Poemas
 
 
coitelos
afiados soamente
contra cebola e pataca
que doutros inimigos
non sabemos
 
coitelos follas
escintilantes arredor da casa
gumes polos que algúns días
saltimbancos ebrios de fatiga
camiñamos cos pés nus

o sangue no coitelo

é só teu só meu
un erro cometido
ó cortar o pan
  non é
sangue do último dragón
nin outorga poderes máxicos

gárdate de lamber o meu sangue
no coitelo
no canto de oír os pensamentos
podes mancar a lingua

ben sei do que falo
paguei o prezo de probar o sangue
coa lingua partida

(Catálogo de Velenos, 1999)

poema anterior | poema seguinte

REGRESAR AO ÍNDICE DE POEMAS