http://bjork.com/

Volta - 2007

Excelsa coma sempre de afán vanguardista e experimentador que a caracteriza, a finlandesa da un par de paladas máis no foso
que separa os seus fans dos seus detractores.

Sen ser o seu mellor álbum continúa aportando prolíficas e novas propostas musicais. En Volta dominan as fusións entre
música clásica e electrónica, algo que a priori non sería ningunha novidade, véxanse os discos tipo Ópera chillout, Clásicos dancing,
Pop sinfónico, Vivaldi House
e toda unha manada de enxendros musicais agazapados tra-la bandería da innovación. O de Bjork
é un traballo serio, meditado, rodeada dos gurús do momento da música electrónica, da producción (Timbaland) e de fortes apostas
persoais para investigar na percura de novos sons.

Fundamentalemente dominan as orquestacións de vento, aportando un ton dramático wagneriano que harmoniza perfectamente
cá voz da artista, modulando dende rexistros infantis e lúdicos ata inflexións próximas ó berro descarnado tan do seu estilo. Manexa
tamén un recurso curioso, hai un desacoplamento sutil entre as melodías orquestrais e os ritmos de samplers electrónicos, Wanderlust
e Vertabrae by Vertabrae, creando atmósferas moi complexas e difíciles de abarcar tan do gusto de Bjork.

A exploración musical toma tamén outra senda, a do tribalismo e a música étnica. Por un lado temos temas coma o single
Earth Intruders con ritmos tribais e africanizantes nas percusións e pistas coma Hope ou I see who you are con instrumentacións
orientais.

Tamén hai unha evolución nas letras. Bjork é unha persoa pasional e pegoulle forte o seu compromiso con UNICEF, se neutros discos
existe certo mensaxe ecolóxico neste está latexante. Expresado xa dende o Earth Intruders de presentación. ¿Somos os humanos os invasores que estamos a sangrar o planeta?, ¿existe a posibilidade que nos comportemos coma unha tribu global e busquemos equilibrio
co medio?.

Para quen busque o sonido máis Bjork quedan temas coma Declare Independe na liña de Post, pistas bailables, ou os 2 duetos có tamén personalísimo Antony Hegarty, de Anthony and the Johnsons, seguro que serían todo un espectáculo no escenario, pero aquí no disco semellan repetir temas da B.S.O de Dancing in the Dark, ondeo actor Peter Stormare non tería nada que envidiarlle.

Por último destacar o apartado gráfico do disco, obra do estudio francés M/M. S endo sincero levo bastante sen mercar un disco,
xa falarei noutro momento da piratería e de cómo apoiar ós artistas, Volta está a punto de gozar do dubidoso mérito de facerme
gastar os cartos, non só pola calidade do disco e por respaldar a Bjork, tamén por premiar o traballo de deseño e maquetación
buscando unha obra artística global.


http://www.travisonline.com/

The boy with no name - 2007

Non son eu un apasionado do Britpop, para min todo empezou e rematou cos Beatles, foron capaces de sacarlle ó xénero todo o
que daba de sí (para quen vexa orixinal meter sitares e violíns ou ritmos africanos que escoite o colosal Revólver). Sen embargo
Travis ten as miñas simpatías. Coñecinos de rebote fai anos; nun video musical onde dous tipos aparecían facendo unha versión
acústica do One more time de Britney Sperars incapaces de conter a risa, fixeron que hit semellara un temazo. Dende aquela vou
seguindo as súas andanzas.

Co anterior 12 Memoris os escoceses deran un xiro ó seu estilo para meterse nun territorio complexo, melancólico e áspero,
arriscandose cambiando o son que os levara á fama. Parece que foi un espexismo con este albúm voltan ós sons máis doces e
ledos do pop comercial. Incluso a unha instrumentación clásica con escasas concesións a efectos e orquestacións de violíns tan
típicas no pop dende hai unha década, retoman tamén un son lírico no piano, na liña dos últimos éxitos de Colplay ou Keane,
bandas ás que Travis lles foi abrindo camiño,pode que debido á producción de Nigel Godrich (Radiohead e Beck) que lle de un
gusto a xa escoitado, coma exemplo Closer, 1º single e declaración de intencións de por onde vai o disco.

