A web do val do río Neira
CONVERSA SOBRE A GUERRA CIVIL
(Historia)

"1936: de comunistas, paseados, escapados,
un alcalde e un cura, e algunhas outras
cousas que verá o curioso lector"

[Transcrición de gravación efectuada en decembro de 2003 a G. P., que era un mocete adolescente ó comezo da Guerra Civil, transcrito respectando léxico e morfoloxía dos narradores, pero conforme ás normas ortográficas convencionais, entre corchetes van as aclaracións que non formaron parte da conversa. Os nomes de persoas aparecen ás veces só coas iniciais, por evitar ofender, xa que usamos algo tan inexacto como a memoria oral, e a máis de 60 anos de distancia]

[Fálase de dous de que estiveron a punto de "pasear" preto de Baralla, na estrada que vai cara a Láncara]
G.P: -Tiñan a doutrina dun que había aí en Vilar que lle chamaban R., e… tiñan a doutrina comunista, uns cantos estaban... era o... aínda iste de aquí, o Paco de equí téñoo visto eu varias veces, ó mellor viña un coche deses e bótase aí polas xesteiras abaixo, esconderse, que se te enganchaban, se te enganchaban xa tiñas que pensar que te liquidaban e ó carallo. [Esa vez] viñan eí de Baralla, e trougueron dous, o caso é que o fillo dun era tamén falangista, o fillo do Daniel de Baralla, e o alcalde iba en Lugo, e non veu na línea, porque daquela non había namais un coche de línea, pola tarde. Non veu na línea e dixeron "xa non ven", e engancharon cun que lle chamaban Sabino da Mocha, e o Daniel de Baralla, e trougueronos aquí hasta, aquí á curva do Colvín, e aí pararon, e xa os tiñan arrimado ó balado, tíñanos arrimados ó balado para matalos, os dous, o que lle chaman o Sabino da Mocha e o Daniel de Baralla, e... chegou o alcalde a Baralla e xa llo dixeron, me cago en diez, veuse [de Lugo] co teniente da Guardia Civil [nunha moto que este tiña], díxolle [ó tenente] "bótate pola carretera da Puebla de San Julián a ver se chegas a tempo". E [os falanxistas] sentiron a moto, xa os iban, xa lles iban tirar, e sentiron a moto e entonces quedáronse, e chegou o teniente, e díxolles "¿ustedes que están facendo?", "Vamos matar equí dous homes, vámolos matar", "Esos, baixo a miña responsabilidá, que son o teniente da Guardia Civil de Becerreá, ben me ve, baixo a miña responsabilidá, outra vez ó coche con iles e a Baralla con iles". Entonces métenos ó coche, e o teniente detrás, na moto, e leváronos a Baralla. O Daniel era un home vello, co medo que levou xa se meteu na cama e non se levantou máis, pero o Sabino aínda viviu non sei cantos anos.

