![]() |
O DÍA QUE DEIXE DE CHOVER |
Como chove. E non ten trazas de parar.E eu aquí, coma un toxo, vendo pasar o vento.
Cun pé aquí e outro quen sabe onde. Cunha man no queixo e a outra no peto. O cóbado no xeonllo, tapando un burato dos pantalóns.
- Anda home, anda. Móvete, fai algo.
- Si muller, si.
- A ver se che se ve facer algo.
- Xa vou.
- Siquiera vai por leña para a cociña.
- Está mollada.
- Se está mollada xa secará aquí, á beira do lume.
- Está moi mollada...
- Mollarte é o que ti non queres. Vergonza che podía dar. Se se molla é porque non a metiches na corte cando non chovía.
- Cala anda, cala.
- Non calo, home non. Que mira que pai para uns fillos. Non sei de quen van aprender algo bo, porque dun moinante coma ti...
- Cala xa, muller.
- Cala xa, cala xa. Ó señorito moléstalle o ruído...
- Cala.
- ... está aí coma un papón e moléstalle o ruído.
- ¡Cala, hostia!
Chove forte e o ruído da choiva impídelle oír o golpe da porta ó pecharse con forza e estalar contra o marco tras del.
Non se vira a ver se quedou aberta; o que deixa atrás impórtalle pouco. Nunca lle importou. Un casamento imposto, unha familia imposta, unha vida imposta...
¿Cando deixará todo iso definitivamente? Non ten onde ir. Ou non sabe, que non é o mesmo. Se tivese uns pesos para embarcar ou marchar a Cataluña ... Alí podería vivir como sempre soñou. Alí podería ser un home, non unha merda que só vive para criar os fillos e aturar a muller. Unha besta de carga, todo o día traballando para chegar á casa tan pobre como a véspera.
Atrás deixa unha muller chorando na casa pola inxustiza da vida. Iso é o único que teñen en común, agás os fillos.
- Estou farto. Calquera día... Vou á do Luciano, a ver se dou con alguén que me dea algo de conversa.
Conversa. ¿Cantos haberá no lugar, en toda a parroquia, capaces de ter unha conversa decente? E dos poucos que hai, a metade son uns chupatintas babosos e uns fedentos.
- As forzas vivas. ¡Anda! Ríome eu diso, calquera deles é menos persoa que un boi. Así é o mundo. ¿E eu por que serei así? ¿Por que non me conformo con nada e me deixo levar polos soños? Había ser o home máis feliz do mundo traballando día e noite, chegar á casa e ver os fermosos nenos que Deus me da para bendicir o meu matrimonio. Vaia bendición; que incultos somos. Que xente é esta que agacha a cabeza ante a vida como lle vén, sen tentar cambiala. Que vida é esta que te leva á morte sen facer máis que traballar e durmir. Traballar para vivir e vivir para traballar. ¿Isto é vivir? Non, eu non podo vivir así, por sorte ou por desgracia. ¡Que carallo! Xa está ben de deixarse levar por todo e por todos. Chegou a miña hora. De mañá non pasa. Voume.
Polo camiño baixa un home alporizado. Vai só pero fala nun ton bastante forte.
Non mira por onde vai e mete os pés en todas as pociñas que a choiva vai formando nas fochancas ó longo do camiño. Os zocos de Serafín baleiran as pociñas, esparexendo a auga por todo o camiño coas súas rápidas zancadas.
Un tras outro, os seus pés baixan a costa ata chegar á pista de terra que leva cara A Estrada. O resto do corpo vai seguindo ós pés. A súa mente está lonxe. Moi lonxe.
Ó chegar á pista dubida entre ir cara o pobo ou fuxir cara ese mundo que o agarda dende hai tanto. En vista do tempo que vai, tira cara a taberna, pospoñendo para mellor ocasión a partida.
Quizais, se a súa marcha depende da choiva, tarde meses en marchar. Quizais, se non consegue unha boa dose de decisión, non marche nunca.
Antes de chegar ó lugar dubida entre entrar na taberna ou ir á botica. Entre un vaso de viño cun pouco de boa compaña e a lectura do xornal do boticario na súa triste e desacougante compaña, opta polo primeiro.
