Arroutada!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

­
Novas
Opinión
Arquivo
Ligazóns
Anteriores



*
ADEGA comparece perante a subcomisión do prestige do Congreso dos Deputados


Redacción, 15 de abril 2005. O biólogo ambiental Xabier Vázquez Pumariño, en representación da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), compareceu onte perante a subcomisión do Prestige do Congreso dos Deputados. No seu relatorio salientou que o núcleo do problema de contaminacion son os hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAP) que contiña o fuel do PrestigeEstes compostos tóxicos, alén dos efectos letais, presentan graves efectos de carácter subletal, como reducións da capacidad reprodutiva e da viabilidade das postas e larvas de organismos mariños.

Entre as conclusións que o representante de ADEGA extrae do seu relatorio destacamos as seguintes:

    A catástrofe do Prestige é consecuencia de determinado modelo enerxético e de transporte, excesivamente dependente do petróleo, que debera ser modificado en beneficio da sostibilidade ambiental e social.

 

    Cada poucos anos unha marea negra asola a costa galega, polo que se deben artellar medios de control do tráfico marítimo acordes coa sensibilidade da zona. O control satelital e a declaración de Area Marítima Especialmente Sensíbel é un primeiro paso.

 

    Non só hai grandes vertidos senón tamén pequenos vertidos que chegan constantemente e que tamén deben ser controlados, pois son unha fonte de contaminación crónica.

 

    O núcleo central do problema son os HAP (Hidrocarburos Aromáticos Policíclicos), sustancias extremadamente tóxicas. A súa persistencia e consecuencias deixaranse sentir a medio e longo prazo, alén das consecuencias directas, polo que non é admisíbel un carpetazo a toda a problemática xerada polo vertido do Prestige. Reclamamos un ordenamento xurídico completo sobre os HAP ao estilo do existente nos Estados Unidos, elaborado pola  Axencia de Protección Ambiental (EPA).

 

    No litoral Cántabro-Atlántico existe un rosario de espazos naturais, hábitats de interese comunitario e especies ameazadas prexudicados pola marea negra e polos labores de retirada de fuel. Estes compoñentes do noso patrimonio natural deben ser prioritarios e debe haber coordinación na preservación dos mesmos con independencia das competencias dun ou doutro organismo. Para iso é indispensábel o desenvolvemento dun Sistema de Información Xeográfico aberto e accesíbel.

  

    Na costa aínda quedan toneladas e toneladas de chapapote do Prestige e segue chegando fuel a diferentes puntos. Urximos a súa retirada de maneira eficiente e non agresiva.



Voltar a novas

Ver anteriores