|
Publicidade Contacto Novas Opinión Arquivo Ligazóns Anteriores
|
*Quintana
critica que Fraga xoga coa data eleitoral en función de
“intereses partidistas e persoais”
Redacción,
19 de abril 2005. Adianta n’A Coruña
a intención de criar unha Consellaría da Vivenda que
parta da realidade de Galiza ter o parque de vivendas abandonado e
en ruínas maior de Europa. O
portavoz nacional do BNG,
Anxo Quintana, acusou hoxe ao presidente da Xunta, Manuel Fraga,
de utilizar a data eleitoral en función dos seus intereses
persoais como candidato e en función da conveniencia
partidista do PP, fiel reflexo dun político que “concibe
as institucións como chiringuitos de uso
particular”.
“Fraga non está en
condicións de gobernar e por iso o apremian as datas. Non é
un problema nen de idade nen de saúde, senón un
problema político da concepción que ten dos cargos
públicos e das institucións. Non ao servizo dos
cidadáns, como as entendo eu, senón como
chiringuitos de uso particular”, dixo o líder
nacionalista no transcurso dun café de redacción con
xornalistas.
O
líder do BNG subliñou que a formación
nacionalista está “preparada” para enfrentar os
comicios autonómicos, “calquer que sexa a data”.
“Que as convoque cando queira, para o BNG é
indiferente, pero que o aclare canto antes perante os cidadáns”,
acrecentou o portavoz nacional, quen lamentou que “se estea
a barallar un calendario non en función dos intereses do
país, senón do Partido Popular”. Así,
advirte a Fraga que todos os gobernos que convocan as eleccións
elixindo a data para gañalas terminan por
perdelas.
Quintana expuxo tamén as propostas do BNG
en materia de rehabilitación dos cascos históricos.
Neste sentido, avanzou que o goberno presidido por el criará
unha Consellaría de Vivenda “que parta da realidade
de que Galiza ten o maior parque de vivendas abandonadas e en
ruínas de toda Europa”.
Calquer política
de vivenda, engadiu, ten que partir deste feito, “lonxe dos
debates sobre os metros cadrados, porque esa non é a
realidade de Galiza”.
Salientou
tamén que a rehabilitación e a actuación nos
cascos históricos é unha cuestión primordial
para o BNG. “E iso porque os núcleos vellos das
cidades son a alma da identidade urbana. Neste sentido, as
rehabilitacións deben estar sempre marcadas por dous
criterios inescusábeis. Por un lado, respecto estrito ao
parcelario existente. En segundo lugar, un escrupuloso uso dos
materiais empregados na recuperación dos imóbeis,
algo que non se está a executar na cidade da
Coruña”.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|