A web do val do río Neira
A GUERRA CIVIL
(Historia)

A Guerra Civil, a represión e
os "escapados" na memoria oral

(Recompilación de ideas e datos procedentes de narracións de persoas maiores da zona, ver tamén se se quere a transcrición de unha delas en "Conversa sobre a Guerra Civil e os paseados". Por respecto, e por evitar inxustizas por posibles inexactitudes, algúns nomes reflíctense só coa incial)

Xa desde algo antes da guerra, tanto na zona Baralla como na de Láncara-A Pobra, formáronse grupos de falanxistas, recórdase que estaban integrados por "os vagos, borrachos e maleantes", e que andaban polas aldeas armados con escopetas de caza e "bandeiras e fargallos" coa intención de atemorizar a xente. Pero desde que empezou a guerra pasaron a ser "escuadrillas negras", máis organizadas e mandadas por xefes que xeralmente eran de outra extracción social (comerciantes, "señoritos"...), e a dispoñer de armamento e incluso de motos (permanece nos usos populares a denominación "facistas" para calquera motorista, os gardas de tráfico por exemplo, como recordo dos primeiros motoristas que se coñeceron). Estes grupos foron os que durante o verán e outono do 36 practicaron os paseos, torturas e asasinatos. Parece ser que no 37 tiveron orde de non matar máis xente, e moitos dos falanxistas incorporáronse a filas e foron á fronte, e a súa labor foi substituída pola da Grada Civil.

A actividade dos falanxistas foi intensa en Becerreá e na Pobra, pero Baralla foi un caso especial, pois o xefe local era o alcalde (foran nomeados como tales obrigatoriamente), e este intentou sempre evitar actos coma os dos "paseos". No municipio só mataron unha persoa, e recórdanse os feitos con bastante detalle. Foi un rapaz de Armada de Vilasantán, que tiña fama de "roxo" e tivera varios follóns cos falanxistas, concretamente con un tal "C. da Carnicería" e cun mestre que era parente dos de V. de Láncara e que se criara co cura do Zreixal, do que era sobriño. Comezada a guerra quixeron coller o de Armada, o alcalde de Baralla avisouno, díxolle que podía evitar que fosen por el os seus, pero que os da Pobra queríano matar. El non fixo caso e seguiu indo tódalas noites de Vilasantán a Rariz, onde tiña unha irmá. Para facer este camiño tiña que cruzar o Neira pola ponte de Raríz, e alí o agardaron e o colleron. Levárono nun coche, e en Láncara ó pasar por diante da casa de Henrriqueta (que era taberna), pediu que parasen, que sabía que estaría o de V. xogando a partida, por se intercedía por el, pero o de V. non quixo porque nunha ocasión tiveran unha discusión e chamáralle facha e dixera que o ía matar. Levárono pola estrada da Pobra a Lugo, e en Maceda torturárono (arrancáronlle os ollos, as uñas...) e deixárono na cuneta. Cando o atoparon morreu de seguida.

Outro intento de asasinato ocorreu na "Volta do Colvín" (á entrada de Quintá, indo en dirección a Láncara). Os falanxistas de Baralla, aproveitando que o alcalde ía en Lugo, e que daquela só había un autobús dous días á semana, ó ver que non viña na liña de volta pensaron que se quedaba en Lugo, buscaron un coche e colleron dous, chamados "S. da Mocha" e "D. de Baralla", para "pasealos". Pero o alcalde non se quedara en Lugo, senón que viñera cun tenente (ou sarxento?) da Garda Civil de Becerreá, na moto deste, e ó chegaren a Baralla contáronlles o que estaban facendo os falanxistas. O alcalde mandou ó sarxento que fose tras deles na moto e evitase os crimes. Cando chegou o Sarxento xa os tiñan arrimados ó valado para matalos. O D. morreu ós poucos días, din que do medo que colleu, o outro aínda viviu moitos anos.

Na zona de Baralla houbo bastantes "Escapados", por estar próxima ás montañas orientais (Ancares e Courel), onde se refuxiaran moitos deles, e porque nos arredores (zonas de Becerreá, de Sarria…) houbera unha intensa represión que provocou moitas fuxidas ó monte. Algúns recalaron en aldeas deste concello (Recesende, Lebruxo, A Áspora, Cobas...) onde había casas que lles daban protección con bastante impunidade, dise que porque no cuartel da Garda Civil de Baralla había un sarxento que tiñan subornado.

