MEMORIAS DUN TEMPO PERDIDO

 

No nadal de 1991 morreu, nunha casiña a piques de caer do lugar de Bugarín (Cerdedo), Manuel Arca, o señor Manolo.

O señor Manolo, de profesión pobre, chegara ó lugar había xa moitos anos (ninguén lembraba cantos), na compaña da súa irmá Herminda. Da señora Herminda apenas lembro que sempre se desprazaba rodeada do seu rabaño de cabras e ovellas, con aquel forte cheiro que me vén á memoria cada vez que me poñen diante un prato con carne de cabrito ou año.

Chegaran xuntos, os dous solteiros, fuxindo dalgunha desgracia ou enfado familiar, descoñecéndose outro dato sobre a súa procedencia que non fora unha aproximación ás terras de Codeseda.

Vivían os dous nunha casiña arrendada que compartían cos animais. A súa pobreza era tal, que non tiñan nin can. Algo realmente difícil de entender para a miña mente infantil daquel entón, pois non había casa sen can.

Ela vivía dedicada por enteiro ó seu rabaño. El era xornaleiro, traballaba nas casas do lugar ó longo de todo o ano, nas leiras, axudando nas mallas, rozando no monte, facendo leña...

Aínda que bebera, non se podía dicir que fora un borracho. Aínda que non se matara a traballar, non se podía dicir que fora preguizoso. Só era vello, moi vello, ninguén sabía canto. Para min que sempre foi vello, coma miña bisavoa Josefina e tantos outros persoeiros da miña infancia aos que non consigo imaxinar de mozos, carentes desa sabiduría que eu tanto admiraba.

A señora Herminda morreu primeiro, deixando ao seu irmán so.

De todos era coñecido o seu pavor á garda civil. Era aparecer un tricornio pola aldea e o señor Manolo desaparecía ó momento. Nunca se soubo con certeza se esa fobia estaba relacionada coa súa misteriosa chegada a Bugarín, coa Guerra Civil ou con outros episodios da axitadísima vida que, entre copa e copa de augardente, foi debullando en moitas noites, a carón da lareira, despois das xornadas de traballo nas leiras da familia. Custou grande esforzo conseguir que vencera aquela fobia para presentarse no cuartel de Cerdedo e así renovar un carné de identidade que levaba décadas caducado, requisito imprescindible para tramitar o cobro dunha pensión que lle correspondía xa moitos anos atrás. Aquela pensión permitiulle, durante os últimos anos da súa vida, comer quente e tomar unhas chiquitas na taberna cada domingo. O resto da semana, suponse que algo había comer.

Tivo a máis triste das mortes, sen ter ó seu carón unha man amiga que coller no momento da despedida. Atopárono morto unha mañá de inverno, deitado, coa roupa posta, na vella cama sobre a que lle chovía a través do ruinoso tellado. Non se soubo canto levaba así.

Tivo un velorio de pobre, sen coroas nin multitudes; velado na capela do lugar, nun cadaleito pagado polo concello, acompañado pola escasa ducia de veciños que quedaban no lugar.

Non deixou inimigos nin ninguén que falara mal del. Moitos quixeramos deixar esa herdanza.

Lonxe da excelencia literaria, estas páxinas non buscan outra cousa que recompilar aquelas emocionantes historias, anécdotas e aventuras que recibín de neno, expectante e admirado, daquel e outros moitos señores Manolos. Porque se algunha herdanza valoro de canta xente vella coñecín, son aquelas historias que dende ben pequeno tanto me engaiolaron e que sempre lamentarei non ter gravado para a posteridade.

Así pois, serei neste caso eu quen faga uso da memoria para seguir mantendo vivas as vivencias e persoaxes reais que tanto boto en falla. Pretendo, en suma, recuperar neste século XXI parte da memoria daquela Galiza que vivín de neno, levando as vacas a pacer ou arando con elas nas leiras, cun pé aínda no século XIX  e outro non se sabía moi ben onde.

Con isto agardo que os lectores me acompañen, por un intre, sendo a familia que o señor Manolo nunca tivo. Quixera, en definitiva, que senten ó meu carón ante aquela vella cociña de ferro para escoitar o falar pausado, sempre agarimoso, do señor Manolo.

 

 

I

 

Un mar de negrura.

Iso parecía aquilo. Nunca pensei que puidera haber un sitio tan negro, unha vida tan negra.

Todo era negro alí dentro, cada cousa dun negro distinto ás demais.

As paredes, o chan, o teito, as vagonetas, a roupa, as caras... mesmo as almas.

Dicíase dalgún capataz que tamén tiña o corazón negro como as vetas máis puras.

A que si era negra, era aquela vida. Cada vez que o lembro...

Botei alí todo un inverno. Seis meses sen ver máis cousa que negrura.

Erguiámonos na negra noite para entrar ás sete da mañá na mina, pasabamos once horas alá abaixo e saiamos outra vez de noite. O sol era unha ilusión na memoria.

Estaba tan afeito a aquela escuridade, que os domingos doíanme os ollos ó ver a claridade do día.

Todos os domingos eran iguais. Iamos á misa das doce e comíamos na taberna, callos ou fabada. Despois botabamos a partida toda a tarde, ata que anoitecía de novo. Entre man e man de cartas ían baixando os chatos de viño. Aquel condenado viño de León que tombaba un boi.

Algún domingo había pelexa e, entón, viña a parella a amolar pedindo a documentación a todo dios, só por foder. Con iso conseguían que se fodera a tarde e nin partida nin carallos.

Entón ía para a pensión e pedíalle a Marcial que lle escribira unhas liñas a miña nai.

O Marcial. Érache bo rapaz o Marcial.

Era sobriño dun cura que, de neno, o levara para a rectoral de criado. Ensináralle as letras e algo de números. Cando soubo que seu tío o quería casar cunha viúva xa entradiña en anos, fuxiu para a casa; pero alí amargáronlle a vida por non ter aproveitado a ocasión e acabou por marchar para coñecer mundo. Así chegou ás minas.

Durmía comigo na pensión e, de cando en vez, escribíame algunha carta para miña nai. Non sei se ela tería quen llas lera, dende logo non mas contestaba, pero cada vez que mandaba unha carta quedábame a cabeza un pouco máis tranquila, como se me desfixera dun peso.

Algún domingo, dáballe ó viño ou ó augardente máis da conta e o Marcial levábame ata a pensión. Tiña o corpo ben afeito a andar empuxando nas vagonetas alá abaixo. ¿Cantas toneladas de negrura non teriamos empuxado ata o elevador co esforzo dos nosos riles? A cada pouco había que atravesar aquelas galerías levando as vagonetas dende onde estaban os picadores ata o elevador. Mesmo o aire cambiaba do fondo daqueles tobos ó pé do pozo de saída. Cambiaba a cor, o sabor, o cheiro, a frescura. Cando traballabamos a pé dos picadores, cargando as vagonetas, máis que aire respirábase carbón puro.

Nalgunhas galerías tiñan algún mulo para tirar das vagonetas, pero na nosa era todo a forza de arrimar o lombo contra o ferro. Así todo o día. Ata a hora de ir cear e deixarse caer na cama, xa sen forzas. O xantar non era outra cousa que pasar media hora sentado sobre calquera toro de madeira, masticando sen a penas ver o que se metía á boca.

A cama da pensión era algo estreita, pero arranxabámonos ben para durmir. Sería o cansazo, a mina acababa con nós. Nós roíamos nela, pero ela tamén nos ía roendo a saúde pouco a pouco.

Cando cheguei alí e me dixeron que tiña que durmir co Marcial na mesma cama, estivera a piques de marchar, pero non tiña un peso para ir a ningures. Nunca tal vira de ter que durmir na mesma cama cun home que non coñecía de nada. E contáranme tantas historias de maricóns...

Aceptei de mala gaña aquela habitación, pero non tivo dúbida.

O Marcial era bo rapaz. E non falaba en soños nin botaba peidos na cama. Deitabámonos cada un cara a súa beira e listo, non tardabamos nada en durmir como pedras. Na mesma habitación durmían outros dous noutra cama, case sempre pelexando polas mantas. Un deles, o Caudalito lle chamaban, tiña moi mal durmir e non paraba de dar voltas toda a noite, deixando ó compañeiro destapado nas xeadas noites de inverno. Chamáballe de todo.

Era moi cansado, o carallo da mina...

Había moitos galegos alí, case todos de Lugo e Ourense. De por aquí eramos tres ou catro. O Moisés dos Castros foi o único que aguantou alí tempo. Aí o tés agora, retirado cunha boa pensión. E os pulmóns... a rebentar de silicose, que se pon a morrer cada inverno polo San Eleuterio. Vinte anos coa muller e os fillos aquí na casa e el polo mundo adiante. Unha casa sen home que a defendera.

Como tantas outras.

 

 

II

 

Cantos fillos teñen medrado nesta terra sen un pai. Sen ter máis razón del que os avisos dos xiros que había que ir cobrar a Pontevedra, os que tiñan a sorte de os recibir.

Eu non quixen esa vida. Tiven ben con quen casar, pero nunca tiña un peso nin unha casa. Non quixen saber nada de herdar casa e leiras a conta de aturar uns sogros, por bos que foran, toda a vida. Se tiña que andar polo mundo gañando a vida non sería para estar pensando nunha muller e nuns fillos afastados de min, sen ter man deles.

Ocasións non che me faltaron. Non oh!

Lémbrome daquela tipa morena, que boa moza era. Era filla dun taberneiro de Tomeza. Coñecina ós vinte anos, cando fixen o servicio en Pontevedra.

Cando tiña un permiso duns días, ía traballar cun canteiro de Soutelo que casara no Marco, e paraba naquela taberna, que daba habitacións.

Chamábase Carolina e os domingos ía coas veciñas ó cine a Pontevedra.

A min daquela non che me chistaba nada aquilo do cine, non entendía nada. Había que estar unha hora quietiño e mirando cara a parede como un parvo. Como te moveses ou falaras algo, axiña che saía algún señorito con gañas de festa. Máis dunha vez acabei a hostias con algún na porta do Coliseum.

Eu, se ía ó cine, era por ela. ¡Que ben se pasaba naquel recuncho, rediola! Mágoa do tipo do foco que andaba a amolar a cada pouco.

No cuartel non se estaba mal, comíase quente e tiña bos compañeiros, aínda que había de todo. Era mellor vida que a que moitos tiñamos nas nosas casas, e vías algo de mundo, aínda que cos petos baleiros.

