IES Carlos Casares, Vigo
Este documento está dispoñible na miña área web persoal no seu formato orixinal de OpenOffice.org 1.1.0 Writer, en PDF (para imprimilo sen problemas) e en HTML (para facilitar a súa lectura en pantalla e o seguimento dos enlaces). Os ficheiros PDF e HTML creáronse facilmente usando as opcións de exportar e gardar como, respectivamente, do propio programa OpenOffice.org 1.1.0 Writer.
Documento
de texto orixinal en formato de OpenOffice.org
Writer:
http://www.xente.mundo-r.com/troncoso/redelinux.sxw
En
formato PDF:
http://www.xente.mundo-r.com/troncoso/redelinux.pdf
En
formato HTML:
http://www.xente.mundo-r.com/troncoso/redelinux.html
Xa pasaron tres anos desde que a rede docente comezou a súa andadura, e tres anos no mundo da informática é moito tempo. Un sistema de funcionamento que hai tres anos podía ser aceptable para unha primeira rede escolar agora xa non o é, e o será moito menos dentro de tres anos máis. En consecuencia, o presente proxecto propón reestructurar a rede docente para acadar os seguintes obxectivos:
Permitir un uso máis flexible e personalizado dos ordenadores para mellorar o traballo do alumnado e profesorado e abrir a porta a novas posibilidades.
Aumentar a eficiencia da rede e a seguridade dos ficheiros dos usuarios instalando un servidor fiable que realice as súas operacións de mantemento automaticamente fóra do horario lectivo.
Mellorar a seguridade dos ordenadores evitando que os usuarios e os programas executados por eles poidan modificar ficheiros críticos do sistema.
Reducir o tempo de mantemento por ordenador para que a rede se poida ampliar sen que a escaseza de horas de mantemento do profesorado sexa un obstáculo insalvable.
Frear o gasto en consumibles mediante o control do uso de recursos e dispositivos.
Controlar o uso que o alumnado fai de internet, impedindo o acceso a páxinas de contido pernicioso.
Evitar o uso ilegal de software.
Preparar a rede para a integración de futuros equipos, servicios e aplicacións.
Para acadar estes obxectivos, este proxecto propón usar software libre: o sistema operativo Linux e programas como a suite de comunicacións Mozilla, a suite ofimática OpenOffice.org, ou o programa de deseño gráfico GIMP.
Aínda que a proposta de uso de software libre se xustifica máis adiante desde os puntos de vista técnico e económico, non hai que esquecer que o software libre ten outras virtudes que fan del o sistema idóneo para o mundo educativo: baséase na colaboración entre as persoas e na libre difusión do coñecemento. Por contra, o software comercial establece barreiras económicas totalmente impropias dunha escola pública e gratuíta. ¿Por que ensinarlles aos alumnos e alumnas a usar Microsoft Office, por exemplo, que é un programa que tal vez non poidan pagar, cando poden facer o mesmo con OpenOffice.org, que é un programa de libre distribución? ¿Consiste o noso traballo en educar aos alumnos e alumnas como cidadáns libres ou en formalos como futuros clientes de Microsoft?
Existen actualmente no instituto dúas subredes sen comunicación entre elas: a rede administrativa e a rede docente. A rede administrativa comprende os ordenadores do persoal administrativo, da directora, da secretaria, do xefe de estudios e do orientador. O resto nos ordenadores conectados constitúen a rede docente. O presente proxecto aplicaríase unicamente a aqueles ordenadores da rede docente accesibles a todo o alumnado ou a todo o profesorado: na actualidade, os ordenadores das dúas aulas de informática e da sala de profesores. Os usuarios dos outros ordenadores decidirían individualmente a súa participación no proxecto.
Para xustificar a necesidade da reestructuración e a proposta de migración a software libre, paso a considerar os problemas da situación actual, as avantaxes da migración, os seus problemas e as posibles alternativas.