C. P.: -¿E despois prendéronos ou xa non foron á cárcel nin nada?

G. P.: -¡Que va home!, eso era o que dixera o alcalde, o alcalde non quería matar a naide e ó carallo. El ben sabía que estaban matando xente, xente que non había porque matalos, xente boa. Chegaron con eles alí e o alcalde dixo "cada un para a súa casa, e namais". O alcalde, seguramente, equí neste sitio, neste país, outro home como el non se conoceu desde que o mundo é mundo, porque xa che digo, equí había de haber muitas matanzas he!. [Pero outra vez mataron un, a pesares de que o alcalde vixilaba que non acontecese] O que mataron era un de Vilasantán, de Armada, era o máis novo dos ermaos, tiña o bachiller, era estudiado, e era un político de carallo, era, era máis ben de tendencia comunista, e entonces houbera un mitin en Sarria, e tamén foi il, e entonces na Puebla, non sei se lle chamaron a atención os da Puebla, el ós da Puebla non creo, debéronse meter con el os da Puebla, e entonces quitou a pistola preles, e claro, entonces cando veu o Movimiento foi cando o buscaron. Na Puebla habíaos de dereitas, eran de dereitas, na Puebla eran casi todos ricos. Habíaos [tamén] de izquierdas, de izquierdas que eran socialistas, eran comunistas, ou eran doutras izquierdas, e o de Armada era de izquierdas. [En aquela ocasión] Na Puebla non sei se meteu el con eles, el non creo, pero [o caso foi que] el quitou a pistola preles, e tíñanlla gardada pra cando foi o Movimiento carallo, e canto non buscaron nel, e canto non lle esperaron na ponte de Rariz, el iba durmir cunha ermá que tiña en Traspena, e avisouno o alcalde de Baralla, o alcalde de Baralla seguramente non hai home no mundo que fixese polo aiuntamiento como fixo el, salvando vidas, e díxolle o de Baralla, díxolle "ten muito cuidado, non pases polo pontón de Rariz que te están esperando os da Puebla", me cago en diez, e un día viña, carallo, e dixéralle de apartarse pra outro lado, pra cia o monte, [para cruzar o río era o mellor sitio, pero] non debía pasar por elí, debía coller contra o monte. Pero dicen, e é un refrán verdadeiro, non as fagas non lles temas, había, elí en Carracedo tamén había outros que eran da política del, comunistas máis ben, e entonces un día, elí arriba da casa de Henriqueta, agora é todo campo pero antes sembraban elí un agro grande de pan e trigo e deso, e había un carreiro polo medio, e entonces un día baixaba un de, non subía, subía da casa de Henrique un delí de Láncara, polo carreiro, e iban o de Armada de Vilasantán e outro elí de Carracedo, da política del, e entonces, carallo, metéronse co home, metéronse co home e colleulles muito medo, daquela facían o que lles daba a gana, túvolles medo e dixo que pensara que o mataban, e entonces cando o engancharon a el, [levárono nun coche, e ó pasar por Láncara] mandoulles parar na casa de Henrique, que tiña que falar alí cun home, e entonces baixou un home [dos que o levaban detido] e entrou dentro e falou con ese home [o de V. de Láncara] pero era o que se meteran con el [aquela vez no carreiro do agro], e entonces dixo "e vai aí un fulano que o levan os falangistas, vai eí e dixo que quería falar contigo", e dixo o outro "se o levan que o leven". [Este de V. de Láncara] era tío do jefe da Falange, dun criminal que había aí cerca de Becerreá, dun pueblo que hai eí cerca de Becerreá, do Zreixal, un criminal, un matón, e iba alí, un dos jefes da Falange, que era maestro, estudiuono un tío que era cura, e entonces pois, ese día iba el, o sobriño dese home, quen sabe se sale o tío elí, ó millor non lle facían caso, pero ó millor quen sabe, pero o tío esí que lle dixeron o que era, dixo "se o levan que o leven, que lle dean polo cu", porque claro, tamén os desafiou, e entonces levárono co coche e martirizárono desde a Puebla a Nadela, nese trozo de carretera foi onde o martirizaron, e donde o encontraron con algo de vida, pero moribundo, moribundo, sin vista, quitáranlle os ollos, e siñales de tortura en cincuenta partes do corpo, pero deixárono aínda vivo

C. P.:- E despois morreu, claro...

G.P.: -Home, madia leva, ¡manda carallo!. Pero claro, o tipo era un tipo mui chulo, sabes, ¿porque se metían con ese home?, que era un home xa maior, non comprendes, de V. de Láncara, ¿porque se metían con ese home que encontraron no carreiro?... déixao pasar.

C.P.: -Porque eí houbo as eleccións que ganara o Frente Popular, e a xente toda, comunistas, socialistas, galeguistas, e tal, incharan o peito un pouco, pero claro, eso foi ó pouco tempo das eleccións, estaba todo mui fresco...

