![]() |
¡PORTA DO DEMO!
|
Trinta ou corenta chaves.
E unha soa porta. Manda carallo.
Desta si que non dou saído.
Que non é calquera coña, chegar así e ¡ala! entrar sen máis.
Aquí non. Aquí do que se trata é de abrir unha porta e non hai deus que lle bata coa chave axeitada.
Anda, anda. Que unha cousa é dicilo e outra verse aquí, coma un parvo, falando coa parede.
Pero isto non lle pasa a calquera. Non, oh.
Isto pásalle ó simpático de Aureliño por vir a estas horas e máis mamado que deus.
Que só a min se me ocorre ir de carallada o día que me poñen a pechadura nova e aínda non coñezo a chave. E por se fora pouco traio todas as do choio e agora non lembro en cal dos chaveiros a debín poñer.
Anda que si. Vaiche boa. Que xa case son as oito e só falta que baixe o garda civil do cuarto mirando con cara de can. Ai deus, algúns non cambiaredes nunca, que nin democracia nin hostias, seguides con gañas de mallar na xente.
Pois non, fódete ¿Oíches? Aquí me tés, facendo uso activo das liberdades e dereitos que me concede a Carta Magna esa do carallo e as súas leis orgánicas complementarias. Mal que che pese. Que ata os tricornios vos quitaron. Non sei onde ides meter os cornos agora, con esa gorriña tipo xendarme francés.
Si, así mesmo, o inspector Clouseau en persoa que se dirixe a cumprir un honroso deber coa patria botando unha sonadela á porta do cuartel durante media mañá, "impasible el ademán", sen máis obriga que a de escorrentar os cans ós que lle dá por mexar no mástil da enseña nacional.
E outros sen poder entrar a mexar na súa casa. ¡Mundo inxusto este!
Que estou por lle pedir na panadería de abaixo unha guía a ver se atopo o teléfono dalgunha agrupación de okupas e me vén un a botar a porta abaixo. Si que tería gracia, si señor. Abaixo a propiedade privada. Derrubemos todas as portas do mundo.
Por un mundo sen portas... e sen veciños na benemérita.
¡Ala, ala! Que me poño revolucionario e entón si que pode acontecer calquera cousa. Mira que esta noite aínda non cantei o Asturias patria querida nin o cantar miudiño. Estou por chamar a Carliños que traia a guitarra e botámoslle a do viejo San Juan ou llegando está el carnaval.
Anda Aurelio, anda. Non me andes con caralladas a estas horas, que xa bastante teñen os veciños co triquele triquele que estás armando coas chaves para que aínda por riba llo amenices con banda sonora e todo.
Pobres, os meus veciños. Ter que compartir o sagrado dereito da morada cun desenfreado coma min. Un desalmado que bota a propaganda no oco do ascensor e baixa o lixo á hora que lle peta. Pobriños, os canciños da rúa tamén teñen dereito a comer. Aínda que sexan ósos, codias de pan duro ou compresas usadas, que todo ten a súa ración de proteínas. ¿Non che parece? Aureliño, meu rei. ¡Como vés hoxe!
E aínda bo é que hoxe é sábado. Non quero nin pensar que fora día de traballo. "Aurelio, tés mala cara... ¿Que che pasou Aurelio?...A ver si venimos a trabajar en condiciones, Freire..." Me cago en todos vós. Amargados do carallo. Que non lembrades a última vez que pasastes unha noite fodendo cunha tipa como deus manda. Nin pagando.
- Bos días Aurelio.
- ¿Que?... ai... ¡bos días! Bos días señora Carme. Moito madruga.
- Madrugo, si. Hai quen madruga máis, polo que vexo.
- Pois si. E que vou de caza ¿sabe? O que pasa e que esquecín a escopeta dentro e teño que volver entrar.
- Pois nada, que lle vaia ben logo a cacería. Ala, adeus.
De caza.
De caza. A caza voucha dar eu a ti. Paladín da arte cinexética, terror dos campos e fragas galaicas, arrasador de coellos e codornices.