A meirande parte dos problemas actuais derivan do feito de que o sistema operativo instalado nos ordenadores da rede docente, Microsoft Windows 98, non está deseñado para traballar en rede nin en contornos multiusuario. É un sistema pensado para o uso doméstico e, como tal, pode funcionar ben en contornos persoais ou familiares, pero nun contorno escolar presenta, entre outros, os problemas seguintes:
Vulnerabilidade. O sistema de ficheiros que emprega Windows 98 (FAT ou FAT32) non permite o establecemento de permisos nin de propietarios, coa consecuencia de que calquera persoa ou programa que acceda a un ordenador operado por este sistema pode realizar cambios nos seus ficheiros críticos e deixalo inservible. Para paliar esa debilidade intrínseca, Windows 98 ofrece diversos recursos de restricción de acceso a ficheiros e funcións do sistema, que non deixan de ser un mero parche e non solucionan completamente o problema. Ademais, algunhas funcións útiles de interese educativo teñen que ser deshabilitadas polo uso ilexítimo que delas fan algúns usuarios, prexudicando así a outros usuarios que desexarían podelas utilizar. Por último, a súa implementación é complicada e insegura: de non ser polo traballo do autor deste proxecto no desenvolvemento do programa AREAL sería imposible manter os ordenadores razoablemente libres de problemas e proporcionar unha carpeta de rede a cada alumno e alumna para gardar con seguridade os seus documentos.
Custo de mantemento. Como consecuencia da vulnerabilidade, os ordenadores necesitan un mantemento constante para reconfiguralos e protexelos contra a miríade de virus que circulan polas redes. O tempo do profesorado para encargarse das operacións de mantemento é constante e escaso, polo que as posibilidades de ampliación da rede teñen un límite que é inversamente proporcional ao tempo medio de mantemento por ordenador. Este límite xa se acadou.
Inestabilidade. Esta é unha característica proverbial de Windows 98: en ocasións, sen motivo aparente, deixa de funcionar.
Falta de control de recursos e usuarios. Aínda coas restriccións establecidas, é imposible controlar recursos como o uso da impresora (non se poden establecer cotas) ou o acceso a páxinas de internet de contido pornográfico ou violento. O alumnado debe estar sempre vixiado por un profesor ou profesora.
As restriccións son tamén causa de unha considerable rixidez. O profesorado non pode instalar programas para a súa avaliación nin personalizar o contorno. Todos os usuarios dependen dos administradores da rede para xestionar as súas claves. Non hai acceso libre á disqueteira. Se, por exemplo, un usuario necesita agrandar as fontes, entón todos os demais usuarios deberán tamén empregar fontes grandes.
Linux é un sistema operativo libre dispoñible gratuitamente en diversas distribucións que ten probada a súa eficacia en contornos de rede. Está sendo empregado nas escolas de Andalucía e Estremadura, e a Universidade Autónoma de Madrid está a distribuír máis de 40.000 copias entre o seu persoal e alumnado. As avantaxes da migración a Linux derívanse das características deste sistema operativo.
Fiabilidade. É un sistema robusto, capaz de soportar elevadas cargas de traballo sen volverse inestable.
Seguridade. Desde o principio foi deseñado para operar en contornos multiusuario. O sistema de ficheiros que emprega asigna cada ficheiro a un propietario e un grupo de traballo, e permite que o propietario do ficheiro decida que poden facer con el os demais usuarios. Isto fai que o sistema sexa completamente seguro, xa que só o administrador do sistema pode realizar cambios nos ficheiros críticos.
Facilidade de mantemento. Esta deriva tanto do menor número de incidencias previsibles, pola maior seguridade, como do feito de que o comportamento de Linux é moito máis predicible que o de Windows. Ademais, a cantidade de información dispoñible en internet sobre este sistema é inmensa. A actualización do software non pode ser máis fácil: con urpmi os programas descárganse de internet e instálanse cun só comando.
Control de recursos e usuarios. Linux permite empregar un sistema de cotas para o control do uso das impresoras discos duros. Tamén hai programas libres que permiten controlar o uso de internet e denegar as peticións dirixidas a páxinas web de contido pernicioso.
Flexibilidade. Os usuarios poderían personalizar o seu contorno, ter cada un o seu propio escritorio, usar libremente a disqueteira, xestionar as súas claves, e incluso instalar algúns programas na súa área persoal. Ao poder personalizar o tamaño das fontes dos programas, os ordenadores serían máis facilmente accesibles ao alumnado con deficiencias visuais. Calquera erro de configuración que cometese un usuario afectaríalle unicamente a ese usuario.
