Arroutada!, as novas galegas na rede, informa:


Novas


Contacto
­
Novas..........
Opinión
Arquivo
Ligazóns

Google







O SLG na comisión da mocidade do Parlamento galego

*
O SLG participa na comisión non permanente especial de estudo da situación da mocidade en Galiza do Parlamento galego


Redacción, 14 de marzo 2005.
A exposición feita por Xoán Monasterio, secretario de Organización do Sindicato Labrego Galego, centrouse sobre a problemática que están sofrendo os mozos e mozas que viven no mundo rural galego e sobre todo con cuestións ligadas coas explotacións agro-gandeiras.

Reproducimos a continuación a exposición ao completo:

Comisión non permanente especial de estudio da situación da mocidade en Galiza

PARLAMENTO DE GALIZA

Dende o Sindicato Labrego Galego, queremos centrarnos fundamentalmente na realidade que viven os mozos e mozas do medio rural en xeral, e, nas cuestións directamente ligadas coas explotacións agro-gandeiras do noso país, en particular. I.e., con aspectos relacionados coa actividade agrícola como medio de vida fundamental hoxe en día no rural galego.

Polo tanto, compre facer en primeiro lugar unha breve radiografía do contexto, para logo enumerar os problemas fundamentais que se lle presentan á mocidade, e por último, facer unha serie de propostas, que, dende o noso punto de vista, poden axudar a paliar a situación que estamos a vivir.

No rural galego desaparecen cada ano milleiros de explotacións. Supón unha importante amortización de postos de traballos que non son compensados polo acceso de novas persoas á agricultura. As incorporacións á agricultura son cada vez máis escasas, e os mozos e mozas adoitan buscar traballos alleos á actividade agraria. As problemáticas que se van nomear a continuación, non son exclusivas da mocidade, pero son os mozos e as mozas os que as sofren en maior intensidade.

Algúns dos elementos da estructura socioeconómica do medio rural, que teñen especial incidencia á hora de valorar a situación da mocidade, son os seguintes:

  • Despoboamento Rural: constátase unha perda de poboación continuada en todo o medio, e parece que a tendencia non vai mudar. No Plan Galego de Desenvolvemento Rural que está a elaborar AGADER, o obxectivo previsto é que a perda de poboación no rural ate o ano 2020, sexa so o 50% do que está previsto.

  • Avellentamento da poboación no medio, máis acentuado naqueles concellos nos que actividade agraria ten un maior peso na economía local.

  • Falta de relevo xeracional das explotacións agro-gandeiras, que é unha das causas que conduce ao peche das mesmas.

    Son tres cuestións que marcan a estructura socioeconómica do medio rural e son causa de distintas problemáticas para a mocidade. Mais tamén estas problemáticas acentúan, nun proceso de retroalimentación, que a estructura se perpetúe.

    O problema básico que temos a mocidade do rural, é que non nos quedamos no medio. Podemos dicir (entre vírgulas), que “emigramos” do noso entorno na procura de sustento económico en actividades non agrarias. Ímonos a entidades de poboación máis grandes, fundamentalmente as situadas no eixo atlántico, as capitais das provincias interiores ou ás vilas importantes a nivel comarcal.

    Que os mozos e mozas non queiramos vivir da agricultura responde dende o noso punto de vista ás seguintes cuestións:

    Desvalorización da profesión: ser labrego ou labrega está mal visto. Supón equipararse ás escalas sociais máis baixas inda que obxectivamente, as rendas percibidas e a calidade de vida en sectores da actividade que son receptores dos mozos e mozas do rural, como a construcción ou o téxtil, son máis baixas que as derivadas do traballo nunha explotación.

    Así e todo, a renda media no sector agrario está moi por debaixo da renda media na sociedade.

    Problemática das Políticas Agrícolas Aplicadas (acceso aos medios de producción e ao creto): as políticas agrarias que emanan da PAC e que son aplicadas polo Ministerio de Agricultura e a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, priman un modelo de producción intensivo, agresivo co medio e coas persoas. Un modelo baseado en criterios de competitividade e de rendibilidade económica, que son os que marcan que persoas e explotacións reciben axudas para a súa actividade. Un modelo que non garante a seguridade nin a soberanía alimentaria. Non se teñen en conta criterios sociais.

