Arroutada!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

­
Novas
Opinión
Arquivo
Ligazóns
Anteriores



*
Anxo Quintana demanda ao PSOE que se una ao BNG na defensa do direito dos galegos e galegas a coñecer a verdade sobre as infraestruturas


Redacción, 11 de abril 2005. O líder do BNG pensa que un debate na TVG sería o formato ideal para que os galegos coñecesen por que os sucesivos gobernos centrais non atenden as necesidades do país. “Caso de que Fraga non quixese acudir, sería útil que debatísemos Touriño e eu sobre as infraestruturas para chegar a un compromiso de propaganda cero” afirma.

O líder do Bloque Nacionalista Galego, Anxo Quintana, demanda ao PSOE que se una á formación nacionalista na defensa do direito dos galegos a coñecer a verdade sobre as infraestruturas.

“Abonda de tanta mentira e de tanta propaganda. Este goberno discrimina a Galiza, pero non máis do que a discriminou o Goberno Aznar ou do que a discrimina o proprio Goberno Fraga, incapaz de cumprir coa súa parte do chamado Plan Galiza”, di Quintana através deste comunicado de imprensa.

“Do que se trata agora é, por tanto, de cesar coa propaganda e coas mentiras. Os galegos teñen o direito a coñecer a verdade. A saber por que o Goberno Aznar non comprometeu o financiamento necesario para levar a termo o Plan Galiza. A saber por que o Goberno Zapatero se limita a facer unha xestión continuista en materia de infraestruturas galegas. A saber por que Fraga censura agora aquilo que non criticou durante oito anos”, di Quintana.

O portavoz nacional do BNG chama ao PSOE para que “abandone a vía da propaganda” e “comunique á nosa sociedade a verdade dos feitos”. “A nosa sociedade é unha sociedade madura. Abonda xa de tratala como se for menor de idade. É evidente que este Goberno non vai cumprir cos prazos aos que se comprometeu no Congreso dos Deputados. É evidente que a Xunta de Galiza tampouco está a cumprir co Plano de Dinamización Económica. Nesta situación, o BNG é a única forza que di hoxe o que dicía onte: que a política dos sucesivos gobernos centrais sobre as infraestruturas galegas ten sido unha política virtual, non real. E o noso obxectivo é que isto mude nos próximos meses”.

Quintana considera que o formato ideal para informar aos cidadáns sobre esta cuestión é un debate na TVG entre os líderes das tres forzas políticas. E introduce un matiz: “Caso de que Fraga non queira acudir, penso que sería útil que debatísemos Touriño e eu sobre este asunto e que do debate saíse como compromiso o de propaganda cero sobre as infraestruturas galegas. E desde logo agardo que o secretario xeral do PSdeG non vexa nesta miña proposta nengún desafío. É simplesmente unha oferta leal e honesta para defender o direito de todos a sermos verazmente informados sobre aqueles asuntos que nos afectan”.

Por que Fraga teima en non debater? “Porque non está en condicións nen de debater nen de gobernar. Fraga é hoxe un precandidato que só está en condicións de dar algunha que outra rolda de prensa. Non está xa para os duros e exixentes compromisos da política de primeiro nível. E o pior é que non estamos a falar dun político calquer, estamos a falar do presidente do Goberno galego”, afirma Quintana.

Voltar a novas

Ver anteriores