SAN MARTÍN DE SUARNA

San Martiño de Suarna é unha parroquia situada ó sureste da
capitalidade do concello de Fonsagrada, provincia de Lugo.
A
parroquia de San Martiño está integrada
por 11 núcleos de poboación: San Martiño, Llencias, Silvela, Rozabragada,
Villagocende, Fornos da Cal, Vilarín de Baxo, Vilarín de Riba, Vieiro,
Penamayor e Paradanova.
San Martiño, a
cabeceira da parroquia, é unha fermosa aldea de vinteseis veciños, que dista de
Fonsagrada uns 6km.
Actualmente non están tódalas casas habitadas, aínda que a
principios do século pasado chegou a contar cuns 200 habitantes. Hoxe viven na
aldea unhas 40 persoas de forma habitual.
O descenso da
poboación débese a unha grande corrente migratoria que se rexistrou durante
todo o século pasado. Durante a primeira metade do século,moitos veciños
emigraron principalmente a Arxentina e Cuba. Foi a partir de 1960 cando a
emigración se dirixiu a Europa e ó resto de España. Este fenómeno migratorio
débese fundamentalmente a unha economía de subsistencia e ás poucas ou nulas
posibilidades de progresar. A economía baseábase na agricultura e a gandeiría,
o que motivou que moita xente nova buscara outros medios de vida lonxe da súa
aldea natal.
A construcción
típica das vivendas baséase principalmente en dúas plantas baixo cuberta de
pizarra e paredes de pedra da zona. Case todas teñen un hórreo de madeira ó
lado en moi bo estado de conservación. Estes hórreos usábanse para garda-la
colleita de trigo e millo, así como para conserva-la carne da matanza; hoxe,
maís que nada, mantéñense como algo decorativo.
San Martiño está situado entre dous regatos: Arime e Lavandeira,
que teñen moi boas troitas. Estes xúntanse nunha fermosa paraxe, chamada Muíño
da Chaila, onde hai unha espectacular fervenza. Noutros tempos, este muíño tivo
moita actividade, a el ían moer moitos veciños desta e doutras aldeas, así como
parroquias estremeiras, pois tiña fama de “facer moi bo pan”. Neste muíño
instalouse arredor do ano 1950 unha planta de luz que subministraba de
electricidade a San Martiño ata 1978. No regato da Lavandeira tamén hai outro
muíño.
San Martiño goza
dun clima bastante cálido xa que está rodeado de montañas , atópase a unha
altitude de 460m. Este clima propicia que se cultiven boas hortalizas e toda
clase de froitas. Ten unha extensa masa forestal, formada na súa maioría por
castiñeiros, que producen unha gran cantidade de castañas, destacando o Souto
de Abelleira, Lavandeira e Borreses. Tamén hai pino, carballo e bidueiro.
A igrexa, rodeada dun adro, atópase coroando un outeiro desde o
que se divisan varios poboados da freguesía. Foi construída en 1756, segundo a
inscrición dunha pedra interior do alzado norte do presbiterio, aínda que con
anterioridade xa existía unha capela. A construcción consta de dous arcos de
medio punto en cada lateral, con apoio nun pilar central e en pilastras
apoiadas ó frontispicio e ó testeiro que separan a nave central das laterais.
Do pilar parten dous arcos torais ás tres naves.
O presbiterio está
fomado por un arco central de medio punto. Cúpula sen lanterna anillada por
unha moldura de pedra que descansa sobre pendentes. Esta freguesía pertenceu á encomenda de Portomarín. Hoxe
atópase en perfecto estado de
conservación.
O patrón da
parroquia é San Martiño e celébrase o 11 de novembro.
Durante a década
dos setenta, cando San Martiño contaba, entre os seus veciños, con numerosa
mocidade, celebrábase durante a segunda fin de semana de agosto a Festa da
Xuventude, festa moi popular e concorrida. Durante esta época, un grupo de
mozos de San Martiño compuxo esta fermosa cántiga:
Xa veñen os de
Naraxa
Xa veñen os de
Eirixín
Xa se van xuntando
todos
Para a festa de San
Martín
San Martín é unha
aldea
Entre suarna e
Burón
San Martín anque é
pequeño
Ten fama en toda a
nación
O lugar de San Martiño
non che é un lugar
calquera
porque agora xa
che ten
auga, luz e a
“carreteira”
onte fun a Vilarín
ás uvas e ós
caraxicos
eu na miña vida vin
uns cousiños tan
ricos.