Os escapados baixaban ás casas destas aldeas para refuxiarse, alimentarse, pernoctar... pero tamén recibían outras colaboracións. Recórdase que un de Acevido lles facía de recadeiro, era o que lle levaba a Lara de Baralla os anónimos polos que lle pedían cartos, nunha extorsión a modo de "imposto revolucionario" que lle puxeran por ser o máis rico da zona.

Houbo algunhas mortes relacionadas coa actividade dos escapados: unha vez atopouse unha fosa cun corpo, e díxose que era dun home medio tolo que andaba con eles. Este home ó parecer poñíase a pegar tiros pola noite, íase da lingua, etc, e matárono os mesmos escapados por isto. Outra foi a de un Lebruxo que fixo a guerra no bando nacional, e acabada esta veu de permiso presumindo moito de galóns. Como viu que había tantos "escapados" que facían o que querían, tomouse a peito acabar con eles e foi denuncialos ó cuartel, pero como o sarxento era cómplice díxollelo e buscárono e matárono.

A fin destes escapados foi polo ano 41, a raíz da denuncia do de Lara de Baralla, que farto dos reiterados anónimos polos que lle pedían cartos, e vendo que no cuartel de Baralla non facían nada, comunicou a cousa a Lugo. Ante este feito, e outros moitos dos que foron tendo coñecemento, a Garda Civil organizou unha gran redada, e en Recesende detiveron a maioría deles, e os que non detiveron fuxiron da zona.

Pero o "escapado" máis célebre, o "Negrín de Armada", non o capturaron. Era un rapaciño de Traspena, moi baixiño e moi moreno (de aí o alcume, "negriño", pero coa terminación "-in" propia da zona, ver "Cultura: A Lingua"), e moi pobre. Non tiña outra cousa que facer e comezou a prestarse para levarlles comida e viño ó monte a un grupo que había pola zona, facerlles compras, etc. Co paso do tempo medrou a amizade con eles, e comezou a usar esa amizade para atemorizar e extorsionar á xente, co que comezou a ter problemas e tivo que botarse ó monte tamén. En pouco tempo labrouse fama de ladrón e era temido e odiado na comarca, aínda que tamén tiña os seus apoios. Del recórdase aínda un extenso anecdotario, referido sobre todo a episodios de ocultación ou fuxida ante a Garda Civil, como este que se transcribe literalmente: "Fun ver unha moza que tiña en Toirán, estiven con ela toda a tarde, e xa contra a noite empezaron a aparecer Guardias Civiles e a rodear a casa, entón o pai da moza díxome que me quedase a durmir, que era peligroso salír da casa. Cenamos e fomos durmir, pero pola mañá a casa seguía rodeada de Guardias, viñeron falar co amo e rexistraron a casa de arriba a abaixo, e logo marcharon. Moito despois souben que é que tiñan escondido o Negrín de Armada, pero ó ver vir a Guardia Civil metérase nun agocho que tiñan preparado, nunha esquina debaixo do lousado que pecharan cunha parediña, e alí pasara a noite".

O Negrín, cando se viu xa imposibilitado de seguir actuando, fuxiu para o estranxeiro. Contratou un taxi que o veu buscar, a el e a unha muller, a cerca de Láncara, e, viaxando sempre de noite, levounos ata Madrid, onde colleu un avión para Francia. O taxista á volta foi detido e estivo no cárcere, aínda que alegou que non sabía quen era. O Negrin viviu exiliado en Francia, no ambiente dos comunistas españois, e a comezos dos anos 90 volveu por primeira vez, pero non se deixou ver moito. Logo veu algunha vez máis, xa moi vello aínda seguía falando dos fascistas, da revolución comunista e de todo iso coma se non tivese pasado o tempo. Hoxe vive nun asilo preto de Lugo.

Algúns dos feitos narrados rememóranse na amentada "Conversa sobre a Guerra Civil e Os Paseados" (ver transcrición).


 

 


Conversa sobre a Guerra Civil e os paseados

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 









 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

   

Volver a "Páxina inicio Valdoneira".
Volver a sección: "Historia contemporánea."


Valdoneira 2004-5