Arroutada!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

­
Novas
Opinión
Arquivo
Ligazóns
Anteriores



*
Mercado laboral en Galiza 2004: A taxa de temporalidade sitúase a 31,4 puntos da media da UE


Redacción, 8 de abril 2005. En 2004, o 44,5% dos contratos de duración determinada foron de menos de 1 mes.
Da análise da situación do mercado laboral en Galiza no ano 2004 tírase que, lonxe de converxer coa UE, diverxemos cada vez máis: a taxa de paro está a 4,6 puntos da media comunitaria, a temporalidade supera en 21,3 puntos á media da UE e asináronse 30.000 contratos indefinidos menos que no 2003. Para a CIG constátase así o fracaso das políticas de emprego da Xunta de Galiza -baseadas en subvencionar a empresas- que non obtiveron ningún dos resultados previstos.

A CIG presentou en rolda de prensa, o pasado xoves 7 de abril, o informe elaborado pola Secretaría Confederal de Apoio Técnico e o Gabinete Económico sobre “O mercado laboral en 2004”.

O seu responsábel, Bautista Vega Tato, subliñaba os dous aspectos máis preocupantes da situación do mercado laboral no pasado ano: as elevadas taxas de temporalidade e o escandaloso incremento da precariedade laboral feminina.

Para o Secretario Confederal de Apoio Técnico, a solución a esta grave situación pasa por “desenvolver un marco galego de negociación colectiva para pórlle freo á precariedade” e “facer un seguimento para saber se as subvencións que se destinan ás empresas para favorecer a contratación están obtendo os resultados previstos”.

Aínda que aumentou a poboación activa, “non é que haxa máis xente en idade de traballar senón máis mulleres que pretenden acceder ao mercado laboral”, explica Natividade López Gromaz, responsábel do Gabinete Técnico de Economía.

O sector primario foi o único que perdeu activos (10.700 persoas) e dos que se manteñen no sector, o 45% tiñan máis de 50 anos no 2004. O preocupante deste incremento de baixas é que dos 10 primeiros produtos que exporta Galiza (ou sexa, os máis importantes), 5 son do sector primario, polo que non se entende a que obece a obsesión do goberno do PP de deseñar políticas destinadas a eliminar activos neste sector.

No polo oposto, o sector servizos experimentou un incremento dun 17%, relacionado, sobre todo, co feito de que o 2004 fora ano Xacobeo.

Incremento da temporalidade

Malia a taxa global manterse no 2004 respecto ao 2003, a temporalidade medrou espectacularmente entre as mulleres, acadando o 37,7% da poboación asalariada feminina e descendeu entre os homes, dun 32,2% a un 31,4%.

Apesar deste incremento, a taxa de temporalidade en Galiza supera en 21,3 puntos a media comunitaria e as diverxencias son maiores entre as taxas femininas que entre as masculinas, onde aínda así está a 31,4 puntos da media da UE.

A muller é quen padece máis a precariedade laboral que supón a temporalidade do emprego. A taxa de paro das galegas supera en 9,5 puntos a media europea e a taxa de temporalidade alcanzou o 37,7%, 22,9 puntos por riba da UE.

Temporalidade no sector público

A temporalidade no sector público medrou escandalosamente, alcanzando o 24,5% fronte ao 23,7% do ano 2003. Este preocupante índice débese, segundo explica Bautista Vega, á tendencia crecente de desviar e privatizar servizos que antes dependían da administración.

Partindo do incremento da temporalidade no sector público e na construción, e tendo en conta as distancias que se manteñen co conxunto comunitario, Natividade López Gromaz interpreta que estariamos ante un fenómeno especificamente galego. “Non se explica nin en termos de competitividade, nin en termos causais, nin polo neoliberalismo exacerbado -xa que o resto dos países da UE están no mesmo período capitalista no que está Galiza- senón que se estendeu entre a clase empresarial e política o uso e costume da utilización deste tipo de contrato”.

A precariedade foi provocada polo proceso de “desregulación laboral promovido por parte do estado a este corresponde solventar o problema”, incide López Gromaz.

Desemprego

Entre os parados que buscan o seu primeiro emprego, no 2004 apenas se produciron variacións. Mantéñense en torno aos 35.00, un 20% do total, dos cais, case o 75% son mulleres. Ademais debe terse en conta que o 28,8% dos parados son de longa duración e que a maioría son parados “reincidentes”, entre os que o paro aumentou un 11,4%.

A maioría dos contratos rexistrados no 2004 foron baixo algunha modalidade de duración temporal (91,6%). Os indefinidos de nova creación apenas medraron un 0,7%. Pero máis salientábel que o número de rexistrados é o feito de que descende o número de asalariados con contrato indefinido con respecto a 2003. É dicir, os contratos indefinidos rexistrados en 2004 foron inferiores, en 30.000 aos traballadores que deixaron o mercado laboral e que tiñan un contrato indefinido.

A modalidade de contrato máis usada foi o “eventual por circunstancias de produción”. Así, un 42% dos temporais e un 38,4% do total de contratos asinados foron baixo esta modalidade.

En 2004 cada traballador temporal asinou unha media de 2,2 contratos

O grupo máis abundante de contratos de duración determinada son os de duración inferior a un mes (entre 15 días e un mes), o 34,3% do total, e o encadeamento d eocntartos foi elevado.

Medraron fortemente os contratos a tempo parcial -o 22,1%- e foron os menores de 29 anos os que aisnaron o 53% destes contratos. Deles, os menores de 25 anos asinaron o 97,6% deses contratos e neste grupo só un 2,4% foron indefinidos.

O perfil do traballador en precario sería (maioritariamente) unha muller, menor de 29 anos ou maior de 45, que asina un contrato temporal a tempo parcial. Ou sexa, un modelo de contrato que aglutina todas as características que definen a precariedade laboral. Desde a CIG enténdese que é dunha grave irresponsabilidade por parte da administración non atallar esta situación e manter as políticas de subvención ás empresas nun intento fallido -como constata este estudo- de frear a temporalidade.


Voltar a novas

Ver anteriores