Economía. A maioría das distribucións de Linux e unha ampla gama de programas de usuario e de xestión de rede están dispoñibles gratuitamente en Internet. Non hai que gastar nada. O control de uso das impresoras permitiría aforrar papel e tinta.
Abundancia de software compatible. Aínda que pode haber programas de Windows sen equivalente en Linux, en xeral a abundancia e diversidade de programas é moito maior que en Windows, e case todos son libres e gratuítos.
Versións en galego. Existen varios proxectos de traducción ao galego do sistema operativo e dos programas de aplicación. Aínda que de momento as traduccións son incompletas, estes proxectos supoñen a única posibilidade de contar no futuro cun sistema operativo en galego: Microsoft non o fará nunca, non lle resultaría rendible.
Sistema en expansión. Pola súa calidade e baixo custo, o software libre incrementa constantemente a súa cota de mercado. Nun informe promovido pola Comisión Europea en xuño de 2001 (OSS Fact Sheet) se citan como éxitos do software libre os seguintes: o sistema operativo Linux, cunha cota do 20% do mercado de servidores; Apache, que corre en máis do 60% dos servidores da web, atendendo as peticións dos internautas; ou Sendmail, o software de transporte de correo electrónico máis usado e máis importante.
Polas súas avantaxes, Linux e o software libre son elixidos cada vez por máis administracións públicas de todo o mundo. Entre os proxectos gobernamentais, destacan os iniciados en Brasil e Estremadura. A Comisión Europea ven de publicar por medio do IDA (Interchange of Data between Administrations), o pasado 15 de outubro, una guía para realizar a migración a software libre.
Os principais problemas da migración a unha plataforma libre non son de carácter técnico. Non cabe dúbida de que xurdirán problemas técnicos, pero non hai problemas técnicos insalvables. O verdadeiro problema radica en que o profesorado deberá adaptarse a un novo sistema operativo e programas que, aínda que teñen unha interface gráfica similar á dos programas para Windows, non son exactamente iguais. No caso de programas moi específicos pode ocorrer que non exista un programa equivalente para Linux: habería entón que tratar de executalo baixo Wine (un emulador de Windows), prescindir del, ou, se afectase a moi poucos ordenadores, manter Windows indefinidamente neses ordenadores.
Para que a migración sexa viable hai que conseguir o apoio do profesorado e introducir os cambios progresivamente. Hai que falar primeiro cos profesores e profesoras que usan as aulas de informática na súa actividade docente para valorar os problemas concretos que a migración lles pode causar a fin de elaborar unha estratexia conxunta para afrontalos. O profesorado que usa os ordenadores na sala de profesores para facer consultas en internet e manexar o seu correo web case non notará o cambio. En último termo, debería ser o claustro quen, debidamente informado, decidise levar adiante este proxecto.
¿Hai algunha alternativa que resolva os problemas actuais sen que o profesorado teña que deixar de usar os programas habituais? A resposta é si. Efectivamente, existen outras versións de Windows que solucionarían os principais problemas sen ter que cambiar os programas de aplicación. Sen embargo, trátase dunha alternativa inviable por dous motivos:
O custo económico. O centro non dispón de recursos para pagar o importe das licencias de software e actualizar o hardware. Ademais, ao tratarse dunha plataforma comercial, a ampliación de servicios requiriría novos programas que ocasionarían máis gastos de licencias de software.
Falta de persoal preparado. Non hai no centro persoal preparado para realizar a migración a unha plataforma de rede baseada en Windows, e prepararse tamén sae caro. Non mundo do software comercial, a documentación non flúe libremente por internet e tampouco existen grupos de apoio aos que lle consultar os problemas: para prepararse hai que comprar programas e libros e se xorden problemas, tamén hai que pagar polas consultas ao servicio técnico.
Por outra parte, aínda que non existisen dificultades económicas, hai aspectos como a facilidade de mantemento, a independencia tecnolóxica, a seguridade contra virus, ou o soporte para o idioma galego, que unha rede baseada en Windows nunca poderá ofrecer.
A reestructuración da rede faríase progresivamente en fases independentes dun curso de duración, de modo que ao rematar cada curso o proxecto se poida dar por finalizado se, por calquera circunstancia, resulta necesario ou se estima conveniente.
