En termos xerais, pódese dicir que o instalable para Windows XP é a mellor opción se non é usuario habitual de Linux; se non ten Windows ou xa coñece Galinux-Slax, recomendámoslle o instalador universal. ^^
INSTALACION E DESINSTALACION EN WINDOWS XP
Requisitos:
O programa instalador para Windows XP instalará Galinux-Slax no seu PC, asumindo que ten un disco duro c:\ con Windows XP e unha cantidade variable de memoria RAM (vexa na sección Live-CD unha comparativa entre as dúas versións). Se instala poucos módulos por defecto ou ningún, poderá empregalo en PCs con pouca RAM.
Se escolle demasiados complementos para a RAM dispoñible, é posible que a instalación remate con éxito pero Galinux-Slax non poida arrincar desde disco duro ou o rendemento sexa moi pobre. Vexa na sección mellorar o rendemento como empregar Galinux-Slax en PCs con menos memoria da recomendada ou facer que vaia máis rápido.
Este programa instalador só está deseñado para Windows XP (debería funcionar ben con calquera versión desde NT pero no con Vista). Se desexa instalar Galinux-Slax desde outro sistema operativo ou en calquera unidade de almacenaxe interna ou externa, empregue o instalador universal.
Instruccións:
Descargue e execute o programa instalador (necesita ter permiso de administrador).
O asistente (ver pantalla da versión 1.2) preguntaralle cales complementos quere instalar por defecto. Non se preocupe motio: se máis tarde quere cambiar a súa escolla, poderá facelo despois da instalación.
Logo terá que decidir se quere empregar algunhas ferramentas moi útiles pero que poden ser perigosas, sobre todo nas aulas:
- Ligazóns aos documentos de Windows e módulos opcionais: Son só atallos a estes dous cartafois. Se non os emprega, non deixarán de estar accesibles para lectura, pero non serán tan doados de atopar coma facendo un clic no escritorio, xa que tería que procurar algo coma /mnt/hda1/documents&settings/usuario/Os meus documentos. Despois da instalación pode cambiar a súa opción movendo o módulo 10_adm_ligazons_XP
- Escritura en unidades NTFS e ferramentas de disco e particións: Se os habilita poderá escribir nas unidades formateadas con NTFS (Windows XP e outros), agás a que contén o propio Galinux-Slax instalado. Se desexa facelo nesa, empregue o Live-CD. Tamén terá instaladas ferramentas para copiar, cambiar o tamaño, engadir, mover, borrar e formatear particións. ¡Empregar con moita precaución!. Despois da instalación pode cambiar a súa opción movendo ou renomenado os módulos 14_adm_escritura_NTFS e 13_adm_ferramentas_HD
O asistente pediralle que reinicie o PC e escolla no menú de Windows XP a nova opción creada: "Xestor de inicio para Galinux-Slax". Verá unhas estranas mensaxes e o PC iniciarase de novo. Esta vez escolla "Windows XP" e comezará a segunda parte do asistente. Nos reinicios, se o PC non amosara a opción de inicio "Xestor de inicio para Galinux-Slax", cancele a 2ª parte da instalación, vexa como arranxalo aquí, reinicie e complete agora a 2ª parte da instalación.
Se o ordenador non ten Windows XP instalado na 1ª partición do 1º disco duro, o asistente preguntaralle cal é a primeira "de verdade" na 2ª parte da instalación. Este é un caso típico en PCs que veñen cunha partición de recuperación ou teñen outros sistemas operativos instalados. Se Windows XP ocupa a 1ª partición real, non necesitará facer nada en especial. Prema seguinte ata rematar a 2ª parte e listo.
En menú de inicio > programas > Galinux-Slax agora verá varias opcións interesantes:
Empregar o xestor de inicio "vello" fai que Galinux-Slax arrinque máis axiña, aínda que podería non ser compatible con algúns modelos. Instalar arquivos de intercambio de memoria virtual é sempre recomendable. Se desexa que Galinux-Slax garde os cambios nas configuracións e documentos, execute o asistente "Sesións de traballo" (tamén pode mover a man o módulo c:\galinux\opcionais\sesion.mo).
Por último, o asistente de configuración de rede é útil para configurar a súa conexión de xeito permanente se o seu proveedor non ofrece a configuración automática (servidor activo DHCP).
Cando a instalación remate e teña todo configurado ao seu gusto, poderá reiniciar de contado o PC para executar Galinux-Slax ou seguir a traballar en Windows XP.
Recoméndase visitar este sitio para descargar outros complementos ou versións máis novas dos recén instalados. Se o desexa tamén pode editar o arquivo c:/menu.lst para modificar as opcións de inicio (vexa c:/galinux/docs/).
Desinstalar:
Para desinstalar Galinux-Slax (ver pantalla) vaia a Menú de Inicio > Programas > Galinux-Slax > Desinstalar Galinux-Slax (tamén pode empregar o panel de control de Windows).
Se ten máis dunha unidade de almacenaxe, ao remate da desinstalación comprobe se no cartafol raíz delas aínda están os seguintes arquivos: grldr, grldr.096, grldr.097, initrd.gz, vmlinuz e menu.lst (4’6 MB en total). Estes arquivos non se borrarán de xeito automático nas outras unidades pero pode borralos a man despois da desintalación.
Sempre é recomendable ter unha copia do arquivo c:\boot.ini e só ocupa uns cantos bytes, polo que a copia de seguridade feita en c:\bootini.galinux non será borrada durante a desinstalación.
Notas sobre a instalación:
Durante o proceso non se farán novas particións nin nada polo estilo: copiaranse todos os arquivos ao cartafol c:\galinux\ e uns poucos ao cartafol raíz c:\
Tamén engadirase unha liña ao arquivo c:\boot.ini; deste xeito, en cada reinicio poderá escoller entre executar Windows XP ou Galinux-Slax (ou calquera outro sistema operativo que estea xa instalado).
A instalación típica ocupa uns 700 MB no disco duro: non se copiará nada ao directorio de Windows XP nin no sector de inicio.
Aínda así recoméndase facer copia de todos os seus documentos e configuracións importantes antes de proceder coa instalación.
Instalar Galinux-Slax pode interferir con outras distribucións Linux que empregen o xestor de inicio Grub-NTFS. Sen embargo con aquelas que empregan o xestor Grub "normal" non parece interferir de ningún xeito: desde Grub pódese chamar ao inicio de XP coma sempre, e desde este a Galinux-Slax. En calquera caso non se arrisque se non está seguro de que paga a pena tentalo.
^^
INSTALADOR UNIVERSAL
Con esta versión poderá facer unha instalación mínima arrincable de Galinux-Slax 1.4 en calquera unidade de almacenaxe con máis de 195MB ceibes, agás as que sexan de só lectura, coma CDs ou DVDs. e disquetes (capacidade moi pequena). Se desexa instalar e executar Galinux-Slax desde unha unidade de disco externa, memoria USB, etc. esta é a mellor opción. Pode executar este instalador desde MS-DOS, FreeDOS ou calquera versión de Microsoft Windows (aínda non foi comprobado en todos eles) e tamén desde Linux. Se ten Windows XP instalado, recoméndase empregar o instalador específico para XP.
Esta versión da instalación sobreescrebe o sector de inicio da unidade onde se instale (MBR) e non poderá executar calquera outro sistema operativo que estea instalado nela. Por exemplo, se o executa desde C:\, se houbera ahí unha instalación de Microsoft Windows ou doutra distribución Linux, deixarán de funcionar. Se así o fixera por erro, aínda pode arranxalo sen reinstalar todo. O instalador fai algunhas comprobacións antes de escriber nada na unidade e amosará advertencias se coida que podería estropear a instalación preexistente doutros sistemas operativos.
Para instalar Galinux-Slax co instalador universal faga o seguinte:
- Descomprima todos os arquivos.
- Asegúrese de ter a unidade onde vai instalalo estea formateada e con 195MB ceibes.
- Mova todos os arquivos descomprimidos ao cartafol raíz da unidade onde vai instalalo.
- Execute instalar.bat ou ./instalar.sh e siga as instruccións con atención.
- Reinicie o PC e, se a unidade é externa, déixea conectada.
- Revise na BIOS que o inicio desde a unidade estea habilitado coa prioridade axeitada.
- Ao salir da BIOS coa unidade conectada, o PC arrincará Galinux-Slax.
Esta versión non ten complemento ningún: visite este sitio e descargue os módulos que desexe. Se ten a versión para XP instalada pode coller de c:\galinux\ moitos módulos sen ter que descargalos.
No cartafol "extras" atopará ferramentas para facer arquivos de intercambio de memoria, configurar a man a conexión e un módulo para traballar con sesións permanentes.
Non todas as memorias USB e unidades externas de disco admiten o inicio desde elas: se a instalación rematou con éxito e a BIOS está ben configurada pero Galinux-Slax non se inicia, pode deberse a iso.
^^
ERROS COÑECIDOS
- Por algún motivo, Openoffice 2.1 non le ben os carácteres con til do teclado. Como solución provisional, pode empregar as seguintes combinacións en Writer (o procesador de textos) para introducilos (macros asignadas a atallos de teclado):
CTRL+[a,e,i,o,u] = á, é, í, ó, ú
CTRL+MAY+[a,e,i,o,u] = Á, É, Í, Ó, Ú
Para outros como ü, empregue menú, inserir, carácteres especiais. Lembre que pode copiar e pegalos entre aplicacións.
