Arroutada!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

­
Novas
Opinión
Arquivo
Ligazóns
Anteriores



*Quintana aposta polo Pacto Social polas Infraestruturas para “plantarnos unidos ante Madrid”


Redacción, 6 de abril 2005.
O camiño para a defensa dos intereses de Galiza perante a elaboración do Plano Estratéxico de Infraestruturas e Transportes (PEIT) non é o da “confrontación eleitoralista estéril”, senón o do Pacto Social polas Infraestruturas para “plantarnos unidos ante Madrid”, afirma através deste comunicado de imprensa o portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana.
O líder do BNG cualifica a apresentación das emendas da Xunta ao PEIT de “acto de propaganda partidista pago con fundos públicos”.
“A leitura das presuntas emendas provoca rubor e escándalo, pola falta de documentación, rigor e seriedade que encerran. Revelan tamén dúas cousas moi preocupantes. Unha, a falta de competencia do tapado Feijoo. Dúas, algo que xa é un clamor social: que Fraga non está en condicións de gobernar. Non é que non estea en condicións de gobernar apartir de Outubro, é que non o está xa agora”, di Quintana.

O portavoz nacional do BNG censura ao PPdeG que non pense no país e que actúe só en función de “mesquiños cálculos eleitorais”. “A vía é outra. A vía é que a levou onte no Senado á aprobación unánime da criazón dunha Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. Ésa é a vía. A da unidade de todas as forzas políticas galegas para, desde o que nos une, defender os nosos intereses ante Madrid. O BNG fixo iso no Senado, ao facer súa unha proposta do Parlamento Galego e ao elevala á Cámara Alta. O Goberno galego, no canto de pórse a liderar o país, o que fai é abonarse a unha confrontación estéril que nos debilita a todos. Estéril porque non soluciona os problemas de Galiza e porque non lle vai librar da derrota eleitoral”, afirma Quintana.

O líder do BNG considera que a día de hoxe é máis necesario que nunca retomar a proposta de Pacto Social polas Infraestruturas que a formación nacionalista formulou para enfrentar a elaboración do PEIT. “Esa proposta do Pacto ten un amplísimo consenso social arredor dela. E até agora non se traduciu en feitos unica e exclusivamente pola falta de grandeza política do PP e pola falta de grandeza política de Fraga. Fraga é desleal a Galiza e iso está a impedir polo de agora que o Pacto Social se converta en realidade”.

Apartir de Outubro, Anxo Quintana comprométese a, desde a presidencia da Xunta de Galiza, “impulsar o pacto social pola Galiza do Século XXI”, para que “Galiza fale con unha soa voz en Madrid, “unha voz que o Goberno Zapatero non vai ter máis remedio que atender”.


Voltar a novas

Ver anteriores