A súa é unha vida chea de opcións. Quizais todo cambie cando se decida a enfrontar a grande opción. Quedar e morrer ou fuxir e vivir. Fuxir. Quizais a partir de aí as cousas veñan unha tras doutra sen ter que decidir. Cada vez que hai que escoller entre varias opcións, sempre queda a dúbida de se a outra opción tería sido a mellor. A vida de Serafín podería ter un montón de finais distintos porque detrás de cada encrucillada veñen unha chea delas máis.
Cando deixou o seminario, puido ter seguido cos estudios. Se fora así podería escoller entre coller unha parroquia ou dedicarse a ensinar. Estas posibilidades traerían, así mesmo, outra cadea de eleccións interminable.
Isto era o que lle daba que pensar a Serafín cando non tiña nada que facer... ou cando non lle daba a gaña de ter algo que facer. Trataba de ir reconstruíndo os infinitos finais que podería ter a súa vida.
Polo de agora, todos os que se lle ocurriran, eran mellores que o que lle agardaba a partir do día que decidiu casar con Lola. Quizais debera ser distinto o seu camiño na primeira decisión. Quizais non debera ter ido ó seminario por contentar a súa nai.
Quizais non debera ter nacido.
Vaia historia.
Serafín "nunca ten nada que facer" e estes pensamentos ocupan a súa mente todo o día.
- Ola Serafín. Vés bo.
- Veño, veño.
- Toma. Aquí tés unha carta para Lola, vén de Cuba.
- De Cuba, de Cuba... de Cuba veñen os cartos. Pero a min só me chegan cartas.
- Os cartos de Cuba hainos que ir apañar alá. Non che veñen eles solos, por moitos que haxa. Non creo que fuxan cara aquí. Haber hainos, a feixes, pero cólleos quen colle o angazo e vai alá por eles.
- Si home, si. Pero tamén hai quen vai angazar para outros e volve co peto baleiro e o lombo fodido de tanto angazar. Se volve.
- Iso é o que che pon medo a ti: foder o lombo. O que non volve será porque está mellor alá, que din que as cubanas...
- Porque está mellor, porque está mellor... Porque está mellor ou porque non pode. Ou por vergonza. Que non será doado chegar cunha man diante e outra detrás e ver como veñen os demais, cos seus traxes brancos, con sombreiro e dentes de ouro.
- Iso do ouro tamén che é bo conto, xa son gañas de gardar o capital dentro dun mesmo. Que andan dicindo por aí que teu curmán veu de alá cun tubiño de ouro no cu, de cando a operación, que lle sacaran un anaco de bandullo e puxéranllo de ouro. E total, para que pase a merda por el.
- Si home, éche certo.
- Para que o día que morra lle vaian fochicar no cu estando aínda quente, porque o ouro non llo han deixar ir con el. Da maneira que é a xente...
- Non home, non. Antes se lle fedella no cu a un morto que enterrar un tubiño de ouro na terra.
- É ben certo. Aínda por riba non poder descansar tranquilo. Ou en paz como din os curas.
- En paz... en paz... non descansa nin deus. Nin os ricos, que dormen e están a matinar en tal ou cal negocio.
- Si home. Pero a ti non creo que che quiten moito o sono os negocios.
- Ti que saberás dos meus negocios.
- Moito sabes ti do que fan os ricos, Serafín.
- A teoría téñocha ben aprendida. O que non teño é sorte coa práctica.
- Iso dicía eu antes de me casar.
- Pois xa hai anos.
- Sonche anos para conseguir a práctica. Agora seiche de máis.
- Xa, home. Non me digas que ti, ós teus anos...
- ¿O que? Ponme diante á filla do Lisardo, verás o que sei facer.
- Pides ti moito, Luciano... Como estás, que só entrar ela aquí polo correo ou por un cuartillo de aceite, parece que vas botar o mostrador abaixo do que te empinas.
- Bueno home... a ver se falamos ben.
Fóra xa non chove tanto.
O regueiro segue baixando cheo, levando follas de carballo e garabullos.
Cara o outeiro do mouro empeza a saír o sol entre as nubes escuras. A penas é un buratiño entre a masa gris, pero os raios chegan momentaneamente ata o alto do Penico. Reflíctense nas ventás da casa rectoral, que brillan molladas polas pingueiras que escorregan pola parede desde o tellado, cada vez máis lentamente.
