|
Publicidade Contacto Novas Opinión Arquivo Ligazóns Anteriores
|
*A
MESA lamenta que a lexislatura termine sen que se aplicase
ningunha medida do plano xeral de normalización da lingua
galega (PXNL)
Redacción,
24 de abril 2005. Debido
ás eleccións, as Mocidades da Mesa
deciden desconvocar a mobilización estudantil prevista para
o día 19 de maio.
O
pasado mes de setembro foi aprobado por unanimidade no Parlamento
Galego o Plano Xeral de Normalización da Lingua Galega
(PXNL). Cando se presentou publicamente, o Goberno comprometeuse a
aplicar as primeiras medidas do PXNL no mes de marzo. As semanas
pasaron e o Goberno volveu mostrar a súa desidia ao ser
incapaz de pór en marcha ningunha das medidas aprobadas hai
xa sete meses e que corresponden a un proceso iniciado hai tres
anos. O Goberno de Manuel Fraga Iribarne utilizou o PXNL como mera
propaganda, maquillaxe “galeguista” para tentar
camuflar un dos momentos máis apáticos da política
lingüística autonómica.
A Mesa
valora moi negativamente os resultados desta lexislatura no
referente á situación social da lingua galega. Os
escasísimos adiantos que se produciron foron a remolque da
presión social e a pesar da propia Xunta de Galiza.
No
Partido Popular son conscientes do progresivo retroceso da lingua
galega, coñecen as estatísticas existentes, mais
negan a evidencia dos datos empíricos e afirman que o
galego vai ben. Negan o evidente porque as estatísticas
afirman sen ambigüidades a perda de falantes e deixan
translucir que só cunha política decidida e coa
colaboración necesaria de todas e todos se pode corrixir a
decadencia presente. Hai que lembrar que, segundo as
estatísticas, o período de maior perda de falantes
da historia da lingua galega se produciu durante o goberno de
Manuel Fraga Iribarne. Nestes últimos quince anos,
duplicouse a cifra de persoas que abandonaron o uso habitual do
galego.
A política lingüística do
Partido Popular é, para o idioma galego, un fracaso pensado
e buscado. Despois de tres lustros non poden mostrar resultados
favorábeis porque non os teñen. A súa
incompetencia neste ámbito é un bo termómetro
da súa incompetencia noutras esferas da súa
xestión.
Desconvocada a mobilización do
día 19 de maio
Ante a convocatoria de eleccións
e a posibilidade dun novo goberno que saia das urnas o próximo
19 de xuño, as Mocidades da Mesa decidiron desconvocar os
paros estudantís proxectados para xusto un mes antes.
Através destes paros pretendíase demandar o pleno
cumprimento do Decreto 247/95 e a aplicación para o curso
próximo do articulado polo PXNL no referido ao ensino, onde
se indica que cando menos o 50% da docencia debe ser en galego. O
actual Goberno decidiu non dar ningún destes pasos e, así,
corresponderalle ao novo Goberno levar adiante estes pasos tan
necesarios para que o idioma que nos une teña
futuro.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|