|
CONVIVENCIA SEN
CONTRADICCIÓNS.
José R. Vidal.
O lema do Día
escolar pola Paz deste ano 2007, "+ Convivencia= -Violencia ",
suxíreme a seguinte reflexión.
Na sociedade complexa
na que vivimos, caracterizada polos cambios acelerados, a variedade de
ofertas e os desafíos constantes, non é doado saber a que atermos para
actuar de xeito coherente e responsable no exercicio da nosa actividade e
non acada-lo efecto contrario daquilo que pretendiamos. Principios,
valores e normas que ata o de onte asumiamos coma válidos, hoxe, ou xa non
se contemplan, ou son instrumentalizados a conveniencia por unha nova
cultura social obsesionada polo benestar que bota man do consumo (e nos
chama clientes no canto de cidadáns), das necesidades innecesarias e do
espectáculo como instrumentos "educadores" de masas, e converte o noso
quefacer diario nunha práctica de contradicións con consecuencias non
sempre beneficiosas para a convivencia e as melloras que ansiamos.
Así, a pesares das aparentes boas formas e
maneiras das que facemos gala nas relacións cos demais e coas que
secundámo-los valores contidos nas mensaxes dos Días internacionais e
datas sinalas, sen querer dármonos conta, a realidade vaise tinguindo de
discriminación onde pretendiamos respecto pola diferenza, de desprezo
polos que discrepan e non pensan coma nós , de mentira como habilidade
socio profesional, de vinganza, de mediocridade obrigada para poder
soporta-lo acoso moral e escolar que nos rodea. Sobrada de clubs de amigos
ós que só pertencen os que interesadamente nos apoian, de marxinación
intencionada, de prexuízos, de excluíntes maiorías amañadas, de hipocrisía
bempensante,… a práctica diaria está falta de ética, de coherencia, de
honestidade e xogo limpo. Semellamos estar instalados na lexítima
comodidade do non compromiso, na improvisación rutineira, na defensa do
defecto virtuoso,... nos dereitos sen deberes. Coma si a vertente
utilitarista da vida, a eficacia inmediata, o medible, prevalecera sobre a
planificación, o estudio e a prevención. Cuestións como a solidariedade, o
respecto, a tolerancia, a disciplina, o sacrificio, a superación persoal,
o traballo ben feito, trócanse pola recompensa inmediata sen esforzo, polo
antollo, polo beneficio persoal e pola escasa tolerancia á frustración e ó
fracaso. Semella que imos moi de présa, que non todos/as somos necesarios,
que falta tempo para a reflexión, mínimos obrigados para a convivencia,
para non disolvérmonos na rutina e na desculpa sistemáticas, no auto
engano,… para non instrumentalizalo todo a conveniencia.
Unha cousa é que á
hora de dar respostas e busca-lo noso papel ante os novos e inquietantes
desafíos que a sociedade nos presenta cada día reclamémo-lo noso dereito a
ser diferentes e a critica-lo que se nos propón coma conveniente e poder
pensar e seleccionar outras posibilidades, e outra moi distinta, que todo
sexa igualmente válido e xustificable. O feito de que os desaxustes, as
discrepancias e a falta de consenso sexan habituais e fagan difícil o
labor diario, non debe desanimarnos nin xustificar actitudes coma as
sinaladas, conformistas ou pasivas, senón que debe entenderse como un
atributo permanente deste labor na procura dunha sociedade máis xusta e
respectuosa coa diversidade que, por medio dunha educación das actitudes,
das conviccións e dunha maior implicación na mellora da convivencia, nos
iguale realmente a todas e todos en dereitos, deberes e oportunidades, sen
exclusións, sen facer da aparencia, da falsidade e do enfrontamento
modelos de conducta a imitar. José R. Vidal Calvelo.
|