|
FARO DE VIGO.24 de diciembre de 2004 Valores que valen Tribuna libre José R. Vidal Calvelo . Vivi mos tempos enganosos, nos que non resulta doado saber a que atermos para actuar de xeito coherente nunha sociedade caracterizada polos cambios acelerados, complexos, dirixidos e contraditorios, que aceptamos sen máis, cal imposición, para poder seguirlle-lo ritmo ó "benestar", sen valora-lo costo e o sacrificio ó que someten ós nosos principios e valores morais. Estanse a producir cambios importantes e desaparecendo límites necesarios. Pouco a pouco configuramos unha cultura social na que determinados valores e procedementos non se contemplan e son obxecto de burla e desprezo.Semella como si estiveramos instalados na lexítima comodidade do non compromiso, no día a día, na improvisación, na defensa do defecto virtuoso, nas actuacións ó ditado da instrumentalización... Coma si a negociación lle gañara terreo ó diálogo, o desprezo á consideración, a pasividade á conciencia crítica. O prexuízo ó coñecemento, a hipocresía á responsabilidade... Semella que os heroes de hoxe, os modelos a imitar, "os que venden" son os contistas, os aproveitados, os creadores de necesidades innecesarias. Semella que vivimos unha nova forma de picaresca vital na que a ignorancia aparece disfrazada de solemnidade, de moita aparencia e pouco fondo. Falamos e falamos, e moitas veces a nosa voz non é nosa. Coma si a vertente utilitarista da vida, a eficacia inmediata, o medible, prevalecera sobre a planificación, o estudio e a prevención. Cuestións como a honradez, a solidariedade, o respecto, a xenerosidade, a tolerancia, a disciplina, o sacrificio, a superación persoal, o traballo ben feito, trocáronse pola recompensa sen esforzo, polo capricho, a indolencia, por aparenta-lo que non somos, polo diñeiro fácil e polo enriquecemento rápido a costa do que sexa. Hoxe parece que nos satisface máis amorear que compartir, aparentar máis que ser, dar unha imaxe máis que ser auténticos/as. A expresión sincera dos sentimentos, da afectividade, do cariño, da amizade, ou non se fai ou se desata sen control nin equilibrio en ateigados e benpagados escenarios audiovisuais. Parécenos máis cómodo botárlle-la culpa ós demais do que nos pasa que recoñece-los nosos erros, como si as mil caras da tentación non estiveran sempre presentes para caer nela ou tamén para rexeitala. Ó apuntar solucións os expertos din que é cuestión de educar en valores, de cambios de fondo, de que si unha boa parte da aprendizaxe se debe ó que observamos na casa, no traballo e na sociedade, debemos coida-lo exemplo que damos na posta en práctica dos valores que valen e queremos transmitir, de que si dende a familia, como primeiros educadores, e a escola non se traballan estas cousas, se poñen algúns límites e fomentan determinadas actitudes, hai pouco que facer. Quizais conveña que todos e todas reflexionemos sobre o noso exemplo, para ver que é o que está na nosa man para encamiñarnos neste sentido. No modelo de conduta que ofertamos, ¿rexeitamos ou ignoramos a alguén por que pensa ou fai as cousas de xeito diferente?, ¿respectamos a todos/as por igual?, ¿xulgamos e decidimos en base a prexuízos, a interesadas informacións parciais, sen coñece-los feitos?, ¿vendémo-lo que non temos? ¿dámo-las cousas por ben feitas por comodidade, conveniencia e interese persoal?, ¿recoñecémo-lo esforzo, o traballo e os dereitos dos demais?, ¿conformámonos con sabe-lo que temos que facer sen poñelo en práctica?.. Semella que, por cotiás, deixaramos de ter mala conciencia ante determinados feitos. Semella que imos moi de presa, que falta tempo para a reflexión, para non disolvemos na rutina e na desculpa sistemáticas, para non instrumentalizalo todo a conveniencia. . . Pero só semella. Estou seguro de que todos sabemos que os valores non xorden da nada, que hai valores e valores, e que unha cousa é o respecto as actuacións dos demais e outra que todo sexa igualmente válido. Permítome esta reflexión a carón do Nadal, para que os bos desexos se fagan realidade, perduren e non tiñámo-la necesidade de ter que adicarlle un día internacional ós valores que nunca debemos perder para garantir una convivencia xusta, ecuánime, ponderada e en paz. Bo Nadal. Bos valores. Sempre.
|
|
|