|
SI, PADRE |
|
- Si, padre.
Así lle contestas sempre.
Penses o que penses, aínda que che diga a máis grande das burradas e che dea a risa.
- Si padre, si padre... ¿Si padre, que? Estouche dicindo cando tés que ir á lavandeira buscar a sotana e ti vesme co "si padre".
Cheira a incenso, a humidade, a cera, a suciedade acumulada durante séculos.
O cheiro da roupa vella almacenada durante anos nunha artesa non che impide apreciar o arrecendo desprendido polas hostias recién feitas, tan redondas, tan brancas. Tan puras.
Tantos cheiros mesturados nun só. Cheira a sancristía.
A penas entra un raio de sol polo pequeno tragaluz que fende o sólido muro centenario.
Un pequeno transistor deixa fuxir con ritmo monótono e cansiño as últimas noticias da mañá. O estado das estradas, o tempo, os mortos en accidentes de coche... a lotería.
- Andas a durmir. Non sei que demo fas polas noites. Pecadento, que es un pecadento. Seguro que te matas a pallas todas as noites en vez de rezar un padrenuestro e durmir en paz. ¡Anda, anda!... palleiro, que tés unha cara de palleiro.
- Si, padre.
- E a ver hoxe se me andas un pouco máis espabilado. Que non teña que darche unha patada para que toques a campaniña. Porque se te me dormes na misa, un día destes douche unha patada no cu que apareces na tribuna. Así, de paso, párteslle algún dente a eses lacazáns que só veñen armar barullo e tirarlle boliñas de cera ás mozas. Malpocadiñas elas, tan devotas e boas cristiás. Elas si que son criaturas de Deus, o santo rabaño que me foi encomendado por Nuestro Señor Padre para velar polas súas almas.
- Si, padre.
- Anda, vai dar o segundo toque. E a ver se tocas ben, que hai días que non se oe a campá nin aquí dentro. Eras ti o tal para tocar a lume, xa podía arder o lugar enteiro.
Saíndo da sancristía desaparece todo ese cúmulo de sensacións rancias e axfisiantes.
É como saír dun cadaleito para chegar á beira dun río, coa súa herba fresca, as mimosas cheas de flores e a auga que corre limpa por entre as raíces e as pedras.
A igrexa está aberta. O ar limpo das mañás de primavera entra pola porta e as flores do altar estenden un arrecendo fresco que se mestura co das velas, dando lugar a ese inconfundible cheiro a día de festa maior.
Pechando os ollos, ese arrecendo trae imaxes de xente con roupa nova de cores, tenderetes de melindres, xoguetiños e petardos, gaiteiros e bandas de música, o cheiro a pólvora dos foguetes...
Cheira a domingo. Si, a día ledo, fresco e cheo de vida.
Tensas ben a corda da campá e tiras.
Tan tan tan tan tan tan tan tan tan tan...Tan... Tan.
A penas hai xente na igrexa.
Vultiños negros dispersos polos primeiros bancos, de xeonllos, que se moven paseniñamente e deixan fuxir un suave siseo de ritmo monótono e desganado. Almas cheas de envexas e rancores que reforzan a súa dose dominical de devoción cun rosario antes da misa para limpar a conciencia. Corazóns desexosos de alcanzar a gloria eterna en compensación por unha vida chea de pesares. Unha vida rifando coas veciñas polos marcos das veigas, botando o mal de ollo a calquera que se lle atravese por diante ou desexando mil desgracias a quen lle van ben as cousas.
Á beira do púlpito, dúas mozas conversan cun libro na man, buscando algunha lectura que teña interese para a catequese de hoxe. Dedícaslle un seco "ola", pero nin caso che fan. Como moito, de vez en cando dinche "neno ¿pódese entrar na sancristía?".
Neno, neno... Que neno nin que carallo. A ver se son moito máis homes os que van con elas ó río e ás festas.
Seguen entrando vellas que van prendendo velas novas polos altares.
- Mira a ver se me pode atender Don Cristino un momentiño, que lle quero pedir unha misa polo meu defunto, Deus o teña na súa gloria.
- Si, Anuncia, xa saio eu. Un momentiño. E ti... bótalle unha ollada ás lecturas, que xa chas teño marcadas. Dalle un repasiño a ver se non metes a pata. E dise Lázaro. ¡Lázaro!... non Lazaro. E cando digas o de "levántate y anda" a ver se lle pos un pouco de coraxe. Que parece que estás lendo a guía telefónica. ¿Entendiches?
- Si, padre.
"Viéndola Jesús llorar, y que lloraban también los judíos que venían con ella, se conmovió hondamente y se turbó."
Un merlo pía pousado no estreito tragaluz, proxectando a súa sombra agrandada no cargado ar da sancristía. Miles de partículas de po flotan no ar, provocando remuíños a cada movemento que se produce dentro do cuarto.