- O firewall que vai co instalador para Windows parece que pode dar problemas: bórreo e descargue o novo arquivo dende este sitio.
- A lectura e escritura en unidades co formato NTFS non é aínda perfecta. Os cartafois ou arquivos con til ou caracteres non habituais non serán visibles. Nas operacións de escritura poden xurdir erros, sobre todo con traxectorias moi longas (de moitos caracteres). Para traballar con normalidade nestas unidades, recoméndase agardar á versión 2.0 de Galinux-Slax.
- Non se recomenda empregar a papeleira do lixo. O seu funcionamento non é coma ás semellantes de Windows e ás veces xurden conflitos; por exemplo, enviar arquivos ao lixo desde Galinux-Slax en unidades NTFS, case sempre fai que XP leve a cabo un chequeo da unidade no momento do seu inicio. Tamén con algunhas memorias USB ás veces resulta imposible desde XP borrar arquivos enviados ao lixo. Se está seguro de desexar borrar arquivos, mellor empregue a opción do botón dereito "borrar".
- A versión de KDE empregada tiña un erro que afectaba á vista no explorador de arquivos das unidades de almacenaxe. Na versión 1.3 ese erro foi arranxado, pero podería acontecer o mesmo problema en circunstancias moi pouco habituais. Se fora o caso, vaia ao menú de inicio de Galinux-Slax e abra unha nova fiestra "almacenaxe".
- Os documentos gardados en sucesivas sesións permanentes poderían non conter todos os cambios feitos. O máis seguro é empregar este tipo de sesións só para configuracións, facendo copia a man dos documentos importantes.
- Sexa prudente cargando módulos en vivo con Galinux-Slax xa iniciado. Se non ten memoria RAM dabondo sen empregar, algúns programas ou mesmo o sistema poderían ficar colgados. No seu lugar, configure os módulos a cargar con cada inicio sempre que sexa posible. Se ten dúbidas, vexa antes o estado da memoria facendo clic na icona do escritorio. En xeral, cómpre non cargar máis de un ou dous módulos "en quente" e ter unha cantidade de RAM sen empregar maior do dobre do tamaño deles. Vexa tamén a solución a outros problemas.
- No procesador Abiword a corrección vaise facendo ao mesmo tempo que a escritura (ás veces terá que configurar a man o idioma da corrección). Pero se preme o botón de corrección, o programa pecharase sen darlle a oportunidade de gardar o seu traballo. Este erro no funcionamento do programa só se corrixe cargando as fontes adicionais.
- Facendo clic na pestana de "Listaxe de virus" o antivirus Clam pecharase.
- Nalgúns portátiles (sabemos que pasa en modelos Acer e Dell) cómpre editar o arquivo menu.lst e engadir a liña acpi=off despois de autoexec e antes de noload.
- O módulo de Bluetooth ten un problema derivado dun erro na versión de Konqueror empregada en Galinux-Slax 1.x. Pode enviar e recibir arquivos sen problema, pero ao explorar os contidos doutros dispositivos coma teléfonos móviles desde a icona na bandexa obterá o erro: "URL mal formado". Se o dispositivo e a configuración de seguridade permiten a exploración, edite na barra de direccións a URL sustituíndo sdp:// por obex:// seguido do enderezo do dispositivo entre corchetes e rematando en /, coma neste exemplo. Antes da exploración necesitará ligar o dispositivo coa ferramenta "Bluetooth Serial Chat" (menú de inicio, internet; escolla porto serie/COM). Teña presente que algún modelo de hardware Bluetooth podería non funcionar. Para averiguar o enderezo do dispositivo, vaia a /var/lib/bluetooth/names.
- Non é boa idea empregar sesións permanentes se vai alternar o uso entre inicio normal e só navegación web: galinux-slax lembrará como dato importante que a derradeira vez que se inicio o fixo nun destes modos e non lle deixará cambialo ata que borre/mova/renomee o arquivo seseion.mo.
- Nalgúns equipos novos poden aparecer problemas co hardware.
Se ten algún problema non recollido neste apartado, consulte a vindeira sección.
^^
PREGUNTAS E RESPOSTAS
- ¿Empregar Galinux-Slax mancará a instalación de Windows XP ou borrará os meus documentos?
- ¿Porque hai programas en inglés, castelán e en galego baixo distintas normativas?
- ¿Porque demo tería eu que empregar Galinux-Slax?
- ¿Cal é a contrasinal do administrador?
- ¿Porque ás veces vexo mensaxes de texto en branco e negro que semellan erros?
- Ao premer unha combinación de teclas, algo aconteceu.
- ¿Podo instalar Galinux-Slax se non teño Windows XP?
- ¿Porqué traballastes sobre Slax e non outra distribución Linux?
- O meu PC non pode iniciar Windows XP.
- O meu PC non pode iniciar Galinux-Slax.
- ¿Porque o teclado numérico non está habilitado no inicio?
- Ao rematar o inicio a pantalla fica en negro.
- Ao cargar módulos doutras distribucións non vexo nada novo no menú de inicio.
- ¿Como configuro a impresora?.
- Teño problemas con algún programa.
- A conexión a internet non funciona.
- ¿Como podo facer unha versión persoal de Galinux-Slax?
- ¿Podo empregar o meu escáner, Wifi, Bluetooth e outras compoñentes?
- Quero gardar os cambios na configuración e documentos ó remate de cada sesión.
- ¿Como podo mellorar o rendemento ou empregar Galinux-Slax con pouca RAM?
- Teño problemas co vídeo/audio
- Non vexo un módulo co programa interesante xyz.
- ¿Podo empregar programas doutras distribucións?
1-¿Empregar Galinux-Slax mancará a instalación de Windows XP ou borrará os meus documentos?
Nunca pódese dicir non ao 100%... pero non. O programa instalador para Windows XP é coma calquera outro de outro programa e non fai nada perigoso coma cambiar o sector de inicio (MBR) ou facer particións novas. Xa en tempo de execución, por defecto Galinux-Slax pode ler as particións NTFS (as empregadas por Windows XP) mais non pode escribir nelas.
Mesmo se emprega o módulo que habilita a escritura en discos formateados con NTFS (Windows XP) e as ferramentas de disco duro é case imposible acadar unha desfeita porque a escritura na mesma unidade de inicio (a que contén Windows XP segue sen ser posible. Pero ollo, co Live-CD esta protección adicional non existe: arrincando no modo "administración" poderá modificar calquera das particións.
En unidades de disco ou particións adicionais con outros formatos podería perder datos ou corromper outros sistema operativos instalados se borra ou modifica arquivos de xeito intencionado, coma consecuencia dun corte no suministro eléctrico ou non apagando o PC do xeito establecido. É dicir: os mesmos riscos que se emprega Windows ou calquera outra cousa.
O instalador universal sí que pode ser perigoso, xa que instala Galinux-Slax na unidade onde está copiado e sobreescrebe o seu sector de inicio. Vexa neste sitio coma empregalo para instalar Galinux-Slax onde non afecte a outros sistemas operativos (discos externos, internos sen S.O., memorias USB, etc.). De tódolos xeitos, ao executalo fai algunhas comprobacións e sempre pide confirmación antes de facer nada.
A opción de instalación "Axustes en PCs con Windows XP non instalado na 1ª partición" foi un engadido da versión 1.3. Ata o de agora non temos noticia de problema ningún, pero se non quere arriscarse non a empregue, sabendo que Galinux-Slax podería non funcionar a pesares de rematar a instalación con éxito.
^^ 2-¿Porque hai programas en inglés, castelán e en galego baixo distintas normativas?
Galinux-Slax ten unha estructura lingüística en tres capas: galego, castelán e Inglés.
Se un programa ou ferramenta foi traducido por nós ou algún voluntario ao galego, isa será a lingua na que traballará. Se non é así, empregamos o castelán, e se tempouco é posible, entón as mensaxes, menús, etc. amosaranse en inglés, o cal é o idioma por defecto en toda distribución Linux.
Os programas e ferramentas son traducidos por equipas ou voluntarios distintos, e por iso atoparás distintas variedades do galego. Pola outra banda, Linux emprega para os seus adentros distintas linguaxes, scripts, etc. e non todos eles permiten representar o ñ, o til...
Nalgunha ocasión non paga a pena un esforzo de moitas horas para traducir uns poucos termos. Un exemplo: no menú de inicio, traducir algúns elementos é dunha certa complexidade técnica. Ben, nós preferiamos "Rematar" e non "Terminar", pero ese pequeno troco levarianos moitas horas de traballo que non adicaríamos a tarefas máis productivas.
Coidamos que esta situación mellorará no futuro grazas ao entusiasmo daqueles voluntarios.
^^
3-¿Porque demo tería eu que empregar Galinux-Slax?
1- Por liberdade. Non estarás suxeito aos dictados dun quasimonopolio, aos seus formatos pechados, ás políticas de "ciclo de vida" (deixar de actualizar as versións antigas), ás contrasinais e activacións de productos, ás conexións por internet coa súa empresa sen que o usuario o saiba...