Unha vez fun á praia con dous compañeiros de Lalín.

Collemos o tranvía a Marín e fómonos bañar a Lourizán, ó pé das monxas. Habíache moita xente fina e nós non tíñamos traxe de baño, así que agardamos a que estivera a praia case valeira e bañámonos en calzóns.

Os de Lalín estaban pasmados, nunca tal viran. Era a primeira vez que vían o mar e asustáronse moito cando me viron meterme, pouco a pouco, cara a praia de Lourido, que estaba en fronte. A marea estaba baixa e case din chegado ata a outra beira a pé, pero tiven que dar volta cando xa a auga me daba polos cóbados e unha onda me quixo levar cara onde eu non quería. Non lle tiña moito medo á auga, aínda que daquela non sabía nadar.

Pero todo foi para o carallo por culpa da guerra.

Manda nabo, sete anos de servicio militar por culpa da guerra. Empezou cando levaba un ano no cuartel de artillería en Pontevedra. E mandáronnos ó frente.

Da guerra nada bo teño que lembrar. Só que rematou un día. E en vez de traernos cara a casa leváronnos a Melilla.

Melilla.

Aínda me lembro dela como se estivera alí onte.

Tres anos botei alí, que pensei de non saír nunca máis. Aínda bo foi que tiven sorte e fun algo espelido para facerme cun destino algo bo.

Ó pouco de chegar preguntaron se había carpinteiros e eu dixen que algo entendía. Algo sabía, oh! Meu avó fora carpinteiro e aínda lle teño botado unha man para facer unha artesa, botar un piso ou arranxar algún carro.

Pasei catro anos facendo caixas de mortos e arranxando todo o que se escarallaba no cuartel, agás os fígados duns cantos, que non tiñan remedio.

De vez en cando tiña que lle ir arranxar algo na casa dalgún mando. Entón si que papaba boas merendas. Enredaba algo coas criadas mentres facía o traballo e despois dábanme queixo de cabra con pan trigo, ou galletas con mel. Bueno, iso na casa de tres ou catro mandos, porque o resto pasaba máis fame que a tropa, tantos fillos...

A algunha criada aínda lle teño botado, entre martelada e martelada, unha aloitadiña, que unha vez un capitán case me colle sen pantalóns na cociña e tiven que me agochar na alacena.

- Charito ¿onde va Arca?

- Fue arreghlar unha herramienta.

A ferramenta era o que lle gustaba a ela, ¡condenada!.

Foi a segunda moza formal que tiven.

Era de Burgos, entrara ó servicio do capitán cando el casara e xa levaba con eles dende antes da guerra. Dicía que lle gustaría vivir toda a vida en Marrocos, pero só se puidese vestir como as mouras, que de verán pegábaselle a un a roupa ó corpo. Condenado calor.

Digo eu que foi a segunda moza. Antes de ir ó servicio andara con algunhas por aquí, nas festas, pero non era cousa formal. Unha brincadeira á beira do río e nada máis.

 

 

III

 

O que menos me chistou do tempo que estiven en Marrocos era cando tiña que facer caixas para os mortos, pero polo menos non tiña que andar con eles a voltas. Eu encargábame de facer os "traxes", que xa outros llos poñerían.

Eran todas dunha medida. Levábame media hora facer cada unha, porque tiña comigo un rapaz de Santander, Carvajales, que me daba as táboas xa cortadas á medida. De metro setenta por sesenta, o que non collía metíase encollido de lado. Aínda que, daquela, non había moita gordura.

Sempre tiña que haber tres ou catro caixas feitas e ás veces, cando había tiros cos mouros, se cadra tíñamos que facer vinte caixas dunha atacada.

Seica metían ata dous homes por caixa, ou xuntaban os cachos de varios. A min contoumo un de Alcalá que era asistente dun comandante médico. Dicía que as máis das veces quedaban máis anacos de home espallados polo deserto dos que ían para o camposanto. Pero axiña os corvos arranxaban a desfeita.

Os únicos mortos que vía eu, era cando algúns ían ás putas e armaban liorta cos mouros e remataban a navalladas. Aqueles tíñaos que "empaquetar" eu, pero polo menos víñanme enteiriños e con cara de ter fodido a gusto, como dicía o Carvajales. Que non é o mesmo morrer entre mulleres que levando tiros e coiteladas entre os toxos.

Bos eran os mouros coas navallas. Vaia coitelos levaban, sempre agochados baixo os refaixos. Pero por nada, xa cho sacaban. Eu penso que se levan esa roupa así longa e frouxa non é polo calor, senón para poder agochar eses coitelazos que teñen, con esas empuñaduras cheas de pedras e garabatos. Non se separaban deles, dicían que lle querían mellor que ás mulleres. Que esa é outra.

Alí, a conta de ser mouro, o que máis e o que menos tiña tres ou catro mulleres na casa. ¡Manda carallo! ¡Quen as vira!. Pero a ver quen atura catro mulleres de mala hostia, a rifar entre elas e con un mesmo. Será cousa de baixarlle un pao de cando en vez, que os mouros debíano facer a miúdo. Pois se non...

Eu, o que vía máis complicado, era a maneira de manter tantas mulleres nunha casa. Porque habían comer, digo eu. Non sei como facían aqueles condenados dos mouros, estábanche todo o día nos seus cafés, cos seus vasiños de té e a tirar das pipas aquelas. Traballar, o que se di traballar, non se lle vía moito. Porque lacazáns eran un anaco.

Unha vez quedei pasmado cando os vin traballando nunha obra, facendo unha casa. Estaban a palear a masa e un collía a pala e outros dous tiraban dela cunha corda. ¡Mi madriña! Tres homes facendo o traballo de un. Calquera chama xente ó xornal en Marrocos, habería que encher as leiras de xornaleiros. E non sei como farían para sacar as patacas collendo un sacho entre dous ou tres, que nin cómodo debe ser.

O mellor de ter ido a Melilla foi a volta, tres anos despois da guerra.

Xuntáronnos a todos os de Galiza, León e Asturias e metéronnos a todos nun barco vello que viña para Ferrol ó despece. Cando no porto nos dixeron cal era o paquebote no que tiñamos que vir ata acá, non contabamos con chegar nin á esquiniña de Portugal. ¡Moi vello e desferruxado estaba aquel barco, miña naiciña!

Eu xunteime cun de Monforte e outro de Santiago e mercamos un xamón no estraperlo, ben caro nos custou. A ver quen atopaba un xamón en Melilla naqueles tempos. Pero entre os tres xuntamos uns patacos para mercalo e arrimarlle tamén un garrafón de viño ben grande. Eu gastei case todo canto tiña.

No barco daban bastante mal de comer, pero nós tíñamos repostos no noso camarote e non nos foi mal, salvo pola necesidade de estar sempre un de nós facendo garda á beira do xamón, non fora ser... Sorte que fomos dos primeiros en chegar ó barco e pillamos sitio nun camarote de dúas prazas, que se nos chega a tocar abaixo nas adegas onde durmían amontoados no chan, pouco había durar o xamón.

Sempre teño escoitado historias de mares embravecidos que tragaban barcos enteiros dunha lambetada, ducias de homes que morrían xuntos nas frías profundidades do mar. Pero naquela viaxe non pasou cousa tal, a penas un chisco de vento de cando en vez.

Cando o mar se picaba algo máis da conta parecía que se facían apostas a ver quen botaba antes os fígados pola borda. ¡Canta comida de balde para os peixes! Algúns non daban chegado á borda e poñían a cuberta de pena.

Nós non fixemos nada en toda a viaxe máis que tomar o sol, porque cando había que planar patacas para o rancho ou fregar a cuberta, nunca nos pillaban.

Así ata chegar a Vigo.

Alí aínda tardamos un día en desembarcar, pois tiñan que preparar os papeis de licenciamento de todos e houberon de facer unhas cantas viaxes a un cuartel de por alí.

Cando por fin nos soltaron, os tres socios do xamón fomos comer a unha taberna de Bouzas onde lle regalamos o óso do xamón para que llo botaran ó caldo, aínda que ía ben peladiño.

Aínda tiven que pagar eu a comida dos tres, que eles non tiñan un peso. E eu quedei coma eles.

Nunca máis os vin.

 

 

IV

 

Vai un frío que non ten traza.

Como alá en León, de inverno, cando saiamos da mina tan negros e víamos aquela neve tan branca nos cumios.

Unha vez, indo cara a pensión, o Marcial deixouse caer na neve deitado, así, todo estarricado como un morto. Deixou unha marca negra na neve, a figura dun home. Aquela marca durou alí unha semana enteira, ata que volveu nevar. Mesmo parecía un monumento ó mineiro. Ó mineiro tirado no chan, claro.

Á beira das minas había neve, pero era negra. Todo era negro alí. Como cando o tren pasa polos túneles.

O tren.

Moito me gustou a primeira vez que o vin, nunca outra vira.

Cando fun para León traballar nas minas, fora en carro cun tratante de cabalos que levaba gando da feira de Santiago cara Zamora. Un curmán meu, tratante de gando, falárame de que podía atoparme compaña para a viaxe e puiden ir con el ata Sanabria, despois tirei eu só cara arriba, ás minas.

Chámanlle o Bierzo. Falan galego e sonche como nós, pero disque esa parte é de Castela. Non sei porque, se son galegos. Cousas dos que mandan.

Non sendo os enxeñeiros, a ninguén máis lle oín falar en castelán. Se cadra había por alí algún asturiano, pero tamén falaba galego. Ou parecido.

O caso é que cando levaba alí pouco máis dun inverno, apareceu un mal andazo que comía na xente. Cada día morría alguén, mesmo houbo días de ter que parar parte da mina por ter unha ducia de compañeiros en enterros. Pensei que, se quedaba alí, non había tardar en chegarme a hora, así que lisquei co pouco que tiña.

Tiña algo de cartos aforrados, eu non era gastador. Habíaos que ían os domingos ata Ponferrada e queimaban en mulleres o xornal da semana. Eu non, xogaba unha partidiña ou botaba unha parrafada co Marcial, pescando no río. Bo rapaz o Marcial, si señor.

Pois marchei da mina e funme cara Ponferrada. Alí pasei catro días de pensión, mentres me remataban un traxe novo. Ben caro me saíu o carallo do traxe, entre o que gastei en manterme agardando que o remataran e o que me cobraron por mo ter axiña despachado. Pero valeu a pena. Aquel traxe aínda me ten dado algunha alegría. Eu non era mal mozo e, con aquel pano fino, as rapazas miraban para min nas festas e nos enterros cun algo de picardía.

