![]() |
||||||
|
A
web do val do río Neira
|
(A
gastronomía)
|
|||||
|
Entre os peixes, só o bacallao, as troitas
e as anguías tiveron tradición na gastronomía local.
O polbo (v. "Polbo")
tivo e ten extraordinaria importancia e éxito culinario, pero
na feira ou na fonda, pois raramente se preparaba e comía na
casa, en calquera caso a receita é sempre a coñecida "pulpo
á feira".
O bacallao, por ter un modo de conservación que permitía o seu transporte, era o único peixe de mar que chegaba ás tendas e feiras, máis tarde fixérono as sardiñas de lata, pero non tiveron tanto predicamento, nin "receitario", pois cómense como veñen, como moito en empanada. O bacallao, tamén por ser, en tempos, moi barato, foi moi usado sobre todo para comida "de traballo", para as ocasións en que se xuntaban na casa xente de fora, veciños que colaboraban en tarefas agrícolas, etc, sobre todo para o día da malla (cando se facía á man, con mallos, duraba días, e cando viñeron as malladoras aínda ben horas, pois esta zona foi desde o século XVIII ata os anos setenta do XX de economía basicamente cerealeira, de centeo no monte e trigo nos agros). O que chamaremos "Bacallao das mallas" é a preparación máis habitual, pero en xeral son sempre receitas sinxelas e semellantes ás doutras zonas. Dos peixes de río, no Neira eran antano moi abundantes as troitas, e apreciábanse sobre todo para comida de "ocasións", non se consumían de xeito cotián pois tiñan bo prezo levándoas á vila ou a Sarria ou Lugo, e era un dos poucos medios para conseguir uns ingresos "extras" (era frecuente por exemplo que os mozos fosen ás troitas para xuntar para comprar un traxe). Algunhas receitas apreciadas eran (e son) as "Troitas fritidas con unto", e a empanada de troitas e xamón (v. "Empanadas"), tamén, e como forma de conservalas uns días cando había abundancia (unha xornada afortunada co trasmallo, un "durmente", unha chea e unha boa entrada nunha arca...) preparábanse unhas magníficas "Troitas en escabeche". Ás anguías pasáballes o mesmo, no tocante á restricción no consumo, co agravante dun maior prezo e unha maior estacionalidade (collíanse sobre todo nas "Arcas" nas cheas do inverno), a preparación máis frecuente era simplemente fritidas, e tamén en ocasións en empanada (v. "Empanadas").
|
|
||
|
|
|||
|
|
|||
|
|
Ver
receitas: "Polbo", "Bacallao
das mallas", "Troitas
fritidas con unto", "Troitas
en escabeche", "Empanadas". Volver a "Gastronomía". Ir a "Páxina inicio Valdoneira". Outras seccións: "O porco e outras carnes", "O caldo, sopas e papas ", "Lácteos, sobremesas e bebidas". |
Valdoneira 2002-3 |