2-Pola seguridade das distribucións Linux. Esta non chega aos límites teóricos máximos de seguridade porque tentamos acadar un compromiso razoable coa usabilidade (por exemplo, o usuario por defecto sempre é administrador do sistema). Así e todo, ao longo dos anos vaise confirmando que calquera distribución Linux é máis estable, fiable e segura que os sistemas operativos de Microsoft. As ameazas como virus, troyanos, etc. no mundo Linux son case anecdóticos.
3-Polo manexo doado. Calquera que teña sido usuario de Windows XP atopará "cada cousa no seu sitio" e unha aparenza visual familiar. A meirande parte dos programas, menús, etc. están en galego e a instalación de módulos é un xogo de nenos.
4-Por estar adaptado ao entorno educativo. Por unha banda ven con unha chea de programas e ferramentas de utilidade para docentes e alumnos. Pola outra, é case imposible alterar por despiste (ou non despiste:) os documentos gardados no PC e a instalación previa de Windows XP. Mesmo ofrece unha opción de inicio na que só se pode navegar pola rede. E pode configurar complementos e ferramentas a vontade.
5-Porque con cada inicio podes escoller entre os dous sistemas operativos. E se o noso traballo non che gusta nada de nada, quitas o Live-CD da unidade lectora ou desfás a instalación, e todo fica coma se nunca o tiveras empregado.
6-Os teus documentos seguen a estar ahí. Podes empregalos en Galinux-Slax porque ven con programas e ferramentas que poden traballar con boa parte dos teus documentos, presentacións de diapositivas, arquivos multimedia, etc.
7-Porque o único que necesitas é ter memoria RAM dabondo. Se o teu PC xa ten uns cantos anos, verás que vai moito máis rápido con Galinux-Slax. Mesmo sen estar instalado dun xeito real, Galinux-Slax arrinca case sempre máis axiña que outros sistemas operativos (dependendo dos módulos cargados).
8-Manter o teu Windows XP áxil. Ao facer desinstalacións en Windows XP non queda todo como estaba, aínda que o pareza. Probar programas e o simple uso a cotío, fai que pouco a pouco vaia perdendo rendemento. E non esquezas defragmentar o disco duro de cando en vez, baleirar o lixo, borrar arquivos temporais... Pola contra, con Galinux-Slax tes un sistema operativo limpo con cada reinicio.
9-Poderás executar programas e ferramentas que non hai para outros sistemas operativos. E mesmo podes executar eses outros sistemas operativos cos emuladores para Linux.
10-E por último: é de balde. En moitas comunidades xa non pagan licenzas por sistemas operativos nos centros educativos.
^^
4-¿Cal é a contrasinal do administrador?
O usuario por defecto é root e o contrasinal, toor (o mesmo lido ao revés). Normalmente non necesitará estes datos máis que para desbloquear unha sesión en KDE.
^^
5-¿Porque ás veces vexo mensaxes de texto en branco e negro que semellan erros?
Durante o proceso de inicio poderá ver algunha mensaxe "alarmante". O máis normal é que Galinux-Slax andaba a procurar algún periférico no PC e non o atopou, ou ben tentou varias configuracións para un deles. É algo normal.
Durante o apagado tamén poderá ver en ocasións mensaxes como "Error: bad window". É debido a que os procesos todavía non pechados tentan comunicarse co sistema gráfico e non o conseguen, porque xa non está activo. Non pasa nada.
^^ 6-Ao premer unha combinación de teclas, algo aconteceu.
En Galinux-Slax moitas combinacións de teclas son similares ás de Windows Xp, pero hai unhas poucas especiais propias de Linux, entre elas:
Ctrl-Alt-F1, pasa a visualizar as saídas do sistema. Para voltar ao entorno gráfico prema Ctrl-Alt-F2 (Ctrl-Alt-F7 nun entorno multiusuario).
Ctrl-Alt-Borrar inicia o proceso de apagado.
^^
7-¿Podo instalar Galinux-Slax se non teño Windows XP?
Si: empregue o instalador universal. Con el pode instalar Galinux-Slax en calquera cousa (discos externos ou internos, memorias USB, etc.) desde DOS, Windows ou Linux.
O instalador para XP non foi comprobado con todas as versións de Windows semellantes. Vai especificado para XP por precaución, pero debería de funcionar sen problemas con elas (non con 95 e 98).
Se executa o programa instalador para Windows XP en Windows Vista, aínda que todo semelle ir ben, Galinux-Slax non arrancará. Polo de agora non hai unha versión instalable para Vista, pero se ten outra unidade de almacenaxe pode empregar o instalador universal. A dicir verdade, a instalación para Windows XP xa case é compatible con Vista (a versión 2 de Galinux-Slax terá un instalador para todas as versións de Windows desde a 95). Pode facer a instalación en Windows Vista pero terá que empregar o Live-CD coa opción de inicio "galinux" cando desexe iniciar Galinux-Slax cargando os módulos instalados no disco duro. Teremos feito un instalador para Windows Vista en moi pouco tempo.
Mesmo é posible facer unha instalación Linux real, que se inicia moito máis axiña e non esqueze os cambios nas configuracións e documentos, pero é máis complicado. Nos sitios web e foros das distribucións Slax e Slackware atopará módulos e instruccións para facer distintos tipos de instalacións. Procure tamén información na rede sobre discos de inicio, particións, FreeDos, Rawwrite, SysLinux, IsoLinux, pendrivelinux...
^^ 8-¿Porqué traballastes sobre Slax e non outra distribución Linux?
Pola súa estructura modular e lixereza, e tamén porque o sistema gráfico KDE pareceunos o máis axeitado (aínda que Slax 5 ven tamén con Fluxbox e xfce).
^^
9-O meu PC non pode iniciar Windows XP.
O máis probable é que non teña nada que ver coa instalación de Galinux-Slax. O único perigo é se tenta facer cambios a man no arquivo c:\boot.ini. Non edite este arquivo se non sabe moi ben o que está a facer.
En calquera caso, se Windows XP non puidera arrincar por mor dunha corrupción no arquivo c:\boot.ini, faga o seguinte:
- Arrinque o PC desde o CD orixinal de Windows XP.
- Elixa a opción "repair a Windows XP installation using Recovery Console" premendo R.
- Teclee bootcfg /rebuild para reconstruir un arquivo boot.ini novo.
Se non dispón do CD pero pode empregar outro sistema operativo para arrancar, lembre que Galinux durante a instalación terá feita unha copia de seguridade do arquivo orixinal, polo que bastaría con renomear ou copiar c:\bootini.galinux como boot.ini
Mesmo é moi posible que outros programas instalados teñan feito con anterioridade outras copias do mesmo arquivo con nomes como boot.bak ou similares.
Arrincando desde versións moi anteriores de Windows, MS-DOS e algunhas distribucións Linux non poderá arranxar ese arquivo, xa que non poden ler nin escribir en particións NTFS se non é coa axuda de ferramentas adicionais. Pode empregar o Live-CD de Galinux-Slax para editar este arquivo.
Chegado o caso de ter que editar a man boot.ini, lembre que o normal é que este arquivo estea oculto (pero non en Linux).
O seu contido típico (PC cun só disco duro ATA e Windows XP instalado nel) podería ser coma este:
[boot loader]
timeout=5
default=multi(0)disk(0)rdisk(1)partition(1)\WINDOWS
[operating systems]
multi(0)disk(0)rdisk(1)partition(1)\WINDOWS="Microsoft Windows XP Home Edition" /fastdetect
Nos seguintes enderezos atopará máis información e ferramentas:
http://www.thpc.info/how/editbootini.html http://support.microsoft.com/default.aspx?scid=kb;en-us;330184
http://www.skeeterbytes.com/ultimatecd.htm
http://www.xmission.com/~comphope/issues/ch000492.htm
^^
10-O meu PC non pode iniciar Galinux-Slax.
As causas máis frecuentes de que Galinux-Slax non poa iniciarse poden ser:
Problemas con hardware especial: Actualización xaneiro 2009: Galinux-Slax 1.4 vai moi ben con ordenadores fabricados en torno ao 2006. Con modelos mais antigos pode facer que funcione ben con algúns axustes; cos modelos mais novos o hardware que máis problemas está a presentar son algúns discos duros SATA (sobre todo Western Digital) e as tarxetas gráficas. Recoméndase non empregar ningún driver para tarxetas gráficas (para a maioría dos programas, non os necesitará). Nalgúns casos son outras as compoñentes que dan problemas. Por exemplo, con modelos Compaq presario os problemas veñen polo son e co Acer Inspire One cómpre empregar o parámetro nohotplug. Deste xeito Galinux-Slax arrincará pero non terá acceso a internet. En xeral, se o PC detense na metade do inicio ou reiníciase de xeito ininterrumpido, pode acontecer que algunha compoñente do hardware non sexa compatible: algúns discos duros semi-defectuosos, dispositivos externos USB, algunhas tarxetas gráficas ou dispositivos lectores de tarxetas poden ser fonte de problemas. En especial algúns modelos de tarxeta ATI/Radeon dan moitos problemas. Nalgúns casos é imprescindible empregar o módulo cos controladores ATI e noutros todo o contrario. Sabemos tamén que o mesmo aconteceu cunha tarxeta gForce e solucionouse co módulo para tarxetas nvidia (móvao ao cartafol /base ou escollao na instalación en XP).