Neses catro días sentín pasar varios trens, pois a pensión estaba a carón da estación, e pensei en vir cara Galiza en tren. Sería máis caro pero tamén estaría á beira da casa nun día, en vez de andar nos camiños unha semana, papando frío e molladuras. E daquela aínda había algún moinante pola parte da raia seca que se che plantaba no medio do camiño coa navalla en alto e a bisbarra andaba algo revolta polos maquis que aínda resistían desde a guerra. Así que me decidín polo tren.

Na mina oíra moitas historias de tipos que subían ó tren dende que xa arrincara, metíanse nos vagóns de carga, con gando ou paquetes, e viaxaban sen pagar. Pero había que andar espertos, que nalgunhas estacións os revisores pasaban revista a todo o tren e moitos tiñan pasado quince días presos por collelos sen billete. Quince días con cadansúa roda de hostias dos verdes, que anda que non lle teñen collido o gusto á cousa.

Aínda pagando andaban a amolar en ti, que dicían que sempre andaban dous da secreta a pedir a documentación nos trens. Non sei a que viña iso da secreta, porque nin segredo nin hostias. Víaselle ó lonxe, con aquelas gabardinas abrochadas e os sombreiros de medio lado. E sempre con cara de mala hostia, a un quitábaselle a fala cando o paraban para pedir os papeis.

Merquei un billete en segunda para Ourense e collín o tren, co meu traxe novo e un paquete baixo o brazo, ás tres da mañá. Era o expreso que viña de Madrid.

Levaba os cartos agochados nun pano, dentro dos calzóns. Non mos foran roubar no medio dunha cabezadiña, que nos trens había de todo e non todo bo.

Vin todo o camiño cun militar e dous viaxantes, debían ser cataláns. Non falei moito con eles porque viñeron durmindo case todo o camiño.

Os viaxantes falaban de cando en vez, pero debían falar catalán porque eu non lles entendía nin papa, o militar poñíalle cara de mala hostia e eles remataban por calar. Eu non era capaz de durmir, o demo do tren, todo o tempo abaneando. Tracatá tracatúm... así seguido.

Debín dar unha cabezadiña e, cando espertei, xa era día.

O tren parara en Monforte de Lemos.

De alí a pouco, despois de cargar carbón e auga, íamos todo pola beira do río, polos Peares, ata chegar a Ourense. Baixei do tren e, despois de sacar outro billete cara Vigo, tirei pola avenida das Caldas abaixo, todo dereito, ata a ponte romana.

Vaia unha cousa, si que discorrían eses romanos.

Unha ponte como de aquí á miña casa de longo e outro tanto de alta. ¿De onde sacarían tanta pedra os condenados?

¿E os andamios? ¿Quen pode facer un andamio tan alto e chantalo no medio do río? Mira que aquel non é o regueiro de Piñeiro.

 

 

V

 

Na ponte habíache unha boa liorta, xusto no medio e medio.

Había un fulano cun carro de leña e outro que traía un tirado por cabalos, levaba pipas de viño. Non collían os dous pola ponte a un tempo e ningún quería tirar cara atrás. O das pipas dicía que el xa case atravesara toda a ponte, o outro dicíalle que onde vira unhas vacas que empuxaran dun carro cara atrás. Deixeinos atrás contando con que habían rematar a paos, pois aínda había algún arredor que andaba a lle meter discordia.

O río baixaba moi cheo e a corrente moi rápida. Máis abaixo había un regato que disque leva auga quente das Burgas. Vaia choio ese de ter auga quente sen ter que facer lume, mesmo se podería montar unha casa de baños á beira do río. Ou unha casa de comidas na que cocer o polbo sen gastar un peso en leña.

Dende alí víase o seminario e o Santo Angel, río abaixo. Non sei a que ven iso de facer os seminarios sempre afastados da xente. Así saen de rariños despois, os probes. Rariños ou cabróns, que tamén...

Ó cruzar a ponte había unha polbeira a carón da capela dos Remedios.

Xa era hora de xantar, así que lle tomei unha tapiña cunha cunca de viño. Diríase que en Ourense non hai nada bo, porque naquel xantar todo era caralludo, pero a polbeira era do Carballiño, o viño do Ribeiro e o pan de Cea. E o polbo, claro, non era nin da provincia.

Co bandullo quente, tirei pola estrada de Madrid arriba.

Busquei unha pensión porque o tren cara Vigo non saía ata a mañá seguinte. Buscaba algo barato pero tampouco quería durmir á beira de ladróns e xentes de mal vivir, non me foran voar os catro pesos que tiña.

Tras percorrer unhas cantas fondas pola rúa de Santo Domingo, xa coidaba que ía ser difícil durmir cos dous ollos ben pechados, víanse unhas pintas...

Despois dunhas cantas voltas fun parar a unha que había por detrás do bispado, parecía xente honrada e, no medio de tanto ir e vir de curas e sancristáns, non debería haber moito maleante.

A media tarde, tras verme libre dos dous vultos que levaba comigo na viaxe, fun tomar unhas cuncas pola beira da catedral, todas elas de bo viño. Poucas veces teño visto tanta taberna xunta, diríase que está a vila chea de borrachos, cousa normal co bo viño que che dan por alí.

Fun cear un bo cocido a unha casa de comidas que me dixeran que había alá preto do Posío.

A pouco máis non dou co sitio e, unha vez alí, aínda tiven que agardar un bo pouco a que houbera un recuncho libre nunha mesa. si que debía ser bo o sitio, para ter tanta xente pola noite.

Despois dixéronme que estaban coa festa dos Maios e a xente andaba de troula, que disque che son moi festeiros os ourensáns. Mesmo no entroido, que me dixeron que non hai gobernador civil que lle meta man ás festas do entroido pola zona de Verín e Xinzo.

Tiven que cear na mesma mesa que un cego e dous coxos. Andaban a pedir polas festas.

Eu non falei moito con eles, que falaban e falaban das festas de toda Galiza. Onde se xuntaban máis cartos, onde había máis competencia, onde chovía máis...

O cego dicía que a mellor era a de San Andrés de Teixido. O coxo, que non había outra como a dos Milagres de Amil, se non fora porque un ano si e outro tamén chovía como se fora baixar o Santísimo. Eu pregunteilles se non era boa festa a do Corpiño, pero dixeron que había unha chea de moinantes da parte de Silleda e o negocio non daba para tantos.

O cego non era daqueles dos de antes, que algún vira eu de rapaz, dos que andaban cantando historias de matadores e ladróns. Este púñase onde pasaran as procesións e pedía para os seus sete filliños que morrían de fame e frío, alá no alto do Courel. Non sabía nin onde era o Courel, pero dixéranlle que alí nevaba moito e ía un frío rabiado. E fillos, disque tiña dous que traballaban de barreneiros na parte de Chantada. Seica estaban facendo un pantano grandísimo e había moita pedra que rebentar.

Despois de tomar con eles unha copiña de herbas á que me invitaron, tirei cara a pensión.

Ó chegar á Praza Maior sentín música. Había xente entrando nun salón de baile.

Botei unha ollada e, como vin que non era cousa de xente moi fina, fun ver se botaba uns bailes.

Había alí unhas tipas que debían ser "medio lixeiras" e púxenme a bailar cunha delas. Sacábame case unha cuarta, era unha tipa forte, cunhas boas carnes e uns peitos que se me metían debaixo do queixo. No medio do baile, á tipa entroulle un salouco ben forte e, cada vez que aqueles dous peitos brincaban cara a miña cara, a min dábame un non sei que entre as pernas que nin escoitaba a música.

Entre aqueles calores que me daban e todo o que bebera na cea, non daba atinado co baile e dáballe voltas e voltas á tipa. Chegou un momento en que, medio mareado, foime levando cara un curruncho.

De alí a catro bailes leveina para a pensión.

Nada máis chegar, antes de nada, agochei os cartos sen que ela se decatara, entre a cabeceira da cama e a parede, metidiños nun pano que atei a un dos barrotes, onde non se vira.

Aínda así, ó outro día levei un susto de carallo. A tipa marchou cedo e, cando me erguín, os cartos non estaban no sitio. Caeran ó chan con tanto bate bate da cama na parede.

¡Carallo! Moito sabía aquela tipa.

Cóntoche estas cousas porque xa es un home, pero non lle vaias dicir a túa nai que falamos destas cousas.

 

 

VI

 

O tren para Vigo ía medio baleiro.

Despois de Ourense seguíamos todo pola beira do Miño e da outra banda estaba Portugal. Ó chegar a Salvaterra merqueille uns melindres a unha rosquilleira que andaba pola estación. Alí tamén subiu ó tren un tipo, con dúas maletas grandonas, e varias mulleres. Tiñan unha pinta rara, eran bastante gordas, pero fracas de cara. Parecía como se aquelas caras non cadraran ben con aqueles corpos. ¡Eu que sei!

Non ían moi tranquilas e miraban todo o tempo polo corredor do vagón, como se agardaran por alguén. Ó pouco de saír do Porriño, puxéronse en pé e liscaron polo corredor. De alí a un pouco apareceu un da secreta pedindo a documentación e máis mirando o que levaba cada un nos paquetes. Eu non levaba gran cousa, unha muda de roupa e uns zocos vellos; era todo canto tiña despois daqueles meses na mina. Aparte dos cartiños claro, pero non eran gran cousa.

O das dúas maletas ensinoulle o carné e máis un papel, díxolle que era fillo do sarxento do posto de Salvaterra e que ía a Santiago. Non tivo que abrir as maletas.

Unha das mulleres volveu a sentar e deulle a documentación. De súpeto perdera dez ou doce quilos aquel corpo, viña moito máis lixeira de cintura. O da secreta votoulle un rapapolvos, ou iso me pareceu, porque co ruído do tren eu non lle escoitaba nada. As outras non as volvín ver.

Ó chegar a Redondela, o fulano colleu unha das maletas e doulla ó da estación. Sacou a cabeza pola fiestra, fíxolle un sinal co brazo e o outro veu a pola maleta. Non cruzaron nin unha palabra. Meteuna por unha porta e volveu co chiflo e a bandeira.

Polo visto daquela andaba todo dios metido no conto do contrabando e o estraperlo. Pensar a que se armaba por uns grans de café.

