Poemas
 
derrotas domésticas
 
 
debeu ser moi difícil
degolar as anguías
sen cortar os dedos
arrandearte para que non te cubrisen
as escamas do ollomol
liscar do nó corredío das sabas

nas noites opacas
que batallas contra os garavanzos

medrando disformes na agua que absurda tarefa
escoller lentellas de arroz
que impotencia
cando o leite fervido vai por fóra
inevitablemente

e se o batifundo das tixolas
non che deixaba oír a música
se o teu francés e alemán
eran inútiles contra a graxa nos fogóns
se os tubos de agua berran como nenos

ou gaivotas e as patacas se pegan
no fondo da tarteira

nai
¿como é que estás sorrindo nas fotos?

(Catálogo de Velenos, 1999)

poema seguinte

REGRESAR AO ÍNDICE DE POEMAS