Esta sería unha fase preparatoria que tería como obxectivo dar a coñecer o software libre entre o profesorado e o alumnado.
Os ordenadores seguirían operando con Windows 98.
Instalaríanse baixo Windows 98 programas libres equivalentes aos programas comerciais máis usados: Mozilla (navegador web, cliente de correo e noticias e editor gráfico de páxinas web), OpenOffice.org (suite ofimática) e GIMP (editor de imaxes). Os programas comerciais daríanse de baixa a medida que o profesorado que os usa nas súas clases fose adaptándose aos programas libres. Entregaríanse os programas e a documentación relevante en CD-ROM ao profesorado e ao alumnado que quixese instalar os programas nos seus equipos persoais. Cómpre sinalar que a suite ofimática OpenOffice.org é compatible en alto grao con Microsoft Office.
Repartiríanse tamén CD-ROMs coa distribución Knoppix de Linux entre os profesores interesados. Trátase dun sistema operativo cunha multitude de programas de aplicación que se executan directamente desde o CD-ROM, sen instalar nada no ordenador. Serve de demostración de Linux e constitúe un fabuloso recurso de emerxencia.
Poderían organizarse unhas xornadas fóra do horario lectivo para resolver as dúbidas e problemas do profesorado.
Os administradores da rede farían probas para asegurar a viabilidade da migración a Linux e instalarían este sistema no servidor, sen que isto provocase alteracións importantes do servicio.
Nesta fase realizaríase a migración a Linux procurando manter a compatibilidade co sistema existente.
Os ordenadores seguirían funcionando con Windows 98 e o programa AREAL e todos os usuarios seguirían dispoñendo das súas carpetas de rede como ata agora.
Instalaríase un servidor de rede con dous obxectivos fundamentais: albergar os ficheiros dos usuarios para que estean dispoñibles en cada unha das estacións de traballo e controlar o uso de internet por medio dun servidor proxy, de xeito que queden rexistradas todas as peticións de acceso a internet e poidan denegarse as dirixidas a páxinas de contido pornográfico, violento, racista, etc.
Faríase un seguimento de todos os traballos de impresión. Estableceríanse cotas para o alumnado. Os alumnos ou alumnas que esgotasen a súa cota poderían renovala abonando o importe que se estimase conveniente.
Nas estacións de traballo da rede instalaríase o sistema operativo Linux. Os ordenadores configuraríanse con arranque dual, con Windows 98 como sistema predeterminado.
Poderían organizarse unhas xornadas prácticas de introducción ao novo sistema fóra do horario lectivo.
Nesta fase iniciaríase o abandono do sistema operativo Windows 98. A rede estaría xa reestructurada e preparada para ampliar a súa gama de servicios: poderíanse crear servidores web e de correo electrónico, e incluso abrir a rede local ao acceso remoto desde o exterior, se ben estes novos servicios requirirían posiblemente a contratación dunha nova liña ADSL ao marxe da ofrecida pola Consellería.
O programa AREAL deixaría de funcionar.
Linux estaría instalado en todas ou na maioría das estacións de traballo. Manteríase o arranque dual nos ordenadores equipados cos dous sistemas, con Linux como sistema predeterminado. Como norma xeral, deixaríase de prestar mantemento ao sistema Windows 98.
Os equipos novos traballarían exclusivamente con Linux.
A reestructuración sería realizada por profesorado voluntario do centro: non habería que pagar polo traballo dun técnico, que, doutro xeito, sería a partida máis onerosa. Pódense definir dúas partidas de gasto:
Material funxible: CDs para a distribución de software libre entre o profesorado e alumnado que o solicite. A distribución de 100 CDs de software libre, que sería un éxito difícil de lograr, custaría arredor de 75€.
