|
Publicidade Contacto Novas Opinión Arquivo Ligazóns Anteriores
|
*Quintana
asegura que os/as cabezas de lista reflicten “un novo BNG
que recolle o mellor da súa tradición e se proxecta
cara o futuro”
Redacción,
8 de abril 2005. Bugallo,
Tabarés, Adán e Blanco asumen a responsabilidade de
traballar para que Galiza conte cun presidente nacionalista.
O
portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, valorou o proceso de
elección das persoas que encabezan as candidaturas
nacionalistas de cara aos próximos comicios autonómicos,
que representan a “xeración de galegos mellor
preparados”. “Presentamos
un novo BNG, que recolle o mellor da súa tradición e
se proxecta cara o futuro”, salientou o líder do
Bloque durante o acto público de presentación dos
cabezas de lista: Ánxela Bugallo, por A Coruña; Iago
Tabarés, por Ourense; Carme Adán, por Pontevedra, e
Fernando Blanco, por Lugo.
“Estamos
dispostos para gobernar Galiza”, proclamou Quintana, tras un
proceso de eleción que contou “co apoio da militancia
e da organización”, a diferenza das outras
organizacións onde as decisións se toman en
“contubernios de extrañas camarillas”. “Somos
os primeiros en disposición de presentar os nosos
referentes provinciais para pór cara e voz ás
propostas do BNG”.
Quintana
salientou a “aposta” do Bloque e súa persoal
“pola presenza da muller” en primeira liña das
institucións. “O futuro de Galiza conxúgase en
feminino”, recalcou en presenza de Bugallo e Adán,
das que salientou a súa capacidade profesional e o
compromiso con país. “Ánxela foi antano
protagonista da revolución estudiantil na que se reclamaba
outra Galiza, e agora participa no reto de acadar un presidente
nacionalista”.
De Adán subliñou a súa
participación “nun dos proxectos culturais máis
vizosos” en referencia á Aula Castelao e á súa
contribución na consolidación dunha cita cultural
como é a Semana de Filosofía.
Canto a Iago
Tabarés, representa a “loita” polo futuro dunha
provincia, Ourense”, “na que o fácil e saír
correndo”, pero que opta por quedarse e traballar para pór
fin “ao caciquismo, ao escurantismo” porque cre nas
posibilidades desta provincia e está disposto a mudar “os
choros” por alternativas e propostas de futuro.
De
Fernando Blanco dixo que aporta un “discurso transparente e
innovador” fronte ao “pasado cacharrista, o
caciquismo e a corrupción”, disposto a traballar para
sacar a provincia de Lugo dos últimos lugares en termos de
desenvolvemento e benestar en que a sitúan os datos
estatísticos.
Bugallo, polo futuro de Galiza A
referente provincial por A Coruña síntese
identificada coa “nova xeración de mulleres que xa
están a traballar polo futuro de Galiza e para que o país
teña o presidente nacionalista que precisa”, en
particular dende a súa responsabilidade como concelleira
dun municipio rural, Teo, e amosouse orgullosa de formar parte do
que, adiantou, será “o mellor grupo
parlamentar”.
Tabarés, Ourense motor do
cambio O cabeza de lista por Ourense confía en que
sexa a xeración política á que pertence a que
traía a “renovación” na provincia que,
espera, “actúe como motor do cambio que se vai dar en
todo o país”.
Adán, a forza das
mulleres Como cabeza de cartel por Pontevedra, Carme Adán
proclamou que “será a forza das mulleres a que
cambiará o mundo e a que vai levar a Anxo Quintana á
Presidencia”.
Blanco, para que Lugo non perda máis
trens O candidato por Lugo considera que a provincia non
pode perder máis trens do desenvolvemento económico
e social, e adiantou que a situación mudará tras os
comicios autonómicos, “porque dispora dun novo tren,
o BNG, e dun maquinista cualificado, Anxo Quintana”. “Vamos
recuperar o tempo perdido, chegar a estación de futuro e
acadar que Lugo deixe de ocupar os últimos lugares”.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|