Arroutada!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

­
Novas
Opinión
Arquivo
Ligazóns
Anteriores



*
Quintana di que conseguirá o cambio galego "contando con todos, con diálogo e participación"



Redacción, 13 de abril 2005. O portavoz do BNG, Anxo Quintana, puxo voz a valoración da Executiva Nacional ao expresar que “lamenta” pero que “respecta e acata” a decisión adoptada por Xosé Manuel Beiras de renunciar ao seu cargo de presidente e a ir nas candidaturas. “Vou seguir o meu camiño con diálogo, participación, para cumprir co mandato do BNG, e contando con todos e todas”, aseverou.

Quintana quixo enviar unha mensaxe de “tranquilidade e normalidade” tanto á militancia como ao conxunto da sociedade proclamando que o BNG “segue centrado no seu obxectivo de acadar un cambio galego tras as próximas eleccións autonómicas e que Galiza, por primeira vez na historia, teña un presidente nacionalista”, explicou en rolda de prensa.

Neste sentido, o Bloque vai seguir coa súa actividade política “cunha intensa axenda para culminar o borrador do programa e para dar paso a unha interlocución cos axentes sociais”, dende o convencemento de que a maioría social quere “cambio e respecto polo país”.

O portavoz nacionalista restou importancia ao feito de que Beiras lle transmitise por escrito a súa decisión, e recalcou que “ocupe o posto que ocupe, sempre será un referente para min e para o BNG, e estou seguro que contarei con el para facer o traballo político que temos que facer para gañar as eleccións”.

Sen entrar a “especular” sobre as motivacións, Quintana asegurou que “non ten consciencia” de terlle faltado ao respecto a Beiras, en ningún momento, “pero se algunha das miñas palabras foi interpretada así por Beiras non teño ningún reparo en pedirlle desculpas, e o farei cando teña a oportunidade de falar persoalmente con el, aínda que non teño consciencia de que se teña dado”. Quintana reiterou que conta “con todo o mundo”, incluído Beiras, “que traballará, como sempre o fixo, polo ben do BNG”.

Loubou o “proceso democrático” na escolla dos cabezas de lista, refrendadas polo 85 por cento da militancia, e expresou o seu convencemento en que o Bloque dará resposta á demanda da sociedade de cambio e respecto por Galiza, algo que o actual presidente galego “nunca foi capaz de acadar”.


Voltar a novas

Ver anteriores