|
Publicidade Contacto Novas Opinión Arquivo Ligazóns Anteriores
|
*ADEGA
lanza o Proxecto Ríos
Redacción,
4 de abril 2005. A Asociación para a Defensa
Ecolóxica de Galiza (ADEGA)
presentou publicamente o Proxecto Ríos, unha iniciativa de
educación ambiental sobre os ríos galegos. O
Proxecto Ríos consiste na inspección e
seguemento de treitos de
río por parte de colectivos ou incluso de particulares, que
contarán con asesoramento, documentación e
formularios achegados pola coordenación do Proxecto. Este
Proxecto desenvólvese en Cataluña desde hai varios
anos e agora será implementado por ADEGA en Galiza, despois
de o adaptar á nosa realidade.
O
Proxecto Ríos asesorará e coordenará os
participantes, que poderán ser particulares, centros de
ensino, asociacións de veciños, de pescadores, de
amas de casa, xuvenís, grupos ecoloxistas, etc. Os
participantes comprometeranse a elaborar un mínimo de dous
informes anuais de avaliación da situación do treito
do río escollido. Os datos destes informes compilaranse
para a sua integración nun informe xeral anual que
contribuirá ao diagnóstico da situación dos
ríos galegos.
O Proxecto Ríos será o
primeiro
proxecto de voluntariado ambiental que atinxa a todo o territorio
galego e que trate de maneira específica algún
problema ambiental. O Proxecto Ríos vén
encher este baleiro, contribuíndo a incrementar a
conciencia ambiental, partindo do principio da participación
da cidadanía, tentando buscar solucións aos
importantes problemas ambientais ligados aos ecosistemas fluviais.
A inspección de ríos non é a única
canle de participación no Proxecto Ríos. Un segundo
nivel implica a sinatura dun compromiso e unha relación
máis estreita entre os participantes e a coordenación.
E un terceiro nivel será o de adopción de ríos,
no que os participantes se involucran máis na defensa do
tramo de río elixido.
O Proxecto
Ríos é o resultado dun convenio de colaboración
entre ADEGA e a “Associació Habitat”, entidade
responsábel do Proxecto Ríos catalán. Os
proxectos galego e catalán manteñen un nome, uns
obxectivos e unha metodoloxía comúns, adaptándose
á realidade de cada país. O Proxecto Ríos
recibiu o apoio da Deputación da Coruña e da
“Fundació Territori i Paisatge” de Caixa
Catalunya.
Nestes momentos, ADEGA, xunto con outros
colectivos, está a impulsar outra importante iniciativa en
defensa dos ríos galegos, unha iniciativa lexislativa
popular para a protección, a conservación e a
mellora dos ríos galegos.
Podes consultar máis
sobre ensta inicativa lexislativa en www.ilprios.org
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|