Nota (auto)biográfica
   
 

Marilar Aleixandre
(María Pilar Jiménez Aleixandre - Madrid, 1947)

Teño saudades de todas as cidades e vilas nas que vivín: Ceuta (o limoeiro de lúa que tiñamos no patio); Doña Mencía (ir comer figos ao romper a alba con meu pai); Madrid (o cineclube de Areneros, onde vin por vez primeira "Freaks"); Vigo (as mimosas en flor en decembro); Santiago de Compostela se algún día marchase, e ata outras cidades nas que nunca ou só brevemente vivín: Donostia, Perugia, Boston. Debido a Ramón Facal teño unha relación especial con Toba, Cee e coa Costa da Morte onde están situados algúns dos meus libros como A formiga coxa e Lobos nas illas, e pertenzo ao Batallón Literario da Costa da Morte e ao consello editorial de Letras de Cal.
Tiven a sorte de recibir unha esmerada educación rockeira asistindo a "Caravana" de Ángel Álvarez a finais dos 60; entre semana estudiaba Bioloxía e cheguei a ter unha relación bastante intensa cos escaravellos. Nos 70 comecei a ensinar Ciencias, e puiden mercar unha moto. Agora ensino Didáctica das Ciencias e Educación Ambiental na Universidade de Santiago de Compostela.
Hai quen pensa que os escritores levamos unha vida aventureira, pero eu non viaxei en trineo polo Ártico, aínda que confío en facelo algún día. Mentres tanto escribo poemas, contos e novelas.
Aprendín a escribir -ademais de lendo- redactando panfletos e artigos para revistas de partidos clandestinos (todos, cando eu estudiaba). O primeiro relato que escribín, un conto sobre vampiros, foi o xérmolo de "Agardando polos morcegos", pero tardei bastante en publicar A formiga coxa. Despois viñeron, A expedición do Pacífico (Premio da Crítica de Galicia 1995) alternando con narrativa para adultos, como Lobos nas illas (Xerais 1996, en castelán Lumen 2001) ou A Compañía Clandestina de Contrapublicidade (Premio Álvaro Cunqueiro1998). A Banda sen futuro recibiu o premio Lazarillo de novela xuvenil en 1999 e o premio Lecturas, votado por rapaces e rapazas das bibliotecas galegas, en maio de 2001. A miña novela Teoría do Caos, un texto sobre as traizóns, recibiu o premio Xerais en 2001. Son unha viaxeira impenitente, e convén lembrar o proverbio árabe, non hai que confiar nos viaxeiros pois contan moitas mentiras.

(se desexas datos sobre a súa actividade profesional, podes encontralos na páxina web da Universidade de Santiago de Compostela, )