A web do val do río Neira
Personaxes
(Cultura)
 


O toureiro "Celita"

Alfonso Cela Vieito, "Celita", naceu en Carracedo (Láncara), no 1885, nunha familia humilde. Coma moitos do seu tempo emigrou con só once anos para Madrid, onde comezou a traballar nunha carnicería e relacionarse co mundo das capeas. Presentouse como novilleiro en Madrid o 2 de febreiro de 1910, e xa co alcume de "Celita" comezou a gañar sona de grande estoqueador e de valente. Dous anos despois tomou a alternativa, o 15 de setembro de 1912, na praza da Coruña, confirmándoa en Madrid o 22 dese mesmo mes. Xa ese ano de 1912 sufriu unha collida grave en Barcelona.

Entre o 1914 e o 1917 tivo os seus mellores anos, e o 12 de xullo do 14 a súa gran tarde de gloria: na praza de Barcelona, e ante a indisposición do compañeiro, tivo que dar conta el só dos seis touros previstos para ambos, obtendo grande éxito e un total de seis orellas. No 1916 chegou a tourear unhas 23 corridas, destacando sempre como un dos mellores do seu tempo coa espada, e como un bo banderilleiro. No 1920 foi a México, onde triunfou plenamente. A súa última faena foi en Madrid o 22 de xuño de 1922.

Juan Brasa escribiu un libro sobre a súa figura, "El fracaso de los fenómenos. El torero gallego Celita" (Madrid, 1913), e na súa terra ten panteón na memoria dos paisanos, e aínda algo de escola (algún outro emigrante desta zona que quixo iniciarse nesa chamada arte, pero non triunfou), a pesar de que os bois nunca espertaron aquí moita afección, como di Manuel Ribas, ("Galicia contada a un extraterrestre", EL PAÍS SEMANAL Número 1.307. Domingo 14 de octubre de 2001) <<Galicia no es taurina. En el inconsciente gallego sigue vigente el comentario de Castelao ante un cartel taurino: "¡Lástima de bueyes!". Hubo un torero gallego que era cojo, Celita, y otro un poco indeciso, Caramés, al que le cantaban en A Coruña: "Sal a torear, Caramés, / no seas torero de otoño, / mira que te están mirando / las chavalas de Vioño">>.

Celita morreu en Madrid o ano 1932, afastado da terra natal, aínda que non de todo, pois na súa aldea se fixo construír unha boa casa, e co orgullo de ser o primeiro (e único polo de agora) toureiro galego en tomar a alternativa.

Máis inf:

-
José Mª de Cossio. Los Toros: Tratado técnico e histórico. Tomo III. Madrid, Espasa-Calpe, 1980

-Artigo na revista "Suevia" (Bos aires, 1916)

 

 

 


"Celita"

 

 

 

 

 

 















 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Volver a páxina Inicio Valdoneira
Ir a seccións: "A Lingua", "Personaxes", segintes (en obras).


Valdoneira 2003-4