¡Veña! Imos alá outra vez, empezamos con este chaveiro e vounas levando todas de dereita a esquerda. Non podo soltar a primeira, se non despois non sei onde empecei e teño que volver a darlle outra volta.
Así... esta non é. Porta do demo. ¿Non había ter un canceliño de bambú deses, como teñen en África?
Mira ti por onde. As vantaxes do terceiro mundo, ningún borracho durmindo á porta. Aínda máis, ningún borracho, porque como non lle peguen ó zume de banana non sei de onde van sacar eses o alcol. Meus pobriños, malpocados eles. Que vida é esa, sen chaves, sen oficina, sen portas e sen alcol. Que cando queren armar algo de farra bótanse a dar saltiños así, así. Umm baaaa laaaa, ummm baaa laaa.
Malpocadiño, meu Aurelio. O que che faltaba, en plan bruxo masai no descansiño da escaleira. O acabouse.
E unhas gañas de mexar rabiadas. Que por se fora pouco levo un pantalón deses con botóns, que os leve o demo. Como forces un pouco a cousa, vas todo apurado e váiseche todo pola perna abaixo mentres das aberto todos os condenados botóns.
E mira que hai ben anos que se inventou a cremalleira, e as tiras de belcro, ou os remaches. E mesmo as faldas escocesas, mira ti. Que cousa máis cómoda. Que eses seguro que non mexan por eles. Que ben mirado non sei como mexan. Se sentados ou de pé, depende do que leven debaixo. Outro dos grandes misterios da filosofía occidental xunto coa reencarnación e a fluctuación na cotización do marisco na lonxa do Grove.
Veña Aurelio ¡Veña! Que só che fallan tres chaves de este chaveiro e no outro non hai máis que catorce ou quince. Aguanta un pouco home, aguanta. Xa mexarás cando entres, coño. Un home é un home ¿ou que?
Donde están las llaves materilerilerile. Vouche dar eu materile a ti. Si oh. Aquí tés todas as chaves que queiras e aínda máis. Que me cago eu no tipo que inventou as chaves, mira se non lle servía cunha tranca destas ben gorda ou un simple pauciño arrimado, para que non haxa corrente. Pero non, hai que complicar as cousas con artiluxios propios da era da mecanicidade. Que aí queda iso, que hai verbas non se din así como así nin en calquera momento.
¡Ai deus! Que mexo por min, que desta non escapo. Me cago na porta do carallo.
Veña, veña home. Que xa cambias de chaveiro. Reláxate, tranquilo, como se non fora contigo a cousa. Deixa de dar saltiños e retorcerte, home. Que así non hai quen lle acerte na pechadura.
Unha máis, así mesmo. ¿Non che digo que aínda vai ser a última? ¿E se empezo polo outro lado?
¡ Ai, que alá vai ! Por pouco, desta vez só escaparon unhas gotiñas. Veña home, que ti podes. Reláxate e respira como nos partos. Así veña, unha menos. Respira...ah ah... fffu fffu... ah ah... fffu xúrocho. Outra menos.
Ala que xa está. E agora só falta que baixe un veciño a darme conversa. Méxolle polos pés, xúrocho... ¡por éstas!.
Ah ah... ffu fffu... ah ah... fffu fffu. ¿Non che digo que vai ser a última? ¡Ai deus que non podo! E cada vez bailo máis, que isto xa parece o twist. Veña, veña... outra. ¡Ai que non podo! Ah ah... fffu fffu.
¡O que faltaba! Aí vén o benemérito a foder.
- Bos días Aurelio.
- Bos... ah ah... fffu ffffu... días.
- ¿E logo? ¿Cambiou vostede de piso?
- Ah ah... fffu ffffu ¿Como?
- Digo eu... ¿Vostede non vivía no terceiro? Como o vexo na porta do segundo.
...
- E que hai xente para todo. Así foi, talmente como llo digo, mi sargento. Foi dicirlle iso e parou de bailar e de resoprar daquela maneira. Quedou mirando para min con cara de parvo. E non sei como miro para o chan e véxolle o pantalón empapado e unha pociña de mexo no chan. O que hai que ver, mi sargento, o que hai que ver...