Despois dun par de toques de chiflo, arrincamos, todo pola beira de Rande, cara Vigo. Dende a miña fiestra puiden ver a illa de San Simón, pequeniña de todo, entre aquela planicie de auga tranquila. Semellaba aquel outro lago que tiña visto en Sanabria, non parecía que fora un anaco de mar.

A illa non debía ser un sitio moi bo para estar. Disque fora nun tempo un lazareto, ou como lle chamen, onde metían ós que collían a peste e cousas polo estilo. E daquela, durante a guerra e algún tempo despois, ós que metían alí tampouco se lles volvía ver o pelo, aínda que non fora pola peste precisamente. A peste era outra...

Despois de atravesar, mesmo á beira do mar, Rande e Chapela, chegamos á estación de Vigo.

Vigo.

Aquilo si que era unha cidade grande, mi madriña. Ben mal feita, iso si; cunhas costas que non tiña traza. Se botabas un pataco a rodar no alto da rúa Colón, había chegar ata o mar axiña. Pero que rúas aquelas. Case tan anchas como longas, eu nunca tal vira. Con aqueles fermosos coches negros, case tantos como coches de cabalos e carros.

Xa en Vigo, para chegar aquí, podía coller o tren cara Pontevedra ou tirar, por Cesantes e Arcade, a pé ou nalgún carro que collera de camiño. A verdade é que o puidera ter pensado antes e baixar do tren en Redondela, pero nunca estivera en Vigo e tiña gañas de ver como era. E presa, o que se di presa, non tiña. Ademais, aínda tiña por alí algún coñecido.

Fun ver ó Caeiro, o home de Lina de Barreiro, a irmán do cura de Fragas, que tiña unha pensión no Berbés.

Era do meu tempo e, antes de casar, aínda cadraramos xuntos nalgunha festa. En canto me veu entrar pola porta recoñeceume e, como se fora un irmán que non vira había anos, doume unha aperta que case me deixa sen alento.

Invitoume a comer unhas boas sardiñas asadas, estabamos xustiño no tempo, e sacou unha botella de viño das que, segundo dixo, tiña gardadas para esas grandes ocasións que se dan unha vez ó ano.

Mentres el me ía facer un cafeciño, pasei polo almacén cara un patio que tiña detrás da taberna, para ir mexar, e vin que onde collera a botella, tiña vinte ou trinta caixas máis. Se ve que esas grandes ocasións das que el falaba non eran tan escasas.

Despois de xantar algo, veu comigo dar unha volta no tranvía para ver a cidade e subimos ata a cima do Castro. Dende alí víase toda a ría e as illas Cíes.

Canta auga xunta, lembroume os tempos de Melilla. Chegaba alá diante, ata onde se perdía a vista, cheo de barcos pequeniños que ían e viñan. Andaban todos á pesca e viñan descargar o peixe mesmo fronte á pensión do Caeiro.

Alí preto estaba a estación marítima. Había dous barcos grandísimos, dos que levaban a xente para América, enchendo o ceo dun fume negro como o carbón. Debían estar coas caldeiras a toda tralla, quizais a piques de saír cara a Arxentina ou Brasil, porque se vía moita xente a carón deles.

Unha boa vista a que había dende o Castro, si señor.

Pola noite, despois de cear, o Caeiro deixou a muller a cargo da taberna e levoume de putas. Miúda prea estaba feito o tipo. Coñecíano todas porque da súa pensión á Ferrería había dous pasos. Bueno... e por algo máis, que todas eran meu Pepiño por aquí, meu Pepiño por acolá. Que digo eu que a conto de que tanto puterío tendo unha muller como a que el tiña, que fora unha das mellores mozas da súa quinta e, daquela, aínda estaba de bo ver. Que a min pareceume que a metade dos mariñeiros que ían de chiquiteo pola taberna, non ían precisamente por que o viño fose bo.

O caso é que aquela noite rematou como tiña que rematar e ó outro día vin cara Pontevedra cun viaxante de telas que tamén paraba na de Caeiro, un bo tipo de Zamora.

 

 

VII

 

Cando eu era mozo si que facían boas festas. Viñan aquelas orquestras con sete ou oito números... Tocaban o acordeón que nin dios.

Pola festa do Cristo sempre tíñamos que ir buscar os músicos a Vichocuntín, á estrada de Ourense.

Sempre levabamos unhas botelliñas de viño para o camiño e viñamos polo monte cos instrumentos ó lombo e a cantar as cancións daquel tempo. Despois, na festa, sempre nos dedicaban algunha peza e ata nos deixaban cantar unha con eles ó final.

Ó chegar aquí con eles, había que os repartir polas casas para xantar e durmir, cada quen onde lle tocaba. Ó chegar ó pé da igrexa, xa estaban as mozas axexando a ver a cal lle tocaba xantar na súa casa, moito se perdían polos músicos. Eran os homes os que repartían os músicos polas casas, como se dunha poxa de gando se tratara; cada quen querendo levar ó máis vello e feo para non ter problema na casa, que máis de un tivo que saír alambrando polos camiños en cirolas en plena noite. E os compañeiros tiñan que cargar despois co seu instrumento e, de paso, papar a bronca do amo da casa en defensa da honra da súa filla, que quedaba a chorar polo amor da súa vida perdido. Da filla ou, ás veces, da muller.

Despois de deixar os instrumentos no palco da música, íamos tomar uns chatos antes da misa e axudabámoslle ó fogueteiro a preparar as bombas.

Máis dunha vez ten pasado que, á saída da misa, algún músico xa non remexía a lingua, da tralla que levaba. Pero tocaban como se nada.

O que pasaba é que, algunha vez, teñen vido ata dez músicos e despois só tocaban seis e os outros abaneaban nos instrumentos. Ten habido veces, no verán, en que a mesma orquestra tocaba en tres festas a un tempo. Boas pelexas ten habido por iso ó chegar a hora de lles pagar.

Sí que eran boas festas as da Saleta... Viña a xente dende a Estrada ata Tenorio.

Un ano, o fillo do mestre, que estudiaba en Pontevedra e andaba na historia esa das juventudes, ata trouxo uns cabezudos para a procesión.

A media mañá empezaba a chegar xente pola estrada coas cestas da  merenda e ían deixando un arrecendo a empanada e pan de millo quente que te poñía contento. Armábase unha boa romaría na carballeira do Campo do Medio, toda a tarde a bailar as muiñeiras que tocaban Lemos e mais Serafín, o barbeiro. Tamén viña de merenda Chispanegra e traía o seu acordeón.

Aquilo si que eran festas, con música da mañá á noite. As outras festas dos arredores xa non eran tan boas, se cadra uns gaiteiros ou un acordeonista cun pandeiro.

Durante a procesión, os rapaces andaban como lóstregos polas veigas, apañando nas canas dos foguetes. Sempre había algún ó que lle caía algunha na testa, o que lle servía para presumir toda a noite diante das rapazas, contando unha e outra vez como vira vir a cana directa ós ollos e conseguira apartar de milagre no último momento, dándolle nunha orella.

Ó rematar a misa eran as poxas.

Alí poxábase todo o que lle ofrecía a xente á santa. Coellos, pitos, chourizos, galiñas, ovos, años e ata cochiños pequenos.

Sempre poxaba o señor Nonito da farragusa.

-Dous pesos a la una... dous pesos a las dos... a ver ¿quen sube a doce pesetas?.

Entre iso e as libras de cera de quen poxaba a festa para o ano seguinte, o cura íache ben cargadiño ese día para a rectoral, non habería quen xuntara tanto carto en todo o ano.

Despois do xantar xuntabámonos todos na eira grande dos Castros, para ver a corrida do galo.

Lemos e mais o barbeiro non paraban de tocar e a xente a berrar.

-Máis abaixo, máis abaixo. Á dereita. ¡Dálle, dálle!.

E había pelexas.

Un ano, o señor Daniel, o caseiro, e máis un da parte de Cutián desfixeron un polo, cada un a tirar del por cadansúa punta e dicir que era seu. Houbo quen aproveitou a liorta para lle mandar unha patada no cu ó cabo da garda civil, que sacou a pistola e todo. Púxose como un pemento, a berrar non sei que da autoridade.

Se non é polo cura, que o levou de alí, seguro que o colgaban polos pés para seguir coa corrida do galo. A xente estaba de festa e medio enchispada e non era día para andar con autoridades nin hostias.

Eran boas festas, si señor. Despois fóronse perdendo, porque a xente foi para a emigración e os que quedaban, ou non tiñan gañas de festa con media familia lonxe da casa, ou xa tiñan bastante en que pensar coas labores da casa.

Traíanse uns gaiteiros ou alguén de cerca que soubera tocar o acordeón. Pouca cousa.

O que tocaba nel que nin dios érache o señor Erundino, o cego. Non sei como daba tocado, sen ver nada e con tanto botonciño como ten un acordeón.

Eu tiven un.

 

 

VIII

 

Foi cando traballaba en Catalunya.

Dunha vez que veu á casa o señor Severino do Outeiro, díxenlle se non habería por alá traballo para min. Díxome que el estaba de capataz dunha cuadrilla e algo me habería topar, que podía marchar con el, se quería.

Fomos no tren ata Barcelona, eu non tiña cartos a penas pero pagoume el a viaxe a conta do que había gañar alá. Eu ía enfermo de gripe e, dende que subín ó tren en Redondela ata que chegamos alá, durmín todo o camiño, nin siquiera comín. Tan pronto chegamos, o señor Severino buscou unha pensión, meteume na cama e foi por un médico.

Estiven oito días na cama, disque collera unha pulmonía.

A viaxe fora xusto despois do entroido e eu pasara dúas noites de troula cos outros mozos a sacar carros e cancelas. Nunha delas fómoslle sacar o carro ós da Botica. Estábannos agardando na fiestra con dous caldeiros de auga e, cando Casimiro e máis eu saiamos co carro pola porta da corte, levei un susto de morte ó sentir aquela auga correndo por min abaixo. En vez de fuxir, botei a correr eu só co carro polo camiño abaixo, cara a Ponte Faroso. Cando me din conta ía case na ponte, fuxindo do carro máis que tirando del, pensando que como quixese parar ou tropezase, ía saber o que era morrer esmagado por un carro. Ó chegar á ponte, o camiño facíase chan e puiden paralo, aínda que facendo bastante forza.

Detrás viñan os outros fuxindo do dono da casa, que saíra cunha escopeta e dera un tiro ó aire. Eu, con aquelas dúas rodas a dar tombos pola costa abaixo, non oíra nada, só o ruído do carro que semellaba dicir  "cóllote... cóllote... cóllote".