Pese a seres undisco simple, monótono nos estilos das cancións (algunha distorsión en Eyes wide open ou badaladas en Big Chair)
o albúm déixase escoitar gratamente. Por riba de todo Francis Healy e compañía son grandes músicos e teñen boas cancións,
excelentes melodías pegadizas e afables (Battleships, My eyes...). Tampouco pecaron de facer un disco para o mercado con 2 ou
3 singles e recheo. Tódalas pistas posuen bastante calidade e deféndense dignamente. Un bo disco para deixalo soar de fondo e
arricar o día con optimismo e bo sabor de boca.



 

 

 

 

 

 

http://www.keikomatsui.com/

Moyo - 2007

Neste último disco a pianista xaponesa Keiko Matsui semella afastarse dos sons New Age dos anteriores traballos para retomar
a senda do Smooth e o Acid jazz. Sempre dende o seu persoal eclecticismo musical.

Á primeira escoita resulta evidente a tendencia mediterránea xa enunciada en Deep Blue (2001), pistas coma Heart and Soul
ou An Evening in Gibraltar son fermosos paseos pola area do latin jazz. Pero a maior sorpresa neste sentido é A Great Romance
un tema inconfundiblemente flamenco co poderoso piano da xaponesa a dúo cá guitarra española.

O álbum exala a elegancia e a calidade de producción de toda a obra de Matsui así coma o seu gusto por experimentar novos sons.
Fuxe de protagonismos instrumentais sabendo compartir protagonismo interpretativo co resto dos músicos. Neste sentido destacan
as colaboracións, entre outras, da voz do angoleño Waldemar Bastos en Un novo día, co pouso da Bossa (único tema non
instrumental) . E do saxofonista Paul Taylor, After the rain, que lle imprime ó disco un carácter rítmico e bailable.

Coma obxeción decir que o eclecticismo funciona coma unha arma de dobre fío: fai do disco unha peza soluble, carece da
redondez doutros dos seus traballos. Bótase en falta a carencia de unidade e o carácter circular. Quedando case que nunha suma
de temas con escasa interrelación a pesares de manter similar instrumentación e motivos musicais. Isto último pesa moito
porque lles confire ó álbum monotoniedade e linealidade que non debería ter, sobre todo escoitando a forza e a graza na
interpretación dos instrumentos.

 





 

 

 



Atril de Cannonball
co garabato da estructura modal para inerpretar Flamenco Sketches, con só o apunte de
Bill Evans: "tocar na cor da escala"

 

 

 

 

 

 

 

 

http://www.milesdavis.com/

Kind of Blue - 1959

Fai pouco regaláronme o libro "Miles Davis y Kind of Blue, la creación de una obra maestra" do especialista en jazz Asheley Kahn.
A obra non me pareceu gran cousa, non deixa de ser un compendio de anécdotas, citas e traballo de hemeroteca, de interese ós fans
máis incondicionais. Sen embargo o libro despertoume gañas de escoitar de novo o disco.

A miña relación con Kind of Blue é extraña, remóntase a 1999 cando, con motivo dunha reedición especial polo 40 aniversario,
proliferaban reseñas nas revistas de tendencias e suplementos dominicais. Tratábano de Monumento Musical, o mellor disco
de Jazz da historia.

Eu entrara no jazz da man dos contos de Cortázar, querendo que me gustase, empezara por Charlie Parker e a tentativa funcionaba.
Foi cá suavidade e a tristura do Cool jazz de Chet Baker e as mesturas co bossa de Stand Getz cando rematei por prenderme desta
maravillosa música. Buscando ampliar repertorio mirei nas típicas listas tipo 100 mellores discos onde figuraba de primeiro
o Kind of Blue. Son consciente escoitalo varias veces, sen sacar en limpo máis que o tarareo pegadizo de So What e o sabor a chuvia
de Blue in Green, sempre me pareceu un temazo digno de calqueira antoloxía.

O rescatar o disco levoume a unha conclusión:. nestes 6 ou 7 anos tiveron que cambiar moitas cousas porque me sumo a
todas esas opinións que o califican de obra maestra, xa non do Jazz, senon da música en xeral.