    O mantemento da actividade agraria, debe ser o eixo fundamental para manter poboación e conseguir un equilibro e conservación ambiental axeitado. E polo tanto o factor determinante á hora de que a mocidade fique no medio rural. Esto, como non é medíbel en termos economicistas de productividade, non computa á hora de obter axudas para a mellora de estructuras nas explotacións.

    Ademais, en certas actividades como a producción de leite, é imposíbel pensar en novas incorporacións que non sexan como continuidade dunha explotación xa existente. Afrontar os investimentos necesarios para poñelas en marcha é practicamente imposíbel.

    Dado que ate os 40 anos é posíbel recibir axudas para a incorporación á actividade agraria, sería interesante coñecer o número de incorporacións de mozos e mozas entre 18 e 30 anos, para facer unha mellor valoración do que supón a falta de relevo xeracional nas explotacións, e mesmo ver cantas explotacións que accederon aos plans de incorporación e polo tanto recibiron axudas para a mesma, pecharon logo dos 5 anos de compromiso.

    O modelo intensivo fomentado dende a PAC e aplicado polas administracións, española e galega, fai que os mozos e as mozas, deixemos de ser labregos/as, productores/as de alimentos, e polo tanto desenvolver unha función fundamental para a cidadanía. Estamos chamados a ser operarios da agroindustria, pero a diferencia doutros traballadores/as, nos poñemos o investimento, a man de obra e o risco, ficando as marxes económicas en mans das empresas.

    Dáse ademais unha falta de apoio a estructuras comerciais propias que poñan en valor os productos e que garantan que se obteñan por eles prezos remuneradores dos custes de producción e do traballo. A dinámica actual é de caída sistemática no prezo dos productos que perciben os labregos e labregas fronte a un incremento continuo do prezo que pagan polos alimentos os consumidores e consumidoras, inda que sexan alimentos sen transformar. A constitución duns prezos mínimos, é a única garantía de obter rendas dignas polo noso traballo.

    Acceso á terra: A presión urbanística en determinadas comarcas de Galicia, e a política de forestación de terras agrarias implementada pola Xunta de Galicia con fundos europeos, fixo que Galicia fose minguando a súa Superficie Agraria Útil, e a pesares da continua desaparición de explotacións, a SAU/explotación case non medrou. As terras fican inmobilizadas sen posibilidade de acceso ás mesmas das persoas que realmente as necesitan. Os labregos e labregas. A terra é a estructura esencial para facer produccións de calidade e con custos controlados.

    A creación dun banco de terras que favoreza a mobilidade da mesma e que sirva para que as explotacións teñan base territorial suficiente, é fundamental para a viabilidade de moitas explotacións, e polo tanto, para o relevo xeracional nas mesmas. Outra pata fundamental para a mobilidade da terra é a creación da Lei Galega de Arrendamentos Rústicos para o fomento dos mesmos.

    Acceso á vivenda: os mozos e mozas galegos que queiramos vivir e traballar no medio rural levando a explotación familiar, na meirande parte dos casos non temos máis remedio que vivir cos nosos pais. Esto limita a nosa autonomía á hora de tomar decisións, ben sexa relacionadas coa propia explotación ou mesmo en cuestións sobre a nosa vida.

    Así é moi difícil que inda que os mozos e mozas estiveran dispostos/as a darlle continuidade á explotación familiar, o queiran facer, pois chocan con problemas de convivencia xeracional. A problemática da vivenda no rural é distinta nas vilas, dado que as construccións son unifamiliares e non edificios de vivendas, que mesmo poden ser de protección oficial ou subvencionados pola administración.

    A esto úneselle a inexistencia de plans interxeracionais para un mellor entendemento entre mozos e adultos.

    Acceso aos servizos: amparados na perda de peso poboacional do medio rural, estanse desmantelando servizos públicos básicos como a sanidade, a educación ou o transporte. Esto fai que cada vez sexa máis precario vivir no rural, co cal a xente opta por irse.

