A
m
é
n

 

- Amén.

Foi o primeiro que se me ocorreu dicir. Estaba totalmente distraído, pensando noutra cousa que non lembraba, e foi o primeiro que me veu á mente.

- ¿Como?

- Amén... amén.

- Ti non estás ben.

- Que fermoso pareado.

Non sabías ti canta razón tiñas. Non estaba ben, non.

Todo por ela, condenada muller. Rebulírame na cabeza sen parar toda a tarde. Queríaa quitar do pensamento pero a súa imaxe volvía unha e outra vez. Zoaba e zoaba, como unha abella arredor dun rosal virxe, repleto de polen. Tíñame enfeitizado.

Pero a ti tanto che tiña. ti ó teu.

- A ver se te deixas de caralladas, que aínda non rematei de explicarcho... Como che dicía, se o asunto vai tal e como che acabo de expoñer, entón en cinco anos xa podería...

Eu seguía a darlle voltas á cabeza.

Amén. ¿Por que amén? Sen vir a conto contestárache un amén. Pensando pensando nas miñas cousas, abrira a boca e dixera amén. Así, sen pés nin cabeza. ¿E que non podía ter dito calquera outra cousa máis normaliña ou que viñera máis ao caso co que me estabas contando? Non. Tivo que ser amén, precisamente amén. Non lle atopaba a lóxica por ningures, como se esquecera que na miña vida a lóxica é algo que non destaca pola súa abundancia. ¿Que podía haber no fondo da miña mente para que así, de súpeto, soltase un amén tan sentido, tan... eu que sei; como se estivese rezando un rosario?

De súpeto lembrei o tío cura.

Era tío da avoa. Aparecía de vez en cando pola casa, sen avisar, e quedaba a comer. Negra sotana estilizada, longa e áxil, bastante amedrentadora. Case sempre aparecía cunha bolsiña chea de peixe, como se non fora haber que comer na casa. Por suposto, sempre tiña que explicar como había de prepararse o manxar co que tiña a ben agasallarnos.

Tiña un non sei que de señorito, quizais resto dun tempo no que levar sotana era garantía de boa vida e do máximo respecto e submisión por parte de todos os mortais.

A min non me gustaba. Sempre tiña algo por que chamarlle a atención a todo o mundo e a todo se lle dicía que si cunha devoción e un servilismo esaxerados, mesmo humillantes. quizais era porque na casa non había homes; morreran case todos á outra beira do mar. Os vivos, os menos, estaban en Suíza. Era unha casa de viúvas e orfas. Agás eu.

- Dálle un bico ao tío Ramón.

Non me gustaban as sotanas. Eran como os capotes da parella da garda civil que aparecía de cando en vez pola taberna, con aquel seu libriño de firmas baixo o brazo e os mosquetóns colgados do ombreiro. Eu, con a penas 8 anos, non entendía o porque daqueles lustrosos tricornios que non se semellaban a ningún outro gorro militar que puidera ter visto nas películas, alá na casa de Don David. Don David era o mestre e o privilexiado propietario do único televisor do lugar, convertendo a súa casa no lugar de peregrinación diaria da media ducia de rapaces da aldea para ver a programación infantil. Sen mando a distancia, sen canais para escoller. A televisión tamén era unha e grande. Pero tampouco era libre. Xa daquela.

Non me gustaban as sotanas, e menos se dentro ía aquel tipo de voz autoritaria e xestos altivos. Máis que un cura semellaba un coronel. O único que me gustaba del eran os xurelos á prancha que preparaba sobre a cociña de ferro, sen outro aderezo que un puñadiño de sal. Evidentemente, el non era quen despois tería que rascar a prancha de ferro con pedra pómez e auga quente para sacar ata o último resto de pel e escamas do peixe. Iso era cousa de mulleres.

Eu visitárao un par de veces na súa casa, unha rectoral enorme nunha boa parroquia, rodeada de prados e interminábeis viñas. Entrábase por un portalón aberto nun alto muro, que a miña infantil imaxinación identificaba cun castelo. Castelo que completaba o misterio que se respiraba naquelas adegas cheas de bocois máis altos que un home, rodeados de seculares arañeiras. Nunha ocasión atopei alí a un augardenteiro en plena faena, home de aparencia centenaria que me lembrou a todos os vellos e vellas que foran aparecendo nos contos escoitados ao longo de toda a miña infancia.

Cando xirou a súa enrrugada cara tras escoitar as vellas bisagras da porta que me cedía o paso pensei, non sen certa dose de medo, que aquela era a mesmísima cara da Vellez. Se realmente existía a vella do gancho, que eu non lograba ver por moito que me asomara ao pozo da horta ou á beira da ponte do Portacornido, tiña que ter aquela cara. Lembrando a cara daquel velliño encorvado sobre o seu alambique, rodeado por aqueles inmensos toneis e as arañeiras do principio dos tempos, volve espertar dentro de min a desmesurada imaxinación daquel neno descubridor de castelos e covas.

Mentres ti seguías co teu discurso, retornei o meu pensamento ao tío cura e pregunteime que quedaría daquela altivez, daquela superioridade, cando morreu despois de varios anos nunha cadeira de rodas coas dúas pernas amputadas; esquecidos xa a prepotencia e o reverencial respecto que impoñía nos seus numerosos e amantísimos sobriños. Pouco quedaría daquela adoración salvo o interese por facerse cos despoxos dunha boa herdanza, tentando privar de calquera migalla a un fillo non recoñecido que levaba anos coidando del coa única axuda dunha nai que pasara toda unha vida á sombra daquela sotana baixo a consideración social de "criada".

Criada, sen ningún tipo de recoñecemento nin respecto, víctima das malas linguas e o desprezo familiar por ter dado vida ao froito daquel amor furtivo. Aquel fillo era a evidencia do pecado, a vergoña que habería que ocultar toda unha vida, mirando por el ás agochadas, buscándolle un porvir na vida pedindo intercedencias e recomendacións "para un sobriño".

Quedei pensativo. Non lembraba a conto de que saíra a historia do tío cura. E volvín lembrar aquel "amén" que me saíra de tan fondo. ¿Por que?

Non souben en que momento perdín o fío do teu monólogo e me extraviei en desvaríos metafísicos que transportaron o meu pensamento máis aló da nosa conversa.

Non souben en que momento a miña conciencia me abandonou para, dun rápido salto, aparecer divagando sobre temas que nin eu mesmo podería predecir.

Amén.

Dixera amén.

Pero nunca conseguín saber por que raio soltara semellante parvada.

boton_planetas.gif  Índice