RENATA,

MEU AMOR

 

 

 Renata, meu amor. Dime algo polo amor de Deus. Polo que máis queiras. Algo que eu che poida entender.

Xa sei que o amor non ten obstáculos, nin barreiras ou límites, todas esas cousas que pensades e poñedes en práctica por alá arriba. Pero todo tén un termo medio ¿Ou non?

Entendo que che gusto moito. Ti a min tamén, ben o sabes. Pero hai outras cousas.

Se tan siquiera souberas dicir o meu nome como Deus manda, xa era algo. Pero nada, nin iso. "Rrrrrhhhhaffffaaaaa... ggggggggaffaaaa", muller. Que hai maneiras de dicir un nome, e mira que che é ben doadiño, Rafa... RAFA. Que xa non che pido que chegues ó extremo de pronuncialo completo, confórmome co abreviado, pero en vinte días xa o podías dicir ben. E máis coa cantidade de veces que o pronuncias. Gafa isto, Gafa aquilo. ¡Gafa! ¡Gafa! ¡Gafa!... oooohhhhhhh Gaaaaafaaa!!! Que non sei como serán os orgasmos en Alemaña cando o fagas cun tipo que se chame Günter, que parecerás un lobo ouveando.

Pero, miña rula, isto non é vida. Tres semanas xuntos, día e noite (de noite máis xuntos aínda) e falándonos ós poucos sen saber o que nos dicimos. Ti en alemán, eu en galego... para que molestarme en falarche castelán.

O incrible foi como nos entendemos o primeiro día para poñernos de acordo en que virías para a miña casa todo o verán (ou iso me pareceu entender, porque o Miro di que igual che da por quedar para sempre). Mira que nos entendemos ben axiña. Un par de noites na discoteca, catro aloitadiñas entre as dunas á luz da lúa e ¡ala!: unha parella de feito, como di o Miro. Dun día para outro, sen pensalo. Que non te podes imaxinar como fardo diante dos colegas todos os días. E no choio non vexas, que servindo gofres o máximo que podes conseguir é algunha madrileña solteirona ou divorciada que non atura o calor da praia e pasa as tardes na terraza da cafetería, a mirar e sorrir con esa cara de zorrona que tan ben saben poñer algunhas señoras de Madrid. Talmente como as moreniñas do Club Kilómetro G cando teñen unha mala noite e están dispostas a facer o que sexa para salvar a honra. Bueno, a honra ou o que sexa, que me parece que non fun dar coa verba axeitada.

Pois si Renata, meu amor.

Todos alucinados, que menuda alemana te calzaches... que vaia pedazo de tipa. E non vexas cando se enteraron de que estás a vivir comigo a pesar de que non nos entendemos máis que por xestos. Que menudo es, Rafael, que seguro que lle falas en morse usando o teu "telégrafo", que tal, que cal... Unha coña.

E si. Fardar, fardo unha chea, non vexas. Pero gustaríame que entre nós houbese un pouquiño máis de comunicación, que da única maneira que sabes explicarte é tirando de min cara a cama. Mi madriña, que din que neste país só pensamos na foda e vós sodes os que tendes fama de traballadores. Pois ti como traballes máis do que lle dás á xogueta, cartos non che han faltar. A verdade é que moi escasa deles non parece que andes, non os contas moito cando vas por aí. E o reloxo este debe custar unha pasta, que non sei que me dá levalo ó choio, que parece que me vou dando uns aires de non sei que. Xa quixera o señor Ramón un como este; que á súa parienta, fóra do que son garabatas, non se lle ve un detalle. E iso que vive como unha raíña. El día e noite na cafetería e ela na praia cos nenos e as irmás. Que outra cousa non sei, pero ao señor Ramón a escravo non hai quen lle gañe, que é o primeiro en chegar e o último en saír, que mira ti que necesidade terá, tendo un persoal de confianza de toda a vida.

Pero a ti que che vou explicar, Renatiña miña. Sí, miña. Maine Renate, churrusquiña miña, que se non fora polo boa que estás, íache aguantar eses rollos que me botas en alemán por alí arriba. Que onte non sei que me pareceu entenderche de amor. "Ammooggggg... gggaaaffffaa. amoooogggg..ohhhhh", que menudos numeriños me montas na intimidade do tálamo. Que xa me dixo Tucho, o de enfrente, que non sabía que me gustase tanto a ópera como para escoitar todas as noites os Nibelungos, que mo dixo cun aquel de coña que xa sabes. Pero eu como se nada, vou e sóltolle que estou aprendendo a tocar o violín, e para non perder tempo xa empezo con pezas complicadiñas. E el a seguir coa coña, que teña coidado porque se lle dou con tanto afán ó instrumento igual se me gasta e calquera día hame saltar unha corda a un ollo.

Un ollo hóubenllo poñer eu a el moradiño, que non o aturo con eses aires de chulo de praia que se gasta, que desde que vai ó ximnasio ten un peito que parece a quilla dun petroleiro. A ver a que vén iso. Unha cousa é ter algo pero tampouco tanto. Non sei, unha cousa normaliña, coma min máis ou menos. Non é que me vaia poñer eu agora aquí de musculiños, pero exercicio aínda che fago. Entre o calor que paso na cociña da cafetería e as abdominais que me fas facer ó chegar á casa, estou ben duriño de corpo.

Que me tés baldadiño, miña rula. Non sei se é que queres aproveitar nun verán o que non fas en todo o ano ou serás así sempre, pero eu este ritmo non o aturo quince días máis, que tentado estiven onte de pasar pola farmacia a pola Viagra ou algo que teña Ying Seng dese ou taurina ou o que sexa. Que non é coña. Porque me pos como me pos, que se non a ver como había dar eu a talla todos os días.  Mañá, tarde e noite. Iso sí, dar daste unha maña que nunca vin outra igual, para min que vos ensinan na escola, porque tanta maestría non pode ser innata.

Si, si miña pombiña loura. Yes, ou como diaño se diga. Agora imos. Imos bailar un pouco, dance... dance discotec. A ver se te cansas algo e dormes toda a noite dun tirón.

Non caerá esa breva.

boton_planetas.gif  Índice