![]() |
||||||
| A
web do val do río Neira |
Etnografía
etc. |
(Cultura) |
||||
| A lingua A lingua usual
da práctica totalidade da poboación desta zona é
o galego. É a lingua usual e tamén exclusiva da maioría
da poboación a nivel oral. Aínda que a maioría
da xente, en determinadas circunstancias, use o castelán, non
se pode, en propiedade, falar de bilingüismo, senón dunha
situación máis complexa, cuns usos que poden caracterizarse
como monolingües galegos a nivel oral, e case monolingües
casteláns na escrita, con caracteres semilingües para
as outras situacións (castelán oral e galego escrito).
Isto é consecuencia da situación sociolingüística
derivada das prácticas socias e educativas da poboación,
maioritariamente de idade avanzada, con escolarización (amén
de moi escasa) feita en castelán, mentres que a fala se mantivo
sempre na variedade dialectal do galego propia de cada parroquia.
Entre a pouca xente nova a situación é diferente, cun
mellor grao de coñecemento do galego estándar e da escrita,
e tamén do castelán. Por outra parte, certos sectores sociais, asentados nas vilas (Baralla e a Pobra de San Xiao) que teñen un modo de vida afastado do rural, e unha posición social sobranceira sobre os labradores (curas, mestres, médicos, algúns profesionais ), iniciaron un proceso de castelanización que tivo un momento de "clímax" arredor dos anos 1960-80, décadas nas que no comercio, na banca, na consulta dos médicos, etc, comezou a ser habitual o uso do castelán, e comezou tamén no ámbito das vilas a ser habitual o falarlles ós nenos en castelán. Esta situación remitiu desde a década dos 80, sendo de novo a lingua habitual da igrexa, do ensino, e dos diferentes profesionais (fóra evidentes excepcións) o galego. En canto á variedade diatópica, a área comprendida polo val do río Neira abarca un espacio relativamente complexo no que a caracterización dialectal da línga galega se refire. Relativamente complexo no sentido de que se atopa nas lindes de dous dos tres bloques lingüísticos en que se divide o galego, (o "Central" e o "Oriental"), afecta a varias áreas lingüísticas (a "Luco-Auriense", a "Central de Transición" e a "Oriental-Central") e aínda a varias subáreas (a "Lucense", a "de Meira", e a "Fosagrada-Courel-Bierzo") e microsubáreas (a "de Becerreá" e a "Fonsagrada-Cervantes"), se ben no que a todo o pertencente ó Bloque Oriental se refire, tan só no nacemento e primeiros quilómetros do curso do río, pois a maior parte do val encádrase no Bloque Central, todo isto segundo a caracterización de Fernández Rey (1990, ver Bibliografía) a quen seguimos na maioría do exposto a propósito de variedades dialectais, así como nos mapas. O territorio que describimos está atravesado por un bo número de isoglosas (algunhas delas de carácter diacrítico á hora de caracterizar as áreas amentadas), e a maioría delas xeograficamente dispostas de Norte a Sur. Algúns dos fenómenos dialectais máis relevantes dos que presentan nesta zona un límite ou isoglosa son: 1.-
Dos tres posibles resultados que en galego dan os grupos latinos -ULT-,
-UCT-, -OCT-, e -ORI-, que son: todos en "oi"; todos en
"ui"; e a máis próxima ó étimo,
con "ui" para os dous primeiros e "oi" para os
segundos, é totalmente maioritario nesta zona esta última
solución, tendo como exemplos "muito" (de "multum"),
"truita" (de "tructam"), "noite" (de
"noctem"), e "coiro" (de "coriam"),
pero na parte próxima á desenvocadura, máis ou
menos a partir da Pobra de San Xiao, comeza a aparecer o sistema maioritario
(e dado por "normativo") do galego, coa solución
"oi" para tódolos casos ("moito", "troita",
"noite", "coiro"), (*1 en "mapa isoglosas"). 3.- A solución "-iño", maioritaria e normativa do galego para a terminación latina -INUM (e "-iña" para o feminino -INAM), dase nesta zona no concello de Láncara, pero no de Baralla (a isoglosa coincide practicamente co límite do territorio municipal) é "-in", aparecendo, segundo o lugar, "camiño" ou "camín", "padriño/padrín", "fouciño/foucín", etc. O mesmo ocorre coa formación dos diminutivos ("pequeniño/pequenín" por exemplo). Os femininos e os plurais sen embargo son en tódolos casos en "-iña" ou "-iños/as" ("fouciña", "pequeniña", "padriños", "camiños" etc.), (*3 en "mapa isoglosas"). 4.- O plural dos nomes rematados en "-n" (can, ladrón, camión ) ten dúas solucións nesta zona, o límite entre ambas é ademais a isoglosa establecida como delimitadora dos bloques Central e Oriental. No galego central a solución é a perda do "n", que se substitúe por un "-s" ("cas", "ladrós", "camiós" ), mentres que no oriental é en "-is" ("cais" "ladrois", "camiois"). Caso semellante é o dos nomes rematados en "-l" que dan "-les" no central e "-is" no oriental ("animales/animais" por exemplo). Xeográficamente esta isoglosa afecta só á zona de Neira de Rei, e desde alí cara ó norleste (*4 en "mapa isoglosas"). 5.-
A forma do pronome de terceira persoa é "il" na área
máis occidental e "el" cara ó oriente, e mesma
distribución espacial presentan as formas do demostrativo "iste/este",
con hipercaracterización do masculino fronte a non hipercaracterización
de ningunha das tres fromas, (en ningunha parte da zona descrita aparecen
hipercaracterizacións do neutro "isto", ou do feminino
"ista"), (*5 en "mapa isoglosas"). Fóra destas variacións internas, que nalgún caso afectan moi minoritariamente ó territorio descrito (como se dixo, por exemplo, o que a galego oriental se refire afecta só ó nacemento do río, no Cádavo, e ó seu curso alto en zonas de Neira de Rei), en xeral o galego desta zona é o galego central da área lucense. Algúns exemplos entre os fenómenos lingüísticos máis comúns son: ausencia de seseo e gheada; distinción de "ao" para o masculino e "a" para o feminino (irmao, vrao, chao, irmá, mazá, cha ); pronome de suxeito coa forma etimolóxica "tu" (non "ti", uso deste só para o indirecto); acento grave para a segunda persoa do plural de varias formas verbais (cantabamos, cantaramos, cantariamos ); formas "sen u" en palabras como "catro", "gadaña"... etc. Na sección "Hª Contemporánea" hai un texto sobre a Guerra Civil no que se transcribe unha conversa cunha persoa da zona, (ver "Conversa sobre a Guerra Civil") onde se pode ver un exemplo de lingua da zona. Na web "conversas.org" pódese ler e escoitar unha gravación a Dn. Manuel Díaz López (Labrego, 1912, Carracedo, Láncara. Lugo), tamén orientativa do falar desta terra.
|
|
||
|
Cultura
(Lingua, personaxes, etnografía...) |
|||
|
|
|||
|
|
|||
| Volver a páxina Inicio
Valdoneira |
Valdoneira 2002-3 |