Deixamos o carro no medio do camiño e fuximos pola beira do río pero, chegando preto da taberna de Leadoro, tivemos que nos meter debaixo da ponte, coa auga polos xeonllos. Era noite de lúa e non había muros nin comareiros cerca onde nos agochar. O río era a única saída.

Quedamos calados como mortos e sentimos como o señor Ernesto andaba sobre as nosas cabezas, a modiño, alumando cara os lados da estrada cun foco. Non demos un chío. Pasamos máis de media hora caladiños e sen nos mover.

Cando puidemos saír, eu non sentía os pés. Na miña vida vira unha auga tan fría, que tiven que me acercar á casa do Neno a tomar dúas copas de augardente para entrar en calor. Con aquilo e o que xa levaba no corpo, caro me custou chegar á casa, dando bandazos polo camiño.

Traíanme entre os dous Bouzas, os xemelos, e viñamos abaneando de lado a lado. Cando a costa era moi empinada, en vez dun ese facíamos un o. Por varias veces, a piques estivemos de volver outra vez cara a Botica sen nos decatar, porque o peso levábanos costa abaixo.

De aí a pulmonía que levaba na viaxe a Catalunya. Nunca máis volvín ter a mesma saúde.

Entre a viaxe, a pensión, o médico e as menciñas, cando curei xa lle debía ó señor Severino o xornal de dous meses.

Xa case reposto de todo, púxenme en camiño cara Lleida. O médico dixera que tiña que gardar reposo durante vinte días e o señor Severino marchara diante. Eu marchei ós oito días.

Alí atopei unha chea de xente coñecida, Sadí, Manoliño de Mamoalba, Silvino e algúns rapaces do meu tempo.

Tamén nevaba. Remataba febreiro e ía un frío rabiado.

Tivéronme que deixar roupa prestada porque eu non levaba máis que o traxe que comprara en Ponferrada e unha muda de roupa de diario.

O señor Severino sabía que traballara algo con canteiros por aquí e púxome de oficial de segunda. Tiña que facer pezas lisas, sillares lle chamaban, para as paredes.

Había canteiros vellos, todos da Terra de Montes, que facían pezas con figuras e debuxos, ou arranxaban pezas que estaban escaralladas. Case todos fixeran cruceiros e figuriñas de santos en Galiza.

Parabamos todos na mesma pensión, en cadansúa habitación. Aquilo xa era outra cousa, non como nas minas.

Alí probei unha chea de comidas que nunca vira. Dábannos moitas olivas antes do xantar e poñíanlle tomate a todas as comidas. O mellor era aquel pan con xamón e tomate, que sabía caralludo. O que non poñían case, eran patacas, co boas que están e había que lle chorar por elas para que nolas puxeran de vez en cando, aínda que non che eran como as de aquí.

Ó pouco de chegar eu, rematamos aquela obra e fomos cara Tarragona, a Salou. Había un mosteiro que ardera na guerra e fomos para limpar as pedras e repoñer as que faltaran.

Aquela era unha vila algo máis grande e a xente era algo máis faladeira. Eu xa aprendera algo de catalán e falábao cos vellos do lugar na taberna, mentres agardaba pola cea. Moito rían comigo, as máis das veces faláballe unha mestura de galego e castelán que nin era catalán nin era nada. Pero pouco a pouco funlle collendo o choio, que máis que dicir verbas raras era cousa de cambiar a música ó falar. Pódese dicir que o falaba bastante ben cando vin para acá, polo menos as mozas entendíanme, cando menos para o que lle interesaba.       

 

 

IX

 

Unha vez viñeron por alí uns moinantes italianos que andaban polas rúas e as tabernas cantando e tocando o acordeón e mais a guitarra. Eu estaba xogando ó dominó cuns da vila e gañei unhas cantas partidas, estaba de racha.

Un dos moinantes, cuns vasos de viño no corpo,  púxose a dicir que alí ninguén sabía xogar e tal e cal. Púxome de mala hostia e díxenlle se quería xogar e apostar algo, a ver se el sabía ou non sabía. Díxome que si, pero que non tiña cartos para apostar.

-Váleme co acordeón - díxenlle.

Quedou todo amolado pero non lle quedou máis remedio que dicir que si. Pesáballe máis o orgullo que a mágoa de poder quedar sen acordeón.

Xogamos cinco partidas e catro lle gañei. Ergueuse sen dicir nin chío e saíu pola porta co seu compinche. O acordeón quedou enriba dunha mesa. E eu quedei amolado por lle ter quitado o instrumento, que era do que vivía. Pero na taberna todos eran a rir e a me dicir que lle dera unha boa malleira e doume vergonza ir detrás del para devolverlle o acordeón. Un home é un home.

Moita ilusión me fixo aquel trebello.

Era un acordeón vello pero estaba ben coidadiño e todas as pezas brillaban como a prata. Pasei dous anos sen o poder tocar. Algún que outro domingo dábame a veleta e ía para o monte con el a facer ruído, pero non había maneira de lle sacar música a aquilo. Ata ten vido algunha moza comigo para verme tocar, pero axiña se daba conta de que non sabía. Entón deixaba o acordeón e acababa tocando outro instrumento que lle gustaba máis. ¡O demo das mulleres!

Así ata que fomos para outro choio en Lleida, outra vez para o frío e a neve. Empezaba o inverno.

Alí din cun fulano do Mosteiro que era medio músico e capador, ademais de canteiro. Aínda que do que máis sabía era de viño catalán e ribeiro, o condenado. Canto máis se entrompaba, mellor tocaba o acordeón.

Eu quedaba pasmado vendo como movía aqueles dedos nos botonciños cando malamente remexía a lingua. Sabía unha chea de cancións militares que aprendera na guerra. Seu tío era amigo dun capitán e metérano na banda de musica a tocar o bombo e alí aprendeu o que sabía de música. Non sei como tería pasado do bombo ó acordeón.

Moito debeu aprender mentres os demais andabamos a pegar tiros, porque as sabía todas. A que máis lle gustaba era a de Ojitos Negros e España Cañí.

Un día chegou a caer de cu coa trompa que tiña e seguiu tocando alí estarricado, cos ollos pechados.

Era listo como a fame. Na pensión había unha radio e, en canto botaban un pasodobre dúas ou tres veces, xa lle collía o seu aquel e púñase a probar e probar ata que lle saía a peza enteira.

Só tiña un defecto, que non era capaz de tocar e cantar ó mesmo tempo. Pero con aquel home facíamos festa todos os domingos pola tarde diante da pensión, nunha praciña pequerrecha. Estábamos todos os mozos da obra e viñan moitos do lugar.

Era unha aldeíña pequena, a carón dunha igrexa grandísima a medio caer, e non había moito onde divertirse, non sendo no alto dun outeiro cheo de laxas, que era onde se ía enredar coas mozas.

Aquel tipo podería ter sido un músico caralludo se non bebera, aínda que os das orquestras tamén lle petaban ben ó bandullo. Pero el tiña un mal beber, non paraba ata que caía de cu. Unha cousa é coller unha talladiña algo tal e andar abaneando un chisco, pero aquilo era moito.

Entre os domingos e algunha noite na taberna aprendín a tocar algunha peza, bastante peor que o outro, pero polo menos xa me servía para pasar o tempo cando non tiña nada que facer.

Cando me vin para aquí e, de alí a uns anos, topei a Sadí, díxome que aquel pobo quedara como morto cando marchei de alí. Deixáralle o acordeón a Silvino, por non andar cargado con el todo o camiño, pero el non o sabía tocar e cando volveu para acá, anos despois, tróuxomo.

O que si se botaba en falta alí era unha gaita.

Sempre mo dicía Rascado. Algunha vez tocábase unha muiñeira co acordeón e bailabamos coas mozas, que abaneaban nas mans e daban saltiños na punta do pé mirando con cara de parvas como facíamos nós. Pero non era o mesmo.

Por alí ninguén sabía o que era unha gaita. Un mozo tiña unha cousa parecida, pero era un chiflo sen fol. Cando lle dicíamos que a gaita, ós poucos, se podía tocar sen soprar, non o cría. Ata que a veu no cine.

Un domingo ó mes viñan dous fulanos co cine pola bisbarra e montaban os cachibaches noutra vila, a unha hora de camiño. Chegaban cun carro e unha mula e montaban aquel aparato no salón do baile, cun lenzo grandísimo pola parede abaixo.

Unha vez puxeron unha película estranxeira na que saían moitos a cabalo que andaban zoupándolle ós mouros. Nun momentiño saíron uns tipos moi raros con faldras e unhas gorras grandes que nin dios. Tocaban a gaita, pero aquelas tiñan a palleta máis longa e unha chea de roncóns. Ademais non tocaban xotas nin muiñeiras, senón marchas militares.

Gracias a aquilo puidémoslle explicar ós cataláns como eran as nosas gaitas. Bueno...as gaitas de facer música.

 

 

X

 

Que caralludo ir a aquel cine, non como en Pontevedra.

Íamos todos os mozos e mozas xuntos, se cadra xuntabámonos vinte ou trinta. No camiño de volta, xa de noite, sempre había que esperar por algúns que se perdían entre os pinos.

Poñían películas da guerra de África e de Concha Piquer. Xa empezaba a haber algunha de Antonio Molina, que ben cantaba o raio do rapaz.

Todas eran películas de desgracias ou penas de amores e sempre había algún morto. As mozas botábanse a chorar e arrimábanse a un para que as acariñaran. Pero non era sitio para caralladas, que sempre ía por alí a parella e xa lle tiñan dado unhas hostias a máis de un por ter as mans onde non debía. Dicían que era cousa do cura, que andaba botando pestes nas misas contra o cine, sempre a meterse onde non o chamaban.

Alí os curas non che eran como aquí, ou polos menos non como don Erundino.

Alí metíanse moito no que facía ou deixaba de facer a xente. Aquí, con que a xente lle fora á misa e gardara vixilia, o resto era cousa de cada un. Nin os curas se metían na vida da xente nin a xente na dos curas, que din dalgún que ten por aí sete fillos bravos. E cada un na súa casa e dios na de todos, como ten que ser.

As mellores películas eran as americanas, pero botaban moi poucas e dicían que lle cortaban moitos anacos. Aquilo era outra cousa, con xente fina e unhas casas e uns coches grandes que nin dios. Que nas españolas só había labregos, mineiros ou xitanos e señoritos a cabalo que mataban á xente dunha navallada ou dunha hostia ben dada.

