Merqueino pero el non quixo que llo mandase, tamén as da Sección Feminina dicían que era mellor que llo dese eu cando viñese. Mercárallo en Ourense, na reloxaría dos Valcárcel,  en San Domingos, era un reloxo bo, suízo e de boa marca, supoño que andará pola casa, perdido nalgún caixón. Certina, que é marca suíza e moi boa, dixéronmo cando o merquei, pero eu xa o sabía, desa marca sempre se escoitou falar … Tamén como es ti, Filomena, non llo merquei só para que contase as horas da guerra, senón as da volta e tamén para que tivese algo noso alá, algo meu tocándolle a pel, sempre lle buscas as voltas a todo. Quería que nos lembrase a cada hora, xa o dixen. Merqueino cos cartos que nos pagaban dos alemáns, cincuenta pesos ao mes, pero non os tocabamos. Eu dicíalle ao Manuel que prefería pasar fame a botar man daqueles cartos para comer, eran os cartos do inimigo, por moito que con eles pelexase o noso fillo. Eran cartos manchados co sangue dos nosos, así que acordamos aforrarllos para cando volvese, que boa falta lle farían e a el estas cousas das ideas tanto lle tiñan, paréceme a min. Merqueille o reloxo pero  non o mandei e, cando veu e llo demos, pouco caso lle fixo … Agora que o dis, hai ben tempo que non o vexo, iso de que andará por un caixón foi algo que dixen por dicir, pero igual non, se cadra vendeuno, vou buscar … Que sei eu, vou buscar e se dou con el xa volo baixo e regálollo ao voso Pepe… (páx. 635) Francisco X. Fernández Naval, A noite branca, Xerais, 2012, 415 páxs.