Pode facer que Galinux-Slax complete o proceso de inicio renunciando a algunha destas compoñentes (o modo de inicio sen erros funciona deste xeito), pero se emprega a versión instalada, o mellor é que descobra a causa do problema: Abra co bloc de notas o arquivo c:\ menu.lst e engada as seguintes opcións (máis información en c:\galinux\docs\slax\cheatcodes.txt):
kernel /vmlinuz max_loop=255 init=linuxrc load_ramdisk=1 prompt_ramdisk=0 ramdisk_size=4444 root=/dev/ram0 rw from=galinux/ autoexec=startx nohotplug acpi=off nopcmcia noagp nodma nocd noload=12_modo_na
(tamén falta xconf; despois de autoexec= ,para que a tarxeta gráfica se inicie en modo compatible VESA)
Deste xeito, Galinux-Slax non poderá xestionar moito hardware, nin terá acceso á rede nin a unidades lectoras de CD. Cómpre facer varias probas borrando en cada una de elas unha destas opcións, ata atopar cal delas é a que causa o erro. Logo pode decidir se renunciar ao compoñente de hardware ou procurar no sitio web de Slax módulos con drivers específicos para o mesmo. O menú de inicio de Windows XP non chega a amosar as opcións: Abra con calquera editor sinxelo de texto o arquivo c:\boot.ini e localice o termo "timeout" (teña moito coidado de non estragar o arquivo modificando outras liñas). Un valor axeitado pode ser uns 10 segundos. Se é moi pequeno, o usuario non terá tempo dabondo para facer a súa escolla e o PC sempre iniciará Windows XP. Tamén pode cambiar este valor en Menú de Inicio > Configuración > Panel de Control > Sistema > Opcións Avanzadas > Inicio e Recuperación. Outra causa de que non vexa a opción de "Xestor de inicio de Galinux-Slax" pode ser que xa tivera editado o arquivo boot.ini con anterioridade: se contén máis de 10 liñas, non amosará as demais (é un erro de Windows XP).
Bash: Can't acess TTY; Job control turned off: Galinux-Slax tentou cargar demasiados módulos para a RAM dispoñible. Se emprega o Live-CD escolla unha opción máis modesta; para a versión instalada, deshabilite algún módulo opcional movéndoo de c:/galinux/base cara a c:/galinux/opcionais. Se inicia Galinux-Slax desde un dispositivo externo, pode acontecer este error con algúns modelos de BIOS e memorias USB sen ter nada que ver coa cantidade de módulos.
Windows XP non está instalado na primeira partición do disco duro: Aínda que a unidade de Windows sexa c:\, cada vez son máis os fabricantes que engaden unha primeira partición oculta de recuperación. Por exemplo, modelos de sobremesa como os Compaq presario ou moitos portátiles levan o Windows XP orixinal nunha partición FAT que é a primeira. Co Live-CD este problema non existe, pero na versión instalable vería as mensaxes:
Filesystem type is XXX, partition type XXX
...
Error 17: File not found.
Na segunda parte da instalación sinale cal é a primeira partición real. Se ten dúbidas, marque as que lle pareza: o único mal será que terá uns 4 megas con arquivos inútiles e o menú de inicio amosará opcións que non necesita (se o desexa, lea en c:/galinux/docs/grub.html como editar o arquivo c:/menu.lst).
^^
11-¿Porque o teclado numérico non está habilitado no inicio?
Non todos os teclados poden ser configurados de xeito automático polo hardware dos PCs. Isto en sistemas operativos instalados de verdade como Windows XP configúrase unha vez e listo, pero non é o caso con Galinux-Slax. Pense que nun portátil pode ser moi incómodo ter o teclado numérico habilitado por defecto. Desde a versión 1.4 pode empregar o módulo numlock para que Galinux-Slax comece sempre co teclado numérico bloqueado.
^^
12-Ao rematar o inicio a pantalla fica en negro.
Antes de comexar o xestor gráfico, Galinux-Slax tenta autoconfigurar a tarxeta de vídeo para aproveitar as súas posibilidades, pero ás veces xurde algún problema ou ben o monitor non atura a resolución e número de cores escollidos.
A solución máis doada é axustar a man estes parámetros coas combinacións de teclas Ctrl-Alt-Máis e Ctrl-Alt-Menos. Traballando con sesións permanentes xa non terá que configurala de novo.
Se o problema persiste ou non quere empregar sesións permanentes, inicie con Windows XP e edite o arquivo c:\menu.lst borrando o texto xconf; O novo contido de menu.lst será como segue:
title Inicio normal de Galinux-Slax
root (hd0,0)
kernel /vmlinuz max_loop=255 init=linuxrc load_ramdisk=1 prompt_ramdisk=0 ramdisk_size=4444 root=/dev/ram0 rw from=galinux/ autoexec=startx noload=12_so_na
initrd (hd0,0)/initrd.gz
boot
(Observe que todo o vai desde kernel ata 12_so_na é unha única liña)
Edite do mesmo xeito a entrada "Iniciar Galinux-Slax (modo só navegación").
Facendo isto Galinux-Slax empregará a tarxeta de vídeo en modo VESA sen aceleración ningunha, isto é: máxima compatibilidade, pero peor rendemento gráfico.
^^
13-Ao cargar módulos doutras distribucións non vexo nada novo no menú de inicio.
O menú de inicio (menú K) de Galinux-Slax non é o que ven por defecto co sistema gráfico KDE. Se non aparecen nel as entradas dos novos programas, vaia a /mnt/live/memory/images, atope o nome do módulo cargado e busque arquivos do tipo *.desktop (pode empregar a opción de konqueror "Procurar arquivos"). Ao facer clic neles o programa ou ferramenta tentará executarse. Algunhas veces os programas veñen sen eses accesos. Entón busque os executables (con moita frecuencia non teñen extensión ningunha no nome do arquivo, nada de *.exe ou similares), en sitios coma /usr/bin e logo abra unha consola e teclee ./nome_do_programa (desde konqueror pode empregar a opción "Executar programa"). En calquera caso unha vez atopados, pode poñer accesos directos no menú de inicio ou no escritorio. O xeito máis doado é arrastrar o arquivo e, cando se lle pregunte ao liberar o botón do rato, escolla "Ligar aquí". Tamén podería interesarlle ísto.
^^
14-¿Como configuro a impresora?.
Primeiro, comprobe que ten o módulo de impresoras en c:\galinux\base, non en c:\galinux\opcionais. Logo no menú de inicio vaia a sistema de impresión, engadir nova impresora. O máis usual é ter unha impresora local nun porto USB. Se tiña a impresora conectada cando iniciou Galinux-Slax, amosarase o modelo e número de serie e a conexión nun dos portos. Se non é o caso, terá que saber cal é o porto no que a ten conectada ¿USB1, USB2...?. Ao premer seguinte, escolla a marca e logo o modelo (Nota: ESP non é unha marca, son controladores para moitas impresoras PostScript).
¿E se non hai o seu modelo?. Probe con un semellante da mesma marca e case con seguridade funcionará ben. E teña en conta que Openoffice ven co seu propio xestor de impresoras: se ten sorte, o seu modelo exacto vai nel. Tamén pode procurar na sección de enderezos módulos ou instalables de outras distribucións cos controladores que necesite.
No resto das preguntas do asistente deixe todo como apareza (se tenta imprimir a páxina de proba non pasará nada, xa que está baleira) e só na derradeira páxina do asistente terá que poñer un nome á súa impresora.
No momento de imprimir un arquivo, o PC pode amosar unha mensaxe dicindo que non pode facer unha conversión de formato. Prema "mantener" e imprimirase con normalidade.
^^
15-Teño problemas con algún programa ou arquivo
Unha fonte de problemas habitual é o uso de sesións permanentes, como por exemplo, cos programas que empregan Java. Isto arranxarase na versión 2 de Galinux-Slax.
Tamén os módulos en vivo poden dar problemas se están gardados en unidades de lectura só. Se é o caso, móvaos a calquera outro sitio, coma o escritorio de Galinux-Slax e cárgeos desde ahí facendo clic neles.
Ás veces, abrir unha consola e teclear ldconfig pode solucionar algúns problemas, sobre todo cos módulos cargados en vivo.
Nas versións instaladas é aconsellable que os módulos non teñan permiso de execución (se non sabe o que é isto o máis seguro é que emprega a versión para Windows XP e de todos modos non o podería cambiar).
O deseñador de interfaces QT... ¿Que e iso?. Non é doado traballar con él sen saber bastante programación. Se quere facer unha proba, abra o programa, cree un formulario, gárdeo en calquera sitio, troque a extensión do arquivo .ui a .kmdr e faga clic sobre él.
As axudas habituais en KDE case non están traducidas ao galego, pero sí as de moitos dos módulos opcionais. Nalguns casos atopará máis información en algúns cartafois coma /usr/doc/galinux/nombre_do_modulo.txt ou outros.