Adquisición de hardware. Un servidor con Pentium IV a 2,4GHz, 512MB RAM a 400MHz, dúas tarxetas de rede e dous discos duros IDE de 80 GB pódese conseguir a día de hoxe por pouco máis de 1.000€ e garantiría unhas boas prestacións e a integridade da información almacenada. Os discos funcionarían cada un como espello do outro, de modo que aínda que un dos discos fallase, o sistema seguiría funcionando correctamente ata que se puidese substituír o disco defectuoso. Ademais, a compra dun servidor específico liberaría ao equipo que realiza actualmente a función de servidor de ficheiros, que podería deixarse na sala de profesores ou poñelo a disposición do alumnado. Aparte da compra do servidor, pode ser necesario substituír algúns elementos que non funcionen correctamente con Linux, como pode ser o caso da regravadora de CDs portátil USB. Para asegurar a compatibilidade, sería conveniente adquirir unha regravadora de CDs interna (60€), ou incluso podería considerarse a adquisición dunha regravadora de DVD (150€). Non viría mal tampouco ampliar a memoria RAM dalgúns ordenadores de 64MB a 128MB (250€).
Grupo
de Usuarios de Linux de Galicia
http://www.glug.es/
Grupo
de Programadores y Usuarios de Linux. Facultade de Informática
de A Coruña
http://gpul.org/
Hispalinux.
Asociación de Usuarios Españoles de
GNU/Linux
http://www.hispalinux.es/
GNU.
Proxecto de desenvolvemento dun sistema operativo libre similar a
UNIX.
http://www.gnu.org/
GNU
España
http://www.es.gnu.org/
LinuxISO.org.
Descarga das distribucións máis populares de
GNU/Linux
http://www.linuxiso.org/
Knoppix.
Linux desde CD
http://www.cylnux.org/knoppix-es/
Mozilla.
Suite de comunicacións (navegador, cliente de correo e
noticias, editor de páxinas web e caderno de
enderezos)
http://www.mozilla.org/
OpenOffice.org.
Suite ofimática (procesador de textos, folla de cálculo,
editor de presentacións, editor de gráficos vectoriais
e cliente de bases de datos)
http://es.openoffice.org/
GIMP.
Editor de gráficos similar a Adobe
Photoshop
http://www.gimp.org/
La
Tabla de equivalencias / reemplazos / de software análogo a
Windows en
Linux
http://linuxshop.ru/linuxbegin/win-lin-soft-spanish/
FSF/UNESCO
Free Software Directory
http://www.gnu.org/directory/
The
Linux Documentation Project
http://www.tldp.org/
The
Linux Documentation Project en español
http://es.tldp.org/
Software
libre y su utilización en la enseñanza
secundaria
http://pedroreina.org/curso/slutiens.html
SchoolForge.
Promove o uso de ferramentas de código abierto na
educación
http://schoolforge.net/
Seul/Edu
Educational Application Index
http://richtech.ca/seul/
Software
Libre
educativo
http://www.gleducar.org.ar/docs/SoftwareLibreEducativo.html
Rede
Escolar Livre Rio Grande do
Sul
http://www.redeescolarlivre.rs.gov.br/index.html
LinEx.
Distribución de Linux da Junta de
Extremadura
http://www.linex.org/
Guadalinex.
Distribución de Linux da Junta de
Andalucía
http://www.guadalinex.org/
OSS
Fact Sheet. Informe do IDA, Comisión Europea. Xuño de
2001
http://europa.eu.int/ISPO/ida/export/files/en/1603.pdf
IDA
Open Source Migration Guidelines. Informe do IDA, Comisión
Europea. 15 de outubro de
2003
http://europa.eu.int/ISPO/ida/export/files/en/1603.pdf
Políticas
en la Unión Europea sobre software libre y de fuentes
abiertas
http://hispalinux.es/informes/politicas_comunitarias/hlx_SWL_PoliticasUE_20030923.pdf
Projeto
Software Livre Rio Grande do Sul
http://www.softwarelivre.org/
Proxecto
Trasno. Traducción do software libre ao
galego
http://www.trasno.net/
Proxecto
Ceibe. Traducción de OpenOffice.org 1.0.3 (dispoñible
en versión beta)
http://sourceforge.net/projects/ceibe
Corrector
ortográfico para OpenOffice.org e outros programas baseado na
normativa de mínimos
http://ispell-gl.sourceforge.net/
Proxecto de creación dun corrector ortográfico baseado na normativa oficial. Non ten páxina web. A coordinación realízase por medio dunha lista de correo. Se queredes colaborar podedes subscribirvos á lista enviando un correo baleiro a diccionario-subscribe@glug.es. Tamén podedes atopar noticias en http://www.glug.es/.