ogalego.eu
Marcial Valladares, homenaxe de ogalego.eu
O medo, Celso Emilio Ferreiro
Penélope, Díaz Castro
qr

Relato comentado para alumnado de Literatura Galega

ROSALÍA DE CASTRO

Mais ve que o meu corazón
É unha rosa de cen follas,
I é cada folla unha pena
que vive apegada noutra.

Quitas unha, quitas dúas:
penas me quedan de sobra;
hoxe dez, mañán corenta,
desfolla que te desfolla.

¡O corazón me arrincaras
desque as arrincares todas!

BREVE COMENTARIO

Estamos ante un brevísimo poema (nada máis que dez versos de oito sílabas cada un) no que se trata a temática existencial tan característica de Rosalía: a dor de vivir e a imposibilidade de evitala, a incapacidade do ser humano para ser totalmente feliz: se hai vida hai dor, e se non hai dor é que non hai vida.
Para recrear esta idea parte dunha metáfora, dunha imaxe: o corazón é como unha rosa e as follas desa rosa son as penas. E coa mesma comparación segue na segunda estrofa, con enumeracións e expresións que transmiten a sensación de pesar continuado (versos 1,3 e 4), dunha carga cada vez maior da que non nos damos desfeito: “penas me quedan de sobra”.
E así chegamos á estrofa final, máis curta e que contén un paradoxo, sorprendente, como denotan os signos de admiración empregados: o feito de quitar todas as penas non conduce á felicidade, senón que é a morte; aínda que o resultado era de agardar dada a metáfora da que parte: a rosa, cando lle quitamos todas as follas xa non é rosa, xa non existe.

2005-2015