![]() |
|||||
| A
web do val do río Neira |
(Cultura) |
||||
|
Antonio
Correa Fernández (Neira de Rei, Baralla, 1862 - Lugo, 1907).
Estudiou Medicina en Santiago de Compostela, obtendo o título de doutor en 1889. Exerceu como médico polo contorno da súa terra natal e en Lugo, pero tamén levou a cabo unha intensa labor investigadora, divulgadora e promotora en temas de saúde, amais dunha importante actividade como xornalista e escritor. De mozo comezou a colaborar nos xornais "El Lucense" e logo en "La Idea Moderna" e "El Regional", no 1900 fundou e dirixiu "El Monitor de Becerreá", desde entón seguiu colaborando asiduamente na prensa, sobre todo en "El Siglo Médico" e "El Diario Médico Farmacéutico". En forma de libro ou de folletin en xornais publicou unha novela, "Los contrastes de la vida" (1888, en "El Lucense"), unha compilación de cantigas "La poesía popular en Galicia. Colección de cantares en variedad de metros" (1906, en "La Idea Moderna"), estudios locais de economía e historia, como "Minas de la provincia y ferrocarriles más económicos para su explotación" (1900) ou "Historia fin de siglo" (1902), pero sobre todo publicou monografías de temas médicos e de promoción da saúde: "Hospitalización de los tísicos o tuberculosos pulmonares" (1890), "Ensayo de topografía médica de la provincia de Lugo" (1891), "Estudio médico de los insectos nocivos para el hombre" (1894), "Los pecados y vicios capitales en el concepto médico, social y religioso" (1898), "Tratamiento a que deben someterse los delincuentes" (1898), "El trabajo y la salud. Influencia recíproca de estos factores en la duración de la vida humana" (1907, en "La Idea Moderna"), e "Las ciencias médicas en tiempo de D. Miguel de Cervantes" (1905). Entre outros premios e recoñecementos polos seus traballos e publicacións, foi nomeado académico correspondente da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Barcelona e da Real Academia de Medicina de Madrid. Foi tamén promotor e impulsor, xunto con outros socios, do balneario de Guitiriz. Evaristo Correa
Calderón (Neira de Rei, Baralla, 1899 - Pobra de Trives
1986). Correa Calderón pasou a súa mocidade en Lugo, onde tivo os primeiros contactos co xornalismo, como redactor de La Idea Moderna, diario monárquico de comezos do século XX, onde coincidiu coa intelectualidade galeguista do momento, nese xornal, amais de chegar a xefe de redacción, publicaba unha "Páxina Nazonalista". No 1917 comezou a colaborar tamén en A Nosa Terra. No 1916 participa na fundación da Irmandade da Fala de Lugo e colabora na organización da primeira asemblea nacionalista da historia de Galicia (Lugo, 1918). Trasládase a Madrid, onde entra en contacto co emerxente vangardismo. Na capital española aproveita tamén para traballar no asociacionismo galeguista a través da Mocedade Céltiga de Madrid. Neste período faise colaborador dos máis prestixiosos xornais madrileños e desenvólvese o seu vangardismo, do que son representativos os seus "Poemas sinxelos" (comezados a escribir no 1917), que veñen ser o primeiro ensaio poético da vangarda galega. No 1923 Correa regresa a Lugo. Un ano despois crea e dirixe Ronsel, a revista galega máis comprometida cos movementos de vangarda. En 1923 publica "Luar. Contos galaicos" e en 1924 "Ontes. Poemas" e a novela "Conceición sinxela do ceo". En 1927 licénciase en Filosofía e Letras, sección de Historia, pola Universidade de Santiago de Compostela, e marcha como lector ás universidades de Toulouse e Bucarest, onde entra en contacto co surrealismo francés. Nestes anos non abandona o traballo xornalístico, colaborando entre outras en La Gaceta Literaria, a revista que dirixe Giménez Caballero. En 1927 publica o primeiro conto infantil da literatura galega, "Margarida a da sorrisa d'aurora". Ó regreso deste periplo europeo terá o seu período máis fecundo no xornalismo galego e o activismo galeguista: en El Pueblo Gallego de Vigo desenvolve un dos máis extensos labores xornalísticos da intelectualidade galega daquel período, intégrase no Seminario de Estudos Galegos de Compostela, e colabora en La Gaceta Literaria e, xunto co seu irmán Juan Antonio, dirixe a revista Vanguardia Gallega, un