Moitas veces o problema non é tal, se non que necesita cargar algún módulo con alguna funcionalidade. Por exemplo, os arquivos MIDI non poden escoitarse en Galinux-Slax (nin en moitas distribucións) sen complementos que non veñen por defecto ou o hardware específico axeitado: empregue o módulo de audio. No caso de GoogleEarth, se non carga controladores para a tarxeta gráfica, os desprazamentos poden ser moi lentos. Sempre é máis que recomendable ler a documentación dos módulos que esté a empregar e a sección de erros coñecidos (e se coida que atopou un, por favor, comuníquenolo).
^^
16-A conexión a internet non funciona
Ao iniciarse (en calquera modo agás sen erros), Galinux-Slax autoconfigura a conexión se hai un servidor DHCP na rede (coma no caso de moitos operadores de ADSL e cable). Ollo: algúns routers poden fallar ao asignar IPs fixas en Galinux-Slax.
Se non obten a conexión ethernet autoconfigurada pode empregar calquera destes outros métodos alternativos:
-Tentalo de novo dúas ou tres veces: inicio > internet > autoconfigurar rede (ao reiniciar o PC perderase)
-Introducir os parámetros da conexión a man: inicio > internet > configurar (ao reiniciar o PC perderanse)
-Configurar os datos da conexión para sempre:
En cada inicio Galinux-Slax procura dous arquivos especiais de configuración que poden estar no cartafol raíz de calquera unidade de almacenaxe. O primeiro deles é é config.txt, que contén un script bash (pequeno programa) no que vostede pode darlle calquera orde a Galinux-Slax. As vantaxes de config.txt son tres: pode empregarlo para facer calquera outra cousa coma por ex. configurar Wifi con ndiswrapper, execútase antes de iniciar o sistema gráfico e non depende de ningún módulo. Pola contra, ten que saber un pouco sobre a consola linux. De calquera xeito pode coller este exemplo (os datos son os típicos dunha rede interna) e adaptalo ás súas necesidades.
O outro xeito de facelo é co arquivo conf_web.txt, que contén os datos da(s) conexión(s) que logo o xestor de conexións "NetGo" aplicará ao iniciar o sistema gráfico (empregará por omisión a conexión chamada "por_defecto"). Pode editar un conf_web.txt a man a partir dun modelo ou crealo co asistente para windows XP, que na versión instalada está en Inicio > Programas > Galinux-Slax > Conexión a Redes e nas outras versións van no cartafol /extras. Aínda hai outro xeito de crealo: iniciar Galinux-Slax e empregar netGo para configurar a rede; logo no explorador de arquivos escolla "amosar agochados", vaia a /root/.qt/netgorc (en "Os meus documentos") e copie este arquivo coma conf_web.txt no cartafol raíz de calquera unidade. Aquí ten un modelo de conf-web.txt:
por_defecto/interface=eth0
por_defecto/mode=None
por_defecto/ip=69.77.210.17
por_defecto/netmask=255.255.255.0
por_defecto/gateway=69.77.210.1
por_defecto/ns1=69.77.2.190
por_defecto/ns2=69.77.2.180
^^
17-¿Como podo facer unha versión persoal de Galinux-Slax?
Na sección de enderezos ten información e descargas sobre:
O xestor de inicio: Galinux-Slax emprega a mesma adaptación particular do xestor grub da distribución Tolopogilinux (grub para NTFS).
MySlax creator: Programa para Windows que permite editar a imaxe ISO do Live-CD dun xeito moi doado. Pode escoller o fondo do escritorio, módulos, autoexecutables, etc. e facer instalacións arrincables do seu Live-CD en memorias USB (coma o instalador universal). Necesitará copiar a man algúns arquivos ao cartafol raíz do CD/USB (vmlinuz e initrd.gz) e editar syslinux.cfg/isolinux.cfg. Tamén pode editar imaxes ISO cargando o módulo 12_op_ISO_master.
RawWrite: Para facer disquetes de inicio.
Facer módulos propios: Tal vez o mellor xeito de aprender sexa botar unha ollada en /mnt/memory/imaxes ao código fonte dalgúns módulos opcionais. Se é usuario habitual de Linux, a guía para facer Módulos resultaralle doada.
Crear módulos desde o explorador de arquivos Konqueror é moi doado: faga clic nun cartafol co botón dereito e escolla 'facer módulo co cartafol'. Tamén pode facelos en Windows co programa MySlax creator, pero se o módulo contén executables, é moi posible que non vaian ben por problemas cos permisos de acceso-escritura. Tería que empregar este programa con cartafois gardados en unidades de almacenaxe formateadas con algún sistema de arquivos Linux, e facelo visible en WIndows XP con ferramentas coma IFS.
Ademais, desde a consola de comandos pode chamar a outros programas relacionados: mo2dir, dir2mo, deb2mo, img2mo, tgz2mo, gardarsesion, recuperarsesion... Pode empregar as ferramentas deb2mo e tgz2mo (empregue o módulo de conversión) para converter instalables doutros formatos en módulos. Nos foros de Slax tamén atopará moita información.
Configuración personalizada gardada nun módulo: Faga os cambios que desexe na configuración de Galinux-Slax e desde a consola teclee gardarsesion /mnt/sda1/aomeugusto.mo (ou calquera outro); logo copie este módulo no cartafol c:\galinux\base. Se emprega o Live-CD pode editar a imaxe ISO para engadilo ou ben renomealo como sesion.mo e copialo no cartafol raiz de algunha unidade de almacenaxe. Ollo: algunhas configuracións non serán gardadas, coma os datos da conexión de redes. Neses casos ten que teclear IP,DNS e Porta de enlace (gateway) en cada inicio (botón de inicio, internet, configurar conexión). Se lle parece farragoso ou complicado... ¡agarde á versión 1.4, porque só terá que facelo unha vez ou ningunha!. O módulo 12_adm_config_pers_Broderskapets_Ring_1-7b permite gardar as súas configuracións personalizadas con moita comodidade.
Ferramentas e documentación: O arquivo ferramentas.zip (sección de enderezos) contén programas, documentación e ferramentas para personalizar Galinux-Slax ou inicialo de distintos xeitos. Pola súa banda, Slackbook.zip é unha recompilación de documentación sobre Slackware (feito a partir do módulo do mesmo nome de Agustín Pérez.)
Empregar un cartafol rootcopy: É un cartafol especial de Slax no que pode meter os arquivos que desexe e serán integrados non sistema de arquivos despoís de todos os módulos (procure información no sitio Slax.org).
^^
18-¿Podo empregar o meu escáner, Wifi, Bluetooth e outras compoñentes?
Temos dispoñibles xa módulos con controladores para algúnhas compoñentes, pero para outras non. Nestes casos, procure os instalables dos que necesite noutras distribucións e próbeos: é moi posible que funcionen ben.
O módulo de impresoras non leva controladores para o escáner das multifunción nin temos aínda feito un módulo para eles. Procure en outras distribucións a ferramenta máis habitual: sane e xsane.
No menú de inicio, internet, ten unha entrada para configurar Wifi, máis non funcionará se non carga os controladores para o seu modelo (pode empregar os de Windows con ndiswrapper). Tampouco temos un módulo feito polo de agora para iso. Se non os atopara noutras distribucións, coa ferramenta ndiswrapper poderá empregar os de Windows, pero para configurar ben e con seguridade unha conexión Wifi terá que botar man da consola ou scripts de inicio en moitos casos (o módulo xestor_conexións_netgo fai a tarefa moi doada).
Para as tarxetas gráficas non son necesarios controladores específicos agás algún xogo ou programa particular. Ten para descarga módulos con controladores axeitados para tarxetas nvidia e ATI; pola súa banda, moitos modelos de Intel (habituais en portátiles) non necesitan en ningún caso controladores adicionais.
Para Bluetooth, empregue o módulo correspondente. ^^
19-Gardar os cambios na configuración e documentos
Durante a execución de Galinux-Slax non se permite (por defecto) a escritura a discos duros con sistema de arquivos NTFS (Windows NT, 2000 e XP). Por iso a instalación non é unha instalación Linux "real", se non que funciona máis ou menos como unha copia do Live-CD (aínda que máis rápida e sempre dispoñible). Isto fai que o inicio de Galinux-Slax non sexa todo o rápido que puidera ser, pero torna case imposible que interfira ou corrompa arquivos de Windows XP por accidente ou erro do usuario.
Polo mesmo, cando remate cada sesión de traballo con Galinux-Slax, os cambios e documentos perderanse se non os garda nunha partición que non sexa NTFS, CD, dispositivo USB, disquete, etc.
Os documentos sempre pode gardalos a man nunha unidade de almacenaxe axeitada antes de apagar o PC, aínda que as preferencias do usuario, historial de navegación, etc. perderanse.
Sen embargo, hai un xeito moi doado de gardar os documentos e tamén as configuracións, empregando un módulo especial chamado sesión.mo. Pode atopalo no cartafol "extras" do Live-CD e do instalador universal, ou en "c:\galinux\opcionais" na versión para XP.
Copie o módulo sesion.mo no cartafol raiz dunha unidade de almacenaxe que non teña formato NTFS (ou sexa, non vale onde vai Windows XP) coma unha memoria Flash USB, discos duros con formatos FAT32 (Windows 98 e similares), Ext (Linux), FAT16 (MS-DOS), etc. Mesmo un disquete pode valer no caso de só quera gardar as configuracións, non documentos.
