(Resistir a Insistencia dun Pai)
Foi no velorio do finado do Marcial.
Así, sen máis. Soltoumo a pelo, sen vir a conto.
Eu levaba un bo anaco mergullado no vatevate característico dos velorios.
Collía un anaco dunha conversa de aquí, outro de acolá, alguén que rezaba un rosario por libre....
Enfronte nosa, na segunda fila á outra beira do defunto, estaba Xan da Moureira. "A poboación de San Francisco no ano 1927 era de... , cunha extensión de... millas cadradas. Alí chámanlle millas, que vén sendo un quilómetro e pico dos que temos nós aquí. Por iso América é tan grande. E no ano 1970 xa había ... habitantes nunha extensión de terreo de... millas, case que tanto como a provincia de Ourense. E iso a pesares dos terremotos, porque disque hai unha fenda na terra que pasa por alí preto e de vez en cando roxe a terra e morren uns cantos centos de persoas e vénse abaixo unha chea de edificios deses altísimos que fan alá. Que digo eu que non sei para que os fan se xa saben que van ir todos ó carallo en canto trema un pouco a terra. A falla de San Quintín lle chaman. Pero eses americanos sonvos así, que xa me dicía meu curmán Hixinio..." O seu afán pola lectura faille espremer ata a última letra os poucos libros ou folletiños que can nas súas mans. O malo é o seu desmedido gusto por compartir os coñecementos adquiridos con todo o que pille por diante. E onde máis amplo e variado quórum soe atopar é nos velorios. Por iso vai a todos, e nas horas punta, entre as nove e as doce da noite.
Iso fai que a veciñanza se sinta dividida á hora de definir as cualidades do Xan, de xeito que non é menos coñecido por pesado que por intelixente.
Polo demais non había naquel intre ningún tema de conversa realmente interesante arredor nosa. Había un pouco, dúas ou tres cadeiras máis alá, cara a porta, falaban do prezo do café. Había unha estendida sospeita sobre do contido en chicoria e outros productos non definidos nos paquetes de café porque "tanta baratura comparado con hai anos non é nada normal, algo lle han botar".
O defunto estaba alí, metido no cadaleito como á forza. Víase que lle era pequeno, tiña os brazos nunha postura estraña porque non lle collían os cóbados nas costas. Cousas dos da funeraria La Providencia. Mercáranlle un lote de cadaleitos a un viaxante catalán a moi bo prezo e xa lle pasara máis dunha vez. Na parroquia de Quintela tiveran que enterrar a un home coa tapa atada con correas, de grande que era o defunto non a daban encaixado. Consecuencias da aplicación dunha "xestión empresarial intelixente", que di sempre o Arximiro.
A expresión do morto era como de estreñido, como se se dera conta de que estaba apertado naquel caixón. A penas lembraba ó Marcial de sempre, con aquela cara de pipiolo pasmón, rindo case sempre.
Un bo home o Marcial. Nunca tivera unha mala palabra para ninguén, nin se lle sabía de ningún enfado importante. Incluso cando fixeron a estrada nova e lle tiraron a metade do muro da horta nin se lle repuxo ó perito, que Herminia a de Souto deixárao eivado ó baixarlle un sacho no lombo. Pero o Marcial non, el apañaba con todo segundo lle viña.
O cheiro a cera queimada volveu a apoderarse de todo o cuarto unha vez consumido o café que con abundancia serviran as sobriñas do defunto, ese café de pote que sempre deixa un arrecendo suave, doce, marrón...
A inevitable mosca voaba arredor da cara do defunto. De cando en vez tomada un descanso pousándose nos beizos e incluso se atrevía polos buratos do nariz, que xa hai que estar ben morto para aguantar que unha mosca se che meta polo nariz e quedar como se nada. Pero non eran moi prolongados os momentos de acougo, porque axiña acudía a cuñada do finado, Isolina a do ferreiro, cunha ramiña de xesta para espantala, aproveitando a ocasión para mostrar ante toda a concorrencia unha cara de desgracia insuperable. Acto seguido volvía, cun laio de insuperable amargura, á súa tertulia na segunda fila, coa señora Dometila e Candelaria de Piñeiro.
Estaba sendo un velorio dos de segunda categoría, en canto a animación se refire. Ninguén escachara a rir polo baixo nalgún recuncho nin houbera desmaios ou aparicións de parentes recén chegados do estranxeiro entre grandes escenas de dor e mostras de pésame.
Quizais por iso se decidiu a dicirmo alí, sen máis, aínda correndo o risco de que alguén o oíra e se estendera o rumor por toda a parroquia antes do amencer.
Quedei como sen folgo, pensando "estou a soñar, terei que ir tomar o ar un pouco á eira". Pero ó virarme estaba alí, mirándome con aqueles ollos de cordeiro inocente, e non me quedou dúbida de que mo dixera realmente.
-¿Que?
- Que non quero ir para o seminario.
Nese intre a viúva comezou un rosario e todos nos persignamos para acompañala no rezo.
...
Pasaramos a Ponte Faroso.
A casa do defunto xa quedaba ben atrás e asegurárame de que non había xente no camiño.
- ¿Que carallada é esa de que non queres ir para o seminario?
- Non vou, non quero ir.
- Ti que saberás o que queres. De momento es un merdallán e aínda está aquí teu pai para dicir o que has facer e o que non. Xa bastante levo aturado a túa nai dende que naciches co conto de que habías ser cura, nunha boa parroquia, desas con leiras e carballos a centos no monte e que algún día habías chegar a bispo de Santiago, que non pide nada. E só eu sei o que me custou que Don Remigio che buscara unha boa recomendación para empezar xa este ano. Has ir para o seminario como me chamo Manolo, e ollo con andarte despois con caralladas, que na casa só criamos tres porcos por ano e non habemos poder mandar máis de catro xamóns a Santiago. Así que a tirar para diante coa cabeciña, que non somos nós quen de darche unha carreira a conta dos cochos e as pitas, xa van alá catro capóns dos melloriños, que non sei que imos comer o día do Sacramento. ¿Oíches? Déixateme de pamplinas, a ver que mellor vida poderías pasar. Se cadra paréceche que vas estar mellor aquí, entre vacas e porcos. Ano tras ano nas leiras, estremecendo baixo o orballo ou afogando coa calor, polas lameiras adiante... E todo para morrer coas mans cheas de callos, sendo un ignorante sen proveito ningún. Mira para min.... ¿Paréceche que é esta mellor vida que a de calquera cura? Nunca lles ha faltar un bo anaco de queixo con chourizo ou unhas papas de fariña triga para cear, despois de pasar todo o día a cuberto, botando sermóns a diestro e siniestro e dicíndolle a todo o mundo o que ten que facer. E mulleres as que queiran, sen ter que lle aguantar parvadas. Para o que interesan e despois aire. ¡Que non queres... que non queres! Se souberas o que estas dicindo, meu rei.
- Eu non quero marchar da casa. Quero estar aquí, non cunha morea de curas que che andan a bater no lombo por nada.
- Anda home, anda.¿Quen che dixo cousa tal?
- Díxomo o Tino.
- ¿E el que saberá? ¿Como che van andar zoupando todo o día se son curas e andan diario a falar de que nos temos que querer uns ós outros? Outra cousa é que lle poñan algo de respecto a quen o precise, pero ti es un bo rapaz e non creo que che poñan unha man enriba. Se non te botas a perder alí, claro. Xa verás,oh. Verás como che ha gustar.
- Non vou e non vou. Como me faga ir mátome. Tírome dun campanario.
- Paréceme que antes de repartir hostias aínda tés que levar unhas cantas...