A bendición luminosa dura ben pouco, pero abonda para dar un aloumiño de cor no húmido val.
A escuridade volve, pero sen choiva. Xa está anoitecendo e vaise vendo luz nas fiestras.
A taberna comeza a encherse. Uns que van tomar un grolo e outros que van por un papeliño de azafrán ou picadura de tabaco. Todos atopan desculpa para ir á taberna cando anoitece.
É inverno e o único traballo na casa despois do solpor é muxir as vacas e facer a cea. E iso é cousa de mulleres.
Pero na taberna do Luciano non só hai homes. Case todos os días entra tamén, a encher o fígado, Dorinda, a viúva do encargado do paso a nivel, que na gloria estea. Chega, bota uns grolos e marcha.
Aínda que algúns días os grolos van por onde non deben e, entón, queda na taberna a falar e chorar ata que a levan á casa.
Ninguén a vai buscar. Vive con Salvador, o fillo, e a el non lle importa se está bébeda ou non, nin se volve á casa.
Nas frías e longas noites de inverno, Dorinda repite a súa pregaria a cotío:
- Oes ti, a ver se pensas que a min se me amola de calquera maneira, que é chegar e ¡ala!, a chupar do bote. A chupar, a chupar. Pois chupa home, chupa, a ver se afogas, que ata diso se morre. Que non só se morre de fame. Así, desa maneira, tragando cara dentro, que dentro de nada vas e rebentas. Como se o vira. Que non se diga que non te aviso, por avisar que non quede. Nin que fora eu aquí o cura botando o responso. E ti, nada. Como se tal cousa. Tira para adiante como se a cousa non fose contigo, que desvergonza non che falta. Non, oh!. Que hai quen ten a delicadeza de chegar e dicir "ola, véñoche facer compaña". E despois van ó seu, coma todos. Pero ti non. Non. Chegaches cheirando a ver onde había cartos. Que nunca vin semellante morto de fame. Anda, anda, que se queres cartos vai traballar, que é así como os gaña un home. Si, si señor. Así mesmo lle direi cando chegue á casa. Ou se non mañá, si, mellor mañá porque hoxe vai estar bébedo. Que coño, algún día terá que ser, que non vou aturar ese porco toda a vida, a pouca que me queda, tirando de min...
- Dorinda, vai para casa.
- ... chupándome o sangue, que é o único que fai. E ninguén lle di nada. Claro, ¿quen llo vai dicir? Mentres me amole a min. Anda que a xente... Señora Dorinda por aquí, señora Dorinda por acolá. Que vai vir o Salvador, que estará bo mozo, que virá cunha cubana, miña nai, deus o faga mellor. Tanto conto e tanta historia co Salvador e o que viña era amolar a súa nai e amargarme os poucos anos de vida que me quedan.
- Xa bo é, Dorinda. É mellor que marches.
- Eu marcho cando queira ¿Ou non pago como os demais? Que xa me dirás. Que me lembro ben. Cinco anos. Cinco anos hai que veu. Cinco anos aturando a esa esponxa de viño, cervexa ou o que lle boten. E veña a chupar e chupar. "Mamá, onde meteu os cartos, que ben sei que xa foi cobrar". Non señor, non. Que isto non é vida nin nada. Todo o santo ano traballando para ese porcallán e cando vou pola a pensión eu non vexo un peso. Que agora de vella aínda traballo máis que antes. Que "mira o que son os fillos", que "mira a pobre da Dorinda". Agora xa ninguén me pregunta polo Salvador, que se vén ou se marcha. Marchar. Que vai marchar ese. Ese non marcha nin move un pé ata que eu morra e lle falte a miña paga da Renfe, que non lle falta moito. Porco, que é un porco. E marcho porque si, porque me peta, que se non quero estou aquí ata as dúas da mañá e a min ninguén me bota. Non señor. Que este é un sitio público. E marcho. ¡Ala! Marcho, a ver se topo a ese borracho que o vou espabilar...
- Pobre muller. Ogallá acougue algo polo camiño, se non ó chegar aínda lle vai caer unha tunda no lombo.