¡Xa está!. Desde agora, cada vez que o inicie, Galinux-Slax recuperará por sí mesmo os documentos e configuracións anteriores, actualizandoos ademais ao remate da sesión. Se nalgunha ocasión non desexa que o faga, prema 'Enter' durante a conta atrás de 10 segundos que se amosará na pantalla durante a carga de sesión anterior. Do mesmo xeito, antes do apagado total poderá cancelar a actualización do módulo.
Todo isto funciona do seguinte xeito:
Ao iniciarse Galinux-Slax, sempre procura no cartafol raiz de cada unidade de almacenaxe o módulo sesion.mo. Se o atopa, cargará os cambios feitos durante a sesión anterior (configuración e documentos) e que están almacenados nese módulo. No remate da sesión o actualizará cos novos cambios antes de apagar o PC.
Facendo unha copia do arquivo sesion.mo, pode levar a todas partes os seus documentos e configuracións nun dispositivo USB, CD ou similar.
Aviso: As sesións permanentes están todavía en fase de probas. É aconsellable gardar de cando en vez os seus documentos máis importantes a man.
É posible facer e xestionar módulos propios contendo documentos e configuracións e con nomes distintos a sesion.mo, pero istos non serán cargados de xeito automático se non os coloca no cartafol c:\galinux\base. En calquera caso, desaconséllase para o usuario normal.
^^
20-Mellorar o rendemento ou traballar con pouca RAM.
Para empregar Galinux-Slax en PCs con menos memoria da recomendada ou mellorar o rendemento en xeral, pode optar por
Instalar Galinux-Slax nun disco duro
O inicio sempre é máis lento desde o Live-CD e a velocidade da unidade lectora sempre é determiñante. A opción "Execución en RAM" consume preto do dobre da versión instalada e iníciase con preguiza, aínda que logo todo vai moi rápido. Iniciando Galinux-Slax desde unidades externas, algúns PCs tardan moito tempo en ler os arquivos vmlinuz e initrd.gz.
Limitar os módulos a cargar no inicio
Na sección programas e complementos atopará información sobre os módulos opcionais e como deshabilitalos unha vez feita a instalación. Aínda que teña RAM ceibe sen empregar, non cargue os módulos que non vaia necesitar e gañará en velocidade.
Empregar Galinux-Slax só para navegación web
Escolla no menú de inicio a opción "Inicio navegación web". O mínimo de RAM "oficial" é de 192MB na versión instalada e 256 no Live CD, pero se emprega arquivos de memoria virtual e o PC non é moi vello, funcionará con aínda menos ca iso (con tan pouca RAM, nas versións anteriores á 1.4 pode tornarse demasiado lento ó cabo dun tempo de funcionamento.)
Se lle pedirá que revise a configuración detectada da conexión a Internet (rede local, telefónica e WiFi). Se está de acordo cos datos amosados, pode sair dos asistentes ou minimizalos. Se a conexión á rede non funciona, vexa como arranxalo aquí. Para apagar o PC peche a fiestra principal do navegador (Firefox 1.5) ou prema Ctrl-Alt-Borrar.
Facendo clic co botón dereito do rato en calquera lugar baleiro do escritorio, abrirase un pequeno menú. Iso é todo o que poderá facer. Tendo en conta que está pensado para navegar en centros educativos, a idea é minimizar riscos e tamén oportunidades de despite (chats, xogos...), máis hai unha opción "segreda" que pode ser moi útil: premendo Alt-Ctrl-Shift-K ou Alt-Ctrl-Shift-C terá a consola de comandos en pantalla.
O navegador neste modo de execución ven co complemento Flash habilitado, mais non o de Java.
En algúns PCs desde que vexa o cursor do rato na pantalla ata que se abra o navegador pode pasar un intre.
Empregar espazos de intercambio de memoria a disco duro
Permite executar moitos máis programas en PCs con moi pouca memoria, pero é recomendable empregalos en calquera caso, sobre todo se quere empregar módulos en vivo. Hai dous xeitos de facelo:
- Execute o asistente para Windows de arquivos de intercambio de memoria. Na versión para XP vaia a Inicio > Programas > Galinux-Slax > Memoria virtual. No instalador universal e no Live-CD está no cartafol "extras".
Se o prefire, ou non emprega Windows XP, pode crear arquivos de intercambio a man: só compre asegurarse de ter unha unidade xa formateada con calquera sistema que non sexa NTFS. Desde Galinux-Slax abra unha consola e teclee fileswap seguido da ruta do arquivo e o tamaño en megabytes; por exemplo, fileswap /mnt/hda2/virtual.mem 400. Tamén pode descargar este arquivo de intercambio prefabricado , descomprímao (ollo:crece ata 200MB), e móvao ao cartafol raíz dalgunha partición ou disco non NTFS. Se xa está executando Galinux-Slax, sinale a súa existencia co comando swapon, como por exemplo: swapon /mnt/hda2/virtual.mem
- No mesmo ou noutro disco duro, cree unha partición de intercambio para Linux. Galinux-Slax atoparana cando arrinque e a empregará sen ter que configurar nada. Este sistema é o máis eficiente pero teña coidado: un despiste na manipulación das particións pode arruinar os seus documentos e sistemas operativos instalados. Non o recomendamos se non sabe moi ben o que fai.
Desde Windows XP non poderá facer particións de intercambio a menos que instale algún programa como por exemplo, Paragon Partition Manager (comercial).
Traballando con Galinux-Slax pode empregar as ferramentas de disco duro e particións que veñen no módulo 13_adm_ferramentas_HD.mo (aparecen en menú inicio, sistema, xestión). Lembre que a versión instalada non permite facer en ningún caso modificacións na mesma partición onde está Windows XP: cómpre usar o Live-CD ou unha instalación noutra unidade.
O tamaño desexable para unha partición/arquivo de intercambio é algo maior cá cantidade de memoria RAM do PC.
Non aconsellamos empregar para particións/arquivos de intercambio unidades de almacenaxe que poidan resultar lentas, en especial dispositivos de memoria USB.
Defragmentar o disco duro
Mantendo o disco duro defragmentado, non só Galinux-Slax funcionará mellor, se non tamén outros sistemas operativos. Se emprega arquivos de intercambio (memoria virtual), é máis que recomendable manter alomenos eses arquivos defragmentados.
^^
21-Teño problemas co vídeo/audio.
Algúns módulos poden interferir na reproducción de vídeo. Sabemos que pode acontecer co de audio, o de ferramentas de disco duro, algún de conversión de formatos vídeo/audio e o antivirus clamAV. Nestes casos, aínda poderá reproducir vídeo se deshabilita o audio (nas preferencias do reprodutor escolla o dispositivo null).
Os problemas co son moitas veces soluciónanse desde o panel de control, obrigando ao entorno KDE a liberalo se non está en uso. O programa Rosegarden do módulo de audio pode informar ao inicio de que a resolución do núcleo é moi baixa. Nalgúns casos isto pode facer que a reproducción de son non vaia axustada ao tempo pero só se pode resolver recompilando o núcleo (procure información na rede). Tamén sabemos que con Squeak-Scratch hai problemas co son.
Por último, Galinux-Slax non xestiona ben o son dalgúns modelos recentes de ordenadores portátiles.
^^
22-Non hai módulo para un programa interesante.
O interese e utilidade dalgún programa é só un parámetro máis a ter en conta á hora de adaptalo como módulo, entre outros coma o tempo necesario para facelo, as linguaxe dispoñibles ou a traducir, a licencia, a idoneidade para ser empregado nun sistema operativo que non gardas os cambios nos documentos por defecto, etc. Se bota de menos algún, lembre que pode instalar programas doutras distribucións. De tódolos xeitos, ás veces pódese pensar que un determinado tipo de programa non está dispoñible cando non é así. Por exemplo, nos módulos para descargar non atopará ningún de mensaxería... porque Galinux-Slax xa ven con un por defecto (inicio, internet, kopete).
^^
23-Empregar programas doutras distribucións.
Na sección de enderezos ten moitos sitios onde atopar programas en todos os formatos.
- Formato Slax (.mo): Hai centos de módulos para Slax e outras distribucións baseadas nel. Case todos funcionarán ben con Galinux-Slax. Se desexa converter módulos de versións anteriores de Slax (coa extensión .img) empregue a ferramenta de consola img2mo. Para probar módulos da versión en preparación de Slax 6, cómpre descargar desde Slax.org o módulo lzm2dir e logo facer o módulo desde os arquivos descomprimidos (botón dereito do rato).
- Formato Slackware (*.tgz): A ferramenta pkgtool permite instalar programas deste formato (non está visible no menú se non iniciou en modo administración, pero sempre pode empregar a consola). O módulo 10_adm_xestor_paquetes_tgz fai moi doado xestionar, instalar, desintalar, anovar, etc. os instalables Slackware. Ademais, co módulo 10_adm_deb2mo_tgz2 cargado, pode converter un arquivo tgz en módulo. Teña presente que non todos os arquivos coa extensión tgz son instalables de Slackware: se a conversión detense cunha mensaxe de erro, comprobe que sexa un auténtico instalable (¿onde o atopou?) e non un arquivo comprimido tgz sen máis.
- Formato Debian/Ubuntu (.deb): inicie Galinux-Slax có módulo de conversión 10_adm_deb2mo_tgz2 cargado. Copie/mova o arquivo debian a "Os meus documentos" (/root); logo faga clic co botón dereito e escolla "converter a módulo".
