Estas sopas fanse para aproveitar o pan que xa se quedou
duro, ou como xeito rápido de preparar un almorzo ou unha cea
cando se dispón de sustancia de pita ou auga de cocer cachola
por exemplo. Hai moitas formas de facelas, anque todas parecidas.
As chamadas "sopas pegas" ou "sopas
ciscadas" son sopas de pan con ovo fritido. Para preparalas,
primeiro cócese un anaco de polo ou pita, ou se non un óso
de porco (pode ser cachola, tamén xamón, claro) e/ou
un pouco unto, para conseguir unha auga con "sustancia".
A continuación fanse as sopas (rafas finas) de pan, métense
nesa auga e dáselles un fervor, logo bótase en cuncas
(ou en pratos fondos) este pan, escorrido, pero non de todo, pois
pode levar un pouquiño do caldo. Nunha tixola frítese
un ovo por cada cunca, e ponse nelas, encima do pan. Por último,
faise un refrito de aceite e allo abundante, e envórcase por
riba do ovo e o pan.
As "Sopas de burro canso" teñen sona de "enerxéticas"
e "vigorizantes", sobre todo para os días de frío
e as xeadas do inverno. Fanse mesturando rafas finas de pan con viño
tinto quente, e, en cantidade segundo os gustos e a caste de viño,
azucre.