As igrexas da zona do Neira son na súa maioría
modestas construccións, cunha importancia artística polo
tanto "relativa", aínda que algunhas son boa mostra
do románico rural. Describiremos só aquelas que nos parecen
(sempre ó noso criterio) máis interesantes, a escolla
faise en base a dous motivos: a antigüidade (cítanse tódalas
que teñen elementos románicos) e a singularidade (cítanse
aquelas que subxectivamente se lles aprecie algún elemento singular,
que pode ser artístico, constructivo, devocional, ou tamén
relativo ó contorno do lugar no que están, etc.). Información
exhaustiva das do concello de Barralla pode verse en Pardo de Neyra,
1998 (ver "
Bibliografía").
Para localización das igrexas e máis información
ver "
Rota do Románico
Rural", ou tamén "
Plano
de elementos de patrimonio".
IGREXA DE SAN MARTIÑO DE NEIRA DE REI
(Neira de Rei, Neira de Xusá-Baralla)
Igrexa parroquial de unha nave, pero con engadidos na cabeceira e no
lado norte, e cunha robusta torre de dous corpos, cunha escaleira exterior
que conduce ó interior do templo. Ten varios arcos de pedra de
aparello rústico (laxas de pizarra da zona). Os retablos son
do Renacemento, Barroco e Neoclásico.
IGREXA DE SAN MIGUEL DE NEIRA DE REI
(Neira de Rei, Neira de Xusá-Baralla)
Igrexa parroquial construída sobre un castro, e posiblemente
sobre unha construcción anterior da que parece haber restos de
unha torre nos cimentos. É de época románica, pero
deste período conserva unicamente a ábsida (S. XIII seguramente),
na que destacan no exterior os canzorros con figuras de aves, carneiros,
e motivos xeométricos. No interior varios arcos de medio punto
dan acceso á ábsida e a capelas laterais. Ten coro (alto
e ós pés da nave como é habitual) e un pía
de bautizar con decoración de gallos.
IGREXA DE SANTA MARÍA DE PENAMAIOR
(Penamaior, Becerreá)
É a igrexa dun antigo mosteiro cisterciense, fundado no S. XII
(carta de doazón de 1187) por Bieitos, pasou ó Cister
no 1225 e quedou vinculado ó de Carracedo, no Bierzo. Perdeu
a condición de Abadía no 1584, ingresando na "Congregación
de Castilla". No XIX exclaustráronse os últimos monxes,
vendeuse o patrimonio e pasou a parroquial a igrexa. O Templo é
románico, ten planta basilical con tres ábsidas e unha
interesante fachada principal con tres ventás, reformada no S.
XVII, pero que conserva os elementos románicos da decoración
da porta e fiestras. Unha inscrición infórmanos da data
de construcción (1162) e o nome (Diego) do mestre ou fundador,
é construcción anterior polo tanto á reforma cisterciense,
e gracias a isto mostra influencias compostelás e abundantes
elementos decorativos, como son os capiteis (de follas e bolas, e algún
figurado), e a serie de conzorros, tamén de motivos vexetais
e figurados. Actualmente existe un proxecto de restauración por
parte da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.
IGREXA DE SAN XOÁN DE LEXO
(Lexo, Neira de Xusá-Baralla)
Igrexa sinxela de unha soa nave, na que destaca na fachada unha alta
torre cadrada, con arco de medio punto, e un pórtico pechado
cuberto a tres augas con dúas portas de acceso.
CAPELA DE SAN ESTEBO
(San estevo, Neira de Xusá-Baralla)
Sinxela capela na que son de salientar a pía bautismal, con gallóns
e unha inscrición relativa ós Reis Católicos, e
as pinturas murais, nas que aparece a data de 1582.
IGREXA DE SAN MARTIÑO DE BERSELOS
(Berselos, Neira de Xusá-Baralla)
A igrexa de Berselos, (que como outros "San Martiños"
foi consagrada a San Martiño Dumiense), é un bo exemplo
de románico rural tardío (posiblemente finais S. XIII),
de influencia compostelá através da influencia da non
moi distante igrexa de San Xoán de Portomarín. Tense apuntado
unha filiación co pazo de Xelmirez e a Catedral Vella compostelana,
o que levaba a súa cronoloxía a comezos do S. XIV, nós
non acreditamos excesivamente nesa tese por ter Berselos modelos moito
máis próximos en Portomarín (sobre todo para as
arquivoltas, e concretamente para os baquetóns das molduras que
se di asemellan ó Pazo Arcebispal) e cronoloxicamente máis
antigos en Santiago da Coruña e Sta. Mª de Cambre (para
o tema do Año Místico). Ten unha nave con cuberta de madeira
a dúas augas, arco triunfal, e unha ábsida semicircular
con cuberta pétrea de bóveda de casca. O máis destacable
é a decoración exterior, particularmente a portada principal,
de dobre arquivolta sobre columnas con capiteis decorados con motivos
vexetais, animalísticos e figuras humanas, sobe basas tóricas
e plintos con garras. Na basa interior dereita unha inscrición
co texto "Pelagius fecit op(us)" que nos dá o nome
do mestre. Pero o elemento máis singular é o magnífico
tímpano historiado, que presenta un año que sostén
unha cruz cunha pata e ó lado unha flor de lis, detrás
un home axeonllado sostendo un neno no colo, e sobre eles a man de Deus
como saíndo de entre as nubes e sinalando o home. Trátase
dunha curiosa versión do Agnus Dei, pois parece mesturar elementos
do Sacrifico de Isaac, pero en calquera caso cunha gran forza visual
e incluso un caracter narrativo, con esa man de Deus que pon en relación
os motivos do año e do home axeonllado. No interior son interesantes
os retablos, un barroco popular e outro neogótico, e un banco
de madeira tallado.
