Conto popular en Lituania:

Contan que unha vez se reuniron nun lugar da Terra todos os sentimentos e calidades dos homes. Cando o Aburrimento boquexara por terceira vez, a Loucura, coma sempre tan tola, propúxolles xogaren ás agachadas. A Intriga levantou a cella intrigada, e a Curiosidade, sen poder conterse, preguntou: Ás agachadas? Como é iso? “É un xogo –explicou a Loucura-, no que eu tapo a cara e comezo a contar desde un ata un millón. Mentres tanto vós agachádesvos e cando eu remate de contar, ao  primeiro que atope ocupará o meu lugar para continuar así o xogo”. O Entusiasmo bailou,  secundado pola Euforia; a Alegría deu tantos saltos que terminou por convencer á Dúbida, mesmo á Apatía, á que nunca lle interesaba nada. Pero non todos quixeron participar: a Verdade preferiu non esconderse (Para que?-dixo-. Se ao final sempre me atopan ). A Soberbia opinou que era un xogo moi parvo (no fondo o que a amolaba era que a idea non fose dela) e a Covardía preferiu non arriscarse. “Un, dous, tres …”, comezou a contar a Loucura. A primeira en agocharse foi a Preguiza, que coma sempre se deixou caer tras a primeira pedra do camiño. A Fe subiu ao ceo e a Envexa agachouse tras a  sombra do Triunfo, que co seu propio esforzo lograra subir á copa da árbore máis alta. A Xenerosidade case non conseguía agocharse porque cada sitio que atopaba parecíalle marabilloso para algún dos seus amigos e cedíallo: que se un lago transparente, ideal para a Beleza; que se o voo dunha bolboreta, o mellor para a Voluptuosidade, que se unha fenda dunha árbore, moi apropiado para a Timidez; que se unha racha de vento, magnífico para a Liberdade. Así que rematou por agocharse nunha raiola de sol. O Egoísmo atopou un sitio moi bo desde o principio, un lugar ventilado e moi cómodo…, pero só para el. A Mentira agochouse no fondo dos océanos, mentres a Realidade se ocultou detrás do arco da vella e a Paixón e o Desexo, xuntos, dentro dos volcáns. O Esquecemento…, non lembro onde se agochou, pero iso non importa. Cando a Loucura contaba 999.999, o Amor non atopara aínda un lugar para agocharse, porque todo estaba ocupado, ata que de súpeto albiscou unha roseira e, conmovido, decidiu agocharse entre as súas flores. ”Un millón!”, contou a Loucura, e entón comezou a buscar. A primeira en aparecer, claro, foi a Preguiza, tras unha pedra a tres pasos dela. Despois escoitou a Fe, discutindo con Deus no ceo sobre teoloxía; e a Paixón e o Desexo sentiunos axitarse no vibrar dos volcáns. Nun descoido atopou á Envexa e, claro, puido deducir onde estaba o Triunfo. Ao Egoísmo non tivo nin que buscalo, saíu disparado do seu tobo el porque resultara ser un niño de avespas. De tanto camiñar, a Loucura sentiu sede, e ao achegarse ao lago descubriu á Beleza, e á Dúbida atopouna sentada nun valado sen decidir de que lado agocharse. E así, un a un, foi atopando a todos os sentimentos e calidades humanas: ao Talento entre a herba fresca, á Angustia nunca cova, á Mentira detrás do arco da vella  (”Mentira!”: ela estaba no fondo do océano)  e ata ao Esquecemento, que se esquecera de que estaban xogando ás agachadas. Pero o Amor non aparecía por ningunha parte. A Loucura buscouno detrás de cada árbore, en cada regato do planeta, no cume das montañas… E cando estaba a piques de darse por vencida, albiscou unha roseira acugulada de rosas. Emocionada tomou unha forquita e comezou a mover as pólas, ata  que de súpeto, oíuse un doloroso berro: as espiñas dunha rosa feriran gravemente os ollos do Amor, cegándoo. A Loucura, desconcertada, non sabía que facer para desculparse. Chorou, implorou, pediu perdón e ata prometeu ser o seu guía. E así é como desde entón, desde que se xogou por primeira vez ás agachadas na Terra, O Amor é cego e a Loucura sempre o acompaña.