Arroutada!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

­
Novas
Opinión
Arquivo
Ligazóns
Anteriores


*
O SLG pide a Política Agroalimentaria un encontro urxente coas organizacións agrarias para informar da Conferencia Sectorial do Leite


Redacción, 19 de abril 2005. O Sindicato Labrego esixirá ao Ministerio de Agricultura que manteña a base territorial das explotacións e a discriminación positiva de xénero como criterios de puntuación para establecer prioridades.

O SLG esixe que o Conselleiro de Política Agroalimentaria, José Antonio Santiso Miramontes, convoque inmediatamente ás organizacións agrarias galegas representativas para informar sobre a Conferencia Sectorial do Leite celebrada, onte en Palma de Mallorca, ao redor do Plan de Reestruturacion do Sector Lácteo do Ministerio de Agricultura.

O SLG tamén pedirá que o Conselleiro explique a postura que defendeu ante o Ministerio de Agricultura, e critica que non tentase acordar esa posición –previamente e antes do encontro- coas tres organizacións agrarias galegas. Diante dun tema de tanta transcendencia para o noso agro, é inxustificábel o escurantismo da Consellaría que, a día de hoxe, non informou aínda a ninguén sobre o que defende e o que reclama ante o Ministerio de Agricultura para o noso sector leiteiro.

En canto ao borrador do Plan de Reestruturación do Sector Lácteo (PRSL), o Sindicato Labrego Galego quere facer público o seu firme desacordo coa eliminación, dentro do mesmo, de dous criterios de puntuación á hora de establecer prioridades:

1. Que a titular dunha explotación sexa muller non vai puntuar á hora de asignar cota láctea. Para o SLG, eliminar a discriminación positiva no PRSL vai afondar na desigualdade que sofren as mulleres labregas e incidirá negativamente na permanencia destas no sector lácteo. Por iso, o SLG non só vai seguir insistindo en defender este criterio, senón que pedirá que se amplíe a aquelas explotacións nas que as mulleres sexan cotitulares.

2. Outro criterio importante que se eliminou do borrador do PRSL é a base territorial das explotacións. Cremos que este criterio é moi importante, pois favorece a explotacións que producen en base á terra, aspecto fundamental para o mantemento das explotacións leiteiras galegas.

Polo demais, o SLG segue mantendo a súa posición de que os dereitos de produción non poden ter valor de mercado e deberían ser gratuítos. Non embargante, dende o Sindicato Labrego cualificouse como positiva a eliminación da compravenda de cota láctea entre particulares, por considerar que esta práctica xerou un mercado especulativo coa conseguinte aparición de mafias, e que levou aos dereitos a uns prezos desorbitados que abocaron ás explotacións lácteas a elixir forzosamente entre dúas saídas: ou endebedarse ou pechar.

Por iso, o SLG agarda que o Ministerio de Agricultura recapacite e inclúa entre os baremos de puntuación para establecer prioridades a base territorial das explotacións e a discriminación positiva a favor das mulleres pois, en caso contrario, estaranse a favorecer os intereses das explotacións lácteas de tipo industrial e intensivo, amais do abandono da actividade agraria das poucas mulleres que fican no medio rural, favorecendo así a desertización.

Voltar a novas

Ver anteriores