle a Santa Apolonia para que non che doa dente nin moa
Rompe coma a merda (moi fácil)
Rompe pouco a roupa nos cóbados (estuda pouco)
Rubio para Oseira, vellos á raxeira
(tempo firme, Oseira está cara ó oeste en Trasar)
Sabe ben a cartilla (sabe o que fai)
Sabe coma resolio
(o viño que sabe ben)
Sabe onde o manca o zapato (que é o que lle doi, o que o apura)
Salta coma un castrón
(moito)
Se neste mundo queres gozar, tes que oír, ver e calar (importancia da discreción)
Se non lle fora ela había de comer en cunca de pao coma o gato
(é moi nugallán, se non fora ela pasaría fame)
Se non pagas en copas tes que pagar en bastos
(dun xeito ou doutro has de pagar, como nos paos da baralla)
Se queres baixar, dálle moito ao zapato e pouco ao prato (o mellor remedio para adelgazar)
Se queres o criado ben mandando, ponlle a taza do caldo e mándao ao recado (así voltará pronto para comer)
Se queres que o carro cante, móllalle o eixe no río, despois, co eixe mollado, canta coma un asubío (o carro cantará mellor)
Se se lava o gato venta hóspede (virá xente á casa)
Se se ve no canto del, mexa por unha perna e caga pola outra (fai cousas que outros non lles darían xeito)
Se se ve nos seus pantalóns (o que faría el)
Se soñas con dentes, morte nos parentes (morrerá un parente)
Se tes o pano e as liñas podes coser cando queiras (estar preparado)
Se vas quedar para amparo de miotos (se vas quedar sen morrer, miotos´bichos´)
Seica che nacen os dentes (cando fas algo mal, atolado)
Seica tes as cataratas (cando queres ver algo e non o ves)
Sente a calor como unha vaca vella (senten moito a calor)
Sobe coma un gato (agatuña ben)
Sobe polas paredes arriba (moi áxil e lixeiro)
Somos de Albán, que canto teñen ó lombo tran (Albán: preto de Ourense)
Somos de Chouzán onde non hai viño nin pan e no tempo das cireixas dámo-las queixas (parroquia na ribeira do Miño)
Son eles algo fatiño (son eles pouco espabilados)
Son os mesmos cans, pero con distintos collares (non nos enganan)
Tamén ten que pasar polo cribo (ser coma os demais)
Tan longo foi o día coma a romaría (acabou)
Tapa masa tapa, mentres o zarralleiro non pasa (o cerralleiro tapaba os buracos con masa e axiña se destapaban)
Treme coma vara verde (ten frío -a vara verde non ten consistencia, abala co aire-)
Ten a cabeza quente (está borracho)
Ten a cama coma un cubil
(persoa porca)
Ten a lingua moi sucia, hai que lavarlla con sal e vinagre
(di moitas palabrotas)
Ten a risa falsa
Ten a súa pasada
(cando morre alguén: todos temos que morrer, todos temos a nosa hora)
Ten as mans moi suaves
(home moi mullereiro)
Ten as orellas grandes coma un burro (burlesco)
Ten as uñas longas
(raspuñeiro, que colle o que non é seu)
Ten bo verlo (ten bo dote. Verlo: la da ovella ao rapar)
Ten boa colada (persoa a quen a cousa lle serve para todo, sexa para ben ou para mal)
Ten bon cu prós azoutes (un bon cu)
Ten cara de can (moi mal xenio, tamén aplicado ao día con cara ruín)
Ten cara de ferreiro
(de enfado, mal xenio)
Ten cinestro
(ten manía por)
Ten dentes de rato
(os dentes pequenos e raros)
Ten duás caras coma os de Buciños (xente falsaria, Buciños é parroquia de Carballedo)
Ten lingua de vívora
(ferinte)
Ten máis que dicir o que caga a cama que o que a limpou (moitas veces o culpábel sempre ten máis que dicir que o que sofre as consecuencias)
Ten mans de prata (moi xeitosa, que sabe facer)
Ten narices de can
(cheira moi ben)
Ten o cascabel no cu
(está moi serodio)
Ten o corazón negro coma a noite
(está moi disgustado)
Ten o cu preso á casca do ovo
(aínda está moi serodio)
Ten o estómago cosido coma as costureiras
(as costureiras comían pouco)
Ten o ril quente
(vai frío e anda en manga curta)
Ten o teo