    As actividades de lecer están orientadas sobre todo á persoas das vilas que van ao medio rural (turismo rural e derivados), pero de ningún xeito pensadas para os/as que viven nel.

    Os centros de estudio de secundaria que se sitúan nas vilas máis grandes, e cun transporte escolar é cada vez máis deficitario, determina que moitos mozos e mozas teñan que pasar varias horas cada día para poder asistir aos centros, restando pois horas de sono, de lecer, e de estudo.

    Así mesmo, o acceso ás novas tecnoloxías da comunicación como internet  é moi difícil no medio rural, e nin sequera os centros das asociacións de veciños, están acondicionados para que a poboación teña acceso á rede.

    Esta situación é xeralizada para todo o que se refire á dotación de infraestructuras.

    O desmantelamento dos servizos de Extensión Agraria que serven para asesorar ás persoas mozas nas súas explotacións é unha eiva moi importante.

    Falta de socialización: derivado do despoboamento rural, é cada vez máis difícil manter unha socialización entre xente moza da mesma idade, o que provoca que non poidan realizar actividades de lecer con outros mozos e mozas, no entorno das aldeas. As distintas actividades como as extraescolares, fanse nas vilas e so poden participar nas mesmas os mozos e mozas aos que os pais poidan levar e traer.


    Problemática especifica das mozas: se a situación no medio rural para a mocidade non é boa por todo o antes exposto, a problemática que viven as mozas do rural é aínda peor. A non socialización das cargas familiares, fai que as mulleres do rural teñan que asumir, ademais do traballo nas explotacións, o coidado das persoas maiores e das crianzas, o que fai que moitas mozas prefiran non ficar nas aldeas e buscar o seu medio de vida nas vilas e cidades.

    Outro problema que sofren as mulleres, pero máis acentuado no caso das mozas, é a falta de recoñecemento do seu traballo como parte esencial do día a día dunha explotación agraria; que se manifesta en dúas cuestións:

    Á hora de cotizar á Seguridade Social Agraria, cando os ingresos da explotación non son suficientes para que coticen os dous membros da parella, son as mulleres as que non pagan. Así dáse a situación de que moitas mulleres comezan a cotizar a partir dos 50 anos para ter dereito logo ao subsidio por xubilación. Esto significa que moitas labregas a nivel legal non son recoñecidas como tal, porque unha cuestión imprescindíbel para este recoñecemento é a cotización ao REASS. Esto supón así mesmo, o non acceso a dereitos como baixa maternal, axudas por fillos e fillas menores de 3 anos e mesmo a imposibilidade de elixir e ser elixidas nas eleccións a Cámaras Agrarias.

    A cotitularidade nas explotacións: normalmente as mulleres incorpóranse a unha explotación na que o titular soe ser o home (ser titular de explotación significa ser titular dos dereitos a producir, xa sexa a cota do leite, primas de plantación de viñedos, primas de vacas aleitantes, primas de ovino e cabrún,...). Pode suceder que as mulleres despois de teren traballado case unha vida nunha explotación, en caso de separación, divorcio ou viuvedade, pódense atopar na rúa e sen ningún dereito de producción. Ao non ter cotitularidade na explotación, o recoñecemento destes dereitos dependerá dos xulgados.

    Propostas de traballo:

  • Plan de ordenación do territorio.

  • Creación dun banco de terras e fomento e potenciación do arrendamento das mesmas.

  • Medidas de discriminación positiva para favorecer a cotitularidade nas explotacións.

  • Reforma da Seguridade Social Agraria na que a cota se estableza en función da renda real da explotación, de xeito que se garanta que todas as persoas que traballen na mesma, poidan cotizar.

  • Favorecer o acceso á vivenda dos mozos e mozas no medio rural.

  • Manter e mellorar a rede de servizos públicos no medio rural.

Creación de servicios asistenciais para persoas maiores e servizos de gardería no medio rural.

Santiago de Compostela, 14 de Marzo de 2005

Xoán Monasterio
Secretario de Organización



< voltar a novas






Participa! Desta volta gañamos nós!!!!




Colabora coa Mesa, clica embaixo e axúdanos a galeguizar os bancos e caixas de aforros!