|
A
soga, o último recurso.
Acariciou coas mans a súa lonxitude. Baixo a
áspera tona o esparto agochaba unha promesa de
liberdade. Fixo un nó corredío, probou
o seu contacto coa pel, dunha sequidade que suxería
outras peles escamosas, enguedellar o corpo nun co dunha
cobra. Con outros corpos, antes de ingresar aquí.
A soga fala linguaxes distintas, prende ou ceiba, ata
ou abre fiestras cara a outro lugar, fóra deste
obtuso cárcere, deste claustro, círculo
sen fin. É a derradeira esperanza, a elección
cando nada queda por escoller.
Nas longas noites dubidara, soñando coas súas
espirais incitantes, mentres a soga se ofrecía
e se negaba, nun intre a carón da man, no seguinte
inalcanzable.
¿Termaría o barrote do seu corpo? Era
preciso que aguantase durante un curto tempo. ¿Ou
cedería, arrebolándoa no chan, os ósos
escachados, sen conseguir o seu obxectivo? ¿E
ela, sería quen de facelo? ¿Ou botaríase
atrás no último momento?
Apertou a soga, o único que tiña, o camiño
retorto cara ao outro lado, un lugar incerto, descoñecido,
mais que poñería fin a este desacougo.
Na escuridade da cela, a soga enrodelada como un animal
antigo, unha besta do seu país, de cego propósito,
ignorante da súa mordedura letal, agarda en silencio
a madrugada. A noite escoa lentamente cara a outro meridiano,
quizais cara ao lado da soga que permanece na sombra.
A novicia asegurou o nó, contemplouno durante
un intre, porta dun mundo distinto, e despois entrou
nel.
|