(non sae da doenza ou teima que non sabe o que é - teo: doenza das ovellas que non se sabía ben o que era-)
Ten oído de porco
(oe moi ben)
Ten ollos de gorrión
(pequenos)
Ten pel de sapo (persoa con pel asarabullada, de galiña)
Ten refuego
(grans polo corpo, logo dunha enfermidade)
Ten sete folgos como os gatos (sete vidas)
Ten un cu coma un cesto
(moito cu)
Ten un peito coma un lobo
(persoa dura)
Ten unha boca coma unha alparagata
(moi grande)
Ten unha lingua ben raspada
(atrévese a dicir calquera cousa)
Téñoa coma meniña do ollo (moi delicada)
Terceiro con quinto, casamento limpo (polos graos de parentesco, non fai falla dispensa)
Tintín por tintín
(ben aclarado e explicado con detalle)
Tira para tras (ten moi mal olor)
Tirarlle polo rabo á pega (durmir)
Tivo callentura (febre)
Todo se di das mulleres, dos homes non se di nada, son borrachos, mullereiros, todo é unha trapallada
Todos queren meter a súa con día
(cada un quere arreglar a súa vida antes e mellor cá dos outros)
Trae o pelo á gremensa (dicíase antes pola permanente)
Un ano e un pan logo se van
Un día de sol no febreiro come por cantos cabalos hai no reino (todo se reseca)
Un ovo sin sal sete anos fai mal
Un xantar no entroido, unha cama en agosto
(dáselle a calquera, non empeza nin custa moito)
Unha vella de bagos xuntou cen canados
(dise na vendima para animar a xente a que apañe os bagos caídos no chan)
Unha vella e un candil son dous demonios en casa, a vella roña que roña e o candil queimando a grasa (humorístico)
Vai á casa da tía e non cada día (fai visitas pero sen pasarse)
Vai atagallando polo bulleiro
(polo medio e medio, poñéndose perdido)
Vai co rabo entre as pernas
(con vergoña e a cara baixa)
Vai contento como marrao da capa (moi descontento)
Vai cos da feira e vén cos do mercado
(logo cambia de opinión)
Vai criado coma un porco (malcriado, coma un animal)
Vai de mirras prás encollas
(vai para vella)
Vai en pés de puta
(moi disparado, con présa)
Vai o ouro pró tesouro
(ao rico todo lle sae ben, todos os cartos lle veñen)
Vai sen cabezadas (sen freos, louco, coma unha besta coas cabezadas rotas)
Vai tan contento que non lle cabe un garavanzo no cu (contentísimo)
Vai tirar pedras a un río
(non deas a lata)
Vaiche quentar a pavana
(andar no lombo)
Vaille como o pez á bota (cáelle moi ben)
Vaise moito do pico
(persoa que se solta da lingua)
Váiselle o tempo nos camiños
(ten os eidos lonxe da casa, ten que andar moito)
Vale máis dar a un pillo que pedir a un home de ben
(vale máis dar aínda que se perda, que ter que pedir)
Vale máis o que o sol deixa que o que a auga cría
(o sol é esencial para que as cousas medren)
Vale máis onza de trato que arroba de traballo
(co trato vivirase mellor, dá máis)
Vale máis que comera unha bica de rapas (saíu algo mal, mellor quieto. Bica de rapas: faragullas de pan que non se unen)
Vale máis ser burra dun sardiñeiro ca muller dun zapateiro
(non é aconsellábel)
Vale máis un ruín arreglo ca un bon preito (gastarase máis)
Vale máis unha bofetada a tempo ca un anaco de pan (educa máis)
Vén á cantada do can (vén tarde cando sae de noite)
Vénche polo río abaixo
(algo que vén moi ben, moi a xeito)
Veña con Dios¡ Que quedemos co mismo santo¡ (saúdo e contestación)
Veulle coma á burra os peidos
(que lle cae ben, o mesmo que os peidos á burra, que a alivian)
Vive para comer ou come para vivir
Vouche dar un correverás coas pernas pra tras
(frase que se lles di aos nenos, para que se entreteñan e non dean a lata)
Vouche poñer o cu onde non o vexas (dar uns azoutes)
Xa é un home feito e dereito
(hai tempo que non se viu e medrou)
Xa é zorro vello (moita experiencia)
Xa estou no cabo das contas
(xa estou de volta do asunto)
Xa lle cadra ben: cumpría que lle viñera e vén
(dito)