O orballo da mañá vai entrando lentamente, pousándose nos bordes do tragaluz e pingando, con ritmo pausado pero constante, nas gastadas lousas do chan. A capa de auga que escorrega polas pedras do ventanuxo reflexa os raios de sol que brilla con toda a forza da mañá desde o alto do Outeiro Xordo.
O merlo bótase a voar e a túa atención retorna ás escrituras. A ese libro vello, coas esquinas gastadas e o papel amarelo, case verde. As tapas, de coiro vello, están húmidas e descoloridas. A letra é pequena e as liñas están pegadiñas, facendo case imposible a tarefa de ler un bo anaco sen saltos ou interrupcións.
" Quitad la piedra. Díjole Marta, la hermana del muerto: Señor, ya hiede, pues lleva cuatro días. Jesús dijo: ¿No te he dicho que, si creyeres, verás la gloria de Dios?"
Fóra, no adro, empézanse a oír os berros dos rapaces. Podes oír as nenas baixo o ventanuxo da sancristía xogando á goma. " Llingüés... llingüés..."
Pensas en Loliña, tan loura ela, tan fermosa. Como os anxos das películas que botan por semana santa. Con ese sorriso tan suave, a penas perceptible baixo os seus cabelos sempre revoltos.
Loliña.
De máis lonxe chégache un rumor de conversa de homes. Pregúntaste a que virán á igrexa. Total, para quedar á porta de cháchara, que se oe un rurú dentro todo o tempo que non hai quen se concentre na misa. Non calan nin siquiera cando se alza a eucaristía. Ganas che teñen dado de lle mandar a campaniña polo aire a algún. Seguro que Don Cristino non che diría nada e colleríache un pouco máis de lei.
- ¿Xa liches dúas veces?
- Si, padre.
- Pois dálle outro repaso, veña. E cando remates vai dar o terceiro toque.
- Si, padre.
" Lázaro, sal fuera. Salió el muerto, ligados con fajas pies y manos y el rostro envuelto con un sudario".
Non podes evitar un sorriso. Pois como non saíse dando pinchos, cos pés atados e a cara tapada aínda daría algunha cabezada contra a porta. Ou mesmo lle daría nos fociños a Xesús e lle rompería algún dente, tal como ti lle fixeches a Nando xogando ó fútbol.
Pecadento, que es un pecadento.
Sempre tés que lle sacar algunha coña ás lecturas. E despois pasa o que pasa, dache a risa cando les na misa e ármase unha boa nos bancos do catecismo.
Despois xa sabes, lapote de Don Cristino na cabeza e bronca ó rematar a misa.
E por se fora pouco, outra bronca ó chegar á casa. "Contigo non hai maneira, que non haberá quen faga de ti nada bo, que te imos mandar interno, a ver se aprendes dunha vez". O de sempre.
- A ver neno. Espabila. Vai tocar a campá. Espera un pouquiño fóra e xa das as picadas, que pouca xente debe faltar. Veña, veña. Axiña.
- Si, padre.
O adro está cheo de xente pero ninguén che presta demasiada atención. Só Loliña.
Un sorriso. Un saúdo. Corto, pero suficiente.
Durante a misa poderala mirar. E ela sorrirache. Quedarás trasposto mentres Don Cristino prosigue cos seus latinorios. A túa mente estará lonxe de aquí. Moi lonxe.
Lembrarás a tarde do último domingo na carballeira, cando xogabades ó agocho.
Fúcheste agochar con ela detrás do muro da escola. Chegastes os dous a un tempo, tras unha corta carreira, e tirástesvos na herba fresca. Sentiches un arrepío ó sentir o seu axitado alento na túa orella e, contendo a túa propia respiración, volvícheste cara ela.
Non o puideches evitar. Agora ou nunca, pensaches. Tiña que ser naquel momento. Faltábache valor, pero sabías que se non o facías entón, non o farías nunca.
- ¿Podo... pódoche dar un bico?
Ela non dixo nada. Quedou mirando para ti como dicíndoche "parvo, mira que preguntas cada cousa".
Entón fixéchelo.
Sentiches a humidade dos seus beizos mentres os seus cabelos louros che caían pola cara abaixo. Sentiches tal cúmulo de sensacións que non serías capaz de entendelas unha a unha. Era o amor.
O amor.
Aínda non recuperaras o ritmo da respiración tras a carreira e houbeches afogar por non lle botar a ela un bo resoplido na cara.
Durou a penas uns segundos - ¡Por Loliña e por Sindo, que están tras o muro!- Uns segundos que che veñen á memoria cada vez que os seus ollos se pousan nos teus. Cada noite, cando te deitas e o teu último pensamento é para ela. Cada mañá, cando te ergues e pensas canto tardarás en ter ocasión de vela.
De súpeto, un golpe seco na caluga.
Espertas do teu soño e volves á realidade. O adro está cheo de xente que te mira e ri.
- Pero ti estás parvo rapaz. ¿Non oes? ¿A que agardas para dar as picadas? ¿A que a xente estea dentro? Espabila coño, espabila. Toca e méteteme dentro xa, que empezamos.
- Si, padre.
Tan...Tan...Tan...