Arroutada!, as novas galegas na rede, informa:


Novas


Contacto
­
Novas..........
Opinión
Arquivo
Ligazóns



Galiza Nova ante o Plano de Transposte Metropolitano

*Galiza Nova da comarca da Coruña exixe un transporte público axeitado ás necesidades da xente e non excluinte.


Redacción, 18 de marzo 2005. O Plano de Transporte Metropolitano asinado en días pasados pola Xunta e os concellos de Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros e A Coruña é calificado de insuficiente e excluínte por Galiza Nova (organización das mocidades do BNG) da comarca coruñesa. Para darlle resposta a este Plano durante as vindeiras semanas levaran adiante unha campaña informativa e reivindicativa baixo o título
Plano de Transporte Comarcal: Insuficiente. A mocidade quere solucións” na que exixirán un verdadeiro transporte público de carácter comarcal, ecoloxicamente sustentábel, axeitado ás necesidades reais de desprazamento da xente da Comarca e non excluinte nin a respecto de determinados municipios nin a respecto de determinados sectores sociais.

Neste sentido, Galiza Nova da Comarca da Coruña cualifica o novo Plano de abertamente insuficiente, incompleto e inconcreto e demanda medidas de aplicación urxente para encarreirar o século XXI en materia de transporte na Comarca, unha das máis densamente poboadas da Galiza e unha das máis caóticas no que a circulación de vehículos se refire, situación agravada por unhas infraestruturas viarias claramente insuficientes. Se ben a existencia dun Plano como o asinado é positivo porque arroxa luz sobre un panorama historicamente desastroso no que a transporte se refire e tamén o é a aplicación dun Billete Único que permite un desconto do 40% no prezo das viaxes, segue sendo necesario facer muito máis.

Galiza Nova centra as súas críticas preferentemente en dous aspectos: a exclusión do Plano de determinados concellos hoxe intregrados pola vía dos feitos na Área Metrolitana e cunha densidade poboacional en ascenso (Sada, Bergondo, Abegondo e mesmo Betanzos) e a dun sector social como o da mocidade, cunhas necesidades específicas en materia de transporte que non son atendidas. Especialmente criticábel é que este Plano volte a deixar fóra o transporte universitario, e especialmente a creación de liñas de transporte con horarios e frecuencias específicos que intercomuniquen os campus universitarios cos concellos da Comarca, cando menos cos núcleos poboacionais maiores. Unha das “propostas estrela” de Galiza Nova é, con respecto á mocidade, a creación dunha denominada “tarifa plana xuvenil” común a buses e trens que permitiría as usuarias e usuarios máis novos viaxar a prezo reducido.

Tamén se reivindica na campaña unha clásica demanda do nacionalismo na comarca coruñesa: a creación de servizos ferroviarios de proximidade aproveitando as liñas xa existentes (corredor A Coruña-Betanzos-Ferrol e corredor A Coruña-Lugo) e mesmo o estudo de liñas novas. Recórdase que a Comarca da Coruña é das pouquísimas do Estado que cunha densidade poboacional semellante non contan con este tipo de ferrocarril e rexéitase que o servizo sexa “pouco ou nada rendíbel”, como argumenta o Ministerio de Fomento español unha e outra vez. Dous dos actos que Galiza Nova desenvolverá serán unha viaxe reivindicativa a Cambre en tren desde A Coruña seguida dunha charla nesta vila co Deputado do BNG Francisco Rodríguez, autor de innumerábeis iniciativas parlamentares en materia de transporte público, e unha homenaxe cívica ao tren como acto de feche de campaña.


< voltar a novas






Participa! Desta volta gañamos nós!!!!




Colabora coa Mesa, clica embaixo e axúdanos a galeguizar os bancos e caixas de aforros!