|
Publicidade Contacto Novas Opinión Arquivo Ligazóns Anteriores
|
*Política
Agroalimentaria defende unha postura suicida para o sector lácteo
galego
Redacción,
20 de abril 2005. Pedir
que se manteña a compravenda de cota entre particulares
equivale a seguir apostando polo peche masivo de explotacións.
O
Sindicato
Labrego Galego amosa a súa consternación e o seu
rexeitamento máis firme ante a nova posición
adoptada pola Consellaría de Política
Agroalimentaria, que afirma unha barbaridade como que eliminar a
compravenda privada de cota láctea entre particulares
prexudica a Galiza.
Precisamente, a compravenda privada de
cota levámola aturando, coa complicidade da Xunta, máis
dunha década cun saldo claro e demoledor: máis de
14.000 explotacións lácteas pechadas en Galiza dende
1992, e un medio rural cunha crise aguda de desertización.
Detrás desta situación crítica do noso agro
agáchase, precisamente, a compravenda de cota entre
particulares. Esta práctica fomentou a especulación
e a proliferación de mafias, aumentando desorbitadamente os
prezos dos dereitos e forzando ás explotacións
galegas a dúas saídas: ou pechar por non poder
ampliar a súa capacidade produtiva, ou someterse a un forte
endebedamento e hipotecar o seu futuro para poder mercar
cota.
Por primeira vez en moitos anos, o Plan de
Reestruturación do Sector Lácteo presentado polo
Ministerio de Agricultura daba esperanzas a miles de explotacións
galegas que se beneficiarán ao poder incrementar a un prezo
razoábel a súa capacidade produtiva para acadar a
viabilidade económica que lles permita continuar.
Non
embargante, e facendo gala dunha política de catacumbas
totalmente allea á realidade do país, Política
Agroalimentaria avoga agora por manter a compravenda privada de
cota sen falalo previamente co sector, e facendo gala dunha
postura corporativista e politizada, que pretende obter réditos
electorais para o PP a costa do futuro do sector.
Dende
logo, esta posición da Consellaría supón un
insulto e un desprezo aos miles de explotacións galegas que
aínda poden ser viábeis se amplían a súa
capacidade produtiva. A política positiva de Política
Agroalimentaria para o sector, e para o desenvolvemento rural en
xeral, pasa por garantirlle o futuro a estas explotacións.
A política feita pública no día de hoxe pola
Consellaría condena a todas estas explotacións a un
peche seguro, e beneficia só a unhas poucas granxas de
corte industrial e sobredimensionadas nun medio rural morto e
desertizado.
Dende logo, se Santiso Miramontes non dá
marcha atrás neste posicionamento suicida para o noso
sector lácteo e o noso agro, atopará no Sindicato
Labrego Galego unha firme e contundente oposición.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|