- Formato RedHat (.rpm): inicie Galinux-Slax có módulo de conversión. Copie/mova o arquivo rpm a "Os meus documentos" (/root), abra a consola e teclee rpm2tgz ./nome_do_programa.rpm
- Código fonte: inicie Galinux-Slax có módulo 12_adm_Official_Development_module cargado, descomprima o arquivo descargado e siga as instruccións dos autores. O máis usual é ter que abrir unha consola no mesmo cartafol, teclear "./configure" e logo "make install".
- Outros formatos: hai programas que son autoinstalables en varios formatos; a maior parte das veces funcionan sen problemas.
- Se o desexa pode editar e mellorar os Módulos convertidos doutras distribucións
Consellos importantes:
- En termos xerais os programas que teñen máis posibilidades de funcionar ben á primeira son os módulos Slax 5/derivados e os de Slackware 10.2, sendo os de RedHat os máis problemáticos. Cando algo vai mal case sempre débese a algunha dependencia non dispoñible. Ou sexa, que tería que instalar antes as librerías, complementos, etc. necesarios para que o programa funcione (vexa a documentación do programa). En Galinux-Slax sen módulos opcionais cargados, as librerías e programas instalados son estos, pero os módulos adicionais engaden outras en moitos casos de xeito "colateral".
- Cando faga a conversión a módulos desde instalables noutros formatos, aconséllase mover o novo módulo a /base e reiniciar, sen cargalo en vivo.
- En xeral o máis doado é instalar as versións que acostuman a poñer os autores nos seus propios sitios web, xa que o habitual é que veñan cos complementos necesarios integrados. Por exemplo, a páxina oficial de descargas de Debian non é práctica, xa que moitos dos programas dependen de outros, librerías, etc. que podería ter que cargar con anterioridade.
- Se ao probar un módulo non ve nada novo no escritorio ou no menú de inicio, vote unha ollada a isto.
- Se sabe que o programa instalado ven traducido pero segue en inglés, procure en /usr/????/LC_MESSAGES o arquivo de traducción correspondente ao programa (a extensión deles é por casualidade a mesma que a dos módulos Galinux-Slax: .mo) e cópieo a /opt/kde/share/locale/??/LC_MESSAGES. Moitas veces facer isto arranxa o problema.
- En Galinux-Slax por defecto hai as mesmas ferramentas de consola que en Slax 5 para facer conversións, pero empregar os módulos sinalados neste apartado da mellores resultados e resulta máis doado (por exemplo, para converter desde RedHat, tería que teclear na consola rpm2tgz --nodeps --force e logo empregar tgz2mo).
- O comezo do nome que lle poña aos módulos procedentes de conversión é importante. A numeración sinala a Galinux-Slax a orde na que se cargan. Empregar 12_nome_do_modulo.mo soe dar bos resultados, pero pode experimentar cos números desde o 10 ata o 16.
ENDEREZOS DE INTERESE
Sitios oficiais de Galinux-Slax
http://www.galinux.org
http://www.galinux.es http://www.galinux.org.es redireccionando todos eles a
http://www.xente.mundo-r.com/net/galinux.htm
https://forxa.mancomun.org/projects/galinux-slax/ (repositorio)
http://www.edu.xunta.es/contidos/premios/p2007/d3_galinux/ (CD co código fonte)
Distribucións relacionadas
http://www.slax.org/?lang=es
http://www.slackware.com
Módulos de Slax e outras distribucións baseadas nel
Vexa información importante sobre como empregalos en Galinux-Slax
ftp://www.slax.org/
Sitio oficial de Slax. Os módulos da derradeira versión NON son compatibles con Galinux-Slax
http://merlin.fit.vutbr.cz/mirrors/slax/
Copia do sitio de Slax.
ftp://ftp.linux.cz/pub/linux/slax//
Copia do sitio de Slax.
http://ftp.fi.muni.cz/pub/linux/slax/SLAX-5-modules/
Copia dos módulos oficiais de Slax, rápido pero sen descripcións.
http://ftp.sh.cvut.cz/MIRRORS/slax/SLAX-5-modules/
Copia dos módulos oficiais de Slax, rápido pero sen descripcións.
http://public.planetmirror.com/pub/slax/SLAX-modules/
A única vantaxe deste sítio engorroso é a clasificación alfabética e a localización de módulos antigos. Para converter módulos *.img ao formato *.mo empregue a ferramente de consola img2mo.
http://www.las.ic.unicamp.br/pub/goblinx/ Case 100 módulos desta distribución brasileira.
http://wolvix.org
Uns poucos módulos propios.
http://www.fordi.org/
Módulo con 425 fontes
tipográficas.
Podería acontecer que outras distribucións baseadas en Slax comezen a desenvolver módulos propios, como a versión francesa de Slax, NimbleX ou Scientific Linux.
Módulos de Galinux-Slax compatibles ao 100% con Slax
Pode empregar algúns dos nosos módulos (galego ou castelán) na edición orixinal de Slax 5. Desafortunadamente, a ligazón coa listaxe xa non está operativa (xa non hai soporte oficial para a versión 5 de Slax). Os Máis importantes: OpenOffice+corrector en galego, Firefox en galego e castelán, AbiWord+corrector en galego, etc.
Programas instalables Slackware (*.tgz)
ftp://ftp.slackware.com/pub/slackware/slackware-10.2/slackware
http://www.linuxpackages.net
http://slackware.sukkology.net/packages/
http://www.slacky.eu/repository/slackware-11.0/
http://www.mytux.org/content/viewslackpackage.php
http://packages.slackware.it/browse.php?q=10.2
http://ftp.lanet.lv/ftp/mirror/Slackware/slackware/
ftp://ftp.uniovi.es/pub/slackware/slackware
http://adrenalinux.com.ar
Programas instalables Debian (*.deb)
http://www.debian.org/distrib/packages.en.html
Programas instalables Red Hat (*.rpm)
ftp://ftp.qilinux.it/pub/QiLinux/stable/current/SRPMS/
Personalizar Galinux-Slax
http://www.gnu.org/software/grub/manual/
http://myslax.bonsonno.org/
http://www.chrysocome.net/rawwrite
http://www.xente.mundo-r.com/net/ferramentas.zip
http://www.xente.mundo-r.com/net/slackbook.zip
Linux
http://www.linux.org
http://www.livedistro.org
http://espadistros.es/distros
Linux en galego/para o ensino
http://trisquel.uvigo.es
http://centros.edu.xunta.es/iesxulianmagarinos/magasi/
http://www.linux-galicia.org
^^ ¿QUEN SOMOS?
Galinux xurde no 2006 por iniciativa de Teo Ramírez Jorquera (IES Concepción Arenal de Ferrol). Durante o curso 2006-2007 estivemos constituídos coma grupo de traballo no CFR de Ferrol desenvolvendo algúns dos módulos para as versións 1.3 e 1.4 e fumos:
IES Concepción arenal: T. Ramírez, P. Vara, E. Bascuas, M. Bonome, Ana Beojardín e C. Ramil. CEIP Ibáñez Martín: Ó. Martínez. IES As Telleiras: Mª Estraviz. CMUS Xan Viaño de Ferrol: Fco. San Ramón e G. Sánchez. CMUS Vigo: A. Dueñas. Asesor no CFR: X.C. Albarellos. Docencia Linux:
Colaboracións e asesoramento en Slax: A. Pérez Dios
O noso traballo é o que podes atopar na sección de enderezos. Sobre a nova distribución "Galinux" que será foi presentada en decembro do 2008 só podemos dicir que é un traballo novo e independente co que non temos nada que ver.
Unha opinión personal:
Primeiro, vaia por diante que estas liñas non representan a opinión de ninguén máis ca de Teo Ramírez, o coordinador de Galinux-Slax.
Se vostede chegou aquí na procura da nova distribución "Galinux", sinto dicirlle que perdeu o tempo. Dende o meu punto de vista isto non acontecería se no enderezo de Mancomún tiveran feito algunha mención á existencia doutras distribucións en galego anteriores, que por certo Galinux-Slax nin é a única nin foi a primeira (vexa algunhas na nosa sección de enderezos). Na miña concepción de soft libre a idea de "competencia" non ten moita razón de ser e por iso sempre temos ligado dende aquí a outros proxectos, grupos alternativos etc. (as miñas desculpas ao Magasi CD, que foi quedando pendente). Con máis razón aínda, un proxecto con todo o respaldo institucional coma a nova distribución, non debería tratar aos traballos xa existentes coma competidores, e menos a nós co desenvolvemento detido e de "fora do mundillo". Por iso coido que se vostede perdeu o tempo non foi pola nosa culpa: dende Mancomún poderían telo aclarado o mesmo ca nós.
Sobre a termo "Galinux": resulta moi descriptivo pero a min mesmo sóame un pouco ridículo, a verdade. Supoño que habería moitas outras denominacións posibles para un novo traballo e non deixa de sorprenderme que tivera que ser xustamente isa. Teño escoitado propostas máis divertidas coma Breoganix, MainzOS... :)
No que a min respecta, aclarar que non son eu quen ten dereitos comprados sobre a marca, nin os quixen ter nin tampouco podería segundo o disposto nas bases do premio á innovación educativa que gañáramos. Se a denominación é rexistrable, a miña opinión é que tería que ser de titularidade pública. O que costa cartos aos galegos ten que ser de todos eles.
