|
Contacto Novas.......... Opinión Arquivo Ligazóns
|
Discriminación no servizo de Correos
*Correos
impide que se poidan ditar telegramas en galego telefonicamente
Redacción,
03 de marzo 2005.
A Mesa
pola Normalización Lingüística, denuncia que Correos
centralizou o servizo desviando os números que antes eran atendidos
en Galiza a telefonistas que descoñecen o noso idioma e demanda
que o Ministerio de Fomento corrixa esta situación discriminatoria
que non se produce nin co catalán nin co basco.
A Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos dispuña até
esta semana de diversos números de teléfono das súas
oficinas en Galiza nos que recoller telegramas telefonicamente. Algúns
deses números eran o 981581792, 982222000 ou 986222000. Atendíase
por persoal que coñecía a lingua galega e non había
inconveniente en atender no noso idioma, así como en recoller un
telegrama en galego.
Desde esta semana, os mencionados números son desviados a un servizo
centralizado situado fóra da Galiza. Xa non é posíbel
que un usuario galego sexa atendido en galego. Ante a demanda de usuarios
de emitir telegramas en galego, nalgúns casos manifestouse que
era imposíbel, e noutros, tras ser desviados a falar cun “superior”,
díxose que tan só era viábel no caso de ditar o telegrama
letra a letra. Como se dun indescifrábel código se tratase.
Nalgún caso, chamando aos vellos números das oficinas na
Galiza, poderase contactar directamente con telefonistas de Barcelona,
de xeito que se garante a todos os galegos a posibilidade de colocar telegramas
en catalán. Os bascos non terán a sorte de poder colocar
telegramas en catalán con tanta facilidade, porque as oficinas
de Euskadi non sufriron a “centralización” das galegas, de xeito
que non hai problema en recoller telegramas en euskera.
A Mesa considera especialmente grave que un servizo público (malia
Correos estar reconvertido en Sociedade Estatal, con capital público
100%, non deixa de selo) trate ás cidadás e aos cidadáns
galegos como estraños seres falantes dun indescifrábel código
que ten que ser ditado letra a letra cando queren comunicarse entre si.
A Mesa demándalle a Correos que corrixa estas actuacións.
Ademais, o Ministerio de Fomento, que através da Secretaría
Xeral de Comunicacións ten atribuídas competencias de inspección
de servizos postais, debe tomar cartas nun asunto que supón unha
discriminación por razón de lingua..
<
voltar a novas
|
Participa!
Desta volta gañamos nós!!!!

Colabora
coa Mesa, clica embaixo e axúdanos a galeguizar os bancos
e caixas de aforros!

|