Arroutada!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

­
Novas
Opinión
Arquivo
Ligazóns
Anteriores



*
Elaborado un documento no que se cuestiona dende un punto de vista técnico a decisión de afastar o Prestige fronte á de levalo ao Seno de Corcubión


Redacción, 13 de abril 2005. Un comité independente de técnicos e científicos elaborou un documento no que, despois de analizar a información sobre o estado do Prestige e a meteoroloxía nos días 13 a 17 de novembro, conclúe que a opción mais lóxica era levalo ao seno de Corcubión. De terse realizado naquel momento unha avaliación técnica rigorosa sobre a situación reinante, o Prestige nunca se tería afastado.

Os asinantes do documento, capitáns da mariña mercante, catedráticos e profesores das tres universidades galegas (A Coruña, Vigo e Santiago), de centros públicos de investigación mariña (Instituto Español de Oceanografía e Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC)), así como doutros centros galegos e españois, e de organizacións ecoloxistas (Federación Ecoloxista Galega (FEG), Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA)), e da CEMMA (Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños), todas elas persoas relacionadas co mundo do mar e a súa investigación, á vista das afirmacións acientíficas que o actual goberno, e técnicos da Xunta de Galicia, continúan mantendo a día de hoxe a respecto da catástrofe do petroleiro Prestige-Nassau, facemos constar que no día de hoxe fixemos entrega no Parlamento, aos tres grupos parlamentarios e tamén á mesa da comisión de investigación da catástrofe do Prestige.

Neste documento estúdiase a decisión tomada polo goberno de afastar o barco en dirección Noroeste, comparándoa coa alternativa de meter o barco no Seno de Corcubión. Aínda que este documento se elabora máis de dous anos despois da catástrofe, céntrase no período entre a toma da decisións e a chegada da primeira marea negra, entre o 14 e o 17 de novembro de 2002, período este de tres días que coincide co alcance das predicións meteorolóxicas. A maioría dos datos que se manexan no documento estaban pois a disposición das autoridades no momento en que decidiron o afastamento.

A conclusión do documento deixa en evidencia, dende un punto de vista científico e cos datos enriba da mesa, que a decisión de afastar o barco, sen avaliación previa do estado do mesmo, contra vento e ondaxe e cara a unha borrasca, en lugar de buscar un lugar de refuxio, foi posiblemente unha das peores decisións que se podían ter adoptado, e, dende logo, claramente peor cá opción de abrigar o barco no Seno de Corcubión.

Para máis información contactar con Carlos Souto, Profesor de Dinámica Oceánica e Oceanografía Física (Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo), no teléfono 986 812 644.

O informe está disponíbel en
http://www.adegagaliza.org/varios/enseada_corcubion/enseada.htm.

Lista de asinantes, por orde alfabética de apelidos:

- Dra. Ángela Alonso Millán. Directora do Departamento de Ciencias da Navegación e da Terra.  Universidade da Coruña.
- D. José Luis Castro Baleato. Coordinador da Federación Ecoloxista Galega (FEG).
- D. Xan Duro Fernández. Presidente da Asociación da Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA).
- Dr. Fiz Fernández Pérez. Profesor de Investigación. Departamento de Oceanografía. Instituto de Investigacións Mariñas. (CSIC).
- Dr. Emilio Fernández Suárez. Oceanógrafo e Profesor de Ecoloxía Mariña. Universidade de Vigo.
- Dra. María do Carmo García Negro. Directora do Grupo de Investigación de Economía Pesqueira e Recursos Naturais. Departamento de Economía Aplicada. Universidade de Santiago.
- Dr. José Carvia Carril. Profesor e Director do Departamento de Enerxía e Propulsión. Universidade da Coruña.
- Dr. Ricardo Beiras García-Sabell. Profesor de Contaminación Mariña. Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal. Universidade de Vigo.
- Dr. Juán José González Fernández. Coordinador do Programa de Contaminación. Instituto Español de Oceanografía.
- Dr. Alfredo López Fernández. Presidente da Cemma (Coordinadora de Estudio dos Mamíferos Mariños).
- Felipe Louzán Lago. Capitán da Mariña Mercante (experto en petroleiros) e profesor da E.T.S. de Náutica e Máquinas. Universidade da Coruña.
- Jose A. Madiedo Acosta. Capitán da Mariña Mercante, ex-Director Xeral da Mariña Mercante e presidente da Asociación Española de Marina Civil.
- Dr. Santiago Ortiz Núñez. Profesor titular do Departamento de Botánica. Facultade de Farmacia. Universidade de Santiago
- Dr. Augusto Pérez  Alberti. Catedratico de Xeografía Física. Facultade de Xeografía e Historia. Universidade de Santiago.
- Dr. Angel Rodríguez Fernández, Profesor e Director da E.T.S. de Náutica y Máquinas da Universidade da Coruña.
- Dr. Manolo Soto Castiñeira. Profesor Titular de Enxeñería Química. Universidade de A Coruña.
- Dr. Carlos Souto Torres. Profesor de Dinámica Oceánica e Oceanografía Física. Área de Física da Terra. Departamento de Física Aplicada. Universidade de Vigo.
- Juan Zamora Terrés, Capitán da Mariña Mercante, Doctor en Mariña Civil e Director do Centro de Logística y Servicios Marítimos (Universidad Politénica de Cataluña,
CELSEM-UPC),
- Dr. Victoriano Urgorri. Catedrático. Departamento de Bioloxía Animal. Universidade de Santiago.
- Dr. Federico Vilas Martín. Catedrático. Departamento de Xeociencias e Ordenación do Territorio. Universidade de Vigo.


Voltar a novas

Ver anteriores