Nas outras tiñan unhas metralletas caralludas que levaban todo por diante. As tipas tiñan un corpo que nin dios e miraban para os homes dun xeito que che poñía o sangue quente, con aquela maneira de fumar. Aquí as mulleres non fumaban.

O malo era cando cantaban, que non se lle entendía nada, sempre en americano.

Eran caralludos os americanos, estaban de guerra e aínda tiñan tempo para facer películas.

E, segundo dicían, andaban repartidos polo mundo adiante, que daquela andaban guerreando en Francia, en África e alá por Oriente. Moita xentiña lle debía sobrar para espallala polo mundo adiante desa maneira, non sei que se lle perdera.

A guerra dos alemáns rematou de alí a pouco, xusto cando me vin de volta

Despois de cinco anos en Catalunya tíñache uns bos aforros, así que non sei que me daba gastar cartos no tren, pero para facer a viaxe a pé era unha tirada de moito carallo. Así que pensei en facer como tantas veces me contaran e viaxar en tren sen gastar un peso. Como era verán non había problema en pasar quince ou vinte días por aí adiante, nos camiños.

O problema era dar co tren axeitado e non ir parar a Irún ou a Portugal.

Estiven dous días rondando a estación de Lleida para saber a que horas saía algún tren cara acá. Ó cabo, metinme nun vagón de segunda dun tren que ía ata Zaragoza.

Lembreime das mulleres que facían estraperlo co café no Porriño e senteime no medio do vagón, lonxe das dúas portas, botando olladas seguido a ver se viña o revisor.

Cando o vin entrar, xa levábamos unha hora de camiño, erguinme a modo, saín do vagón e fun andando cara atrás, ata chegar ó último. Alí senteime un pouco a pensar como saír daquela.

Xa non tiña escapatoria, erguinme e funme meter no mexadoiro e pechei por dentro.

O tren parou e volveu arrancar axiña. Empecei a suar, xa me vía preso e sen os cartos que tanto me custara gañar. Tiña tanto medo que me dou unha descomposición que non botei as tripas fóra de milagre.

De alí a un bo pouco petaron na porta. Eu quedei calado. Volveron petar máis forte e xa me vin perdido. Alguén berraba, pero non lle entendía co ruído do tren. Pensei que non había nada que facer, a menos que saltase pola porta, e abrín.

Só había un home, non era o revisor. Preguntoume se estaba mal e díxenlle que non, que me dera un mareo pero xa estaba ben. Botei unha ollada ó corredor e vin que non había ninguén, así que me sentei un bo pouco para me curar do susto.

Xurei que nunca máis había pasar tal apuro por non gastar uns cartos que tiña, pero chegamos a Zaragoza sen máis novidade. Do revisor nunca máis se soubo.

 

 

XI

 

Baixei do tren e púxenme a matinar a maneira de meterme en outro.

Merquei algo para comer polo camiño e, sen afastarme da estación, andei preguntando que tren tería que coller para me acercar cara aquí. Un fulano que traballaba de carboeiro na estación díxome que había un tren de mercancías cara Logroño. Debeume cheirar a idea que levaba, a ver por que me foi falar dun tren de mercancías.

Pagueille un chato e díxome cales eran os vagóns que ían naquel tren. Había cinco vagóns cheos de ovellas e outros tres ou catro con carbón e azucre.

Xa era noite e non había luz ningunha por cerca, así que podíame meter sen medo. Os vagóns que levaban carbón estaban descubertos, pero se me metía alí ía acabar a viaxe todo negro, como na mina. Os do azucre estaban pechados con candado e non había maneira de se meter neles, así que me tiven que meter nun de ovellas, por un ventanuxo que tiña.

Aquilo cheiraba a peste, debían levar alí toda a tarde cagando, aínda bo foi que puiden colgar o paquete, que levaba coa roupa limpa, nun gancho da parede.

Non sei se pola fame ou por que non daban respirado, as ovellas non daban un chío. De súpeto abriron a porta e quedei medio cego coa luz dun foco que entraba, aínda tardei un bo pouco en atinar e tirarme ó chan. As ovellas empezaron a berrar, debéronlles botar algo de herba seca e pecharon de novo. Eu, coa roupa chea de esterco, quedei alí sentado ata que arrancou o tren.

Non sei cantas horas botei dentro daquel tren, ata durmín e todo. O caso é que chegamos a unha estación pero non sabía onde estaba. Polo ventanuxo vin que nos levaban cara unha esquina apartada da estación e estivemos parados unha chea de tempo, así que pensei que xa estaría en Logroño.

De alí fun dar a Palencia en dous trens de pasaxeiros, despois de mudar a roupa chea de merda de ovella.

En dous, porque do primeiro tiven que saltar a medio camiño. Apareceron dous da secreta pedindo documentación con cara de moi mala hostia. Eu tiña documentación, pero non fora que me pedisen tamén o billete, así que fun recuando cara o final do tren, ata que non me quedou máis para onde fuxir. Abrín a porta e, cando vin un anaco chan e sen árbores, saltei.

Din non sei cantas voltas e pinchacarneiros, houben romper a cabeza; menos mal que o paquete que levaba non se me abriu todo.

Quedei un momentiño quieto, alí estarricado no chan, pensando se tería roto algún óso ou se morrera. Cando me erguín, vin que estaba no medio do monte, só se vía unha vila ó lonxe, seguindo pola vía. Era Miranda de Ebro, onde, á tardiña, xa collín outro tren que me levou cara Palencia.

Naquel tren, cando estaba a punto de chegar a min o revisor, o tren parou en Burgos. Baixei a todo gas e montei diante de todo, por onde xa pasara o tipo, e senteime nun sitio cheo, onde todos debían vir xa no tren.

Así que cando pasou o revisor de segunda, fixen que durmía e non nos dixo nada a ningún.

En Palencia preguntei na estación como podía coller un tren cara Galiza e dixéronme que tería que coller un ata Medina del Campo e alí pasaba o de Madrid a Vigo.

A min parecíame que xa estaba indo moi abaixo, que estaría chegando a Andalucía, pero se non había outra maneira de chegar...

Na viaxe a Medina del Campo gastei cartos, porque fun nun coche de liña, saía de diante da estación xustiño no momento en que eu chegaba.

O resto da viaxe si que foi caralluda. O tren que viña de Madrid era grandísimo, tiña non sei cantos vagóns de pasaxeiros e unha chea deles con mercancías. Levaba dúas máquinas.

Metinme no último de pasaxeiros e fun tranquilo dúas ou tres horas. Serían as tres ou as catro da mañá e o revisor non tería gañas de paseo.

Paramos nunha cidade grande, dixeron que era Zamora, e de alí a un pouco apareceu o revisor.

Mirei pola fiestra e vin aquela chea de vagóns de mercancías. Por alí non pasaría o revisor, así que fun cara a porta, agarrei o paquete coa boca e colgueime por fóra do vagón ata chegar a unha escaleiriña que me levou ata o teito dun vagón pechado.

Senteime ben agarrado a uns ferros que levaba no teito.

Aínda non clareaba o sol e facía un frío rabiado. O vagón estaba todo mollado da xeada e non tardei en ter o cu empapadiño.

 

 

XII

 

Poñíame medo viaxar alí arriba, con aquel meneo do tren que me facía ir agarrado todo o tempo e sen sentir o cu e as mans do frío que ía.

Aínda así, fun un bo anaco alí. Pero pensei que cando chegásemos a calquera vila me habían ver alí subido e andarían a tiros comigo pensando que era un escapado. Daquela aínda andaba algún da guerra dando tiros polo monte adiante, pola zona de León e Asturias. Así que botei a andar por riba do tren a catro patas, buscando un sitio onde meterme para non morrer co cu frío como a neve.

Fun dar a un vagón cheo de sacos, entrando por un tragaluz.

Malamente tiña sitio para ir deitado entre os sacos e o teito, así que acomodeime como puiden para pasar toda a viaxe alí. Custoume moito enganchar no sono, ¡que ruído mete o condenado do tren!

Debía estar ben canso, que espertei, cunha fame de medo, cando xa paraba o tren en Ourense. Amencía o día e saltei do tren para dar unha volta ata a ponte.

Saía unha chea de xente cara o monte, con gando e cestas de cebolas, nabizas, grelos e patacas. Disque había feira en Cambeo e tiña fama de ter bo polbo, así que alá fun.

¡O carallo de Cambeo! Entre chegar alá, dar unha volta e comer unha tapiña cun ribeiro e vir de volta cara Ourense, levoume todo o día. Pensei que estaría á beira de Ourense pero aínda tiña unha boa tallada. ¡A pouco máis chego a Chantada!

Cando cheguei de volta á noitiña funme bañar ó río, que levaba non sei cantos días sen me lavar, tren vai e tren vén e aínda cheiraba a ovella. Despois do baño e de comer un anaco de chourizo e pan que traía da feira, boteime a durmir nun hórreo que había a carón da ponte. Era case verán e non había pasar frío de noite, porque había alí gardadiños uns sacos cos que me podía tapar.

Espertei cedo. Malamente era día e ía un bo fresco á beira do río.

Botei a andar pola estrada de Pontevedra e topei cun tratante de cabalos da Cañiza que volvía de vender unha grea en Cambeo. O negocio fora bo e puidera encargar unha boa cea e unha cama antes de se botar ó camiño. As bestas seica eran boas e foran á feira uns militares mercar cabalos para o exército, vendéraas todas xuntas, sen necesidade de andar a poxar cun e con outro por cada cabalo.

Fomos xuntos un anaco.

Despois, a media mañá, eu tirei cara o Carballiño e el seguiu pola beira do río. Quedei aliviado porque, polo que contara, supuxen que había ir cargadiño de cartos e daquela habíache moito maleante que agardaba á volta das feiras polos tratantes de gando. Non fora levar eu unha malleira ou unha navallada só por escoller mal compañeiro de viaxe. Pero non pasou nada.

Cheguei ó Carballiño despois da hora de xantar.

Había unha chea de xente fina paseando polas rúas e tomando o aperitivo nun café. Disque na primavera ían os señoritos de Ourense a tomar as augas, que son boas para as doenzas de ósos e máis para os nervios. Unha vez levaran alá unha filla do armeiro, que tiña o anguenido ou lle botaran un mal de ollo. ¡Cousas de vellas!