Fora dos mitos da autoría das pezas - de se foi todo improvisación (foron 2 días de sesións, 7 micros e unha mesturadora de 3 pistas,
poucas tomas de cada tema, nalgún quedaron cá primeira) ou da revolución e o paso a unha nova linguaxe: o jazz modal - o disco é todo sutileza, riqueza de matices e intensidade emocional.

Davis logrou xuntar un sexteto de talento, personalidade e bagaxe musical. John Coltrane ou Paul Chambres perfectamente custodiados
por grandes creadores de ambientes no piano de Bill Evans e a batería de Jimmy Cobs. Neste equipo capitaneado por Miles os temas simplificáronse en meras instruccións, patróns melódicos, enunciados de estructuras apuntados en servilletas, economía de medios
para deixar paso a libertade do solista, a centrarse de cheo no que se dí e non en canto se dí. Pásase do virtuosismo e a enerxía do Be Bop
ós matices e a emotividade. Do empaque épico das big bands ó intimismo melancólico dun grupo de jazzman nunha habitación. Ábrense novas pontes dende os ritmos africanizantes, escalas e modos árabes e orientais (a cadenciosa Flamenco Sketches), ata influencias clásicas coma Rachmaninov. A música toma un sentido etéreo, a banda xera unha textura para o fluir dos solos, caso do inicio de So What ou
o vamp hipnótico da batería de All blues coma base para o desenrolo dos solistas.

O disco é unha xoia; require varias e atentas escoitas para captar tódolos tonos, sumerxirse na atmósfera instrumental deixándose
levar polas escalas modais que nos sorprenden en cada xiro, acariciando sen abraza-la melodía para suxerirnos motivos cambiantes, sorprendendo ó ointe en cada nova escoita.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

http://www.jorgedrexler.com/

12 segundos de oscuridad - 2006

Definitivo, xa podemos falar do síndrome do premiado, o de que os premios pesan, sobre todo canto máis mediáticos sexan. Pasoulle a Saramago e pasoulle a Drexler, por citar exemplos recentes.

Trala ampla repercusión do Óscar polo tema de Diarios de motocicleta esperábase con impaciencia novo disco do uruguaio. Estaba claro que non quería defraudar, necesitou tempo e illamento para sacar este album. Algúns agardaban que permanecese ese ton intimista de moitos dos seus temas, nunha liña de cantautor similar á de Al otro lado del río, pero Drexer é un grande, seguíu fiel a sí mesmo e avanzou outra casilla no seu estilo.

O primeiro que destaca ó escoitar o album e a inxección de cartos que debeu ter para a producción. Un traballo de estudo moi coidado en mesturas, efectos, ambientación e claridade de son. Este nivel de calidade debeulle permir elevar o seu barroquismo tanto nas letras coma na música, algo que xa apuntaba en temas do anterior Eco, coma Mi guitarra y vos. O autor supo exprimir ós medios o seu alcance para facer o disco que quixo, que soara coma el quería que soase.

Outra cousa salientable é a heteroxenidade, hai dende temas populares coma Soledad cantado a dúo con María Rita, versións coma High and dry de Radiohead ou traballo de remezclas en Disneylandia. De temas acompañados só cá guitarra a excesos drexlerianos coma xuntar orquesta con samplers.

Pese a ese exilio interior a temática é variada e global (con moitos guiños a vida nómada do artista). Algúns críticos califícano de intimista e autobiográfico: Drexler remaba a súa separación e a sombra da ruptura roza moitas das cancións . Pese a eso a mín paréceme o contrario,
¿as rupturas son monopolio de alguén? un dos talentos de Drexler é facernos partícipes das súas reflexións e dilemas, transformar os sentimentos en lugares comúns a todos e personificar o seu mundo en diversas personaxes con vocación universalista, un exorcismo de paradoxas da vida cotidiana alimentada polas búsquedas, celos, medos, e desexos.

Non faltan as colaboracións, a parte da mencionada María Rita, aparecen nomes coma Kevin Johansen ou Arnaldo Antunes, a miña favorita é El otro engranaje, coloreada pola sensual voz de Leonor Waitling susurrando de fondo.

O disco rebosa desa linguaxe rica, escollida, fluida e esaxerada propia das letras de Drexler, de harmonías compricadas cheas de disminuidos e tons menores con sabor melancólico. Sen dúvida o seu mellor disco mentras non chega o seguinte.