E xa por último, acerca doutros temas sobre os que recibo moito correo estes días, que xa vou canso de repetirme: non son quen de valorar se a distribución escollida para o novo Galinux é a mellor opción, se é de verdade unha distribución ou outra cousa, se debería selo ou non, ou sobre as licenzas. Nin son avogado nin informático. Tampouco sei se é o mellor xeito de apoiar ao soft libre, o máis rentable, oportuno ou o que sexa, pero o novo Galinux ven de significar un maior compromiso da administración co soft libre, e só por iso, sexa benvido.
Outros enderezos e dominios coma blog.galinux.info, galinux.info e galinux.net foran rexistrados por Suso Baleato para o seu propio proxecto sobre Debian en galego, novamente sen relación ningunha con Galinux-Slax.
Asemade, galinux.com, que fora do GUL norteamericano "Georgia Linux Community" agora apunta ao "Novo Galinux" e o grupo yahoo fr.groups.yahoo.com/group/Galinux é doutro GUL francés. Por último, tamén existe unha empresa chamada Galinus.
Agora mesmo o equipo de Galinux-Slax somos estes. Para contactar connosco co gallo de colaboracións, informe de erros, suxerencias ou o que sexa, por favor envíanos un
^^ COLABORACIONS
Podes colaborar con nós de moitos xeitos:
Difunde Galinux-Slax.
Emprega e comparte os teus CDs de Galinux-Slax.
Axuda a outros usuarios.
Podes contribuir no teu blog, contar trucos, redactar guías... ¿tes probados módulos doutras distribucións?: cóntanos cales van ben.
Comparte o teu traballo.
Módulos: Se eres un usuario avanzado de Linux e tes feitos ou adaptados os teus propios módulos, programas instaladores, etc. podes enviarnolos ou dicirnos onde descargalos e poñeremos unha ligazón. Se convertiches instalables, controladores, etc. doutras distribucións, os probaches e van ben, o mesmo.
Desde a versión 1.4 o salvapantallas por defecto pasará diapositivas con temas educativos. Se desexas compartir algunha presentación ou galería de imaxes feita por tí, envíanola xunto cos teus datos.
Danos a túa opinión
Contacta con nós se atopas erros ou queres facernos chegar suxerencias.
Únete a nós
O noso "manifesto" pódese concretar moi ben polo que non tentamos nin pretendemos:
Duplicar esforzos facendo outra distribución xeralista máis, xa que o noso é algo distinto de raíz: un Linux moi rápido instalable en Windows XP ou calquera cousa e sen ter que focellar coas particións. Ata onde sabemos nós, o máis parecido ao noso proxecto é Topologilinux, pero execútase "coma unha fiestra" dentro do Windows.
Ter a lista de programas máis longa do mundo. Traballamos nos máis imprescindibles. Os demáis pódense importar doutras distribucións por cada usuario e, no momento no que vostede sinta a necesidade de moitas outras cousas, terá chegado o momento no que desexe o salto cara a algunha outra distribución máis profesional, cousa que nonaspiramos a ser.
Aportar nada aos usuarios habituais ou expertos de Linux: teñen moitísimas opcións mellores. Pero sempre que sexa posible tentaremos que todo o que se poida do noso traballo poda ser empregado por calquera que non sexa usuario de Galinux-Slax noutros contextos: traduccións, instalables adaptados a outras distribucións, etc.
Pola contra, o que sí perseguimos é:
Facer de ponte entre o mundo so software de marca e o ceibe, presentándoo do xeito máis amigable posible a quen se achega por primeira vez a él. Uns exemplos: non imos chamar xamais "repositorios" ás listas de programas; non nos doe chamar "Os meus documentos" ao cartafol do usuario; os accesos aos programas dirán cousas coma "Programación en Logo" e non kturtle; o usuario non ten porque coñecer de antemán o nome de cada cousa: iso xa acontecerá nalgún momento, pero só se non se sinte perdido e abandoa á primeira.
Amosar a quen son alleos ao Linux que non hai razón para terlle medo se non o contrario, aportándolles ademais algún valor engadido que non teña equivalente co que empreguen a cotío: maior seguridade, comodidade, ferramentas e programas non habituais ou dispoñibles noutros contornos, etc.
E por iso:
Non somos "ultras" de nada: se algo é interesante e non ten alternativa, non é excluínte a priori nin que non estea en galego, nin a variedade empregada, nin que teña licencia máis pechada ca GPL, sempre que os termos nela establecidos permitan o seu uso e distribución legal. Tampouco somos "anti" nada: as empresas de software e particulares están no seu dereito de cobrar polo seu traballo e de non facer públicos os segredos dos seus produtos, coma nós debemos ter garantido o dereito de decidir se os mercamos ou non.
Non nos importa canta xenta crea no noso traballo. Que ninguén é profeta na súa terra é unha constante universal. Sabemos desde o comezo que por cada galego que chegue a empregar Galinux-Slax haberá moitos máis que prefiran calquera outra cousa sen chegar nin a probalo, o mesmo ca colaborar no desenvolvemento ou no que sexa. As cousas son así.
Somos independentes. Non temos intereses creados, non somos grupo de presión de nada nin o queremos ser. Facemos o que nos peta sin rendir contas a ninguén.
Queremos facer algo de utilidade pero tamén disfrutar e aprender namentres. A confianza, a vontade e a complicidade estarán sempre por enriba das competencias técnicas. Non queremos imitar estructuras organizativas nin complicados protocolos, só ser coma un grupo de amigos que comparten un proxecto.
Ata maio do 2007 estivemos constituídos coma grupo de traballo de mestres e profesores e desde setembro do 2007 o noso proxecto está na forxa de mancomun.org.
^^ OS NOSOS PARABENS E AGRADECEMENTO PARA...
Todos os voluntarios e voluntarias que co seu esforzo fan posible o software libre, e dun xeito moi especial a:
- Os grupos e particulares que traducen ou fan en galego programas, ferramentas, etc., como Xosé Antón Vicente (clic e moitos outros), Jacobo Tarrío (Firefox), Andrés Ventas e Ramón Flores (correctores), Xabi García (koffice), Marce "mvillarino" (edukator, ktorrent...), Xosé Calvo e Manuel Anxo Rei (scribus), Jorge Rivas e
Rubén Da Silva (OpenOffice) e os membros e colaboradores de Lapis de Cores , os do Proxecto Trasno, egalego, etc.
- Tomas Matejiceks, creador da distribución Slax e a Patrik Volkerding e os seus colaboradores da distribución Slackware.
- Tobias Svensson, creador de TopologiLinux, distribución que inspirou algúns aspectos de Galinux-Slax.
- Jordan Rusell, creador do programa instalador Innosetup.
- "Speleoalex", Guillaume Rousse e Buchan Milne polas iconas estilo XP.
- A Openhost.es polo apoio prestado no comezo do proxecto.
- Wenmusic, Istvan Székely, Antonio Izquierdo, Andrés e outros polas suxerencias, consellos e outras aportacións.
- A quen nos apoiaron desde o primeiro momento como José Manuel Cambre, Marta Paredes, Chus Méndez, Xoanca, Manuel Vilas, etc.
- Ás empresas R polo aloxamento físico da documentación e a Ensamática S.L. polas probas durante o desenvolvemento.
- Ás profesoras Elvira Roiz e Eva Loureiro Soto e a todos os autores de algunhas das presentacións didácticas arranxadas para a versión 1.4
- E en xeral aos particulares que fan posible o soft libre e ás empresas "amistosas" con él. coma Sun Microsystems, Trolltech, Ribbonsoft, etc.
(Se coida que falta alguén, por favor contacte con nós).
^^ CONDICIONS
Galinux-slax é software libre. Pode empregalo e tamén distribuílo de balde baixo esta mesma denominación pero só mentres non altere ou omita arquivo algún, entendéndose ademais que non hai garantía de ningún tipo nin compromiso de asistencia. Por suposto, pode modificar Galinux-Slax, facendo constancia das modificacións e mantendo a licencia de software libre GPL. Se desexa o código fonte, execute Galinux-Slax e vaia a /mnt/live/memory/images ou descargue esta imaxe ISO.
Galinux-Slax está baseado na distribución Slax (Slackware) que tamén se oferta ao público como software libre (vexa c:\galinux\docs\slax ou visite o sitio web de Slax).
Do proxecto xeral temos sacados outros pequenos subproxectos de utilidade noutros contextos, coma módulos compatibles 100% con Slax, a versión preeliminar do instalador para Windows Vista e plantillas extra para novos documentos en KDE. Dos que son traballos orixinais nosos a licencia vai na liña da do MIT, ou sexa: faga con eles o que lle pete deixando constancia das modificacións. Desexamos que os derivados segan a ser de balde e abertos e tamén agradecemos o crédito pero non son obrigas. O único que non ofertamos coma soft 100% libre é o código e deseño desta páxina web. Se quere reusalo, por favor contacte connosco antes.
Instalando Galinux-Slax ou empregando o Live-CD de inicio manifesta a súa conformidade cos anteditos termos.
^^ |