 |
|
Ramón Piñeiro López naceu en Armea de Abaixo,
Carracedo, (Láncara, Lugo), en 1915. Ós 9 anos marchou
a Lugo, a cursar o Bacharelato Elemental. En 1930 comeza a traballar
en Sarria, nas oficinas dun comercio. En 1932 volve a Lugo, para estudiar
o Bacharelato Superior, e comeza a súa actividade política:
contribúe á fundación das Mocidades Galeguistas
en Lugo, no 33 participa na Asemblea do Partido Galeguista, e no 36
é nomeado secretario do comité provincial para o plebiscito
do Estatuto de Autonomía.
O 18 de xullo do 36 prodúcese a rebelión militar, Piñeiro
intégrase, en representación dos galeguistas, no comité
asesor do Goberno Civil. Ante a detención (e posterior fusilamento)
do gobernador, e pesando varias denuncias sobre el, foxe e agóchase
durante varios días. Como modo de zafar, ó mobilizaren
a súa quinta incorpórase a filas, co que fai a guerra
no bando nacional.
Ó rematar a guerra inicia os estudios de Filosofía e Letras
na Universidade de Santiago. Desde 1943 participa na reorganización
clandestina do Partido Galeguista, mantendo contactos co exilio e con
forzas da oposición. En 1946 cruza clandestinamente a fronteira
(axudado polos nacionalistas vascos) para participar nunha reunión
en París na que se propón a Castelao como ministro do
Goberno Giral (goberno da república no exilio), á volta
é detido e condenado a 6 anos de cárcere, dos que cumpre
tres.
Unha vez libre, establécese en Compostela e continúa o
seu labor clandestino, pero desde esta data comeza unha liña
política diferente, tentando atopar espacios de actividade legal
para o galeguismo, influíndo decisivamente na disolución
do Partido Galeguista e enfrontándose cos galeguistas exiliados,
partidarios dunha acción máis enérxica coa dictadura.
Para Piñeiro o obxectivo fundamental era acadar a galeguización
da sociedade, non a través dun partido nacionalista, senón
coa creación en Galicia de partidos políticos diversos
que asuman o galeguismo (socialdemócratas, democristiáns...
el mesmo participará en 1963 na creación do Partido Socialista
Galego).
Esta nova liña, que se coñecerá como "culturalista"
tenta dotar de prestixio e presencia a cultura galega, mantela viva
nun ambiente hostil. Neste contexto, participa na fundación,
en 1950, da editorial Galaxia, que dirixirá ata 1966. No mesmo
1950 Galaxia inicia a colección GRIAL, na que Piñeiro
publica os seus tres principais ensaios: "Siñificado metafísco
da saudade" (1950), "A saudade en Rosalía" (1952)
e "Pra unha filosofía da saudade" (1953). Son ensaios
influídos polo existencialismo nos que tenta atopar a esencia
do ser do home a través da vivencia sentimental, e explica a
saudade como unha forma de soidade ontolóxica, concibe o ser
como só na súa singularidade.
Amais do labor de editor, nos 50 e 60 Piñeiro desenvolve unha
intensa actividade "orientadora" e galeguizadora sobre todo
entre os mozos universitarios. Ramón Piñeiro convértese
en referente para as novas xeracións de galeguistas, que atopan
acubillo na súa casa de Santiago de Compostela (arredor da que
será famosa "mesa camilla"). Pola súa casa pasan
moitos escritores e políticos que serán protagonistas
da oposición ó franquismo e da Transición.
Entre 1966 e 1970 colabora como profesor invitado na Universidade de
Middlebury (U.S.A). No 1967 ingresa na Real Academia Galega, co discurso
"A lingoaxe i as lingoas", que foi respondido por Domingo
García-Sabell, outro representante da tendencia culturalista
e do grupo Galaxia.
Nos anos 70 renace o nacionalismo galego, con novas organizacións
políticas, marcadamente de esquerdas, e novas xeracións
de mozos que non perdoan a actitude política de Piñeiro
(e do grupo "conservador" representado por Galaxia)
e o seu papel na liquidación efectiva do galeguismo. Piñeiro
recibe tamén duras críticas entre os escritores, especialmente
por parte de Méndez Ferrín, (que fora un dos habituais
da súa mesa camilla), quen na novela Retorno a Tagen Ata
(1971) traza un personaxe literario, Ulm Roan, trasunto de Piñeiro,
a quen mata sen remordemento, (aínda que Piñeiro pola
súa parte non terá inconveniente en reseñar a novela
en Grial).
Co restablecemento da democracia, tivo un importante papel no periodo
preautonómico. A finais dos 70 funda con outros intelectuais
galeguistas o grupo "Realidade Galega", co obxectivo de que
Galicia obtivese un Estatuto de Autonomía en igualdade de condicións
que as outras nacionalidades históricas. Formou parte do primeiro
parlamento autonómico, elixido diputado pola provincia da Coruña,
como independiente dentro das listas do PSdG-PSOE. En 1983 é
nomeado primeiro presidente do Consello da Cultura Galega, cargo de
desempeñaría ata a súa morte. En 1985 recibiu a
Medalla Castelao. Faleceu en 1990.
En 1993 a Xunta de Galicia creou un Centro de Investigacións
Lingüísticas e Literarias o que lle deu o seu nome, centro
que no 1997 pasaría a ter a denominación actual: Centro
Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
A obra escrita de Ramón Piñeiro non é abundante,
e céntrase case por completo (agás a labor de reseña
e crítica literaria, desenvolvida sobre todo en "Grial")
na filosofía da saudade: as amentadas "Siñificado
metafísico da saudade", "A saudade en Rosalía"
e "Pra unha filosofía da saudade"; e outras como "Notas
pra unha filosofía galaico-portuguesa" (Galaxia, Vigo, s.a.),
a resposta ó discurso de ingreso na Real Academia Galega do teólogo
Andrés Torres Queiruga, titulada "Nova aproximación
a unha filosofía da saudade", e "Filosofía da
saudade" (Galaxia, Vigo 1984). O que si son abondosos son os textos
sobre a súa figura e obra, amais da citada referencia en "Retorno
a Taguen Ata" de Ferrín, hai moitas outras en artigos e
libros. Quizais o texto máis destacable sexa "Da miña
acordanza. Memorias de Ramón Piñeiro" (Vigo, Galaxia,
2002) unha "autobiografía" redactada en realidade por
Carlos Casares (que foi o seu discípulo e amigo, e o seu continuador
á fronte de Galaxia e do Consello da Cultura Galega), que constitúe
un retrato de Piñeiro e tamén unha crónica desa
época crucial na historia contemporánea de Galicia. Aínda
que as primeiras páxinas destas memorias foron escritas por Piñeiro,
a maior parte do traballo é froito da compilación e edición
literaria a cargo de Casares de diversos materiais, sobre todo de horas
de conversas entre ambos. Casares xa publicara en 1991 Ramón
Piñeiro. Unha vida por Galicia, e en 1996 o vídeo-libro
Ramón Piñeiro, promovido polo departamento de Publicacións
do Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias
Ramón Piñeiro. Na rede hai tamén bastante información
sobre Ramón Piñeiro, pódese ver por exemplo este
"retrato"
(que inclúe enlaces a gravacións sonoras del), ou esta
"biografía",
ambos en "culturagalega.org" (web do Consello da Cultura).
|
|
|