Despois de comer o que me quedaba da véspera e tomarlle unha cunca nunha taberna, botei a andar outra vez. Tiña un bo anaco de camiño costa arriba e a noite non había tardar en chegar. Pensei que nunca daba chegado á cima do Paraño ¡rediola de monte!. Todo costa e costa e costa, que nunca das chegado arriba.

Cando estiven no cumio, xa case na Hermida, quedei pasmado mirando a vista que había dende alí. Nunca tal cousa vira. Semellante anaco de monte que baixaba case a plomo, parecía que tiña o fondo no inferno, que nin se vía porque xa anoitecía.

Poñía medo aquel monte. Todo pelado, sen case pinos, cunha aldeíña alá abaixo colgada nas laxas. ¿Quen poderá vivir alí?

Habería que ir alá por Febreiro, ha de estar todo nevadiño. Digo eu que botándose por alí abaixo, escorregando pola neve, tardarase dúas horas en chegar ó fondo.

 

 

XIII

 

Xa era noite e pedín sitio para durmir nunha taberna da Hermida.

Había tamén dous taberneiros de Avión que ían cara Ribadumia axustar a compra de viño. Dixeron que ían bastante antes da vendima para pechar o trato, que así levaban do mellor e máis vían as viñas para tentear se o viño sairía bo ou malo.

Antes de ir durmir botamos unhas briscas e acabamos algo contentos co viño.

Pola mañá tomeille un anaco de pan con manteiga e tirei cara acá. Cheguei á hora de xantar porque, como coñecía xa o monte, en vez de vir pola estrada ata Cerdedo, metinme ó monte en Folgoso para vir dar arriba de Tomonde e baixar por Filgueira.

E así remataron as miñas aventuras de mozo polo mundo.

Quitando os anos en Venezuela, nunca máis volvín andar por aí fóra, sempre entre Marín e Soutelo, entre Arcade e a Estrada. Bueno, nunca... quitando a vez que fomos a Santiago gañar o xubileo.

Viñera Don Luciano, un padre que viña todos os anos polas misións, e despois dunha semana de misas e rosarios e sermóns ós rapaces, don Erundino dixo que había que ir a Santiago gañar o xubileo.

Alá fomos, case todos os veciños, no coche de Zepelín.

Como non collíamos todos, os mozos ían no teito, coas cestas da merenda, metendo man nalgunha polo camiño, de paso. Convenceron a algunha moza para ir enriba con eles, pero don Erundino púxose teso e dixo que a ver se había un pouquiño máis de respecto, que ían gañar o xubileo, non á rapa das bestas.

Saímos moi cediño, aínda con noite.

Por sorte para os que ían enriba, facía bo día e non xeara.

Chegando ó alto da Portela vimos unha grea de bestas que fuxiron axiña cando o señor Zepelín lle tocou a bocina. Tamén baixaban dous rapaces que debían vir cunha vaca ó boi a Tresaldeas, porque non ía moi tranquila.

Pasando a Estrada, antes de Toedo, fixemos unha parada para mexar. Don Erundino plantouse no medio da estrada a vixiar o asunto, os homes a unha beira da estrada e as mulleres á outra, entre os pinos. Miúdo era don Erundino.

En Santa Cristina de Bea, case na Ponte que separa a Pontevedra da Coruña, disque tamén é romana como a de Pedre, rebentoulle unha roda ó coche.

Eu nunca vira un coche de liña ó que lle pincharan as rodas, pero a estrada non era boa e o coche ía ben cargadiño.

Tivemos que baixar todos e os homes puxémonos a erguer o ómnibus para que o señor Zepelín lle metera unhas toradas debaixo, que non tiña gato. Cando quedou ben seguro, entre el e Remixio, que tamén lle tiraba a mecánica, cambiaron a roda.

De alí a un pouco arrancamos de novo e non houbo máis novidade ata Santiago. Chegamos xusto para a hora da misa.

Houbo un par deles que se perderon polo Franco, camiño da catedral. Boa bronca lles botou o padre Luciano, o da misión, cando apareceron pola tarde no coche dicindo que viñan do Pombal.

Eu dei unha volta pola catedral con outros mozos, mentres dicían misa e, ó final, vimos o botafumeiro.

¡Manda carallo! Aquel cinceiro tan grande a abanear cara un lado e cara outro. Mesmo parecía que os da corda ían saír polo aire.

Despois da misa saímos ó Obradoiro e todos mercaron algunha caralladiña. Santiños, conchas de vieira e melindres. Todos levaban algo, menos o fillo do mestre, que lle ía dicindo a Don Erundino non sei que dos mercaderes dun templo. O cura non lle poñía moi boa cara.

Quedouse en ir comer á alameda, por detrás do palco da música, e os homes quedamos a tomar unhas chiquitas no Franco mentres as mulleres ían preparando as merendas. Eu levaba un anaco de empanada que me fixera miña nai e dous chourizos.

Don Erundino quedou con nós e o padre Luciano fora coas mulleres.

Cando íamos cara a alameda, despois de media ducia ou máis de tabernas, o cura dixo que o padre era un maricón e que menos mal que só tiña que aturalo unha vez ó ano, que se non xa lle tería metido un cirio polo cu e tirado do campanario abaixo colgado polos collóns. Todos sabíamos que se levaban mal.

Unha vez ata pelexaran un venres de pascua, no medio da misa, porque os dous querían ler o desencravo.

-En mi parroquia mando yo y leo yo. ¡Ni misiones nin carallos!

E os mozos da tribuna contestáronlle "¡Amén!".

Alí escachou todo dios a rir ata que botou un berro o padre Luciano, que a ver se tíñamos un pouco de respecto que estabamos en presencia de noso señor Xesucristo crucificado.

Boa prea o padre Luciano, parecía maricón, sempre coa cara así, de medio lado. Pero din que Manuelón o da feira é fillo del.

 

 

XIV

 

Ó chegar xunto ás mulleres, non puxeron moi boa cara ó ver a tralla que lle levaban os homes.

O coche estaba alí á beira e Lemos foi pola gaita. Unhas mozas levaban pandeiretas e outros tamén sacaron as conchas de vieira que mercaran na catedral, así que se armou a troula.

Alí nos puxemos todos a comer e a beber, a bailar e a cantar.

Xuntáronse uns de Fisterra que tamén viñan polo xubileo e armamos unha boa festa. Porque o padre Luciano fora ver uns amigos a un convento e nos deixou tranquilos un pouquiño, que se non... nin festa nin hostias.

Arrancamos á tardiña, despois de esperar por uns que non daba aparecido, que foran pola rúa do Vilar a mercar un pote para o caldo e máis uns sachos e un adival novo.

Na viaxe de volta, entre o cansanzo do baile e o viño, viñamos case todos durmindo.

As mozas cantaban a do conductor de primera e de segunda. O padre Luciano viña falando co chofer, de mala hostia, dicindo non sei que de Sodoma e Gomorra.

Don Erundino era o que máis roncaba, estarricado en dous asentos.

Pasando Matalobos, un dos que ían enriba botouse a durmir e nunha curva non caeu á estrada de milagre, porque o enganchamos polos pés entre dous. Bateu coa cabeza nunha fiestra e rompeuna. A señora Dometila, que ía durmindo naquel asento, dou un pincho e empezou a berrar polo corredor adiante. Era noite e non se vía nada e o padre Luciano, que daquela ía durmindo, espertou e empezou a facer cruces no aire e a berrar en latín "¡Vade retro... vade retro!"

Ó señor Zepelín doulle a risa e o coche fóiselle á cuneta nunha curva. Non fomos parar ó medio dun regueiro de milagre. Pasoulle a risa a todo dios.

Chegamos ben entrada a noite e o señor Zepelín deixou a porta do coche aberta porque quedaban durmindo dentro o cura e algún máis. Ninguén lle ía escapar co ómnibus aquel.

Moito ten andado aquel coche. Seica hai pouco que o venderon, pero aínda tiraba ben. Xa non quedan coches de liña deses, coa escaleiriña para subir ó teito e o motor diante, como un fociño.

Sempre íamos nel ás feiras.

Cando queríamos mercar un porco ou vender un xamón ou uns queixos, cando facía falta unha pota ou uns pés de repolo, alá íamos co señor Zepelín á feira de Soutelo ou da Estrada.

Saiamos á mañanciña e íamos parando en cada pobo ata a Portela, despois xa tiraba sen parar. Sempre tiña que ir un, polo menos, enriba do teito, tendo man das cousas que ían atadas, que non caesen polo camiño ó tropezar nas pólas ou ó afrouxar as cordas.

Chegábamos ben cedo e volvíamos pola hora de xantar, todos cargados de cousas.

Os porcos viaxaban debaixo, no sitio dos paquetes, e ían rebulindo todo o camiño. Algún mareábase e poñía todo feito unha merda, ademais do que cagaban. Por algo son porcos.

Iso pasa por non facer como aquel tal Ogando, que tiña non sei que mal e botou na cama unha chea de tempo. Dunha vez, unha porca pariulle un cochiño medio raquítico e criouno el na cama ó seu carón. Disque lle poñía cueiros e lle daba de comer cunha mamadeira.

A min sempre me gustou ir ás feiras. Había de todo, telas para vestidos, gorras, bastóns, potes, verzas, pitos, porcos, vacas... Eu que sei o que alí había.

Houbo un ano que o señor Xervasio foi mercar un arado novo e tivo que o atar no teito do coche de Zepelín. Nunca vin unha ferramenta tan limpiña e brillante.

Pero para feira de gando, a que había aquí á beira, en Fondós.

Facíase o 19 de cada mes. Era tan boa feira que había, daquela, tres casas de comidas a carón da carballeira, porque viña xente dende ben lonxe. Viñan os do Porriño, que levaban as vacas vellas e enfermas, que non sei como lle darían chegado alá. Tamén viña unha chea de tratantes. Cando cadraba en mércores non viñan tantos, porque os da parte da Estrada ían á feira de Santiago.

Houbo un ano que trouxeron un cabalo branco, un percherón, grande como el so. ¡Canto me gustou aquel cabalo!

Tiña un parecido un capador da parte de Moraña que viña por aquí tódolos anos. Samuel se chamaba, o capador, que o cabalo non sei. Que ben ensinado o tiña. Despois de xantar sempre botaba un soniño a cabalo, entre unha aldea e outra. Ó chegar á primeira casa, o cabalo paraba e daba un relincho, o Samuel espertaba e púñase a tocar o chiflo.