- Si, Luciano. Pero ti dáslle viño igual. Se non lle deras de beber, non sería así o conto.
- E que queres que lle faga eu? Se non lle dou eu viño xa o atopará noutra parte. Siquiera que non lle vaia facer negocio a outro.
- Con ese razoamento, así tes a taberna chea de bébedos e tolos.
- E ti dos peores ¿non?.
- Mira Luciano, non me quentes, que non estou hoxe para bromas.
- Pois a ver se non faltamos. Ti no teu sitio e eu no meu.
A taberna está chea de fume de tabaco. Cada un fala da súa cousa, pero todos se entenden.
- Oes Serafín, parece que hoxe lle cargaches de máis "ó burro". Mira non lle vaias acabar cos pipotes ó Luciano. Deixa algo para os demais.
- A ver se rebentades todos, que carallo. Eu bebo e pago e non lle pido nada a ninguén.
- Disque é mañá o cabodano de teu pai. A que hora é?
- Pois... non che sei. Hache ser pola tarde, porque pola mañá non estarei eu para funerais. E menos para o de meu pai. Meu pai... Un bo home, meu pai.
- Pois a ver se lle pregunto a outro pola hora, se non...
- Heiche mercar un piano, meu rei. Así me dicía de neno. Meu pai, que na gloria estea. Un piano. Ese era o seu gran soño. Toleaba pola música. Cando viña a banda de Lantaño, polos Remedios, pasaba dúas semanas facendo así coas mans, coma o director da banda. E cantaba. Parabarabá tachín tachín. Que houbo quen chegou a dicir que estaba tolo. Tolo. Tolo meu pai... Que a ver quen é home de mo dicir aquí mesmo. Vese que non o coñecían. Os da súa quinta chamábanlle "betoven", que foi o alcume que lle puxera o capitán da súa compañía. Cando se fixo vello, xa non lle chamaron máis así. Era o señor Nicolás para todos. O señor Nicolás.
- Érache bo home teu pai, si señor.
- ¿E logo? ¿Non había ser? Neste pobo non se arrimaba un afiador nin un capador, porque sabían que iso estaba da man do señor Nicolás. Meu avó quíxolle ensinar un pouco de todo para se defender na vida. Andou por aí. Cun capador, cun afiador, despois cun augardenteiro, cun tratante de gando... Aprendeu de todos e despois gañaba a vida cambiando de oficio segundo o tempo de cada un. O único que se lle atravesaba un pouco era afiar gadañas. Pero o resto, o resto... Que viña o tempo de mercar porcos, pois cada un dáballe os cartos que podía gastar e meu pai e alá ía á feira de Soutelo a por oito ou nove porcos. E non saia un malo. Traíalle porcos bos a todos e mercaba un pequeno para nós coa súa "comisión". E algunha lambetada para min. E nunca ninguén lle dixo que os topaba caros. Había veces que traía unha folla de bacallao así de grande, que non sei como daba chegado aquí despois de catro ou cinco horas por eses camiños cunha recua de porcos. Os veciños mercaban a bo prezo, meu pai gañaba un porco e os tratantes vendían a metade da mercancía en media hora. Porque, iso si, meu pai, para mercalos, dáballe voltas e voltas ós porcos. Que os tratantes xa o coñecían e se a mercancía non era boa, dicíanlle así medio disimulando: "Nicolás, non está boa feira hoxe". E meu pai xa entendía. Pois si. Así era o vello.
- Pois para matalos tampouco era manco.
- Non, desde logo que non. Que chegaba o tempo de matar e corría todas as casas co coitelo na man. Que non había outro coma el. Que mesmo lle chegaron a dicir que fora pedir traballo de verdugo en Santiago. Que mira ti, a ver que broma é esa. Que hai quen non sabe nin o que di.
- Bo, Serafín, eu voume, que xa é hora. E ti tamén debías marchar, que aínda che leva un pouco chegar alá e a Lola hate estar agardando.
- Mira Manuel, non me fales da Lola.
- Bueno home, bueno. Pois logo ata mañá.
- Ben, pois vai logo. Que eu quedo aquí co Luciano e o rapaz, a ver se me toca mañá a campá no cabodano.