G.P.: -Mira, ese tipo era un tipo chulo, un día que iba eu no coche de equí pra Lugo [o coche de liña], e o coche parou na Puebla, e viña un cura que era elí de San Juan de Muro, dos Carriles de San Juan de Muro, e viña tamén pró coche, e el [o de Armada] empezou a berrar xa "ese corvo negro, esa vaca, ese non pode ir entre a xente" Eso non se pode facer, home, eso non se pode facer, temos que ter educación, ¿porque te metes tu con quen non se mete contigo? "ise corvo negro, ise non pode ir entre a xente". As cousas daquela, neses primeiros días, hasta que Franco dixo que non se mataran máis, eso foi un desastre, dous meses ou tres, non ves que os de equí, que equí tamén había unha camarilla aquí no pueblo que estaban capitaneados por esa burra dese R. de Vilar, que era comunista, acórdome eu, eu era un chaval, acórdome perfectamente que o que había aquí nesta casa, chamábanlle Paco, beixar ei todo eso pra baixo que eran xesteiras, vía vir un coche, carallo, bum!, polas xesteiras abaixo, esconderse, me cago en diez, enganchábante na carretera e levábante con eles e xa sabías que te liquidaban e ó carallo.

C. P.: É que o R. de Vilar, polo que vos teño oído eu, era unha especie de... o único comunista libertario que houbo por aquí, non solamente era comunista, tiña unha ideas libertarias total, entre elas estaba a de que para cagar non se hai que ocultar de ninguén, que se pode cagar en calquera lado

G.P.: -¡Eso fíxoo eí diante de min, ho! dicía que eran cousas naturales.

C.P.: -Entonces claro, imaxínate o mundo este nos anos trinta, e este tipo de cousas...

E.P.: -Pois eí pola zona de Cedrón había muitos máis comunsitas, según me ten contado o papá...

C.P.: -Equí da zona xuntábanse... nesta casa había taberna, tenda-taberna, e viñan todos os da zona a tomar os viños, e R. era un dos que viñan...

E.P.: -E cando chovía muito ou nevaba non podían cruzar o río e xa quedaban toda a noite aquí.

G.P.: -Pero... Tiñamos un cura en Laxes que era de Quiroga de Francos, era unha gran persona, non se meteu nunca con nadie, e cando foi do Movimiento púidolle facer a R. muito daño, porque llo tiña todo merecido, porque o cura viña buscar o periódico aquí a Quintá, sabes, e despois que viña buscar o periódico, R. mitá das veces estaba aquí [a casa era tenda e taberna], e dicíalle "José, vaite facendo cunha aixada, que che vai facer falta", e o cura dicíalle "Bueno, pincipalmente, (que decía el esí, pincipalmente), a primeira vez que cha agarro non é", era fillo dun labrador, dicíalle que había que traballar, que eso de ser cura que se acabara o conto, pero eso é ser unha burra e un animal, porque o cura tiña unha carreira e el non tiña nada, namais un fanatismo que tiña, sen embargo no Movimiento, cando empezou a guerra, se manda o cura xa o liquidan, xa o liquidan volado, pero o cura nunca se meteu con il.

C.P.: -Home, eran veciños e tal, eran da mesma aldea...

C.R.: -Prohíbeno os mandamientos.

C.P.: -Si, xa, pero outros curas por aquí, mira que non houbo curas delatores, curas que mandaron matar xente...

G.P.: -O cura era persona.

E.P.: -Contan que era boa persoa, que lles daba o aceite das lámparas a algunhas, a C. do Val e por aí, que non tiñan aceite pra comer, e visitaba muito as mulleres, e algunhas era porque se deitaba con elas, pero non ten que ver.

G.P.: -Era unha gran persona, non se meteu nunca con nadie, solamente co de equí, desta casa, que lle chamaban Paco, pois, ese, quitoulle unha sobriña de S. de Sudrio, que despois foi a muller del, que lle chamaban R., e esa, quitouna unha noite, porque a mai dela non quería velo a el, dicía que era cego, traguía gafas non sabes, non o quería ver porque ela estaba esperando un maestro que houbera aí que era valenciano e colleuno a guerra ó outro lado, e estaba esperando que viñese o valenciano pra casarse ca filla, e entonces este quitouna unha noite e anduveron por eí por Lugo adiante, e non lle deron alojamento en ningún lado, porque estaba prohibido, se non traías documentación como é debido non che daban pensión, e entonces foi, levouna xunta unha ermá dela que ten en Santa Marta, non sei se morreu, e a ermá díxolle, equí, na forma que vides, eu non me fago cargo dela, é unha ermá pero non me fago cargo dela, esí que de onde a trogueches vólvea levar outra vez, e entonces tuvo que ir caer a xunto dunha ermá del que estaba eí en Piñeira, chamábanlle J., e a J. pois colleuna alí na casa, pero despois o cura, que se enterou do choio, e era sobriña dil, e díxolle bueno, equí hai unha cousa e, ahora tocoume o amor propio, dixo, ben sabeis, que vos puden facer muito daño, e nunca vos fixen daño ningún nin quero facérvolo, ahora que a miña sobriña quitáchela da casa e ahora tes que te facer cargo dela, e senón xa sabes o que che queda, a calquer hora veñen por ti... e entonces ós poucos días xa preparou o casamento e casouse e ó carallo. Pero claro, era unha cousa con razón, quitáralle unha sobriña... pero despois non se meteu nunca con nadie. Equí había unhes cuantos que eran do partido comunista, como era R., que era un analfabeto, un tolo, anduvera por Cuba e por eí adiante e aprendeu muitas doutrinas que non lle valeron de nada.

