A web do val do río Neira
O AERÓDROMO DA CHA
(Historia)

O Aeródromo da Cha

"A Cha", ou "Cha de Sta. Marta" é unha meseta situada entre Láncara e Sarria, (concretamente entre Touville e A Lama, preto de Corvelle, no límite dos concellos de Láncara e Sarria), na que "houbo aeroporto", como se recorda por aquí. O certo é que houbo un pequeno aeródromo de caracter militar, que aproveitou as excepcionais condicións do terreo, unha chaira duns sete por dous quilómetros como non hai outra na zona, (a súa orixinalidade orográfica chamou a atención mesmo de Shultz cando elaborou o Mapa Xeolóxico de Galicia, no 1835), este aeródromo causou no seu día grande impacto nas xentes da zona.

A comezos dos anos trinta do século pasado acondicionouse unha pista de aterraxe e instaláronse uns angares para os avións. Usárono avións militares, biprazas "Bregué" e monoprazas "Newpor", que utilizaron a Cha sobre todo como campo de manobras e de arriscadas exhibicións aéreas, houbo incluso un accidente mortal. Espertaron tal expectación que acudían xentes de toda a zona para velos: en autobuses os de Sarria, en burros e cabalerías os das aldeas afastadas, a pé os das máis próximas... nunha especie de gran romaría profana na que era preceptivo sobre todo levar os nenos e os vellos a presenciar as piruetas aéreas.

No 1934, ó parecer por causa da Revolución de Asturias, marcharon para á base de León. A decepción e malestar das xentes da zona foi moita, e corréronse estraños bulos, como que os curas só querían aeroporto en Santiago.

Pódese atopar máis información nos xornais da época e no libro "Sucedió en Sarria", de Luís MACÍA VAZQUEZ (Lugo, Deputación Provincial, 1994, páxs 125-129).


 

 

 

 

 









 

 

 

   

Volver a "Páxina inicio Valdoneira".
Volver a sección: "Historia contemporánea."


Valdoneira 2004-5