proxecto que só durou do 31 ó 33 e no que colaboraron Valle Inclán, Otero Pedrayo, Alexandre Bóveda, Pimentel, Castelao, etc. (Pardo de Neyra, 2001, cit. páxs. 140-141 e 153). Desde 1931 imparte a materia de literatura española por diferentes institutos do estado, e vaise afastando do galeguismo. No 1936 muda definitivamente a súa conducta, e pasa a engrosar a nómina de intelectuais afectos co réxime dos militares insurxentes. O mesmo día da sublevación, Correa afiliouse a Falange Española (e foi nomeado Jefe Provincial de Prensa y Propaganda desta organización), despois ingresou en ¡Arriba! e o grupo do Escorial, encabezado por Dionisio Ridruejo e José Mª Alfaro. A partir destas datas, Correa sufriu unha transformación que o fixo figurar entre o grupo dos hispanistas máis destacados do momento: Lázaro Carreter (co que fundou a Biblioteca Anaya), Laín Entralgo, Entrambasaguas, Dámaso Alonso e Blecua. A bibliografía producida por Evaristo Correa nesta época (sobre temas literarios, lingüísticos, ensaios, artigos, edicións de clásicos españois, etc. etc.) é amplísima e recoñecida. En 1986, debido á iniciativa de Ramón Piñeiro e Isaac Díaz Pardo, Correa iniciou a traducción ao galego da súa novela castelá "De aquí a la primavera. Novela de la montaña gallega", "texto que só tiña a Galiza como cronotopo dun territorio máis dos que conformaban o estado novo que Franco se empeñaba en unificar a toda costa" en palabras de Pardo de Neyra. Isto, xunto cuns anecdóticos textos poéticos, foron o seu único achegamento a literatura galega desde a guerra. Como resumo da súa traxectoria, como sinala Pardo de Neyra na súa tese, pódense considerar as seguintes aportacións: -No terreo literario, Evaristo Correa Calderón foi o intelectual máis internacional da literatura galega do tempo das vangardas, coas que tivo intensa relación non só en España, senón tamén Francia, Portugal e América, pero sobre todo, Correa Calderón foi un dos primeiros escritores que apostaron e explicaron a validez do discurso europeísta, atlantista e universalista para a cultura galega, discurso que pouco despois ían desenvolver os intelectuais do grupo Nós (amais de pioneiro na literatura infantil galega co conto "Margarida a da sorrisa d'aurora", como se dixo). -No campo do xornalismo, e da cultura galega en xeral, promoveu a Residencia de Estudiantes de Compostela, o I Congreso de Economía Gallega, o Instituto de Cultura Gallega, e, á parte de pequenas tentativas como Juvenilia, De todo un poco ou El Eco de Baralla, promoveu empresas fundamentais como Ronsel (a mellor representante do vangardismo galego dos anos vinte) ou Vanguardia Gallega (reflexo da ideoloxía republicana galega da década seguinte). Tamén a postura lingüística reintegracionista, e a toma de conciencia lusitanista, teñen en Evaristo Correa Calderón un dos primeiros representantes. -No terreo político, dentro do proxecto ideolóxico do nacionalismo, a labor de Evaristo Correa foi tamén pioneira e intensa, sendo impulsor de moitas iniciativas como as Irmandades da Fala ou Mocedade Céltiga de Madrid. Principal bibliografía
sobre Correa Calderón: Isaac Correa
Calderón (Castroverde, 1893 - Madrid 1975). Escribiu o prólogo e varios capítulos da terceira edición do libro "Curso práctico de Agricultura" de Benigno Ledo ("O cura das Abellas"), participou na redacción de "Apuntes de terapéutica extractados de la explicación del Dr. D. Antonio Novo Campelo" (1912), e baixo o pseudónimo de "Andrés Valcárcel" colaborou no xornal lucense Vanguardia Gallega. Juan Antonio
Correa Calderón (Lugo, 1907 - 1962). Despois do alzamento do 36, igual que o seu irmán Evaristo, muda radicalmente de orientación ideolóxica, (aínda que el xa comezara a amosar o seu ideal reaccionario polo 1935, con máis de 200 artigos publicados no xornal Conservador Alborada, e amén de que de vello lles viña a ambos irmáns unha estreita relación co nomeado cacique Pedro Benito), e é nomeado Xefe Local da Falanxe (Pardo de Neyra, 2001, cit. páx 38). Asunción
Correa Calderón, "Florisel" (A Pena, Baralla,
1896 - A Coruña, 1951). |
Antonio Correa Fernández
|
|||
|
|
|
Volver a páxina Inicio
Valdoneira |
Valdoneira 2003-4 |