C.P.: -Ademais debía ser a doutrina pillada polos pelos totalmente, catro tópicos collidos polos pelos e trasladados aquí...

E.P.: -Aquí o que houbo despois da guerra foi muitos escapados, porque eu acórdome de oírche contar a ti de cando os últimos que quedaban, xa pasarían varios anos despois da guerra, os colleron en Recesende, que a Guardia Civil sitiou Recesende...

G.P.: -Esto estaba todo minado polos guerrilleros, pero este Lara de Baralla, que era un dos grandes de Baralla daquela, pois íbanlle con anónimos a tódalas horas, a pedirlle cartos, encheuse de darlles cartos, e dixo "esto xa non se pode aguantar" e entonces chamou a... denunciounos, entonces equí veu un piquete da Guardia Civil, ó mando dun Teniente Coronel he!, e entonces empezaron a rebuscar por ei, e engancháronos a todos.

C.P.: -Estaban escondidos en Recesende.

G.P.: -En Recesende era onde máis había, pero equí en Sudrio...

C.P.: -E en Acebido estaba o do T. que era o que levaba os anónimos

G.P.: -En todo Covas...

E.P.: -E o de C., que tanto un coma os outros estuveron presos.

C.P.: -E o de Armada.

E.P.: -Ese xa nada, que escapou, pero o de C. e o do T. eran namais colaboradores, pasarían nesa casa algunha noite, collerían víveres...

G.P.: -Mira se era que veu un Teniente Coronel e engancháronos a todos, en Recesende foi, os últimos que colleron.

E.P.: -Porque incluso algúns, según teño entendido, non sei, que ó mellor é mentira, algúns da zona da Castroverde e por aí, que viñan a esta zona, e pro lado de Cedrón e por aí, e Recesende debía ser...

M.L.: -¿Onde é Montefurado?

C.P.: -Montefurado... eso é en Quiroga.

M.L.: -En Montefurado é onde estuvo [escondido unha vez] o Negrín ese de Armada e onde mataron a un que era de Paradela, eu non conocía esa xente, pero é que unha irmá dil estaba en Outeiro casada naquiles tempos, e contaba de seu irmao, que era mui listísimo, e escapáballes, escapáballes sempre, e unha vez colleuno un policía secreto, pero tuvo que ir vivir con iles ó monte, e pasouse por guerrillero, e despois desapareceu, xa viñan pra collelo, con toda a cuadrilla, e non o colleron, matouse por unhas penas abaixo, a escaparlles.

C.P.: -¿O de Paradela?

M.L.: -Eí está.

C.P.: -Porque o de Armada aínda debe vivir.

M.L.: -¡Vive ho!

C.P.: -Debe estar mui mal da cabeza, pero aínda vive.

G.P.: -Chamábanlle "O Negrín", era o máis malo que se conoceu por aquí, era pequenín, sen embargo podía... tembláballe todo o mundo, facía muito daño, se viña pedindo cartos e non llos dabas, entonces, ca culata do fusil, desgraciábate. [Volveu por aquí] Cando morreu unha ermá del, que morreu eí en Traspena, tamén veu o de C. de Sudrio, o máis vello.


 

 

 

 

 









 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

   

Volver a "Páxina inicio Valdoneira".
Volver a sección: "Historia contemporánea."


Valdoneira 2004-5