- ¿E logo, home? ¿Non ha de ir?
- Non papá. Non quero ir. Téñolle moita lei a vostede, señor Serafín, pero á igrexa non lle volvo.
- ¿E logo rapaz? ¿Que che fixeron? ¿Quen vai tocar se non vas ti?
- Nunca. Non penso ir nin morto. Xa lle dixen ó cura que non volvía. A min ninguén me chama fillo de Satanás por moito que me cague no altísimo. Ademais, non quero ir.
- ¿E logo?
- Xa non quería ir antes, pero se me berra o cura aínda menos. Teño o que hai que ter e non lle vou.
- Oes rapaz, xa case falas coma os homes. Aprendes ti moito na taberna.
- Como se el non xurase. Ben lle oín eu botar un xuramento dos bos, que fixo desfilar todos os santos e ánimas dunha vez. Un día que o cabalo non lle andaba na carballeira de Piñeiro e chegaba tarde á Santa Mariña, que había unha comedela na rectoral, das que xuntan a dez ou doce curas. El a xurar e a darlle patadas ó cabalo e o animal que non lle andaba. O pobre, que iría morto de fame. Estiven por llo dicir alí, no medio de todos os rapaces do catecismo. Faltoume un pouco así. Algún día direillo, que o oímos Moncho e máis eu cando viñamos de coller niños de merlo nos carballos da Devesa. Ben mal que o pasei. O Monchito a rir á beira do camiño, entre as xestas, e eu na póla dun carballo, mesmo enriba do camiño, con dous ovos de pega nunha man e unhas gañas de mexar que morría. Que case lle mexo enriba ó señor cura.
- Bo, home, pero ¿que culpa che ten Serafín? ¿Por que non lle has tocar a campá mañá?
- E igual Luciano, déixao estar. Ha de sobrar quen toque a campá.
- Pois logo vai marchando, que quero pechar para ir durmir.
- Tranquilo home, xa vou... Merda de choiva.
A choiva segue a mollar a noite.
En semellante noite, ninguén podería pensar en meigas, pantasmas ou santas compañas. Só na choiva, porque as ánimas foxen da humidade.
En noites como esta, os mortos van cara o sur, como os paxaros. Van pola vía do tren cara Vilagarcía e despois baixan todo dereitiño ata o peirao ou máis abaixo, segundo sexa verán ou inverno e lles rinda a noite.
As ánimas son parvas. Van tan lonxe fuxindo da choiva que botan a noite camiñando entre ir e vir.
Por iso Serafín sobe a costa tranquilo, cavilando máis na maneira de quitar a friaxe do corpo ó chegar á casa que nas súas viaxes.
- Trailarelo trailaralo, trailarelo trailaralo. E mira como me mollo, trailarelo trailaralo. E non dou chegado á casa, trailaralo trailarelo.
Por fin, entre trailarelos e trailaralos e caídas no camiño, chega á casa.
- Vaia home. Vés bo.
- Veño, que xa non é pouco.
- Ai home si, aínda por riba tereicho que agradecer.
- Vou durmir.
- Si home, métete na cama así como vés. Porco, que es un porco. Vés pingando e vas deixar a cama feita unha merda.
-Pois déitate noutro lado.
A noite segue a asolagar o val.
Todo é silencio na noite. O silencio que impón a eterna choiva.
Axiña os regatos e regueiros terán levado todo o que atopan ó seu paso.
Axiña o río pasará por riba da ponte romana que, unha vez máis, ofrece os seus pilares espidos ó río para ir formando unha presa coas pólas e follas que a auga trae.
Axiña será día e os rapaces, ó non poder ir coas vacas nin á escola, quedarán toda a mañá mirando como o río pasa por riba da ponte, metidos debaixo do hórreo da señora Dorinda.
Axiña será día.
E co día chegará o movemento, o mínimo movemento imprescindible para que siga a vida, pois a forte choiva non permite facer as labores da labranza nin saír da casa.
Cada quen quedará na súa casa, á beira do lume, contando historias de indianos ou de meigas.
Todos agás Serafín, que soñará, cunha man no peto e outra no queixo, cos lugares que visitará o día que se decida e deixe todo.
O día que deixe de chover.
Pero en Castriños... chove sempre.