IGREXA DE SANTIAGO DE COVAS
(Covas, Neira de Xusá-Baralla)
A parroquial de "Covas", ou "COBAS" como tradicionalmente
se escribiu aquí, é unha igrexa románica de unha
nave única e unha ábsida semicircular (á que se
adosou a sancristía) que sufriu varias modificacións que
afectaron incluso á altura do edificio, pero que conserva algúns
elementos de interese, como son os capiteis do arco triunfal do interior,
de tipo ou influencia mozárabe (da presencia mozárabe
na zona dá noticia a toponimia: non está moi afastada
a aldea de Toldaos, =Toledáns, probablemente mozárabes
emigrados da zona de dominación árabe e asentados aquí),
os capiteis e columnas adosadas á ábsida polo exterior,
os canzorros do lado norte, decorados con figuras humanas e animalísticas,
e dúas columniñas que se sitúan hoxe no adro. Todos
estes elementos remiten a unha cronoloxía bastante antiga para
a construcción orixinal. A noticia documental máis antiga
sobre ela é do 1120, nunha escritura do Bispo de Lugo D. Pedro
III, na que tamén se citan outras igrexas da zona "villas
de Bandi quae fuerunt de Ossorii Vermundi cun familia et familiis, villam
de Lebruxio, villam de Cobas, villam de Villartelin...". Posúe
dúas pías para a auga, a bautismal gallonada, tres retablos,
o maior do XVI e os outros populares de tradición barroca, e
coro alto ós pes da nave. No exterior destaca tamén o
adro da cabeceira, cuberto e pechado cun muro baixo que fai de asento,
coas dúas columnas citadas que posiblemente estivesen orixinalmente
noutra parte da construcción.
IGREXA DE SAN TOMÉ DE LEBRUXO
(Lebruxo, Neira de Xusá-Baralla)
Construída sobre un castro no que se sitúa tamén
o adro (cuberto e pechado cun murete que polo interior se fai asento
corrido, semellante ó de Covas, que queda próxima a esta)
e o cemiterio. É unha construcción medieval popular, con
escasos elementos decorativos (un capitel dunha columna do adro...),
cunha soa nave e unha ábsida cadrada.
IGREXA DE SAN PEDRO DE ARMEA
(Armea, Láncara)
Situada na marxe do río Galegos, un pouco antes deste chegar
ó Neira, igrexa seguramente prerománica, do séc.
X, período do que conserva unicamente uns interesantes capiteis
decorados con cunchas e motivos vexetais
IGREXA DE SANTA MARIA DE TOUVILLE
(Touvuille, Láncara)
Próxima á anterior, e tamén de probable orixe prerrománica,
presenta dous elementos de interese, as xambas da porta, con decoracción
de sogueado simulando colunmiñas (na opinión de Ricardo
López Pacho semellante ó de San Salvador de Fuentes, o
que reforzaría a tese da súa filiación co prerrománico
Asturiano), e tres relevos en forma de nós, dous na fachada e
un no interior, que poderían simbolizar algun tipo de unión.
IGREXA DE SAN SALVADOR DE TOIRÁN
(Toirán, Láncara)
Unha das igrexas máis antigas das datadas na provincia, pois
dous relevos constatan que foi feita entre 1129 e 1132, aínda
que conserva un capitel visigótico anterior. Da fábrica
románica non quedan elementos importantes por perderse a portada,
conserva, iso si, os mencionados relevos que nos informan, ademais da
data, do nome do mestre e dos posibles patrocinadores da obra, en inscripción
situada no tímpano da porta norte, que en lectura de Vázquez
Saco di o seguinte "DIECVUS F(e)C(i)T IN ERA CLXX P(ost) MI(llesim)A(m)
RODERICVS ARCIDIACONVS PELAGIVS DIEC(v)S F(e)C(ervn)T", é
dicir "Diego fíxoa na era 170 despois do mil (=ano 1132),
o arcediano Roderico, Pelaxio e Diego fixérona (=sufragárona)".
Ademais disto conserva un rosetón cunha cruz grega inscrita nunha
moldura circular, capiteis con decoración de follas e bolas e
canzorros, algúns con figuras humanas, e aínda outra inscripción
na base dunha columna coa data "1083".
IGREXA DE SAN PEDRO DE BANDE
(Bande, Láncara)
De traza románica, e moi próxima e semellante (pola austeridadade
decorativa), á de Neira de Cabaleiros, aínda que o feito
de ter perdido o frontispicio (o actual é moderno) nos impida
apreciar verdadeiramente isto. Pertenceu a un mosteiro de que non quedan
vestixios.
IGREXA DE SANTA Mª DE NEIRA DE CABALEIROS
(Neira Cabaleiros, Láncara)
Igrexa románica de gran austeridade decorativa, relacionada coa
reforma Cluniacense e co espírito depurador do Cister. Foi parroquial
ata que no 1891 se agregou á de Bande. A igrexa Ten arco triunfal
con capiteis sobre semicolumnas adosadas e ábsida semicircular
dividida no exterior en cinco panos por catro semicolumnas entregas.
IGREXA DE SAN XOÁN DE MURO
(Muro, Láncara)
Igrexa románica do séc. XIII na que destaca a portada,
con dúas arquivoltas sobre columnas con capiteis que representan
unha figura humana espida e dous animais enfrontados. No tímpano,
apoiado sobre dúas cabezas de touro, aparece unha estraña
figura humana cunha corda ó pescozo.