Arroutada!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

­
Novas
Opinión
Arquivo
Ligazóns
Anteriores


*Quintana afirma que o adiantamento eleitoral pon fin a un goberno agónico


Redacción, 22 de abril 2005. O BNG completará as súas candidaturas no prazo de quince días, anunciou o portavoz nacional. O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, afirmou onte en Vigo que o adiantamento eleitoral obedece a que Fraga non tivo máis remedio que “pór fin” a un Goberno agónico. “Estou encantado de que Fraga adoptase esta decisión porque remata cun Goberno acabado e agónico”, subliñou Quintana en declaracións aos medios. O portavoz nacionalista salientou que o BNG “parte con vantaxe” ao ser a única forza política “que se adiantou aos acontecimentos, ás mentiras e ás falsedades de Fraga”. “Non é casual que sexamos a única forza política que ten elexidos xa aos cabezas de lista provinciais”, engadiu Quintana, quen considera que o Bloque Nacionalista Galego “é unha maquinaria unida e cohesionada e todos traballan nela para conseguirmos o obxectivo de Galiza ter por vez primeira un presidente nacionalista”.

Aproveitou este encontro cos medios o portavoz nacional para anunciar que o BNG completará as súas candidaturas en arredor de quince días. “Non nos colle por sorpresa nen as mentiras nen a manipulación de Fraga”, afirmou.

Dar a cara ante a cidadanía

O candidato nacionalista á presidencia da Xunta de Galiza instou tamén a Fraga a que acceda a manter debates nos medios de comunicación para que os cidadáns teñan a oportunidade de “coñecer en vivo e en directo” as propostas de goberno de cada opción política.

“Xa hai unha data eleitoral. Acabouse xogar ao escondite cos galegos, que queren coñecer as condicións en que se apresenta cada candidato e cales son as súas propostas”, acrecentou.

O líder do BNG recalcou que Fraga non está en condicións de gobernar e insta ao candidato popular a “dar a cara” porque non pode ser un candidato “escondido detrás dun telón nen pode facer a campaña agachado”, polo que “lle pido en honor da democracia e da verdade que acceda a participar nun debate porque os cidadáns teñen direito a coñecer sen falsificacións as condicións en que nos apresentamos e cales son as nosas propostas”.


Voltar a novas

Ver anteriores