A feira de Fondós era case como un día santo. Iamos alá aínda que non houbese nada que vender nin cartos para mercar e, pola noite, íamos ó salón de baile.

 

 

XV

 

Ó pouco de chegar de Catalunya veu o señor Silvino e tróuxome o acordeón que eu lle deixara alá. Daquela xa non se me daba tan mal e sempre tocaba algo nas romarías, cando íamos de merenda. Ata que un día, no San Xusto, me dixeron se quería tocar coa orquestra. O acordeonista que trouxeran fora "tomar as augas" cunha moza de Fentáns e unha botella de augardente e estaba que non remexía a lingua, polo visto non fora quen de subir a costa de volta ata a carballeira.

Eu díxenlle que malamente sabía tocar unha ducia de cancións e non tiña nin papa de solfeo. O fulano díxome que era igual, con tal que tocara, que no medio do ruído de toda a orquestra non se había notar moito se o facía ben ou mal.

Como levaba toda a tarde atrás dunha moza de Praderrei e non me facía ningún caso, aceptei por ver se así miraba algo para min. As mozas sempre estaban pendentes dos músicos, e eles delas, aínda que moitos eran casados.

A noite pasou axiña. Nas pezas que sabía, deixábanme tocar algo só, pero nas outras todos metíamos ruído e alí non se sabía quen tocaba e quen non. Eu levaba o compás con tres dedos e listo, non era moi complicado seguirlle o ritmo ós demais e as cancións coñecíaas case todas, aínda que só fose de oídas.

A rapaza que me gustaba non me quitou ollo en toda a noite, pero tampouco puiden estar con ela porque tiña que tocar e, no descanso, os da orquestra leváronme cear con eles a carón do cuartel, un bo cocido con café e copa. Boa enchente papei , si señor.

Ó final atopei un momentiño para me achegar a aquela rapaza e quedamos de nos ver na festa de Campo Lameiro, de alí a uns días.

Ademais da cea pagáronme dúas pesetas.

Dixeron que lles faría falta alguén, que aínda quedaban unhas cantas festas e tiñan pouca xente. A de Campo Lameiro, os Dolores en Forcarei, os Remedios  de Tenorio e algunha máis.

Eu, daquela, xa andaba de xornaleiro, porque na construcción non había moito choio, así que acepteille. Sempre serían dous meses de boa vida sen andar remexendo na terra e, por aquel tempo, xa estaba farto de sacar nas patacas e víñame enriba o tempo de coller e esfollar no millo.

Así foi que me vin de músico polas festas.

Déronme un traxe de outro para ir como eles. Érame algo grandiño, pero detrás do acordeón non se me notaba. Xa o tiñan algo grande para deixarllo a quen lle puidera facer falla ou para os suplentes que foran collendo de cando en vez , cousa bastante normal.

Cando había dúas ou tres festas na semana paraba en Pontevedra, na casa dun compañeiro; na rúa dos Churruchaos, preto de Santa María. Non me cobraba nada e tiña unha irmá guapísima. Algo nova, pero moi zalamera. De todos os xeitos, eu non busquei lío coa rapaza por non lle faltar ó respecto ó compañeiro que me ofrecera a súa casa, pero gañas non me faltaron ¡Non oh!.

Polas tardes quedabamos algúns para ensaiar.

Non todos tiñan tempo para ir sempre, así que cada día había que ensaiar cuns instrumentos distintos, o único que estaba sempre era eu. Non había forma de escoitar unha peza tocada pola orquestra enteira se non era nunha festa.

Que vida de señorito me pasei.

Algunha tarde íamos dar unha volta polo Savoy ata a hora do ensaio e, despois, os solteiros íamos de merenda a Lérez, alí á beira de San Benitiño. Aínda era unha boa carreira cruzando a ponte do Burgo e subindo por entre as xunqueiras; pero sabíamos que habíamos topar cun bo xamón e mellor viño, así que o camiño facíase corto.

Unha vez fomos ata Tomeza, a ver se estaba aquela moza de cando o servicio, pero xa casara cun ferreiro da Canicouba.

Nas festas pasabámolo caralludamente. Nas que eran algo grandes sempre había dúas orquestras e facíamos amizade cos outros, cando non íamos á competencia.

Había daquela un rapaz que tocaba o acordeón que nin dios. Aínda teño quedado con el en Pontevedra para que me ensinara a tocar algunha peza. Pero bueno, el dábame mil voltas. Eu estaba naquilo por cartos, el había días que se poñía a tocar nunha taberna toda a noite ata que viñan os da brigada botar o rapapolvos.

El aínda seguiu tocando ata hai pouco e fíxose famoso. Diosiño se chamaba, unha boa prea.

Aínda me lembro dunha boa que fixemos na festa dunha aldeíña pequena de cara Campañó.

Leváronnos cear a unha casa particular e déronnos filloas e queixo. Os meus compañeiros estaban acostumados a cear sempre en quente, un bo cocido ou uns callos. Saíron rabiando e argallaron de lle ir roubar dous ou tres capóns ó cura cando rematase a festa.

E así foi. Pero tivemos ben mala puntería. ¡Si, oh!

O galiñeiro foi cadrar xusto debaixo da fiestra da criada do cura e quixo a sorte que nese momento andara el por alí. A penas fixemos ruído, pero cando saiamos do galiñeiro alí o estaba agardándonos coa escopeta e bastante lixeiro de roupa. A criada empezou a berrar para que acudisen os veciños e non houbo escapatoria.

Tan mala sorte tivemos, que aquel cura era curmán do sarxento do cuartel de Barro.

¡A malleira que levamos! Tres días metidos alí dentro, cunha roda de hostias tódalas mañás.

- A ver si aprendeis a no tocar la propiedad de la Iglesia, que es sagrada ¡Sa-gra-da!.

Eu contestei a primeira vez que non sabía que os capóns foran de Deus, pero as hostias papeinas igual. Non houbo quen valese por nós, porque os nosos compañeiros non tiveron collóns de ir ver como estaba a cousa, non fora ser que lles caira a eles tamén algo.

Non era mala vida a de músico, non. Pero só durou tres meses.

 

 

XV I

 

Daquela empezáronse a ver as bicicletas.

Co que ía gañando na orquestra puiden aforrar para mercar unha. Foi das primeiras que se viron por aquí.

Dábame unhas boas viaxes nela cando baixaba ata Pontevedra para ir tocar por aí. Era unha boa tirada e a estrada estaba escaralladiña de todo, pero en media mañá poñíame alá. Case non había coches pero nos lugares había que esperar a que apartaran as vacas ou as galiñas. Máis dun camión ten levado un porco por diante.

Algún aínda saía gañando, se cadra o chofer do camión pagáballe o porco e aínda por riba quedaba co bicho morto. E xa se sabe que ós porcos se lle aproveita todo. Mesmo as tripas e a vincha. Que boas vinchas se fan por aquí cando é polo entroido, que fóra de aquí non che saben moito o que é iso. E total, vaia misterio. Un pouco de azucre, fariña, ovos leite e pan; que máis complicación ten facer un bo cocido e fancho en calquera parte do país.

Na estrada, aparte dos carros só se atopaba algún camión de vez en cando, daqueles Barreiros grandes, e o coche de liña que ía a Ourense, o Industrial, e máis o de Lugo.

O caso é que aquelas bicicletas debían ser ben duras, porque poucas veces pinchaban.

Houbo unha vez que pinchei tres veces no camiño e quedei sen parches.

Tiven que baixar dende Viascón ata Pontevedra a pé, coa bicicleta pola man, botando chispas contra todo, convencido de que me botaran un mal de ollo, pois xa bastante me amolaba ter que baixar chovendo da maneira que chovía aquel día para ter que facelo, aínda por riba, a pé. Menos mal que saíra de aquí aínda con noite.

Pero xa din que non hai mal que por ben non veña.

Aquel día debía levar unha pinta tan miserable, coa bicicleta pola man e caendo chuzos como caían, que en Bora, á beira da ponte, berráronme dende unha fiestra para que me arrimara ó patín. Funme meter debaixo da viña, agardando sen saber o que me quererían. Abriuse a porta e saíu unha moza loura, ben xeitosiña, dicíndome que non podía seguir camiñando baixo aquela choiva se non quería coller unha pulmonía. Deixei a bicicleta e entrei de non moi boa gaña. Precisamente, con aquela choiva o que quería era rematar a viaxe canto antes.

Entrei nunha cociña quente na que recendía unha pota de caldo que había ó lume.

Na casa vivían soas a rapaza e súa nai. O pai estaba na Arxentina, levaba alá media vida e a moza non tiña outra razón del que non foran as escasas cartas que lle escribía algún compañeiro e dous retratos que lle mandara en 15 anos. Mandáronme sentar a carón da cociña para secar a roupa, dicindo que non podía seguir camiño nesas condicións. Non había na casa roupa de home que deixarme, pero puiden cubrirme cun pano mentres me secaba algo a camisa e mais a chaqueta. Ó final quedei no medio da cociña cuberto unicamente polo pano, os pantalóns pingando e uns calcetíns prestados pola nai.

Estaban a piques de xantar e puxeron outra cunca para min. Eu pasaba unha vergonza grandísima, aí medio espido e comendo, nunha casa que non coñecía.

Despois, falando mentres comiamos, souben que a moza me coñecía da orquestra. Vírame na festa de Bora, a mediados de setembro e, dende entón, víame pasar pola estrada cada vez que subía ata acá ou baixaba de novo, sempre na bicicleta.

O caso é que gracias ós pinchazos da bicicleta e a choiva, fun coller moza en Bora. ¡Que rapaza aquela! Mágoa que eu tivera tan pouco sentidiño e a miña cabeciña non asentara ben en ningures.

A bicicleta pouco me durou, vendinlla de alí a pouco a Espiña. A moza duroume pouco máis.

Aquel inverno metéronme na cabeza a idea de ir facer cartos a Venezuela.

A min non me chistaba moito a idea ó primeiro, pero entre Manolo de Filgueira e algún máis non pararon ata que me convenceron. Eu xa non era tan mozo e non tiña un pataco. Eles non paraban de falar da morea de cartos que podería traer nuns poucos anos. A eles non lle debía ir mal de todo, ou iso parecía, e eu tampouco tiña nada que me retivera aquí, salvo aquela Dorinda de Bora.

Así que marchei e alá pasei vinte anos.

Pero esa éche outra historia.

boton_planetas.gif  Índice